mércores, 15 de xaneiro de 2020

O Camiño dos Arrieiros desde As Pontes a Bares, un posible Camiño Natural do ministerio de Agricultura?



Terras do Ortegal ven participando desde hai un ano no grupo de traballo sobre o Camiño dos Arrieiros (que vai desde As Pontes a Bares), que ven impulsando de forma aberta e participativa SEITURA 22, a entidade que xestiona o programa europeo Leader nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
En outubro do pasado ano finalizou a execución de proxecto de documentación, realizado pola empresa CULTUREume, e financiado por Seitura 22, que foi presentado despois nas localidades de Ortigueira, O Barqueiro e As Pontes.
Onte, 14 de xaneiro, celebrouse unha nova reunión do grupo de traballo, no que participaron, entre outras, a asociación Nordés, a A.VV de Couzadoiro, a comunidade de Montes de Loiba, Cultureume, Euroeume, Seitura 22, e os concellos de Mañón e As Pontes, ademáis de Terras do Ortegal.
As conclusións da reunión son as seguintes:
  1. Preparar a candidatura do Camiño dos Arrieiros, entre As Pontes e Bares (Mañón) para o programa de Caminos Naturales do ministerio de Agricultura, programa con dotación económica para realizar as obras de acondicionamento, sinalización e difusión da ruta.

  2. Dado que o mantemento do Camiño corre a cargo da entidade solicitante, discútese sobre quen sería esta; en principio fálase da posibilidade dun consorcio entre os concellos de Mañón, Ortigueira e As Pontes, para sexan estas entidades as encargadas do mantemento do camiño.
  3. Para a preparación da proposta, considérase de interese
      a) Contactar con outras propostas galegas xa admitidas
      b) contactar con empresas/técnicos para coñecer o orzamento necesario para a redacción do proxecto. Dada a lonxitude da ruta, 50 km, estímase nunha primeira aproximación que podería andar polos 40.000 € de custo.
      c) a partir dos anteriores datos recabados, ver de concitar o apoio da deputación provincial para xuntar o apoio económico


  4. Fálase asimesmo, da oportunidade de que o Camiño dos Arrieiros sexa tamén:
      a)Itinerario Ecuestre homologado pola Real Federación Hípica de España
      b)Sendeiro de Gran Recorrido (GR), homologado pola Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME)
    5. Fíxase a seguinte reunión para o próximo 3 de marzo, martes, nas Grañas do Sor.