xoves, 27 de abril de 2017

Presentación de O segredo da runa, de Luli Dopico, no Instituto de Ortigueira


Contar coa presenza dunha escritora nun instituto é sempre un luxo; se ademáis esa escritora é da zona, a sua presenza convírtese nun acto fraternal.
E así foi hoxe no IES de Ortigueira, ao que acudiu Luli Dopico para presentar a súa última obra, a novela O segredo da runa, editada pola asociación Terras do Ortegal.
A invitación foi feita por Gumersindo Martínez, profesor de Lingua e Literatura Galega no citado centro educativo, para presentar o último libro editado no noso concello aos alunos de 1º de bacharelato.
O acto contou tamén coa presenza de Álvaro Fernández Polo, afamado fotógrafo de natureza, e autor das fotografías que ilustran a obra e salientan os lugares claves onde se desenvolve a trama da obra. Asistiu tamén o seu home, Chente, para colaborar na proxección do video coas fotos, así como Charo Suárezamiga da autora e compañeira na experiencia cultural de edicións O Paporroibo nos anos 90, e que está reflexada na obra.
Luli, ademáis de presentar a súa novela, fixo entrega de dous exemplares da mesma para a Biblioteca do Instituto, así como outro de A pena das calandras, a súa novela anterior, e primeira das protagonizadas pola garda civil Tona Andújar, a personaxe creada por Luli.

sábado, 1 de abril de 2017

Historia da pesca e do salgado no Ortegal. Investigación e altruismo


Este pasado venres, 31 de marzo, tivemos en Ortigueira unha interesante disertación, a cargo do historiador Xosé María Leal que tratou sobre a "Historia da pesca e o salgado no Ortegal".
Organizada pola concelleira de Patrimonio, Vanesa Trevin, que presentou o acto celebrado na Biblioteca Municipal, tivo un doble interese:
- Por un lado o citado investigador presentou varias primicias obtidas na sua investigación sobre a chegada dos cataláns no século XVIII á nosa zona; cabe dicir que nesa investigación o Arquivo Municipal de Ortigueira, que calificou de marabilloso, é unha peza fundamental, polos datos, expedientes e legaxos que atesora.
- Pero por outro lado, o acto serviu para anunciar un feito pouco habitual nos investigadores, ben sexa históricos ou doutra rama da ciencia: Leal poñerá a disposición da comunidade de investigadores unha importante relación de documentos, extractos e transcripcións dos mesmos, e incluso bases de datos básicos obtidas en diferentes arquivos de Galicia e de fora de Galicia (como o de Viso do Marqués, en ciudad Real, onde se conserva o Archivo General de la Marina Española Álvaro de Bazán)
Desde hoxe, os investigadores que acudan ao Arquivo de Ortigueira, contarán coa posibilidade de acceder de forma rápida e libre a numerosos datos que doutra maneira terían que buscar en arquivos dispersos perdendo un tempo precioso.
Felicitamos ao investigador Xosé María Leal pola súa iniciativa que seguramente dará máis dunha satisfacción á Directora do Arquivo, María José Villasánchez.

Para rematar, podemos confirmar que o número 4 de TERRAS DO ORTEGAL, que sairá o próximo mes de xullo, contará cun traballo de Xosé María Leal, onde dará conta detalladamente dalgunha das primicias anunciadas no acto.