Xabier falando cun entrevistado para o libro |
Descubrimos a Xabier Garrote como escritor nas: «Lembranzas de Mar, Terra e Música» que son o pórtico de entrada do libro de fotografías de Xulio Villarino, Ortigueira, terra de mar. Moito nos marabillou o seu texto cando fala das lembranzas e da fascinación da nosa Ría na baixamar, no peirao onde transcorre a súa infancia agardando que dera volta a marea.
Dinos que o mar do Ortegal ten a súa propia musicalidade, que xorde en Cal do Rego, un lugar de Senra onde o tío Paco exerceu a docencia musical durante 50 anos, formando alumnos entre o sacho e o clarinete.
Hoxe temos nas nosas mans un exemplar único, dunha infinita valía, escrito por Garrote con toda rigorosidade, parte da historia da música da nosa bisbarra. Un libro de 372 páxinas, editado por Daniel Sanmartín Nieto e deseñado por Dos Acordes, que o mestre Xabier dedica aos seus pais, e que debe presidir as pequenas bibliotecas particulares dos ortigueireses.
O libro divídese en tres partes. Na primeira, que consta de 9 capítulos, fala da saga Garrote e as bandas de música en Ortigueira, dos orixes familiares e o apelido Garrote en Valladolid, dos inicios da carreira musical de José María Garrote e a fundación da banda, aló polo século XIX.
Inclúe tamén a historia de Francisco Garrote, Tío Paco e a súa labor educativa. A Banda de Andrés. As crises das bandas. O Arquivo Musical da Banda Garrote e o repertorio, así como a actividade musical naquelas datas.
A parte segunda e unha ampla recompilación dos 46 músicos das bandas, e os 6 os profesores, vida e bibliografía dos mesmos, coas súas respectivas e curiosas anécdotas.
Logotipo da empresa que edita o libro |
Un numeroso grupo de colaboradores a quen o autor agradece a información recibida e unha profusión de fotografías, antigas e actuais, completan esta xoia musical, unha sinfonía froito dunha ardua labor, que nos fascina e que agradecemos ao Fundador e Director da Escola de Gaitas de Ortigueira (1975-1982). Un mestre nacional, xubilado, afeccionado ao ciclismo, as actividades náuticas e mergullador. Un pequeno gran home a quen tanto lle debemos as xentes do Ortegal.
Escoitando ao lonxe o rumor dun novo día, unha alborada que xurde en plena pandemia, alegre fe de vida que da paso a sementar ilusión entre os músicos, convidámolos a ler e gozar do libro tal como se estivéramos saudándonos unha vez máis nesa peculiar Saída de Bandas, polas Festas da Patroa.
Grazas polo traballo ben feito, unha homenaxe merecida aos nosos devanceiros, e que nunca falte a música nas nosas vidas.
LULI DOPICO
-----------------
Foto: Álvaro Fernández Polo
Ficha técnica:
Garrote Cobelo, Xabier (2020). A banda Garrote: música e músicos en Ortigueira. Baiona (Pontevedra). Ed. Dos Acordes. 379 páxs. 30 €.
ISBN: 978-84-121573-1-
Ningún comentario:
Publicar un comentario