martes, 26 de xuño de 2018

Presentación de Kate@, o novo libro de Obdulia Dopico

De esquerda a dereita: Aline Riola, Vanesa Trevín,
Luli Dopico, Mary Cruz Sabio e Araceli López
(foto: Socorro Rey Rego)





Luli, como repetiu Mary Cruz en varias ocasións, escribe tal e como fala, sen reviravoltas, sen ir na procura de grandes metáforas que a poden desviar cara a camiños sinuosos onde perder o fío do que quixera dicir. 
Dicía Voltaire que a escrita é a pintura da voz, xa que logo, estamos a falar dun Antonio López da literatura; Luli cóntanos misterios e intrigas, mais adornadas cunha pátina de hiperrealismo grazas ó cal é quen de nos conquistar dende a primeira páxina, e unha contaxiosa emoción chea de complicidade non nos abandona até o fin do relato.
Portada do Libro, sobre un óleo
de Isabel Rego Fustes

A nova novela de Luli, Kate@, leva consigo os ingredientes que vimos de comentar, e deste xeito saíron a relucir na presentación da mesma que, organizada por Terras do Ortegal, tivo lugar o venres 22 de xuño no local social do antigo Hospital de San Roque. Cincuenta persoas puidemos escoitar, vivir e sentir o que se falou dende a mesa de presentación do acto, os cinco sentidos de todos nós traballaron arreo para tentar dixerir o que alí se dixo.


A concelleira de Cultura de Ortigueira, Vanesa Trevín, abriu o faladoiro dando as grazas a Terras do Ortegal polo seu traballo a prol da cultura da bisbarra, dedicándolle tamén as mesmas palabras a Mari Cru z Sabio polo seu traballo na época que estivo de concelleira, o mesmo que a Aline Riola e a Aracéli López, así como a tódolos presentes porque estas xuntanzas son as que fomentan a unión para acadar unha meta proposta.
Outro momento da presentación
(foto: Socorro Rey Rego)
Mari Cruz Sabio, como presentadora do acto, foi degrañando as calidades e méritos dos intervintes, comezando por Aline Riola, que fai uso da súa tempada de vacacións para botar unha man, sempre necesaria, naqueles pobos máis afundidos na miseria, a súa presencia ven a conto porque un dos protagonistas de Kate@é un emigrante da Costa de Marfil ó que Luli, coma non podía ser doutro xeito, lle da unha boa acollida entre a poboación na que discorre a novela; Aline fixo un pequeno resumo da miserenta vida dos refuxiados e aproveitou para nos lembrar que os nosos pais, avós e bisavós tamén foron emigrantes no seu día, xa que logo, o lugar onde se nace é unha circunstancia que nós non temos a oportunidade de elixir. Non dubidou en sinalar que desta xente tamén se aprende, coma de feito lle aconteceu a ela por terras de Marrocos, India ou Senegal.
Vista xeral do local de San Roque,
coa sala a rebosar (foto: Socorro Rey Rego)
Aracéli López, presidenta da AECC Ortigueira-Mañón, tamén foi necesaria nesta mesa pois o cancro aparece na novela coma un invitado non desexado, mais instálase no corpo dunha das protagonistas para levar a cabo a súa labor destrutora. Araceli aproveitou esta oportunidade para nos relatar o traballo que levan feito dende a Asociación, e tamén os encomiables proxectos que teñen en mente, e que polo entusiasmo e interese que poñen nos seus cometidos, sabemos que están a piques de conseguir. Deixounos claro cal é a máxima desta impagable Asociación: ó cancro pódeselle gañar e, por suposto, pódese convivir con el sen medo, coma unha enfermidade máis; dende dita Asociación están sempre dispostas a nos axudar a conseguilo.
Tocoulle a quenda a Luli, verdadeira protagonista, a cal, para deixar claro que escribe tal e como fala, relatounos en primeira persoa, lendo o que escribira, o que lle aconteceu o día que tivo que facer unhas probas relacionadas co ditoso cancro; o ambiente mesto            e feiticeiro que ía medrando mentres nos falaba tan só escachou cando os aplausos saíron a relucir e, a través das bágoas, a faciana dos alí presentes ficaba esvaída, coma unha mestura de ledicia e dor, ó mesmo tempo que agromaba con nitidez a emoción contida.
Xa sabemos doutro traballo a piques de saír á luz, e Luli, á súa vez, xa sabe que teimamos, con verdadeira obsesión, a publicación deste novo relato.

------------------

Texto: Manel Bouzamayor


luns, 18 de xuño de 2018

Concurso de marcapáxinas sobre Elena Quiroga

Deseño gañador
Finalistas do concurso
O pasado 27 de abril celebrouse na Biblioteca Municipal de Ortigueira unha charla sobre Elena Quiroga, a autora da novela Viento del Norte, coa que gañou o Premio Nadal 1950. A charla foi impartida polo profesor Alfredo Torres Bouza, co obxectivo de festexar o Día do Libro 2018.

Como actividade complementaria, a Biblioteca organizou, coa colaboración do CEIP José María Lage e do Concello, 0 XII Concurso de Debuxo en formato Marcapáxinas, entre o alumnado de Primaria do colexio. Terras do Ortegal, que colaborou na organización da charla foi invitada a participar neste fermoso concurso para integrar parte do xurado, formado por:
- Rocío Fernández Sanesteban, profesora e directora do CEIP.
- María del Mar Fdez. Polo, profesora do mesmo centro.
- Angel Novás, concelleiro.
- Xosé María Torres, de Terras do Ortegal.

Exposición na Biblioteca Municipal de todos os deseños
que participaron no concurso
O deseño do marcapáxinas tiña que aludir á escritora, Elena Quiroga, ao título da obra, "Viento del Norte", ao pazo de Brandaliz, onde se desenvolve a trama da novela, ou a Ortigueira. Todos estes motivos foron explicados aos alumnos pola concelleira de Cultura, Vanesa Trevin, en charlas impartidas aos diferentes grupos na Aula CEMIT.
Tras duras deliberacións -non foi fácil elexir entre tanto talento creativo- os gañadores foron:

- 1º Premio: Tomás López Castiñeiras, de 6º curso
- Finalist 1º-2º cursos: Valentina Calvín Durán.
- Finalista 3º-4º cursos: Xián Pena Barcón
- Finalista 5º-6º cursos: Ángela Suárez Pernas

Todos eles recibiron un lote de libros adquiridos polo Concello, e entregados polo alcalde nun acto celebrado no Colexio. Parabéns aos gañadores e a todos os alumnos que participaron no concurso!







xoves, 14 de xuño de 2018

David Fojo Salgueiro, brillante xornalista, un futuro avogado truncado pola Guerra Civil

David Fojo Salgueiro en su imprenta

David Fojo Salgueiro, nacido o 7.06.1917, é o primoxénito do xoven matrimonio formado por Jesús Fojo Díaz (1896-1969) e Carmen Salgueiro Salgueiro (1900-1968), ambos naturais de San Adrián de Veiga. Os seus avós paternos eran David Fojo Díaz, dono da imprenta e fundador de La Voz de Ortigueira, e Serafina Díaz Lage, que serían o seus padriños de bautismo (os avós maternos xa faleceran). Un dos bisavós paternos era José Fojo Fernández.
O fogar ten 4 retoños máis: Jesús (militar de Aviación, héroi de guerra na Segunda Guerra Mundial no frente ruso, formando parte da División Azul e despois da Lexión Azul; alí recibirá unha Cruz de Ferro do Exército alemán), Leonisa, Manuel e Vicente.
Primeiro exemplar de La Voz de Ortigueira. Ano 1916.
É certamente abondoso o recoñecemento que se ten feito de David Fojo Salgueiro como empresario, editor e como xornalista -o último, o libro sobre o "Impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O caso de La Voz de Ortigueira”, editado en 2017 pola deputación da Coruña- pero pouco se ten escrito sobre o seu recorrido académico na universidade, estudiando Dereito durante dous cursos, un recorrido truncado pola guerra civil.
Estudiante na facultade de Dereito de Santiago
Segundo o seu expediente académico do Arquivo Histórico da universidade de Santiago (Legaxo 437, nº 8), David fai o bacharelato no instituto da Coruña, onde o finaliza no curso 33-34, se ben o título correspondente levaría a data do 21 de maio de 1935, emitido pola universidade do distrito, a de Santiago, como era habitual na época. 
Cabeceira do expediente académico do alumno
da facultade de Dereito David Fojo Salgueiro. AHS


En setembro de 1934 inicia as clases na facultade de Dereito compostelán, instalada no primeiro andar do edificio central da Universidade (de feito a praza que ten diante leva precisamente por nome "praza da Universidade”), un edificio do século XVII de estilo neoclásico, de imponentes columnas, hoxe sede da facultade de Xeografía e Historia. Alí tiñan asimesmo a súa sede o Rectorado, as oficinas da universidade, a facultade de Filosofía e Letras, e a de Ciencias; Farmacia e Medicina eran as únicas que tiñan edificios propios aparte. 

Expediente académico do alumno da facultade
de Dereito David Fojo Salgueiro. AHS
David acomete alí dous cursos académicos, o 34-35 e o 35-36, afrontando no primeiro ano as asignaturas de Dereito Romano, Historia Xeral do Dereito e Economía Política; no segundo ano, ademáis de aprobar con resolución as dúas asignaturas que lle quedaran pendentes do ano anterior, completa sen problemas en xuño as tres que compoñen o segundo curso: Dereito Civil, Dereito Canónico e Dereito Político. Voltaría a Ortigueira co curso limpo e disposto a continuar en setembro coa súa carreira de Dereito. Pero apenas un mes despois de rematar o curso, o 18 de xullo estalla a rebelión militar; as universidades cérranse, entre outras cousas porque a maioría dos seus alumnos varóns deben incorporarse a filas. 
Carreira militar
Por motivos que veñen relatados no libro do historiador cedeirés Xosé Manuel Suárez "O Alzamento do 36 no norte da provincia da Coruña”, David e o seu irmán Jesús deciden incorporarse a filas como voluntarios; a súa primeira acción de guerra ten lugar en Cedeira, cando o 26 de xullo, domingo, van a someter á vila ortegana onde se formara un Comité de Resistencia sontra a sublevación militar: 
"David Fojo é rápidamente ilustrado de como disparar un fusil e xunto con vinte voluntarios falanxistas máis, dirixidos por un garda civil de Ortigueira chamado Félix de Benito [véxase nota ao final]. Cando o vehículo chega a Cedeira, a tropa de Ferrol xa está tirando pasada a ponte sobre o río Condomiñas
A súa carreira militar é algo coñecida: accede directamente, como universitario ao grao de Alférez Provisional (que tiña como requisito ter 18 anos cumpridos e ter rematado o bacharelato), seguramente tras pasar un breve tempo nalgunha das academias que a tal efecto se estableceron en varios lugares de España, o máis seguro é que fose na Coruña, onde coincidiron os dous irmáns Fojo co santiagués Xerardo Fernandez Albor. Daquí derivaría unha longa amizade entre David e o que sería Presidente da Xunta de Galicia que estaba baseada non en afinidades políticas -que tamén- senón en experiencias de xuventude. 
David máis tarde ascendería a Tenente Provisional, facendo unha carreira no Exército de máis de 11 anos; o seu periplo militar que o conduciría por diversos lugares de España e Marrocos, remata cando regresa a Ortigueira; aqui casa coa ortigueiresa María Bouza Cabarcos o 12 de novembro de 1947, en cerimonia oficiada por D. Jesús Márquez Cortiñas, á sazón ecónomo da parroquia de Santa Marta; Maruja, cos seus pais xa falecidos, elixiría como madriña da cerimonia á sua prima Purita Bouza Fernández.
A súa condición de ex-militar sempre a tivo a gala, e seguro que tivo grande satisfacción -se ben non sabemos se David tivo algo que ver- cando ao novo colexio de E.X.B de Ortigueira, inaugurado en 1973 se lle impuxo o nome de "Alférez Provisional” (hasta 2004, en que cambiaría polo de "José María Lage”, en honra dun mestre ortigueirés de principios de século) e que un pequeno monumento metálico, hoxe eliminado, presidira a rotonda que hai delante do antiguo Escolar.
Reflexión final
Porque decide matricularse en Dereito? Non o sabemos, pero algo podemos aventurar; por un lado a xa longa tradición na súa vila natal; por outro, o feito de ser fillo dun empresario, para quen ter coñecementos legais sempre sería de utilidade
Non sabemos que destino tería David como futuro avogado, nin tampouco a aplicación que fixo dos coñecementos adquiridos na facultade. Si podemos, con todo, aventurar, que o paso pola universidade lle proporcionaría unha sólida formación humanística, que el completaría despois, e que se notaría despois nos centos, tal vez miles, de artigos que publicaría no seu propio semanario, e no labor de apoio a escritores que editaron libros na sua imprenta e ao mecenado que realizou editando separatas gratuitas a non poucos colaboradores do semanario.
----
Nota.: Félix de Benito García. Madrileño, formárase na escola da Guardia Civil de Valdemoro, sendo destinado a Ortigueira. No verán do 36 chegaría a visitalo a súa irmá Rosario, funcionaria da Dirección Xeral de Seguridade, co seu fillo Justo de Benito, o que sería despois xuiz, onde os colleu a Guerra Civil. Segundo diversas lembranzas familiares, Félix de Benito contribuiu á salvación de varias persoas de índole republicana ou esquerdista na zona, acusación realmente grave naqueles momentos

-------------------------

Texto: Xosé María Torres


martes, 12 de xuño de 2018

Presentación de libros sobre San Andrés de Teixido

Foto: Diego Dopico


Pouco máis se pode falar de Santo André de Teixido en canto á súa situación xeográfica e tamén no que atangue ós milleiros de viaxeiros e turistas que se achegan até este recuncho do noso país. O que se ten escrito arredor del e da súa maxia enche andeis enteiros das bibliotecas, mais o misterio que leva consigo segue a fomentar as historias e, por riba de todo, lendas que leva o camiño de Santo André ó seu carón; por iso, a curiosidade e interese que agroma ó escoitar o nome de Teixido foi dabondo para que o venres día 8, o Salón de Plenos do Concello ortigueirés se enchera de xente disposta a escoitar ós intervintes no faladoiro.
A Fundación Santo André de Teixido naceu no 2016 coa idea de lle dar outra volta ó inesgotable tema do que estamos a falar, e o seu cometido conta coa inestimable axuda de Garañón Editora para darnos a coñecer o seu traballo. A Asociación Terras do Ortegal, sabedora da labor desenvolvida por eles, e tendo coma interese común darlle un pulo ó Camiño de Santo André, coma ven de demostrar cunha xuntanza reivindicativa do mesmo diante do antigo Hospital de San Roque, non dubidou en lles propoñer un faladoiro no que puideran expoñer as súas obras.
O resultado foi este agradable parladoiro, no que, despois da presentación dos conferenciantes polo concelleiro Juan Cao, coma representante do Concello, Francisco Javier Martínez Prieto, coma historiador e directivo de Terras do Ortegal, logo de relacionar o acontecido en Santo André coa Orde de San Xoán, non dubidou en recoñecer a inxente labor de Federico Maciñeira a prol do tema da reunión, pois é preciso, incidiu, recuperar os roteiros e a historia, moitos deles xa esquecidos pola perda e destrución dos arquivos; son grupos, engadiu, coma esta Asociación, os que poden darlle continuidade e revitalizar todo o relacionado con Teixido; as mesmas palabras de agradecemento foron para a editorial Garañón.
Pedro X. Blanco Llano, director de Garañón, e tamén vicepresidente da Fundación, falou do nacemento da mesma, fai dous anos, coma un esforzo con vontade de facer chegar ó maior número de xente posible, quizais unha quimera, todo o que teña que ver con Santo André e o seu Camiño. Falou de Santo André e da súa importancia, incidindo en que é anterior no tempo a Compostela, a súa creación tivo que ver có telúrico, coa simple conexión do home coa terra na que vivía, e polo tanto, non precisa dunha creación imposta para arranxar problemas da sociedade do momento, coma ben puido ocorrer en Compostela. Están tan mergullados en Teixido, que o feito de poñerlle o nome de Garañón á editora non responde á unha casualidade, senón que ven sendo unha homenaxe ós garañóns que corren pola Capelada.

Os libros editados
Xa metidos nos tres libros protagonistas do acto: “San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones”, de Maciñeira; “Viaje a A Capelada y su Santuario de San Andrés de Teixido”, de Antonio Rodriguez; e “Concurso fotográfico Camiño a Santo André de Teixido 2017”, reportaxe fotográfica, Pedro Blanco comentou que, no caso de Maciñeira, quixeron facer unha edición digna do autor na que, ademais, non dubidaron en incluír, no comezo do libro, unha carta de Fermín Bouza Brey, na que explica, ás claras quen foi e o que conseguiu Maciñeira, aventurándose tamén nalgún comentario arredor de Maciñeira coma sufridor do réxime ditatorial que lle tocou vivir nos seus últimos anos.
O segundo libro, naceu dunha casualidade, en concreto duns folios que tiña Rafel Usero, Cronista Oficial de Cedeira,  que lle deixaran no ano 1976 e que tiña esquecidos nun caixón; son as letras, engadiu, dunha persoa que goza ó máximo ó descubrir Santo André de Teixido e o seu territorio, da súa paisaxe, da xente que atopa, dos montes, do saber popular… unha vez recuperado o texto non dubidaron en sacalo á luz, aínda que non foron quen de dar co autor destas letras ateigadas de agarimo.
O terceiro ven sendo unha ampla interpretación de todo o que se pensa pode ter relación có Camiño. É o resultado dunha convocatoria fotográfica e o acadado coa dita certame.
Ó final do parladoiro, os oíntes participaron coas súas opinións, nas que quedou clara a necesidade de reivindicar este Camiño, até o punto de relacionalo, sen dúbida, có de Santiago, este último produto da complicada necesidade, e aquel do sinxelo maxín do home. 

-------------------------

Texto: Manel Bouzamayor.