martes, 7 de xullo de 2026

Éxitosa presentación nas Pontes, unha vez máis, dun novo número da revista Hume, o nº 18 (2026)

 

De esq. a dta.: Cristina Souto, Carlos Romero,
Valentín Glez. Formoso, Fina Blanco
e Carlos Beixo








É sempre un pracer acudirmos á cita anual á que nos convoca a asociación Hume para coñecer un novo número da súa Revista de Estudios Históricos Locais, un exemplo e un referente sempre para a nosa revista Terras do Ortegal, como o son tamén, por exemplo, a revista Cátedra de Pontedeume, FerrolAnálisis de Ferrol, Atenea, do Ateneo Ferrolán, e tantas outras.

O acto vense celebrando, desde hai xa varios anos na Casa Dopeso das Pontes, un edificio municipal polivalente, pois ten sala de exposicións, aula de informática, oficinas municipais… e un magnífico auditorio para coller este tipo de eventos.

Dentro do numeroso público puidemos ver, e saudar, á profesora Esperanza Piñeiro de San Miguel (hai poucos meses distinguida como Ferrolana del año 2025), directora de FerrolAnálisis e presidenta do xurado do premio de Investigación que con carácter anual convoca Hume, e a José María López Ferro, Cronista Oficial das Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, ao que tamén hai que dar os parabéns, pois fai 40 anos da súa posta en marcha.

Estaban presentes, así mesmo, varios membros da corporación pontesa, como Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura, e Elena López, concelleira de Turismo, e tamén o alcalde Valentín González Formoso, que —sen estar previsto— foi invitado a subir ao estrado e dicir unha palabras, o que así fixo, pola conductora do acto, Fina Blanco, membro do Consello de Redacción da revista e socia fundadora da asociación no ano 2003, como ela mesmo lembrou.

Fina Blanco nun momento da súa intervencion.
Ao seu lado Carlos Breixo,
Cronista Oficial de Ortigueira


Van alá 23 anos de acción cultural e 18 números da revista, un traballo admirable o da asociación HUME!

Presentacións dos artigos

Indo xa ao celme do asunto, cabe dicir que o libro deste ano ofrece 9 artigos, que conforman un volume de 758 páxinas, un número causado sobre todo por un dos artigos que ocupa case 400 páxinas, que tal vez fose oportuno publicar aparte en forma de monografía, pois descompensa o resto dos artigos, e desde logo dificulta ter a revista na man (pesa 1,7 kg), se ben o seu deseñoo, o tipo de letra e a maquetación profesional que desde hai varios anos presenta a revista facilita e invita á lectura.

Entre os autores vemos a persoas xa habituais, como Marisol Souto, actual presidenta do colectivo cultural, Javier Barcón, merecedor dun dos premios, Manuel Souto, actual vicepresidente, e por suposto, a Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira e o colaborador máis asiduo da revista desde o seu número 1.

Todos eles, salvo Javier Barcón, ausente por razóns persoais, participaron no acto, aos que hai que sumar a Iago Isasi e David Pereira, enxeñeiros, autores dun concienzudo estudo sobre os límites parroquiais do concello pontés no Catastro de Ensenada, que obtivo o 1º premio de 2025; tamén Cristina Souto Pita, que obtivo o 2º premio de 2025 cun innovador estudo gráfico dun coñecido suceso da vida pontesa, o terrible crime das Barosas —o asasinato de 4 membros da mesma familia— causado polos falanxistas en 1936; Cristina é graduada en Belas Artes e máster en Arte Contemporánea, e a súa achega revitaliza a revista con novos enfoques.

Carlos Romero, autor do moi extenso artigo sobre a xestión fa empresa ENCASO (Empresa Naciona Calvo Sotelo) nas Pontes entre 1943 e 1972, interveu presentando o seu artigo e o de Javier Barcón, ausente como dixemos, sobre a praza do Hospital da localidade, e o de Marisol Souto sobre José Antonio Velo, xefe de mantemento da Central térmica durante 36 anos.

Fina Blanco presentou tamén un artigo do equipo Etnográfico de Hume, formado por entrevistas a tres persoas maiores das Pontes (unha falecida recentemente), que dan a coñecer as formas de vida que había en tempos pasados da primeira metade do século XX, unha sociedade agraria e de privacións, hoxe superada.

O profesor Juan Carlos Vázquez Arias,
un dos galardonados
no Premio Hume 2026


Pola súa parte Carlos Breixo, coa súa coñecida elocuencia e capacidade de síntese, máis alá de presentar o seu artigo sobre o escultor cedeirés Juan Tomás Rodríguez de Santiago, autor do retablo da igrexa de Santa María das Pontes, invitou a reflexionar sobre a sitguación actual en que os tesouros artísticos das igrexas e capelas, cada vez máis ocultos dada a escaseza de cregos, que deben atender a múltiples parroquias, e ante o cal as igrexas están pechadas durante días e incluso semanas, sen que se poida admirar —ou simplemente coñecer— eses tesouros artísticos que hai nas igrexas, sufragados polo veciñanza parroquial durante séculos.

Premio de Investigación Hume 2026

Completouse o acto coa intervención dos dous autores galardonados na convocatoria 2026 do premio de Investigación, os que se lle entregou un obsequio e un diploma acreditativo da distinción, ademáis, por suposto, da cantidade en metálico que constituía o propio premio, e cuxos traballos aparecerán na revista do ano que ven.

Finalizou o acto tras dúas horas e media de intenso discurso cultural, ao final do cal cada un dos asistentes puido recoller gratuitamente un exemplar da revista, impresa co patrocinio da Deputación Provincial nos propios talleres da Imprenta provincial.

Felicitamos de modo entusiasta á asociación Hume polo seu empeño e compromiso sostido coa publicación dunha revista en papel, e louvamos así mesmo o apoio que ofertan o concello e a deputación a unha iniciativa cultural que é recoñecida polo veciñanza —así o demostra, pois enchía o auditorio— que, en definitiva, é o obxectivo de calquer proposta cultural como a de Hume.


--------------- 

Texto e fotos: Xosé María Torres