luns, 16 de xullo de 2018

Presentación da Asociación Rural Vivo do Ortegal


Directiva da asociación. De esq. a dereita:
Mara Detzmeier, Tobías, Enrique Fojón e María Álvarez
(Foto: Noa Orizales)



Catro persoas, catro amigos de Couzadoiro, con inquedanzas do seu, acertan coa súa proposta, e as meigas non dubidaron en lles botar unha man, pois elas foron as que agocharon as chaves do Salón de Plenos do Concello ca teima de que a presentación desta nova e ilusionante asociación tivera que levarse a cabo nun marco máis axeitado e senlleiro coma ven sendo o patio do claustro do que fora Convento de Dominicos.
Isto acontecía o 6 de xullo, e nun ambiente familiar, e despois da presentación feita pola concelleira Vanesa Trevín, sen dúbida artífice de lles dar un pulo ás súas ideas, foi Kike Fojón, presidente da nova entidade, quen colleu a quenda para nos indicar cales son as súas pretensións.
Un momento do acto, no patio central
da casa consistorial.

(Foto: Manel Bouzamayor)
A nova asociación, que responde ó clarificador nome de Asociación Rural Vivo do Ortegal ten coma cometido, sinxelo, mais tamén complicado, facer que a xente do rural aposte polo produto que a súa terra lle ofrece, até tal punto de poder chegar a vivir diso, isto é, en resumo: “vivir no rural, do rural”. Como dixo Kike, amais dos coñecidos froitos da propia terra, isto é, produtos da horta, gandería, agricultura, pesca, marisqueo..., tamén a artesanía, coma é o caso dunha das compoñentes da directiva, e a xente identificada co patrimonio, teñen cabida neste proxecto.
Outro momento do acto.
(Foto: Noa Orizales)
O primeiro paso para chegar ó fin que se pretende é xuntar forzas coas que poder enfrontarse de mellor xeito ós problemas que leva engadido traballar no rural, achegar á xente o que representa o rural, pois coma dixo o presidente “non se quere o que no se coñece, e non se defende o que non se quere”. O urbano, xa que logo, ten que deixar de ser un fin en si mesmo. A asociación fica aberta para todo aquel que teña as inquedanzas sinaladas, e cun prezo simbólico de 12 € ó ano, pois o verdadeiro valor radica no que pode levar tras de si cada persoa que se sume a este proxecto.
O traballo desta xente xa o poderemos vivir reflectido no Mercado de Verán que se levará acabo no Paseo da Alameda de Ortigueira tódolos domingos dende o 22 de xullo até o 15 de setembro en horario de mañá.
Tódolos asistentes ó acto desexáronlles sorte coa maior das sinceridades, e dende estas páxinas facémonos eco deses desexos.

---------- 

Texto: Manel Bouzamayor

.

martes, 10 de xullo de 2018

Xornada Gastronómica de exaltación da Ortiga



Un evento gastronómico de exaltación da ortiga é unha oportunidade para Ortigueira, que debería celebrarse regularmente. Aparte dos nomes de Ortigueira, A Ortigueira (na Pedra) e do Ortegal, están os escudos de Ortigueira e Cedeira, onde campan e locen as follas da ortiga, que se repiten nos apelidos Faxardo -o máis característico, orixinario de Santa Marta- e outros relacionados como Leal, Yáñez, Vivero, Lugo e outros.
Libro do chef Martín Álvarez
A fenecida fundación Ortegalia organizara en novembro de 2015 as I Xornadas das Ortigas de Ortigueira (ver cartel máis abaixo), co impulso de Enma Sandá e Marta Fraga, traballadoras da fundación, e o apoio da concellería de Cultura ortigueiresa. A asistencia foi nutrida e debería volver a celebrarse.
Naquela xornada participara, entre outros, o Mestre Martín Álvarez, chef ourensán autor do libro 45 receitas con ortigas, da editorial Alvarellos, que deberiamos ter en Ortigueira como libro de cabeceira. Tamén estiveran 2 representantes da Confraría portuguesa da Urtiga, dous amigos entusiastas e amables como só poden ser os nosos irmaos do Sur. Tamén participara no evento o noso Cronista oficial, Carlos Breixo


Xornadas de 2015
O farmacéutico D. Alfredo Torres,
falecido en 2008, autor do libro
sobre as ortigas
Mentras tanto non se retoman en Ortigueira estas xornadas, en Celanova tivemos a oportunidade de asistir este pasado fin de semana -domingo 8 de xullo-a unha Xornada Gastronómica de Exaltación da Estruga, que é como lle chaman naquelas terras á nosa planta. O evento contou coa colaboración do Concello de Celanova, coa asistencia continua a pé de obra do concelleiro Julio Mosquera. E todo isto, no claustro barroco do Mosteiro de San Rosendo, un inmenso e precioso edificio -onde se ubica o instituto de bacharelato do concello e a propia casa consistorial da localidade- cuxa soa contemplación xa merece a visita a aquelas terras ourensáns.

Á Xornada Técnica matinal con varios relatores especializados seguiu a mediodía un menú interminable de pratos a base de ortigas elaborado polo mestre Martín Álvarez coa colaboración dos amigos da Confraría da Urtiga portuguesa, pouco máis se pode pedir para pasar unha xornada moi agradable.
Unha imaxe simpática
 dunha folla de ortiga
Pero aínda había máis. Na sobremesa, cando a conversa placentera enchía o refectorio do antigo convento benedictino, o chef Martín Álvarez, factotum da xornada, subiu ao escenario para agradecer a nutrida asistencia, de máis de 100 comensais -"estamos desbordados, dicía!"- e para entregar uns recordos de regalo a persoas ás que el agradecía o entusiasmo e paixón compartida polas ortigas. Entre elas, ao farmacéutico ortigueirés Alfredo Torres Pajón -falecido en 2008- autor do libro "Las ortigas. Una revisión interesada", publicado en 1994 por edicións O Paporroibo, e actualmente agotado. O recordo foi recollido  polo seu fillo Xosé Mª Torres, que participara na xornada técnica matutina.
Entrega do chef Martín Álvarez
a Xosé Mª Torres do recordo
 
Finalizou a xornada cunha visita guiada a parte do inmenso monasterio celanovés: o claustro barroco, a fermosísima igrexa (onde repousan os restos do bispo San Rosendo, nacido nestas terras norteñas da diócese de Mondoñedo) e a capeliña de San Miguel de estilo mozárabe, única en Galicia.
Todo un prazer visual, gastronómico e espiritual como poucas veces se da. Aos amigos de Celanova: GRAZAS!






-----------

Texto: Xosé Mª Torres


mércores, 4 de xullo de 2018

Acto de fraternidade na honra de Charo Suárez

Cartel anunciador do evento.
Deseño: Álvaro F. Polo




A asociación Terras do Ortegal, a asociación de Veciños e Veciñas de Couzadoiro e os seus amigos do Paporroiboorganizan un acto de recoñecemento a Rosario Suárez Díaz. Estamos a falar dunha unha muller reivindicativa, pioneira na comarca do Ortegal polas súas múltiples facetas que desenvolveu na sociedade que lle toca vivir.
Charo Suárez. Foto Álvaro F. Polo
Como moitos lembrarán, foi a primeira muller concelleira na etapa democratica, escritora, poetisa, actriz de teatro, e de cine, colaboradora de La Voz de Ortigueirae do Heraldo de Viveiro, presidenta do Nuevo Club... activista cultural en suma, é unha traballadora incansable, e ante todo unha muller comprometida coa comunidade.
As actividades previstas, que contan coa colaboración do Concello de Ortigueira e do semanario La Voz de Ortigueira, terán lugar no Teatro de Beneficencia, o sábado, día 4 de agosto, ás 12.30h da mañá, nun acto presentado por Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e no que intervirán:
  • Manuel López Foxo, compañeiro de O Paporroibo.
  • Luís Alonso Santiago, director de teatro.
  • Eduardo Dovale, presidente da AVV couzadoiro.
  • Vanesa Trevín, concelleira de Cultura.
  • Enrique Otero, director de cine, músico e sobriño de Charo.
Charo Suárez con Luly Dopico. Foto Álvaro F. Polo
O acto, comenzará coa proxección dun breve audiovisual «Charo en 111 imáxenes», da autoría de Álvaro Fdez Polo, en colaboración coa Aula CEMIT.
Finalizado o acto, ás 2.30h da tarde, en Espasante, as persoas que o desexen, previa retirada dunha tarxeta-ticket, compartirán con ela e a súa familia un xantar de confraternidade. En datas próximas poderanse retirar as tarxetas en varios lugares dos que se informará oportunamente
Antonio Rivera, Charo Suárez e David Fojo.
Foto Álvaro F. Polo
Enmarcado nesta celebración, á semana seguinte, o venres, 10 de agosto, ás 8,30 da tarde no Teatro proxectarase a película do director de cine, Enrique Otero (sobriño da homenaxeada), «Funes, o inventor da Lúa», na que intervén a propia Charo.
A asistencia aos actos no Teatro de Beneficencia é libre e gratuíta.