xoves, 26 de outubro de 2017

TARDE DE CINE. Visita ao Museo do Mar do Barqueiro e instalacións do Cine Beaz

Entrada no Museo do Mar Ría do Barqueiro (foto Torres)

Un grupo de amigos de Terras do Ortegal, acompañados pola asociación  Nordés do Barqueiro, xunto a Charo —a mellor guía do mundo—  e Pedro, que non parou de sacar fotos, pasamos unha tarde inesquecible recordando vellos tempos tan añorados por todos.
Pillamos a entrada, sentámonos nas butacas, falamos no ambigú, acariñamos  o proxector VANGUARD VIII, en moi bo estado de conservación,  pechamos os ollos e cada quen lembrou unha película…  Eu, para estar máis tempo soñando, optei por “Lo que el viento se llevó”, e abofé que pagaría por vela unha vez máis naquel magnífico ambiente, e facendo ‘manitas’ que para iso tamén se ía ao cine. Iso si, faltábanos Daniel, que tal vez  poñería na segunda sesión  “Veinte mil leguas de viaje submarino” ou “Moby Dick”.

Xosé Mª Torres co profesor Bernardo Penabade (foto Luli)




Gonzalo e Matilde recordaron vellos tempos no ‘Salón de baile’ (foto Luli)
 Pero imos ver que o noso  ‘Capitán Nemo’ particular, dende a distancia que media con Madrid, nos tiña preparada a mellor sorpresa para que seguíramos disfrutando da tarde: un fantástico Museo do Mar (accesible aquíno que nos mergullamos con gusto, coincidindo tódolos presentes en que: «Vaia traballo de colección». 
O fotógrafo Pedro Díaz Tirsio, colaborador
con Daniel Beaz na exposición (foto Luli)


As mellores anfitrionas, a elegante mamá Irene
e a animosa prima Charo (foto Luli)


Que marabilla!  Cincocentos metros cadrados cheíños de mar, de aparellos, nasas, cunchas, barcos, peixes, maquinaria,  fotografías e todo aquilo que ventea fascinación por deixar constancia  á vindeiras xeracións do que traballaron os nosos antergos.
Vicente Pérez recordando vellos tempos
axustando o proxector (foto Luli)


Saúde e moitas grazas a don Daniel Beaz Paleo por xestionar dende a distancia a visita perfecta, desexamos que axiña se faga realidade o seu capricho de capturar un  ‘calamar xigante’ para que luza vizoso no museo.
                                               


Luly Dopico

(Artigo publicado no semanario La Voz de Ortigueira, venres 20.10.17)


luns, 16 de outubro de 2017

Terras do Ortegal apoia a recuperación do Camiño dos Arrieiros


O pasado día 5 de outubro tivo lugar unha reunión nas Pontes á que asistiron diferentes entidades co obxectivo de analizar o estado actual Camiño dos Arrieiros, que discorre desde As Pontes ao Barqueiro e Bares, ao longo de máis de 50 km, así como de tratar recuperalo para uso cultural, recreativo e de vertebración do territorio.

Na reunión participaron entidades dos concellos de Mañón, Ortigueira e As Pontes: Concello de Ortigueira, Asociación Nordés, Asociación Terras de Ortegal, Asociación de estudos históricos e sociais Hume, Clube de Montaña Monte Caxado, Asociación Euroeume e Asociación Seitura22, promotora da convocatoria.

Esta iniciativa tivo lugar polo interese que diferentes asociacións entenden que ten esta rota desde múltiples puntos de vista: histórico, arqueolóxico, cultural, turístico, deportivo…
Desde hai moitos anos diferentes entidades foron amosando o seu interese polas potencialidades que os Camiño dos Arrieiros ten dentro do noso territorio e existen múltiples traballos que sumaron importantes esforzos á hora de investigar sobre o mesmo e tentar a posta en valor deste recurso.

Neste enlace e neste outro podemos ver diferentes descrición das etapas e monumentos que hai no Camiño dos Arrieiros.
A xuntanza xorde do interese de tentar sumar todos estes esforzos, para que o traballo realizado até agora de xeito individual poida ser posto en común, buscando as sinerxias entre os diferentes colectivos á hora de acometer un proxecto colectivo que trascenda os límites municipais e adquira unha dimensión territorial mais ampla ,dado que entendemos que o Camiño dos Arrieiros, xunto co Camiño Inglés a Compostela e o Camiño a San Andrés de Teixido,  é un elemento vertebrador do noso territorio e debe ser abordado  desde as diferentes vertentes que posúe.

Os acordos acadados na Xuntanza pasan por:
- Analizar as diferentes contribucións no estudo do Camiño realizadas até a data de hoxe e que, dada a súa importancia, permiten abordar  o proxecto sen partir de cero.
- Tentar sumar a todos os colectivos interesados nos diferentes aspectos do Camiño.
- Elaborar unha proposta que poida ser abordada en diferentes fases, sempre co obxectivo da posto en valor do Camiño desde o punto de vista histórico, arqueolóxico, cultural, turístico ou deportivo.

Por outra banda entendemos que a celebración desta Xuntanza acada de por sí un obxectivo prioritario, coñecernos entre nós colectivos que, dun xeito ou outro, vimos traballando na posta en valor do Camiño dos Arrieiros, sempre coa esperanza de que esta toma de contacto inicial anime a todas aquelas persoas e entidades interesadas a que se poñan en contacto con algunha das entidades participantes para sumarse con nós a percorrer este Camiño.



martes, 3 de outubro de 2017

VISITA AO MUSEO DO MAR E CINE BEAZ DO BARQUEIRO E PRESENTACIÓN DA REVISTA



O próximo venres, 6 de outubro, ás 7 da tarde, terá lugar a presentación do Nº 4 da revista TERRAS DO ORTEGAL, número que conta cun dossier adicado ao Mañón, formado por 6 artigos; será no salón de actos do Concello de Mañón, que organiza o evento, e que conta coa colaboración da asociación NORDÉS.

Con motivo da asistencia a ese evento, pareceunos oportuno organizar outra actividade previa, para asi completar unha tarde intensa de programación cultural:

- Visita guiada ao Museo do Mar do Barqueiro, un museo privado da familia Beaz. Trátase dunha magnífica exposición das artes de pesca, redes, aparellos, reproducións de barcos entre outros tesouros mariños, que tamén amosa  fotografías de Xoán Ínsua e Pedro Díaz. O museo, que consta de varias salas, foi creado a partir dunha iniciativa altruísta do Enxeñeiro Naval  Daniel Beaz Paleo, a partir do legado familiar, xunto a doazóns e pezas compradas.

Tamén visitaremos o edificio do antigo cine Beaz, que contaba cunhas magníficas instalacións que se conservan aínda hoxe admirablemente.

A doble visita, guiada, comezará a 5.30 da tarde do venres, e durará até pouco antes das 7.
A actividade é gratuita para calquer persoa, sexan socias ou non da asociación TERRAS DO ORTEGAL, pero require inscripción previa no teléfono 678 910 082.
.