sábado, 19 de agosto de 2023

Xoán Xosé Fernández Abella. Evocación de Alfonso Cheda e Video no Museo Pedagóxico de Galicia

Xoán Xosé no Museo Pedagóxico de Galicia
no ano 2005 (captura de pantalla do video,
enlazado máis abaixo)





Xoán Xosé Fernández Abella. Finou o mércores, 16 de agosto.

Lémbroo de moita conversa co meu pai, Modesto Cheda, cando se atopaban pola rúa ou cando paraba no comercio que tíñamos na rúa do Carme, 10, de Ortigueira. Xoán Xosé escribía poesía en galego e publicou un libro polo ano 1976. Meu pai coñecía a Luis Mariñas, que creara aquel histórico primeiro programa en galego na televisión, “Panorama de Galicia”, que se emitía ao medio día na desconexión territorial da TVE desde o seu centro de Santiago, e que presentaban os xornalistas Tareixa Navaza Xoán Barro. E alá lle abriron as portas a Xoán Xosé, alí o entrevistaron e alí recitou un dos seus poemas.


Para ver o video, pinchar aquí --> Xoán Xosé no Museo Pedagóxico de Galicia


Modesto Cheda, amigo de Xoán Xosé,
 coa súa cámara fotográfica,
cando era correspondente en Ortigueira
 do xornal La Voz de Galicia

Eu era un neno pero estaba alí, porque o meu pai nos levou a toda a familia a semellante “acto histórico”. É difícil quizais comprender agora a trascendencia de todo aquilo. Para min foi importante saber que por escribir poesía en galego podías saír na tele... na teleee!!! e ver que Tareixa Navazaera pequechiña (por fóra), en fin…


Sempre lembrarei a Xoán Xosé como aquel mestre da miña infancia, que xunto con Mercedes Álvarez Lage, a súa compañeira (que tamén era mestra en Ortigueira), ofrecéronnos a que eu creo foi a primeira oportunidade de ser escolarizados oficialmente en galego que tivemos neste país; sen esquecer aquelas Escolas de Insiñodas Irmandades da Fala e de Ánxel Casalque tristemente non puideron ir máis alá de onde chegaron. Eles foron dalgún xeito os continuadores daquilo.

Foi, creo lembrar, no ano 1980 cando se empezou a impartir a asignatura de Galego nas escolas. E eles estiveron aí para facer posible aquel reto normalizador de que a nosa lingua estivese situada no eixo da educación como idioma vehicular, que xa non fose algo co que se transixía ás agachadas, senón un dereito. Agora semella moi natural, mais daquela non o era. Tan só se naturalizou porque algúnhas poucas persoas do mundo do ensino afrontaron o compromiso co que conviviron durante os tempos difíciles, e estaban preparadas para asumir esa responsabilidade que só uns poucos ían ter a oportunidade de exercer. E eles fixérono, e fixérono ben.



Xa 25 anos despois andaba eu con outros catro compañeiros na incansable e utópica marea de cambiar o mundo, e neste caso dende unha asociación socioeducativa e cultural que chamamos Anovar. Non entendo moi ben cómo, o caso é que rematamos facendo o traballo que a Dirección Xeral de Política Lingüística editaba cada ano sobre a persoa homenaxeada nas Letras Galegas, e que era distribuída por todos os centros educativos de Galiza en formato CD-ROM. No 2004 sobre Xaquín Lorenzo, Xocas, e no 2005 sobre Lorenzo Varela... Isto último daría para un bo capítulo dun libro que nunca se publicará, porque hai cousas que non se poden contar, aínda hoxe.

Composición gráfica realizada polas
Bibliotecas Municipais de Teo (A Coruña)
O caso é que apelando á relación veciñal connosco e de amizade co meu pai pedímoslle a Xoán Xosé que colaborara no noso traballo sobre Lorenzo Vareladende a súa posición de mestre e de poeta. Eu lembraba aínda dende pequeno perfectamente o impresionante que era velo e oílo recitar, e que ningún neno ou nena que o oísen pasarían por alto as súas palabras, que á fin era o obxectivo do noso traballo, porque a súa difusión era para ser utilizado nas aulas coa rapazada. 

El por suposto aceptou e así foi que grabamos un vídeo no Museo Pedagóxico de Galicia no que Xoán Xose Fernández Abella mostra os dous papeis da súa vida que mais o caracterizan para todos nós: o de Mestre e o de Poeta.

Da posterior etapa na que nos atopamos nas tardes de domingo do Festival de Pardiñas, en Guitiriz, co seu inseparable Avelino Pousa Antelo, que nos falaba daquela época de xuventude na que comezou como mestre na escola de Mera, e do seu grupo musical Os Codornixos… falaremos outro día.

Agora queda aquí esta pequena xoia que nos mostra o Xoan Xosé único, o que se ve, porque non hai outro. Así era…

Que a Terra lle devolva outro tanto como el lle deu.


----------------------------  


Texto: Alfonso Cheda Pita

Foto: Familia Cheda Pita



venres, 11 de agosto de 2023

Curiosidades de “Nombre genérico de los hijos de Ortigueira I e II”, de Julio Dávila, reeditado por Terras do Ortegal


Retrato-caricatura de Julio Dávila
por Francisco Fortuny.
En Bós Aires, arredor de 1907




A reedición facsímile que fixo Terras do Ortegal e que foi presentada o 26 de xullo pasado no Teatro de Beneficencia de Ortigueira inclúe, ademáis dun saúdo de Álvaro Davila en nome da familia Dávila, tres estudos introdutorios a cargo de Anxo Rosende, Manuel Bustabad e Bernardo Penabade.

Pero a reedición segue permitindo anotar algunhas curiosidades, que nos permitimos difundir para solaz das persoas interesadas.


1. Libros orixinais. Os libros que agora se reeditan en forma facsimilar foron editados en 1903 e 1904 por Julio Dávila en Bos Aires. O primeiro ten 61 páxinas e o segundo 87. A edición parece ser a conta do propio autor, isto é foi pagada por él mesmo; por iso teñen pé de imprenta, pero non figura editorial ningunha.

2. Antetítulo e subtítulo. En realidade, ademáis do título de “Nombre genérico de los hijos de Ortigueira” os dous libriños levan o antetítulo de “Cuestión Filológica”. Pola súa parte, o opúsculo I, en exclusiva, leva como subtítulo: «Opiniones de los señores: Aldrey, Cayetano A.; Castro López, Manuel; Maciñeira Pardo, Federico; Martínez Salazar, Andrés; Rodríguez, Bernardo; Rodríguez, Manuel R.; Teijeiro Martínez, Benigno».

.



3. Exemplares usados na reedición. Para a reedición facsímile usáronse exemplares cedidos pola Biblioteca Municipal de Ortigueira Juan Fernández Latorre, que foron tratados con cuidado e esmero, e dixitalizados con escáner zenital; ambos libros foran doados no seu día polo cariñés-ortigueirés Luis Alonso Santiago, se ben na cuberta do opúsculo II está escrito a man: «D. Manuel Casariego», referido a Manuel Casariego Bares-Rey, importante político e acaudalado propietario na Ortigueira da primeira metade do século XX.

4. Dedicatorias:
- O primeiro opúsculo está dedicado «Al Muy Noble Ayuntamiento de Ortigueira. En agradecimiento a su recuerdo en la Sesión Ordinaria de 23 de Noviembre de 1902, con Motivo de la obra Ortigueira».
- O segundo opúsculo está dedicado «A los jóvenes estudiosos de Ortigueira. A vosotros, mis queridos paisanos, futuros hombres del mañana...»

5. Orixe do debateComo explica Dávila, o dilema reflectido nos libros naceu dunha invitación de Ramón Álvarez Fustes, director do semanario El Eco Ortegano —aparecido en 1902— para colaborar no mesmo. Dávila publicou nun dos primeiros números, o 30.03.1902, unha «Carta abierta al cronista de Ortigueira, el distinguido historiógrafo y arqueólogo Federico G. Maciñeira Pardo», tras haber este inventado (“prohijado” apunta discretamente Dávila) o xentilicio «ortegano»na obra Crónicas de Ortigueira publicada en 1892

6. Expresións latinas. En ambos opúsculos o autor e os colaboradores usan con frecuencia expresións latinas, signo da importancia que tiña na época o estudo desa lingua. Así, por ex., na dedicatoria do segundo, Dávila di: Amicus Plato, sed magis amica véritas, frase atribuída a Aristóteles, que significa: 'Platón é o meu amigo, pero máis amiga é a verdade', o que non deixa de ser unha resposta ou queixa de Dávila polos ataques ou críticas recibidas como consecuencia da publicación do primeiro opúsculo.

7. Cartas. Os textos do primeiro libriño foron escritos case todos como cartas en resposta á consulta inicial de Dávila, isto é non foron textos preparados de forma expresa para publicar. Os do segundo son respostas a unha nova consulta, pero que ía acompañada xa do primeiro folleto; na introducción del Dávila explica que non son cartas familiares ou íntimas, e que por iso considera oportuno publicalas.

8. Consulta á RAE. No segundo opúsculo, Dávila relata que escribeu ao secretario daReal Academia Española(RAE) recabando a opinión da corporación sobre o asunto, pero este respostoulle alegando que tiña prohibido polo seu Regulamento expresar opinións literarias sen mandato expreso do «Gobierno de S. M.»

9. Consulta á RAG. Dávila non puido consultar á Real Academia Galega (RAG), para estes libriños, pois foi fundada anos despois, en 1906. Convén lembrar que tanto Federico Maciñeira como Julio Dávila serían nomeados membros numerarios da RAG, e incluso Dávila fora meritorio impulsor en 1919, en Bós Aires, dunha Sección Protectora da Real Academia Galega na Casa de Galicia da capital arxentina.

10. Amplitude das colaboracións. As máis breves son as de Florencio Vahamonde Lores, historiador e poeta, e de Benito Fernández Alonso, literato e Cronista de Ourense, publicadas no segundo opúsculo, e ambas con só 6 liñas de texto e 40 palabras. A máis extensa é, proén, a publicada no primeiro libriño conxuntamente por Cayetano A. Aldrey, literato, e Bernardo Rodríguez, profesor e gramatólogo, que se estende por 12 páxinas.

11. Erudito da familia. Entre os autores que colaboran no segundo libriño está Manuel Núñez Rega, reverendo padre franciscano «Prior del Convento de PP. Franciscanos de Lugo», natural de Bares. Este frade era irmao de Petra Núñez Rega, esposa de Julio Dávila, e fillos ambos de Manuel Núñez, que viveu en Bares, onde era torreiro do faro da Estaca (se ben despois sería torreiro do farro da Torre de Hércules, na Coruña), e Dominga Rega.

12. Posible erudito da familia. Tamén colabora no segundo opúsculo Francisco Dávila, «distinguido escritor e inspirado poeta, residente en el Rosario de Santa Fe; hijo de La Coruña». Sería parente de Julio Dávila? Así o cremos, primeiro, polo lugar onde naceu, A Coruña, de onde era natural o avó paterno, Manuel Calixto Dávila Salgado, que foi o que se asentaría no Ortegal, dando lugar á saga Dávila de Ortigueira; e por outro lado sábese que cando Dávila foi á Arxentina tiña xa parentes alí.

13. Estudoso coterráneo. Outra persoa allea ao mundo da historiografía e de literatura é Enrique Bermúdez Covián, que colaborou no segundo libriño con apenas unhas frases. Era médico, natural de Becerreá, e aveciñado en Ortigueira, onde desde 1893 era subdelegado de Medicina do distrito. Foi o promotor, na rúa principal de Ortigueira, actual avenida de Alonso Pernas, dunha casa fronte á casilla dos peóns camineiros, que aínda hoxe segue destacando pola súa cor vermella. Foi pai dun dos alumnos redactores do periódico El Escolar.

14. Reflexións valiosas de Unamuno. Os colaboradores fan consideracións que son verdadeiras xoias. De Miguel de Unamuno podemos salientar cando menos dúas:
 «La cuestión de como haya de llamarse a los de Ortigueira es cuestión de escasa importancia... Pero a mí me interesa todo, y muy en especial lo que suele[n] llamarse cuestioncillas baladíes, porque es en lo pequeño donde se pone a prueba lo grande».
 «Todo esto son minucias, pero de minucias esta tejida la vida humana; y en lo que se refiere al pueblo nativo de uno, a su matria, toda minucia se convierte en cosa grande».

15. Reflexións oportunas de Maciñeira. O que xa levaba nese momento dez anos como Cronista Oficial de Ortigueira foi, como non, consultado polo seu amigo Dávila sobre a cuestión, pero alegou «No me es posible acceder a tu cariñoso ruego... y esto no es por falta de voluntad, sino sencillamente porque nunca me dediqué a los estudios filológicos, en los que soy un perfecto ignorante», unha mostra de sencillez que hai que louvar. Logo engade esta outra valiosa reflexión: «Meterse en lo que uno no entiende lo considero el colmo de la presunción».

16. Ironías de Dávila. No segundo volume, Dávila recolle as noticias publicadas sobre o primeiro libro. Con certo humor relata que houbo críticas de todo tipo, incluso de persoas que non abriron o libro, que el califica de «opinión a libro cerrado». É o caso dun periódico de gran tirada, que apunta: «Acaba de ver la luz pública en Buenos Aires un interesante folleto conteniendo la biografía de las personas más ilustres del pueblo de Ortigueira...» (!!??). Dávila, elegantemente, omite o nome do periódico.

17. Conclusión dos eruditos consultados. Dávila non indica a cantas persoas lle fixo a consulta, pero resume no segundo opúsculo que lle contestaron 25 persoas, das que 15 se inclinaron pola forma ortigueirés, que el remata por aceptar... aínda que no seu corazonciño tal vez houbese preferido o xentilicio santamartés.

----------------- 
Texto: Xosé María Torres
.

mércores, 9 de agosto de 2023

CARIÑO, UNHA HISTORIA FRONTE O MAR, un documental importante

Captura de pantalla do documental
.


 



O local social de Cariño quedou pequeno, o pasado 4 de agosto, pois o traxe da historia local, a máis grande por ser a nosa, precisaba un manequín máis axeitado e así foi que fixeron falta dous para que o xastre non tivera que arranxar o traxe cuxa costura é obra de Alejandro Ramil. Dous pases do documental e aínda así con calzador. Isto acontece cando nunha sala se vai expoñer un tema que toca directamente ó pobo, ó noso devir, porque alí se agochan as respostas que sempre nos facemos: Por que estamos aquí? Por que somos deste xeito? Quen nos moldeou?... e iso atopámolo na nosa historia local, nela temos o tronco común do cal aínda seguimos brotando nunha ramificación sen fin.

Carlos Breixo, Emilio Ramil,
Manel Bouzamayor e Lois Armada
momentos antes do comezo do acto

Cariño, Unha historia fronte o mar”. O título do documental que se ía expoñer non podía ser máis definitorio e os nomes dos que ían intervir tamén achegábanlle un pulo cara a incrementar o interese creado: Carlos Breixo, Lois ArmadaAnxo Rosende, Emilio Ramil, a súa filla Sara e o patrón Andrés Novo.

O Cronista Oficial de Ortigueira, Carlos Breixo, da comezo ó documental do mellor xeito posible cando nos conta que os primeiros datos oficiais de Cariño lévannos ó século X, nin máis nin menos, ligando despois coa intervención de Sara Ramil na que nos fala da formación xeolóxica da serra da Capelada, a nosa protectora nai pois Cariño agromou e adquiriu entidade no seu seo, a serra o protexeu e o mar o alimentou. Os moitos abrigos naturais que ela ten foron o lugar máis axeitado para os primeiros asentamentos, o xerme da poboación que hoxe é Cariño e os seus arredores. Os utensilios de sílex alí atopados, en lugares coma o Chao do Limo, non fan máis que subliñar e dar fe desta afirmación, mágoa dos túmulos desfeitos mais sabemos dalgúns sen escavar, aínda virxes, coma o da Garita de Herbeira.

Unha panorámica da veciñanza de Cariño,
que enchía a sala


Emilio Ramil intervén para nos falar dos castros e a importancia deles na zona pois abranguen un período tan amplo coma o que vai do século III A.C. ó século III D.C. e cuxas escavacións, como a feita no castro de Espasante ou no Sarridal, en Cedeira, nos informan de que non eran meras residencias senón que o comercio e a comunicación entre eles, así como a forma de vida nos mesmos fainos pensar nun gran desenvolvemento social. En San Xiao de Trebo temos unha boa proba dun asentamento deste calibre pois estivo habitado ata os primeiros anos da Alta Idade Media. A capela alí existente, de feito, non é senón a apropiación polos primeiros cristiáns dun lugar de culto pagán, tal e como se fixo no resto dos países durante os primeiros anos da cristianización.

Outra panorámica do publico
.

Seguindo co devir dos séculos atopamos o Castelo do Casón, do século X, un refuxio imprescindible para os poboadores cando os normandos e musulmáns acometían algunha das súas razzias, aínda que os peregrinos que por alí pasaban camiño de San Andrés de Teixido tampouco lles viña mal coma lugar de acougo ou da axuda que puideran necesitar.

Cariño, comenta Breixo, nace ó carón do castro alí existente, axudado pola protección obtida por catro garitas, sendo as máis extremas a de Herbeira e a da Vela de Espasante. Sen embargo non é unha poboación importante; sen ir máis lonxe, a comezos do século XIX a poboación da Pedra duplicaba o número de veciños de Cariño (porto que formaba parta da parroquia da Pedra), foi a partires de 1880 cando comeza a cambiar a situación coas primeiras fábricas de salgado e o mundo da pesca relacionada con elas, de feito en 1910 o Porto de Cariño xa é o núcleo máis poboado do Concello de Ortigueira.

Emilio Ramil explicando algúns pormenores
do documental
O aumento da poboación e o traballo existente deu lugar a asociacións e protestas como aconteceu diante do Concello de Ortigueira, sendo alcalde Federico Maciñeira, na que se esixían máis medios e recursos acorde coa entidade de poboación alí existente.

O patrón Andrés Novo aproveita o documental para nos dar a coñecer coma era a vida no mar e coma os caladoiros, que semellaban inesgotables, foron indo a menos. O no saber adaptarse, e non ter coñecementos e relacións coas administracións foi o xerme da decadencia do Porto de Cariño, algo ben aproveitado por outros coma Celeiro ou Burela.

Todos os intervenientes rematan falando das posibilidades de crecemento que ten Cariño seguindo no mundo da pesca e apostando por un turismo de calidade, coma apunta Breixo: non pode ser que todo que comamos ou bebamos veña de fora.

Pouco máis de media hora de documental, o xusto e necesario para saber que a mellor ferramenta para construír o futuro máis axeitado e botar unha ollada ó pasado.

--------- 

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: Mariño


martes, 8 de agosto de 2023

6º “Obradoiro de Fotografía Documental de Rúa” do Festival do Mundo Celta de Ortigueira

Foto final do 6º Obradoiro
(Fonte: Galioart)

Un ano máis a asociación cultural Galioart promoveu e organizou o Obradoiro de fotografía documental de rúasendo esta a súa sexta edición. 
Ao igual que aconteceu no festival, onde houbo unha afluencia moi importante de público, o obradoiro completouse por primeiro ano, entre outros factores atribúeno á normalidade sanitaria e ao docente, Brais Lorenzo, un fotógrafo relativamente novo pero cun curriculum cheo de premios e recoñecementos, como pode verse na súa páxina web. Ademáis leva colaborado cos principais medios de prensa do noso país e do estranxeiro.

Brais foi gañador no ano 2022 dos premios KSADO da deputación da Coruña coa súa serie LUME sobre os incendios forestais, que estivo exposta as navidades pasadas na sala de exposicións do claustro do noso concello. Brais é membro do colectivo Ollo que conta con 5 xoves periodístas máis e que están visibilizando o novo fotoperiodismo por múltitude de lugares da nosa xeografía, con traballos expostos agora mesmo, nas rúas de Ourense, Ferrol ou A Coruña

O antigo matadoiro municipal de Ortigueira, sede agora de Galioart, estivo cheo durante tres días de vída e de fotografía. A asociación trata de encaixar a proposta do docente e neste caso Brais, propuxo un obradoiro para o desenvolvemento dun multimedia, onde combinarán a fotografía, o son e o video para transmitir dun xeito máis novedoso as sensacións do festival.

A asociación incide sempre na idea de colectividade pois para eles é compartir, aprender e apoiar, deixando de lado o “ego artístico” para traballar todos nun proxecto común. Proxecto é este, tanto en cada obradoiro como proxecto a medio prazo coas 6 edicións realizadas até o de agora.

O compromiso da asociación coa fotografía documental galega queda reflexado nos criterios de selección de docentes, indican que teñen pendente de traer a algunha muller docente pero até o de agora non lles foi posible.

Cando dentro do ámbito fotográfico se cuestiona se o fotoperiodismo ten cada vez menos sentido neste mundo “case virtual” e tratan de buscarse novas linguaxes fotográficas para o fotodocumentalismo como única posibilidade de dar visibilidade a ese tipo de traballos, é cando, xente coma Brais ou os seus compañeiros do colectivo Ollo danlle un novo valor ao fotodocumentalísmo “tradicional”. Sempre haberá historias que contar, coas que conmover, remover conciencias e dar visibilidade a situacións que ocorren no noso mundo, a autoría ou a visión fotográfica importa moito para que esas imaxes resonen entre o público e aporten algo “novo”. Pódense ver os multimedia de Brais sobre a COVID e a serie Lume na súa páxina web.

Para contar ben unha historia é preciso meterse dentro dela, e iso é o que se intenta facer no obradoiro, coa lóxica limitación de tempo, para, ás veces, conseguir algunhas imaxes que o conseguen. Así, ano tras ano, o propio obradoiro vai ter un valor documental moi importante.



O video mostra unha fotografía de cada un dos participantes
con audios gravados na realización do obradoiro.
A montaxe  foi realizada pola benxamina do grupo,
Lucía Otero Pazos

Jesús Giz, organizador xunto con Diego Perez Dopico do obradoiro, quere trasladar unha serie de agradecementos por todo o apoio recibido para levar a bo porto esta sexta edición do obradoiro. 


1 – A todos e cada un dos participantes pola súa asistencia, confianza, tempo e boa predisposición, está claro que sin eles non sería posible, os ingresos das matrículas son os que permiten facer fronte aos gastos do obradoiro e pago ao docente. Agradecen dobremente aos que repetín asistencia, algún por 4 ou 5 edicións. 

2 – Aos 50 participantes durante estas 6 edicións, así como aos docentes Alberte A. Pereira, Xulio Villarino, Tono Arias e Eutropio Rodriguez que foron fundamentais para chegar a este punto.

3- A todos os que desinteresadamente colaboran na difusión do obradoiro a través dos distintos medios, redes sociais, páxinas web e o máis importante de todos, o boca a boca. 

4 – Ao alcalde Valentín Calvín pola súa asistencia e palabras de alento o domingo no peche do obradoiro, a Ángel Lozano, concelleiro do Festival do goberno saínte e á dirección do festival e ao responsable de prensa por toda a colaboración para posibilitar o bo desenvolvemento do obradoiro. 

5 – A Francisco Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, por estar ahí sempre que se precisa algo e pola cesión do proxector unha vez máis..

6 – Ao docente, Brais Lorenzo, que nada más lle pedimos que impartise o obradoiro estivo plenamente dispoñible, sempre positivo e achegando ideas coa mellor predisposición. A súa xenerosidade como docente foi moita, ensinando o seu fluxo de traballo e comentando o que supón e como ve el a fotografía, cecais esa xenerosidade foi a que fixo que o ambiente do obradoiro fose fantástico a pesares de ser o obradoiro máis numeroso en canto a participación.

7 – A Iván Castro, cámara da CRTVG pola súa axuda en certos aspectos da organización e impartición do obradoiro, contínuo apoio e por ensinar o traballo que leva desenvolvendo durante xa 6 edicións do festival dende a primeira edición do obradoiro. 

8 – Aos que en Galioart, limpan, ordean, manteñen este local onde a pedra se desfai por AMOR Á ARTE, en especial a Diego Pérez Dopico, Billy, é ás miñas fillas Eire e Jara por todo o que traballaron e ordearon. 

Agora toca agardar a que rematen o multimedia que non foi posible rematar durante a realización do obradoiro e teñen intención de presentalo como é debido para que poda chegar a un público o máis xeral posible traspasando as barreiras do público fotográfico. 

Rematar dicindo que xa comezan a pensar e argallar que facer para o ano 2024 no sétimo obradoiro.

Podedes consultar información sobre o obradoiro na páxina web onde hai un apartado específico para este taller ou no grupo de Facebook e instagram Galioart.

-------------------  





martes, 1 de agosto de 2023

Presentación do libro de D. Julio Dávila "Nombre genérico de los hijos de Ortigueira I e II (1903-1904)"

 

De pé, o alcalde Valentín Calvín comeza o acto.
Na mesa, Manuel Bustabad, Carlos Breixo,
Beatriz Dávila e Bernardo Penabade
(Foto Fina Villasuso)



  • D. Julio Dávila aínda segue con nós.
  • No ano 1971 dixemos adeus a un home, mais o cadaleito ficou mal pechado, de cando en vez a alma de don Julio céibase e volve a facernos compaña, con regularidade, coma xa fixera en vida, coma unha andoriña que volve ó seu niño, en palabras de Anxo Rosende. E volve para lle dar outra volta de torca a calquera dos inxentes escritos en forma de ensaios, contos ou novelas nos que o protagonista ou o marco onde se desenvolven ven sendo a nosa bisbarra e Santa Marta, a onde sempre quixo regresar a pesares dos sentimentos encontrados que aquí chegou a atopar nos seus comezos de home con inquedanzas.



Mais este intenso e extenso traballo feito por este gran autodidacta, pola súa amplitude e polo seu contido, deixou necesariamente un ronsel de coñecemento e sabedoría ao que temos que recorrer os que queremos seguir esculcando esta terra e espallar as sementes culturais. Pode acertar ou estar errado, pode gustarnos ou non, mais Julio Dávila é un comezo necesario, sen dúbida, para guindar do fío que nos faga ver a luz porque, coma di o profesor Bernardo Penabade, hai que definir a Dávila coma un dinamizador cultural, a mellor maneira, claro, de lle dar vida ás sombras.

Nesta quenda o fío lévanos ata comezos do século pasado, cando a Dávila, e polo visto esporeado por Ramón Álvarez, deulle por tentar pescudar o xentilicio que nos tiña que corresponder aos fillos de Ortigueira
Ao final do acto, e desde o público,
Natalia Defoune, bisneta de Julio Dávila
fixo unha sentida e fermosa intervención
louvando a figura do seu bisavó
e agradecendo a reedición do libro

(Foto Fina Villasuso)

Dávila, coma un bo autodidacta, votou man das persoas que puideran ter unha opinión máis “académica” ou “fiable”, e xorde unha interesante relación epistolar que non dubidou en facela pública no ano 1903, na súa primeira parte, e que tivo continuidade cunha segunda xa no ano 1904.
A pléiade de intervenientes coma Cayetano Aldrey, profesor e gramatólogo; Manuel Castro López, director de El Eco de Galicia bonaerense; Federico Maciñeira e Pardo de Lama; Andrés Martínez Salazar, cronista da Coruña e xefe do Arquivo Xeral de Galicia; Bernardo Rodríguez, literato; Manuel Rodríguez, insigne filólogo e publicista; Benigno Teijeiro Martínez e o lingüista portugués, Leite de Vasconcelos, tan só no primeiro opúsculo e deixando para o segundo (gran descubrimento pois poucos sabíamos del) moitos máis nomes entre os que sobresae a resposta do mestre D. Miguel de Unamuno, da unha idea do recoñecemento da persoa de don Julio nos ámbitos académicos amais de nos deixar un marabilloso e envexoso collage de resultados que leva por título “Nombre genérico de los hijos de Ortigueira” e onde semella que o xentilicio “ortigueirés” gañou a partida.
Outra imaxe do acto, con 4 dos 5 participantes
na mesa de presentación
(Foto Victoria Díaz Castañeira)
Terras do Ortegal, consciente do seu interese, decidiu levar a cabo a reedición en formato libro e a súa presentación non ía desmerecer. O día 26 de xullo, no Teatro de Beneficencia de Ortigueira, botamos en falta, iso si, a presenza con nós de Anxo Rosende, ausente por motivos persoais, mais na mesa do faladoiro presidida coma saúdo polo alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, tivemos a honra de contar, coma presentador e moderador, con Carlos Breixo, merecedor de cargo de Cronista Oficial de Ortigueira, posto que tamén fora xa ocupado por don Julio Dávila, quen en compaña, coma sempre, da documentación infalible, falounos da figura de don Julio cunha interesante recensión da súa historia persoal. 
Índice da reedición facsimilar,
editada por Terras do Ortegal


A súa neta, Beatriz Dávila, achegounos á súa faceta máis familiar; tamén Manuel Penabad Rapa, quen enfocou a diatriba arredor do noso xentilicio baseándose no enfrontamento daquela época entre o galego e o castelán ou, o que vén sendo o mesmo, rexeitar o galego do populacho e abranguer o castelán culto das clases con máis poder, con respecto a isto é curiosa a resposta dada por un dos consultados por Dávila, o Sr. Riguera Montero, da Academia Española do Uruguay, e cuxa resposta tamén publicou nas páxinas de La Voz de Galicia da época, da que podemos destacar a seguinte frase: “sería urticarienses, entre personas cultas y eruditas; y ortigueiranos ortigueireses, en el uso común y vulgar”.
Cartel anunciador do acto

O evento rematou coas palabras, sempre fermosas e ben estudadas, do profesor Bernardo Penabade quen identificou o traballo de Dávila no contexto caciquil e interesado da época o cal foi, sen dúbida, un dos fundamentais atrancos para un home que tan só quería saber, e dar a coñecer, algo máis da terra que o veu nacer.

Un pequeno e agradable faladoiro entre os compoñentes da mesa e o público asistente axudou a enriquecer o acto e lle dar un floreo tal que recollemos coma un pulo en aras de continuar “cultivando culturalmente” estas terras.

------------------------------------

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: as persoas indicadas