xoves, 30 de outubro de 2025

Renovada a placa que lembra a estancia de Álvaro Cunqueiro en Ortigueira




Álvaro Cunqueiro chegou a Ortigueira a primeiros de outubro de 1936, hai 89 anos, fuxindo da violencia fascista do seu Mondoñedo natal, onde percibía o perigo dada a súa militancia galeguista. 

Así o saudaban desde as páxinas de La Voz de Ortigueira (páx. 4 do nº 1064, do 10 de outubro de 1936) 

Ha llegado a esta Villa el culto publicista, D. Álvaro Cunqueiro Mora, licenciado en Filosofía y Letras, que viene a formar parte del cuadro de profesores del acreditado Colegio “Santa Marta”. Nos complacemos en saludar a tan distinguido mindoniense y hacemos votos para que con sus excepcionales dotes contribuya más al esplendor, ya reconocido, de tan importante centro de formación.

En realidade, Cunqueiro carecía do título universitaria que se lle atribuía; matriculárase, si, en Filosofía e Letras en 1927, pero nove cursos despois só aprobara algunhas asignaturas, se ben era xa un escritor recoñecido. O seu expediente académico pode consultarse aquí.

Como se apunta na nota do semanario, na nosa Vila traballou como profesor na Academia de bacharelato Santa Marta, dirixida polo presbítero D. Jesús Márquez Cortiñas, vilalbés de nacemento. Xa non quedan alumnos vivos. As últimas persoas que recibiron o seu maxisterio en Ortigueira foron Ana María Bouza Fernández (falecida en 2022 aos 97 anos) e Filo Escudero González (falecida en en 2023 aos 98 anos), ambas nacidas en 1925.

Por que veu a Ortigueira?

Cunqueiro chegou a Ortigueira, unha vila de raiz conservadora (pese ao que estaba de alcalde, desde as elecións de febreiro do 36 Alfredo Rebollar, de Izquierda Republicana), onde non houbo excesivos traumas pola chegada do novo réxime franquista (pero sí en Cariño, pertencente naquela altura ao concello ortigueirés, e xa non digamos en Cedeira ou en Mañón) buscando tranquilidade e refuxio. Algúns desinformados apuntan que tras chegar buscou traballo e que o atopou na Academia citada.

Non foi así. Cunqueiro, como ten demostrado Carlos López-Keller en “...de tan branca negra. Álvaro Cunqueiro en Santa Marta”, artigo publicado no número 7 (2020) da revista Terras do Ortegal, chegou xa co posto de traballo confirmado: O pai de Cunqueiro, Joaquín, era amigo de Daniel Pernas Nieto, o crego-poeta, natural de Abadín, párroco do Ermo, pero que residía en Ortigueira, onde era capelán do Asilo Dolores Díaz de Dávila. Coñecía desta maneira a Jesús Márquez Cortiñas, crego natural de San Simón da Costa, en Vilalba, e debeu interceder con el para atoparlle un oco no plantel da Academia, o que non lle viña mal, pois os profesores non pasaran pola universidade.

Cunqueiro e Era Azul

O escritor mindoniense colaborou coa Falanxe local, poñendo en marcha o semanario Era Azul, boletín propagandístico e noticioso impulsado polo xefe comarcal de Falanxe, o ortigueirés Feliciano Crespo Bello, tamén profesor na citada Academia. Aquí Álvaro sufriu un cambio radical nas súas opción políticas (ata entón era membro do Partido Galeguista), e afiliouse a Falanxe, o que lle aseguraba protección. Iso máis a s súas capacidades literarias contribuíron a abrirlle paso no xornalismo do novo réxime franquista.



Na capital do Ortegal aloxouse no hotel Cuba que existía naquela época, na céntrica praza das Tres Farolas, propiedade de Segundo Fontela Teijeiro (sic, aínda que na publicidade o apelido figuraba como Fontenla), nacido en Miñaño (Luama) en 1890, e que estivera emigrado en Cuba, onde fora en 1922, Tesoureiro do Club Ortegano. O hotel publicitábase que tiña “Todas las habitaciones exteriores. Cuarto de baño. Cocina de primera”. Alí residiu Cunqueiro ata primeiros de maio do ano seguinte, en que marchou para Vigo (neste artigo no dixital Praza.com detallamos algo máis esta marcha).

En 2021, o 18 decembro, a asociación Terras do Ortegal lembrou o 85º aniversario da chegada de Cunqueiro cunha conferencia no teatro de Beneficencia do escritor e xornalista Ramón Loureiro —premio Julio Camba de Xornalismo— ao que seguiu, xa na praza das Tres Farolas, un breve parlamento da profesora Carmen Loureiro nos momentos previos do descubrimento dunha placa conmemorataiva, que contaron coa presenza musical dun escollido grupo da Escola de Gaitas de Ortigueira, dirixido polo seu director, Rodrigo López.

A placa fora doada para a súa instalación polo ciclo medio de Madeira e Moble do instituto de Ortigueira, e realizada en madeira. 


Participantes en 2021 no descubrimento
da primeira placa na honra de Cunqueiro

Renovación da placa

O paso do tempo e a humidade provocada pola choivas deterioraron o rótulo conmemorativo, polo que agora, coincidindo co 89 aniversario da chegada do escritor, Terras do Ortegal colocou unha nova placa, executada asimesmo polo ciclo medio de Madeira e Moble. Este novo letreiro está confeccionado en panel HPL, un material de alta resistencia, e executado en vermello, o que aumenta a súa visibilidade.

Damos as grazas ao citado Ciclo de Madeira e de forma especial ao seu director, o profesor Alberto Gallego.

Finalizamos indicando que para o ano que ven, 2026, cando se cumprirán os 90 anos da chegada de Cunqueiro á nosa bisbarra, a asociación Terras do Ortegal ten intención de celebrar unha xornada de estudos, con varias conferencias, en homenaxe ao grande escritor mindoniense.


-------------------------------

N.B.: Unha version máis breve desta entrada foi publicado no semanario La Voz de Ortigueira do 24 outubro de 2025.


Texto: Xosé María Torres

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario