martes, 26 de maio de 2026

O profesor Martiño Montero, o editor Jesús Blázquez e o cronista Carlos Breixo participarán no Congreso sobre Cunqueiro que terá lugar en Ortigueira en outubro deste ano 2026

 

O profesor Martinho Montero Santalha, catedrático de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da Universidade de Vigo, participará no Congreso que sobre “Cunqueiro en Ortigueira en 1936” está a organizar a asociación Terras do Ortegal e que terá lugar na primeira quincena de outubro deste ano, en que se cumprirán 90 anos da chegada do escritor mindoniense. O profesor Montero Santalha, natural do concello ortegalés de Cerdido, onde hai poucos días foi nomeado Fillo Predilecto, analizará o pensamento de Cunqueiro sobre a lingua galega e a súa relación coa lingua portuguesa.

Está confirmada tamén a intervención de Jesús Blázquez, director e propietario de Ediciones 98, prestixiosa casa que está editando con esmero as obras e castelán de Cunqueiro, e que mantén diversas iniciativas sobre o escritor, como a Ruta Literaria Virtual: Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo que ofrece novas formas de achegarse á vida e obra do xenial escritor.

Complétase o trío de novos relatores coa figura de Carlos Breixo, historiador e Cronista Oficial de Ortigueira, bo coñecedor da época e da estancia de Cunqueiro na nosa Vila.

Estes tres investigadores e estudosos únense ao profesor Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, que, como xa temos anunciado, impartirá a lección inaugural deste congreso que tratará da vida e da obra do ilustre escritor galego partindo da súa estancia en Ortigueira, vila á que chegou a principios de outubro de 1936.

Cunqueiro en Santa Marta, un punto de inflexión

Convén lembrar que Álvaro Cunqueiro Mora chega á localidade do Ortegal en outubro de 1936 cando aínda era un estudante da Universidade de Santiago, onde seguía —con certa displicencia e dilettantismo— desde había anos os estudos de Filosofía e Letras, se ben era xa un escritor coñecido —publicara tres libros de poesía—, colaboraba regularmente en periódicos e revistas, e dictaba con maestría e erudición conferencias sobre temas culturais. Así mesmo, na capitalidade do Ortegal cambiou a súa adscrición política; se ata entón era membro do Partido Galeguista e participara en mitins en favor do Estatuto Galego, plebiscitado o 28 de xuño de 1936, apenas unhas poucas semanas antes, coa nova realidade política, social e militar trala sublevación franquista do 18 de xullo, optou por integrarse na sección local de Falanxe Española, colaborando nos seus medios de prensa e propaganda de forma activa. Aquí estaría ata mediados de maio de 1937, case 8 meses que marcarían a súa vida.

Relatores nas xornadas de estudos

En próximas datas iremos confirmando novas incorporacións ao plantel de relatores deste congreso que durante dous días tratará de poñer en valor a estancia de Cunqueiro en Ortigueira, onde xa se teñen feito algúns actos de rememoración, incluído a colocación dunha placa no edificio onde estaba o hotel no que se aloxaba. Son pasos que vai dando o Comité organizador do congresso que, baixo a direccion de Manel Bouzamayor, presidente de Terras do Ortegal, conta cun Consello Asesor formado por Ramón Loureiro, xornalista, escritor e estudoso da vida e obra de Cunqueiro, e de Manuel Lopez Foxo, escritor e crítico ortigueirés, un dos primeiros que amosou interese na difusion da estancia de Cunqueiro en Ortigueira.


--------------