luns, 2 de marzo de 2020

Dixitalización de documentos do Arquivo Municipal de Ortigueira


Exterior do Arquivo Municipal
de Ortigueira




Coa posta a disposición dos interesados remata o proceso de dixitalización dunha parte importante da documentación custodiada no arquivo municipal de Ortigueira.
Conservar e difundir os seus fondos son dúas tarefas fundamentais en calquera arquivo histórico e a dixitalización é o mellor medio para garantir ambas. Por unha banda, dixitalizar supón que deixamos de manipular a documentación orixinal favorecendo así a conservación de documentos que son únicos. Por outra banda, e non menos importante, permite difundir o contido deses documentos a través da rede podendo acceder aos mesmos desde calquera sitio e a calquera hora.

Instalacións do Arquivo Municipal
 de Ortigueira
Con estas premisas solicitamos unha subvención a través da convocatoria realizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), co apoio da secretaría xeral de Cultura da Xunta de Galicia, por «Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa primeira convocatoria para os anos 2018-2019, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020».

O resultado foi a concesión ao Concello de Ortigueira dunha axuda de 15.947,93 €.
Unha vez realizados os tramites para a contratación dos traballos de dixitalización, a empresa adxudicataria, Vinfra S.A., desprazou os medios técnicos e o persoal necesario ás instalacións do arquivo municipal para levalos a cabo. Estes traballos foron realizados polo técnico especialista en Dixitalización Histórica Xoan Alberte Porto, nas datas comprendidas entre o 10 de xuño e o 8 de agosto de 2019. 
Unha vez levada a cabo a dixitalización nas instalacións do arquivo a empresa completou o proceso coas seguintes tarefas:
  • Acta de 1549, a máis antiga conservada
    do concello de Ortigueira
    Realización dun completo control de calidade das imaxes obtidas, así como posterior conversión a formato JPGE/ ISO/ IEC 10918:1994 a 200 dpi coa mesma profundidade de cor que a copia de preservación como copia de uso e xeración de Miniaturas.
  • Xeración de PDF/PDF multipáxina por cada libro ou unidade documental con marca de auga.
  • Asignación de metadatos de preservación e difusión, requiridos polo cliente (METS, MODS, PREMIS...)
  • Unha vez realizados os correspondentes controis de calidade, procedeuse á comprobación dos ficheiros a través de software de validación e entrega dos ficheiros en discos duros Orixinal e Copia.
A documentación dixitalizada foi a seguinte:
– Libros de acordos do Concello Pleno de 1549-1996.
– Libros de actas da Comisión Permanente e Comisión de Goberno de 1915-1996.
– Fondo do Concello de San Adrián de Veiga 1836-1849.

Os libros de actas do Concello Pleno constitúen a serie documental máis importante de todas as que produciron e producen os concellos no exercicio das súas funcións como administración local. Neles recóllense as deliberacións e acordos alcanzados polos membros das corporacións locais e abarcan todos os asuntos que afectan á vida local e ao bo funcionamento do municipio, constituíndo unha fonte imprescindible para o estudo da administración e da vida local. 

Portada do Libro de Actas (1836)
do concello de San Adriano de Veiga
O primeiro libro de acordos que se conserva no arquivo municipal data do ano 1549 e dixitalizáronse todos os existentes ata 1996, ano no que deixan de existir en formato papel.
A importancia das Comisións Permanentes, desde 1985 e ata 2003 Comisións de Goberno, vén marcada pola súa función de asesoramento ao pleno e ao alcalde, sendo tamén o seu contido moi rico para o estudo do municipio.
Para completar o número de páxinas que incluía a subvención seleccionamos a documentación producida polo concello de San Adrián de Veiga entre os anos 1836 e 1849, anos nos que foi concello de seu. No mesmo caso estarían os concellos de Couzadoiro e Freires, pero como a documentación dos tres concellos excedía o límite de páxinas, eliximos o de San Adrián en representación dos tres.
Todas as imaxes resultantes do proceso de dixitalización poden visualizarse a través do Arquivo Dixital de Galicia: http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/archives/archive-card.do?id=48

Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia é o portal utilizado na actualidade por 34 arquivos de diversa titularidade (entre eles o arquivo municipal de Ortigueira), tanto pública como privada, para a difusión do patrimonio documental galego que custodian. A través do portal de Galiciana- ADG dáse acceso, non só aos documentos dos que se proporciona unha imaxe dixital, senón á totalidade dos fondos xestionados por cada unha destas institucións.
Os documentos dixitalizados podedes localizalos a través do cadro de clasificación do arquivo ou facendo unha busca na lapela “consulta”.
O persoal do arquivo municipal está a disposición de todos aqueles que precisedes aclarar calquera dúbida ou axuda para localizar o documento que sexa do voso interese.

---------------------

Texto: María José Villasánchez, directora do Arquivo Municipal de Ortigueira
Fotos: Arquivo Municipal de Ortigueira