domingo, 30 de decembro de 2018

Os pesadelos de Antón. Conto para tempos de ilusión.

.




Son Antón, un raparigo de pouco máis de oito anos, de pelo crecho, poucos folgos e contados amigos. Vivo coa miña familia nunha casiña de pedra que semella unha caixa de zapatos cuberta cunha pucha, afundida nunha fraga atravesada por un pequeno regato no que recollemos a auga para as nosas necesidades máis básicas. Durmo a rentes de miña irmá Ledicia, nun cuarto ben pequecho con paredes de madeira que nalgún tempo tiveron cor e agora viraron esbrancuxadas. Durmimos en dúas camas estreitas separadas por unha pequecha mesiña de castiñeiro que fixera o noso avó, sabe Deus cando.

Deitabamos cedo, a luz eléctrica non sabemos como é na nosa aldea e temos que valernos de candís ou velas ata que encartamos os nosos corpiños debaixo das mantas. Enriba da mesiña de noite pousamos con moito mimo un orixinal transistor que nos trouxera o noso tío Herculano dunha das súas viaxes polo estranxeiro. Funcionaba con pilas e del saían máis ruídos cá palabras. Porén, preto da medianoite eramos quen de escoitar nidiamente algúns daqueles programas noitébregos que ofrecían compaña e remedio á soidade dos seus seareiros.

Sempre rifabamos polo mesmo, pola maldita radio. Cada quen tiraba por aquel misterioso aparello para a súa almofada. Os dous gustabamos daquelas historias e no meu caso, aquelas confesións xeralmente de ton desventurado axudábame a enfiar o sono que case sempre remataba nunha fábula medorenta que aniñaba no meu caletre ata ben cerca do amencer. 

Ledicia, máis espelida ca min, empregaba os métodos máis sofisticados para acabar todas as noites privándome do final daquelas historias radiofónicas. Se berraba quedaba coma un mexeriqueiro e se me rebelaba non tiña nada que facer fronte á aqueles brazos fortes coma buxos de miña irmá. Xa que logo, a meirande parte das noites remataba durmindo entre os saloucos producidos pola miña asma e a perrencha que me supoñía perderme aqueles chismes dos adultos. 

Ledicia era unha rapaza traballadora que participaba da vida labrega sen ningún espavento nin escrúpulo. Desde ben noviña era quen de manexar con donaire o sacho, a gadaña e o fouciño. Eu, pola miña idade e sobre todo polo enfermizo que saín, abondábame con alindar as dúas vacas que tiñamos ou facer algún que outro mandado á tenda, ou á casa dalgún parente ou veciño. Ás veces axudaba á miña nai a cocer o pan; xuntándolle a leña ou repañando os garamallos que empregaba para barrer o forno cando estaba xa ben quente. Como premio, ás veces, facíame unha bóla de manteiga e azucre. Tamén axudaba nas misas dos domingos. Daquel emprego lembro as propinas que me daba o crego especialmente no tempo de defuntos, por apuntar nuns anaquiños de papel os responsos que a veciñanza pagaba e encargaba ao crego para que logo recitara no cemiterio. Ás veces tamén traía para a casa algúns cachos de obleas que non precisaba.

Pola contra, miña irmá fachendeaba con aquela forza descomunal que desprendían os seus brazos nas labores da labranza e que lle permitían sacar adiante o traballo que os nosos pais, xa anciáns, non daban feito. A afouteza con que enfrontaba as máis variadas faenas permitíalle desfrutar antes cós demais do tempo de lecer, do que apreixaba cada minuto con auténtica paixón. 

Aquela actitude tan positiva seríalle recompensada pola súa madriña Xenerosa cun agasallo tan orixinal coma inesperado: unha espléndida bicicleta, de marca BH e cor azul. Tiña o cadro curvado para que mesmo puidese pedalear con saias. Lembro como meu pai lle ensinou, agarrándoa polo asento, a dar os primeiros paseos pola corredoira que tiñamos diante da casa. Non tardou en soltarse. Aquel xenio que movía o motor da súa vida tamén lle serviu para superar o novo adestramento, nun abrir e pechar de ollos. En menos dunha semana xa estaba desprazándose autonomamente ata a vila máis próxima na procura doutras diversións e doutras amizades. As súas longas pernas e aquel corpo tan ben feito dábanlle unha chularía case obscena. 

A min tíñame abraiado aqueles rápidos avances na súa aprendizaxe, pero tamén preocupado polo seu desmesurado atrevemento que, efectivamente, axiña se convertería no primeiro desacougo familiar. Ocorreu un domingo, a finais do verán, nunha daquelas viaxes festeiras que facía ata a vila. Cando o sol ía desmaiando, acostumaba a volver á casa retorcendo a súa graciosa figura enriba da súa prezada bicicleta. Pero ese domingo non volveu á hora acordada.

Mamá dispuxo a mesa para cear falando entre os dentes, pola preocupación e polas sospeitas de que a nosa Ledicia atopara unha amizade perigosa naqueles paseos dominicais pola alameda vilega. Meu pai, home de poucas palabras, leaba con parsimonia un cigarro con aquel tabaco de picadura que sacaba con mimo dun paquete cadrado de ton verdoso cun debuxo enorme dunha aguia, que el chamaba Cuarterón. Aparentaba calma porque tiña toda a confianza posta na súa pequena, pero a preocupación comíalle o corazón.
A noite botou o seu pano mouro enriba da aldea e coa mesma decidimos saír na súa procura. Miña nai levaba un candil nunha man e un caxato na outra, meu pai alumeaba diante cunha vella lanterna de gas e eu seguía os seus aloucados pasos apoiado nun pequecho bastón que fora de meu avó, o indiano. 

Papá, despois de botar a chave á porta, dixo solemnemente:


      - Hai que ir buscala. Hóubeselle facer de noite sen decatarse.
      - Ti sempre defendendo a esa tarambaina da túa filla, contestou mamá.
      - Cala muller!. Un descoido teno calquera. Estaría paseando e botouse a noite enriba e     


agora ten que vir empurrando a bicicleta porque non ve ben o camiño.
     - Non ve!. Nin oe!. Nin fai caso a ninguén, volveu a rosmar miña nai.


Eu, calado coma un defunto, pechaba aquela familiar confraría, morto de medo por se se achegaba algún can, ou calquera outro bicho dos que aniñaban na miña aloucada mente infantil. Camiñaba de présa detrás de meus pais envoltos nun sixilo case fantasmagórico. Só se escoitaban os ruídos da noite: as avelaíñas, as curuxas e os mouchos que ían cambiando de árbore en árbore na procura da súas vítimas, as ramas enleándose unhas con outras e o rañar dos nosos zocos contra os pedregullos daquela escarapelada estrada. 
Pasaban as horas, devorabamos os quilómetros, esculcabámonos na escuridade na procura dalgunha resposta á nosa crecente desesperación. 

        -  A este paso, xa logo chegamos á vila!. Haberá que avisar á Garda Civil.
        - Non desesperes, muller. Aínda ha de aparecer
  - Puido quedarse na casa da súa tía a   

         durmir - dixen eu - tentando botar un raio de esperanza naquelas almas en pena.

Cruzamos cunha moto. Era Asterio, o ferreiro de Roibás. Parou uns metros más adiante e tordeando volveu sobre o seus pasos ata atoparse connosco. 

             - Que facedes por aquí a estas horas?
- Nada, home, nada. A pícara, que se lle fixo de noite na vila e vén na bicicleta soa…
- Pois eu non vin a ninguén no camiño. Claro que eu, xa sabedes, só miro para adiante porque xa me chega dabondo con ver o camiño coa que levo…


Aquela resposta envolta nun noxento cheiro a viño déixonos aínda máis preocupados polos perigos que a noite agochaba con personaxes coma aquel borrachón que babexaba en troques de falar coma os homes. 
A lúa asomaba ás veces entre os nubeiros daquel verán, que se despedía paseniñamente, e debuxaba nas nosas esbrancuxadas facianas imaxes de medo e tristura. 

      Uxía: é máis de medianoite e deixamos a casa soa. A nena quedouse na vila con  
       alguén. Mañá aparecerá pola mañá. Temos que volver.
  - Estás tolo coma ela!. Como imos deixala aquí no medio desta noite pecha vendo a xente que anda por estes camiños!.
  - Non sexas teimuda muller. Non hai máis que facer por hoxe. O neno ten frío e medo. As vacas están soas. O lume quedou aceso. A casa abandonada.
  - Si mamá. Volvamos para a casa. Se lle pasara algo xa nos terían avisado, razoei eu, morto de frío e medo.


Miña nai turrou e turrou para continuar coa busca. Papá, que tiña moi mal xenio, comezou a botar lume por aquela boca de tal xeito que collín medo e botei a correr diante deles ata que case tropezo co Avelino de Sinforosa, un veciño medio pailaroco que vivía preto do Igrexario. Saía detrás dunha sebe e pareceume que suaba e tremía batendo coma un tolo unha vella lata de conservas, daquelas redondas que, ás veces, tiñamos na casa para xantar con patacas cocidas. Os ollos saíanlle das cuncas e cantaruxaba unha cantiga que eu xa escoitara algunha vez aos máis vellos.

  -  Gazafello, gazafello, gazafello, ven ao rego!…

Axiña se achegaron meus pais ata aquel malpocado e paifoco veciño. 

  - Vaites, vaites, Avelino, meu santo, deixa xa de facer o papaleisón e volta para a casiña. 
Non ves que eses animais non existen?. Meu pobre!, dixo meu pai colléndoo polos ombreiros. 

  - Quen che puxo a buscar tal cousa, meu ben?, borboriñou miña nai.

A min, deume gañas de rir a esgalla, pero a tensión e o medo non me permitían mover os labios. Limiteime a contemplar a escena sen pestanexar e só se me ocorreu preguntarlle a aquel miñaxoia:

  - Viches polo monte á miña irmá Ledicia?. 
  - Non, non… repetía amedrentado.

Collemos a aquel infeliz da man e seguimos o noso camiño de volta á casa, coa cabeza posta na tarambaina da nosa familia. Ao pasar por diante da taberna de Sampaio, meu pai achegouse á porta para empurrar para dentro, con moi malas pulgas, ao Avelino, que foi recibido entre risadas e alegre rebumbio. 
Sen o máis mínimo comentario seguimos o noso camiño de volta. O coñecemento dos campóns que se debuxaban baixo a luz da lúa e o fumegar dalgunhas casas coñecidas espantaron o medo do meu esmagado corpiño. Porén, a fatiga e a humidade da noite espertaron a miña asma bronquial. Quería acelerar o paso pero atafegábame e as sombras de meus pais íanse borrando diante de min. Comecei a suar en frío, a cabeza estoupábame coa dor e decidín tirarme ao chan. De socato espertei alporizado coa voz e as risas de miña irmá 

  - Onde vas toliño?. Que fas no chan, Antón?


Outra vez!. Volvera a ocorrer. Aqueles programas de radio nocturnos volveran a producirme outro terrible pesadelo. Suando coma un cavador volvín para a miña cama, tapeime coas mantas e escondín a cabeza para non morrer de vergoña, diante da protagonista do meu desacougante soño.

------------------------------


Texto: Emilio Castro Fustes
Debuxo: E.C.F.







venres, 28 de decembro de 2018

A mesa redonda sobre o Camiño dos Arrieiros, broche de ouro das I Xornadas de Terras do Ortegal


Bernardo Penabae, Vanesa Trevín e Xosé María López


A mesa redonda sobre o Camiño dos Arrieiros (entre As Pontes e Bares) celebrada o pasado xoves 27 de decembro no Teatro de Beneficencia foi o broche de ouro co que remataron as I Xornadas de Terras do Ortegal adicadas aos Camiños que pasan pola comarca. Anteriormente se celebraron sesións no Barqueiro, o pasado 21 de decembro, sobre o Camiño a Santo André de Teixido, e  no mesmo teatro o pasado 30 de novembro sobre o Camiño a Compostela pola Mariña e o Ortegal.

Mapa do Camiño dos Arrieiros.
Fonte: Liga Céltica galega
A presentación estivo coordinada polo profesor e investigador Bernardo Penabade, e na mesma participaron Vanesa Trevín, na súa condición de arqueóloga e investigadora sobre o camiño, así como Xosé María López Ferro, das Pontes, xestor cultural e investigador sobre esta ruta centenaria.

Moi interesante e excelente acollida de público a mesa redonda sobre o Camiño dos Arrieiros (As Pontes-Bares polo monte Caxado) celebrada onte, 27.12 no teatro de Beneficencia de Ortigueira baixo a organización de Terras do Ortegal. Trala presentación do prof. Bernardo Penabade, a arqueóloga.

Trala presentación sempre amable, pero rigurosa, o profesor Penabade deu paso a Vanesa Trevín, que fixo un repaso pola características arqueolóxicas desta ruta, marcada por unha abundancia de restos megalíticos moi notable, salientando que foi Federico Maciñeira, o noso insigne historiador, o primeiro en catalogar a abundantísima riqueza arqueolóxica da zona.En canto a datos máis recentes, fixou como documento imprescindible a análise realizada polo profesor Carlos Otero Vilariño, da universidade de Santiago.
O auditorio do Teatro de Beneficencia cunha boa entrada de público
Xosé María López, pola súa parte, fixo unha exposición centrada na forma de reactivar esta ruta, e de poñela en valor; resumiu con acerto as normas que a nivel internacional hai para o recoñecemento destes camiños, e deu conta da súa experiencia en diversas plataformas (Canto Máis?, Hume, ...) en recuperar este camiño. Foi a súa unha disertación con abundantes imaxes fotográficas, e a entrega aos asistentes de dúas publicacións sobre o Camiño dos Arrieiros: unha Guía Didáctica, e un Guieiro, un tríptico elaborado pola Liga Céltica Galega, no que se describen as diferentes etapas do camiño, que entre Bares e As Pontes acada unha lonxitude de case 50 km.
Para rematar, Xosé María lanzou a proposta da conformación dunha plataforma conxunta entre representantes dos tres concellos polos que atravesa o camiño, isto é, As Pontes, Ortigueira e Mañón, con colectivos interesados polo patrimonio dos tres concellos e outras entidades, de cara a elaborar un proxecto conxunto de recuperación da ruta. A sesión rematou cun animado debate.

Pola nosa parte, agradecer a todos os reñatores e público asistente ás tres sesións o noso agradecemento, e tamén indicar que estas I Xornadas de Terras do Ortegal contaron cunha subvención da deputación da Coruña, o apoio dos concellos de Mañón e Ortigueira e a colaboración da asociación Nordés. Vaia o noso recoñecento a todos eles.






martes, 18 de decembro de 2018

Unha estrela ao Norte: o belén de Camilo Díaz Baliño

Belén da Igrexa de Ortigueira. (Foto: Iria Rivera)


O belén da Igrexa de Ortigueira foi deseñado e realizado por Camilo Díaz Baliño, artista adicado á pintura, á escenografía, ao deseño gráfico, ao gravado e á literatura. Díaz Baliño pertencía a unha familia na que enxergaban os lazos de Ferrolterra pola súa nai, Camila Baliño, e das terras do Ortegal polo seu pai, Germán Díaz. O seu nacemento en Ferrol en 1889, o traslado de toda a familia á Coruña, onde naceu o seu desexo de ser artista, e a apertura do seu Taller de Escenografía y propaganda en Santiago de Compostela en 1920, son o xermolo que levarían a súa celebridade debido ao seu traballo artístico, en particular co seu contrato co concello de Santiago e co empresario Isaac Fraga. Foi tamén Santiago a cidade onde naceu o seu fillo Isaac Díaz Pardo en 1920.


Camilo Díaz Baliño no seu taller. 1921.
Foto: Ksado. Publicada no Nº 201
da revista Vida Gallega
Durante a súa carreira artística Díaz Baliño realizou, dende 1919, lenzos, deseños de encabezamentos para prensa e revista, ilustracións para publicacións, carrozas simbólicas de cerimonia, escenografías para teatro, danza e música, decoracións para embelecer teatros, cartaces para empresas, congresos ou días festivos. Os seus cartaces, escenografías e caracterizacións para a Coral de Ruada e as súas xiras levaron a coñecer e admirar a súa figura non so en España, senón tamén en Sudamérica, conseguindo unha fama internacional. Obras coma estas son o alicerce polo que era coñecido e respectado. 

Foi precisamente nos anos 20 cando o artista recibiu o encargo de realizar un belén para a Igrexa de Ortigueira. A asociación apostólica local Hijas de María púxose en contacto con el e levou a cabo todo o proxecto, sendo finalizado en 1924. Trátase dun belén de proporcións considerables, que serviría de precedente para o belén da Grande Obra de Atocha na Coruña en 1927. Ambos conteñen unha ambientación inspirada no Antigo Exipto, como unha cultura evocadora da era do nacemento de Cristo. Sen embargo o belén de Ortigueira resulta en varios aspectos dunha maior complexidade; Belén está representada entre montañas, árbores frondosos (nos paneis laterais) e caducifolios nas teas pintadas en tres distancias que serven para proxectar profundidade. 
Tríptico dos Homes de Brigantia. Circa 1919-1922.
Camilo Díaz Baliño. Técnica: Óleo sobre lenzo.
Medidas: 147 x 50,5 cm.
Legado de Isaac Díaz Pardo

As casas, muros e pontes son de dura pedra, ao estilo da arquitectura civil do Ortegal. O artista trasladou un ambiente, unha natureza e unha estética que coñecía profundamente, posto que pasaba dende a infancia longas temporadas en Ortigueira e quixo establecer unha relación íntima entre a representación da Natividade e o espazo ao que ía ser destinada. Pero tamén persoal por todo canto nutrira nel o Ortegal.

Belén de Ortigueira. 1924. Recompilada
por Isaac Díaz Pardo. Fondo IDP, Cidade
 da Cultura. Santiago de Compostela.

As cores son un dos elementos mais destacados deste belén. Nel conviven cores fortes contrapoñéndose, pero a vez resultan perfectamente combinados. Todo está enmarcado polas figuras situadas no primeiro plano: nos laterais, en forma de pilóns de templos exipcios, os profetas Isaias e Miqueas que anunciaron a vida de Cristo e o lugar de Belén. Na parte superior o deus Jepri, símbolo do Sol ao amencer e por ende, de inmortalidade. Na parte inferior a deusa Nut, divinidade da Noite, a través de quen o Sol renacía.

A deusa aparece ademais coas ás abertas, o que na relixión exipcia viña a significar o recibimento da deusa das almas dos mortos. Ela completa o simbolismo de morte e renacemento, sumado as figuras dos profetas.
Escenografía final para o canto do Himno galego do Coral de Ruada.
Colección privada. Exposta hoxe en Son de Galicia.
Canto, música, baile e teatro dos coros Toxos e Froles,
Cántigas da Terras, Coral de Ruada e Cantigas e Agarimos.


Todo está unido coa filacteria situada sobre o estandarte pintado, no que lese “Gloria in excelsis Deo”: Gloria a Deus. Todo está conformado no estilo do artista, alimentado polo Romanticismo e polo Modernismo, o que coa súa crecente xeometrización e sinxeleza, fan del un artista en liña co Art Decó. Pero tamén coas vangardas rusas como as consagradas nas escenografías de Leon Bakst nos Ballets Rusos ou nas pinturas de Nikolái Roerich. É por iso que esta obra é unha das pezas mais emblemáticas do artista.




---------------
Camilo Buenaventura Díaz Baliño naceu en Ferrol o 14 de xullo de 1889. Morreu asasinado en Sáa, Meixide, Palas de Rei, o 14 de agosto de 1936. Fonte: Wikipedia

----------------

Texto: Iria-Friné Rivera

Iria-Friné Rivera dictou o pregón de Nadal na igrexa parroquial de Santa Marta de Ortigueira o pasado 1 de decembro. O texto do mesmo foi publicado no semanario local LVO no números de 7.12.18, 14.12.18.
O texto aquí publicado foi elaborado pola propia autora expresamente para publicar na web de Terras do Ortegal.