luns, 16 de outubro de 2017

Terras do Ortegal apoia a recuperación do Camiño dos Arrieiros


O pasado día 5 de outubro tivo lugar unha reunión nas Pontes á que asistiron diferentes entidades co obxectivo de analizar o estado actual Camiño dos Arrieiros, que discorre desde As Pontes ao Barqueiro e Bares, ao longo de máis de 50 km, así como de tratar recuperalo para uso cultural, recreativo e de vertebración do territorio.

Na reunión participaron entidades dos concellos de Mañón, Ortigueira e As Pontes: Concello de Ortigueira, Asociación Nordés, Asociación Terras de Ortegal, Asociación de estudos históricos e sociais Hume, Clube de Montaña Monte Caxado, Asociación Euroeume e Asociación Seitura22, promotora da convocatoria.

Esta iniciativa tivo lugar polo interese que diferentes asociacións entenden que ten esta rota desde múltiples puntos de vista: histórico, arqueolóxico, cultural, turístico, deportivo…
Desde hai moitos anos diferentes entidades foron amosando o seu interese polas potencialidades que os Camiño dos Arrieiros ten dentro do noso territorio e existen múltiples traballos que sumaron importantes esforzos á hora de investigar sobre o mesmo e tentar a posta en valor deste recurso.

Neste enlace e neste outro podemos ver diferentes descrición das etapas e monumentos que hai no Camiño dos Arrieiros.
A xuntanza xorde do interese de tentar sumar todos estes esforzos, para que o traballo realizado até agora de xeito individual poida ser posto en común, buscando as sinerxias entre os diferentes colectivos á hora de acometer un proxecto colectivo que trascenda os límites municipais e adquira unha dimensión territorial mais ampla ,dado que entendemos que o Camiño dos Arrieiros, xunto co Camiño Inglés a Compostela e o Camiño a San Andrés de Teixido,  é un elemento vertebrador do noso territorio e debe ser abordado  desde as diferentes vertentes que posúe.

Os acordos acadados na Xuntanza pasan por:
- Analizar as diferentes contribucións no estudo do Camiño realizadas até a data de hoxe e que, dada a súa importancia, permiten abordar  o proxecto sen partir de cero.
- Tentar sumar a todos os colectivos interesados nos diferentes aspectos do Camiño.
- Elaborar unha proposta que poida ser abordada en diferentes fases, sempre co obxectivo da posto en valor do Camiño desde o punto de vista histórico, arqueolóxico, cultural, turístico ou deportivo.

Por outra banda entendemos que a celebración desta Xuntanza acada de por sí un obxectivo prioritario, coñecernos entre nós colectivos que, dun xeito ou outro, vimos traballando na posta en valor do Camiño dos Arrieiros, sempre coa esperanza de que esta toma de contacto inicial anime a todas aquelas persoas e entidades interesadas a que se poñan en contacto con algunha das entidades participantes para sumarse con nós a percorrer este Camiño.



Ningún comentario:

Publicar un comentario