venres, 23 de abril de 2021

Ortigueira hai 175 anos. Que pasou aquel 23 de abril de 1846?

 

Ortigueira uns anos despois dos feitos. Vista
do pintor Ricardo Balaca (4.09.1868)
Aínda segue en pe a vella igrexa do Ponto


Como ben sabía Cervantes, unha liña lixeira, case invisible, separa o heroico do ridículo. Hai 175 anos Manuel Fernández Poyán, avogado e fiscal en Santa Marta, decidiu transitar ese delicado fío de ronsel.

O 2 de abril de 1846 o coronel Miguel Solís protagonizaba un levantamento militar en Lugo; o 15 de abril Santiago sumábase ao movemento co respaldo de referentes do progresismo galaico como Antolín Faraldo ou Juana de Vega, viúva do guerrilleiro Espoz y Mina. Para o 20 de abril Manuel xa tiña organizado en Ortigueira un comando na compaña de Ramón Díaz (avó de Julio Dávila), Fernando Pita, Valentín CambaJacobo Álvarez. Aquela mesma tarde o grupo reivindica as súas primeiras accións: aprópianse da correspondencia dun correo real, a quen deixan mallado na pousada, e rouban un cabalo a Manuel Teijeiro, que un criado chamado Vicente Soto, alcumado Carrizo, levaba á corte. 

Retrato oficial
de Manuel Fernández Poyán
como deputado nas Cortes

Na mañá do día seguinte abandonaban Santa Marta. O grupo contaba xa cunha ducia de membros; sobre os cinco orixinarios, xuntáranse Ramón Almoina (cirurxán), Vicente Rivadeneira, Francisco Pita, Ricardo Cao, José Villamil, Vicente Cuevas e Vicente Nieto (ex-carabineiro). Antes de marcharen, Manuel despediuse do seu pequeno afillado de dez anos, Ramón Álvarez Caneiro, quen sería tío carnal de Ramón Álvarez Fustes

O comando dirixiuse a Santiago; Manuel sobre o cabalo roubado, e os outros once andando. Na mañá do 23 de abril, mortos de cansazo, chegaron ás portas de Compostela, apenas para contemplar dende os altos de Salgueiriños a derrota da pequena revolución, novamente frustrada. 

Foi entón cando Manuel fixo chamar nun aparte a Ramón Díaz e díxolle que fuxía. Aproveitando que aínda tiña o cabalo do Carrizo, escaparía a Portugal, abandonando ao resto á súa sorte nunha terra inzada de militares. E tal cual fixo. O grupo esgazouse: Rivadeneira e Camba marcharon a Portugal, Nieto escapou cara o monte e os outros oito quixeron regresar a Santa Marta, mais foron detidos o día 27. Os soldados comentáronlles entre risos que o día anterior os dirixentes da revolta foran fusilados no camposanto de Paleo, perto de Carral, e que os seguidores dos sediciosos correrían a mesma sorte. 

Ramón Díaz, Fernando Pita, Valentín Camba e Jacobo Alvarez foron condenados a pena de morte, por participaren no ataque contra o correo; os outros cinco, Ricardo Cao, Ramón Almoina, Francisco Pita, José Villamil e Vicente Cuevas foron condenados ao desterro en África.

Por fortuna, a sentenza non se cumpríu. Despois de cinco meses na cadea, todos eles foron amnistiados (ver neste mesmo blog: Que lle debe Ortigueira a Isabel II?). 

Monumento aos
mártires de Carral


Non soamente amnistiados. Os protagonistas do levantamento do 1846 pasaron en moi poucos anos de ser traidores a ser heroes. Abeirado entón pola brisa do éxito, Manuel Fernández Poyán regresou do exilio en Portugal e iniciou unha carreira política co orgullo de ser compañeiro de loita dos mártires de Carral. Foi deputado nas Cortes, decano do Colexio de Avogados de A Coruña e home de éxito e fortuna. Os outros once non esquecerían ao traidor. 

Ramón Díaz, o vello lugartenente de Poyán, foi o pai de Dolores Díaz, quen aínda hoxe presta o seu nome ao asilo de Santa Marta, e avó de Julio Dávila. O seu neto atopou entre os seus papeis un vello caderno de sesenta e tres páxinas titulado “Los doce amigos” onde se relataba a historia. De regreso a Arxentina, Julio Dávila publicou na revista Almanaque Gallego, en 1902, un espléndido artigo sobre o caderno que atopara entre as pertenzas do seu avó.

O 23 de abril de 1521 o exército do Emperador Carlos rematou nas campas de Villalar co soño comuneiro; cúmprense agora cincocentos anos. Pero Ramón Díaz lembraría a derrota doutro 23 de abril; o día de 1846 no que ás beiras do Tambre o seu xefe abandonounos chorando, baixo unha choiva de torrenteira, para fuxir a Portugal. Dalí regresaría meses despois, heroico e ridículo, preparando un peito enchido de fachenda para recibir as medallas dos mártires.

Sic transit gloria mundi.

------------------------------

Texto: Carlos López-Keller Álvarez

Para máis información:

  • López-Keller Álvarez, Carlos (2014): "Santa Marta na revolta de 1846. Peripecias da cuadrilla de Poyán, revista Terras do Ortegal nº 1, 75-84.



xoves, 8 de abril de 2021

Prietas las filas: Os batallóns escolares en Ortigueira

Batallón infantil en Tui arroupando

ao arcebispo de Santiago con armas

e instrumentos musicais.




Malia o clima de crispación política e social no que estamos vivindo, e que teñen a escola tamén coma lugar de habituais enfrontamentos, de momento, a ningún dos nosos políticos e nomeadamente aos dese novo nacional populismo rampante se lles ocorreu resucitar aqueles antigos batallóns escolares, aos que imos dedicar unhas liñas. 

Os primeiros batallóns escolares xurdiron na Europa do século XIX (Francia regularizounos en 1882) respondendo ao interese da clase burguesa por disciplinar e domesticar aos fillos da emerxente clase obreira, ademais de ser un tempo no que se comezaba a aceptar as bondades da actividade física na educación dos infantes.

En España unha das primeiras experiencias púxoa en marcha o pai Andrés Manjón nas súas Escolas do Ave María en Granada (1888). Uniformou ao seu alumnado (xitanos, pobres e analfabetos), e aplicou un réxime castrense, mesmo dotándoos de réplicas en madeira das armas do Exército. Esta foi a liña de implantación dos primeiros batallóns españois, con nenos dos hospicios e de escolas públicas municipais. 

Batallón escolar nunha escola francesa
(1882-1900)

Porén, tivo tamén moitos detractores. A Institución Libre de Enseñanza (ILE) foi a máis firme nas súas críticas. Un dos seus seguidores, o coruñés Eduardo Vincenti, sendo director de Instrución Pública, prohibiu en 1894, a través dunha Circular, a participación dos mestres nestes proxectos “por temor a que esperte nos nenos un instinto belicoso”i

Sen embargo os ditadores militares foron moi proclives a fomentar e impor estas prácticas. Así Miguel Primo de Rivera (1924-1931) creou o Servizo Nacional de Educación Física, Cidadana e Premilitar co obxectivo de institucionalizar un sistema de educación física de adoutrinamento patriótico. A militarización dos escolares na España franquista foi un feito habitual que contou coa complicidade da xerarquía católica. Tratábase de formar dende a escola primaria a unha nova xeración da cruz e da espada que se identificara cos valores do novo Estado e seguise as pautas da nova ideoloxía nacionalcatolicista. Desfiles, saúdos, marchas e paradas militares mesmo con armas as máis das veces feitas de madeira por veciños habelenciosos son algúns dos aspectos que me traslada un veciño e amigo lembrando os seus anos de escola na súa aldea de Devesos:

  • —“ 
    La Voz de Ortigueira, 30.01.1937
    O que era escola, escola, poñía pouca. Entre as visitas daquel cura falangueiro, que adornaba a súa pequena figura cunha sotana na que sobresaía unha incontábel ringleira de botóns e un descolorido chapeu, e os continuos desfiles militares, que con mosquetóns de madeira feitos por un veciño carpinteiro, que mesmo parecían de verdade, botábamos a meirande parte do tempo
    ”.

Outra referencia destes batallóns infantís atopámola nesta ocasión no libro “Galicia: o oficio de vivir. Nenosii de Gonzalo Allegue, onde vemos un completísimo batallón infantil fotografado despois de facerlle unha parada militar de benvida ao arcebispo de Santiago de Compostela na súa visita á catedral de Tui

E por último para afondar máis nesa comuñón igrexa-escola-patria, reprodúcese unha crónica da festa patronal da parroquia devesana. Na páxina 3, o xornalista describe o fervor patriótico e relixioso daquela rapazada:

  • ..”A los acordes de la afinada banda «Lira Ortegana» y precedidos de la enseña de la Patria, aparecen, en correcta formación, los apuestos «CAMISAS AZULES*, escuadras de la Falange y «FLECHAS» que al mando de su Jefe local (el culto maestro nacional D. Salvador Díaz Manso) ocupan en perfecta línea la nave central, subiendo un piquete las gradas del altar para hacer guardia de honor al Señor de los Ejércitosiii.

Como epílogo do texto, o redactor pregúntase con certa ironía, se esta nova infancia- limpa, correcta e disciplinada- será a mesma que aqueloutra rebelde e agreste en cuxos corazóns depositaran os seus mestres o xermolo do rancor nun ambiente social infecto (sic), en clara referencia ao alumnado da escola laica La Devesana



Cara al Sol...

En sintonía co réxime dominante no país , a disciplina militar foi  ben vista por moitos profesores de educación física, rescatados do Exército,  que exerceron ata ben avanzados os anos sesenta do século pasado. Se quitamos as arañeiras dos nosos ollos aínda podemos lembrar con claridade as salas de ximnasia dos nos nosos institutos. mosaicos imaxinarios inzados dun aire espartano onde resoaba con aire marcial a voz do profesor:  “dereita, esquerda, media volta, aliñaaaaarse!!! ”.


  1. i El Correo Militar, Madrid, 13 de setembro de 1894.
  2. iiGalicia: o oficio de vivir. Nenos. Editorial Nigra Imaxe. Vigo. 1997.
  3. iiiLa Voz de Ortigueira. Nº 1080. Año XXII, 30 de xaneiro de 1937.

-------------------

Texto: Emilio Castro Fustes, mestre.




mércores, 7 de abril de 2021

A rúa do Príncipe de Ortigueira... a que príncipe se refire?

Alfonso XII en 1865, cando se lle
puxo o nome de Príncipe
á rúa de Ortigueira

A rúa do Príncipe do Ortigueira é unha das máis características de Ortigueira, entre outras cousas porque é a que conduce ao Cemiterio Municipal situado na punta de Requeixo. 
 A rúa sae da praza de Isabel II, tamén chamada do Concello ou da Igrexa, pois ambas institucións se sitúan nela, e incluso praza do Mercado, pois nela tiña lugar o mercado semanal de xoves e domingos ata os anos 70 de pasado século XX, do que queda o esbelto tinglado de columnas, con deseño modernista, recentemente restaurado en 2020.

A rúa do Principe foi, durante o século XIX, unha das 3 máis importantes do casco vello da localidade; recibía daquela o nome de rúa do Medio (había tamén a de Abaixo e a de Arriba) ou do Comercio, pois nela se situaban os establecementos comerciais da vila, ubicados en baixos con soportais, como nos ten lembrado Manel Bouzamayor na súa serie "Ortigueira en el siglo XIX" (*). Nun principio a rúa chegaba ata a antigua casa Rectoral do Ponto, se ben hoxe considérase que a rúa chega ata o cemiterio.

Unha dúbida que teñen moitos ortigueireses é: a que príncipe se refire a nome da rúa?

Para dilucidalo, imos facer a pescuda en dúas partes:

Alfonso XII de mozo

1. Desde cando ten o nome de rúa do Príncipe?

Para sabelo, recorremos aos datos que temos dos nacementos dos fillos de Florentino Castiñeiras Cao, o fundador da tradicion musical de Ortigueira a mediados do século XIX. Casada con Petra Villarnovo, o matrimonio tivo máis de 10 fillos, o primeiro dos cales foi Pedro, que máis tarde sería farmacéutico e artista destacado (*). Pois ben, Pedro naceu en 1851 na rúa do Medio, o mesmo que varios dos seus irmaos ata 1863 en que naceu Victor; pero cando nace Benigno, en 1866, o nome da rúa xa cambiara ao de Príncipe.

Pero xa uns meses antes, cando nace María Jesús Díaz Teijeiro, tía de Camilo Díaz Baliño e tía-avóa, por tanto, de Isaac Díaz Pardo, en outubro de 1865, a rúa se denomina "do Príncipe". Polo tanto, estimamos que o cambio debeu producirse a principios ou mediados de 1865.

2. A que príncipe se refire?

Esta dúbida ten máis fácil solución. Sen pensalo moito, calquer ortigueirés pode pensar que se trataría de Alfonso XII ou Alfonso XIII, pero vendo os anos dos que estamos falando, todo nos conduce a Alfonso XII. Vexamos algún dato del:

Alfonso Francisco de Asís Fernando Pío Juan María de la Concepción Gregorio Pelayo de Borbón e Borbón naceu en Madrid o 28 de novembro de 1857; era fillo da raíña Isabel de Borbón, Isabel II (ver outra entrada no noso blog: Que lle debe Ortigueira a Isabel II?que se ben estaba casada con Francisco de Asís de Borbón (curmá da propia raíña) e era o rei consorte, non foi o pai biolóxico do príncipe. En efecto, está recoñecido que o pai verdadeiro foi o 

Caricatura cos diferentes periodos
do Sexenio Democrático

capitán de enxeñeiros Enrique Puigmoltó, un aristócrata, que foi un dos numerosos amantes que tivo a raíña (unha tradición borbónica, á que despois se dedicaron con amplitude Alfonso XII, Alfonso XIII e o actual "rei emérito" Juan Carlos I).

A vida do futuro Alfonso XII foi convulsa: en 1868 ten lugar a Revolución Gloriosa, coa derrota das tropas isabelinas na batalla de Alcolea, debido á que a familia real foxe a Francia, e hai unha sucesión de acontecementos vibrantes durante os 6 anos do chamado Sexenio Democrático:


  1. Goberno Provisional (1868-1871)
  2. Nomeamento de Amadeo I de Savoia (1871-1873) como rei de España.
  3. Primeira República (1873-1874), que remata cun pronunciamento militar pro-monarquía.
  4. Restauración da monarquía na persoa do rei Alfonso XII.

Este último retorna a España en xaneiro de 1875. Tería un reinado curto, pois en novembro de 1885 morre de tuberculose, a escasos días de cumprir os 28 anos.

Cando se lle da (sen saber o motivo) a nova designación da rúa en 1865, o futuro Alfonso XII tiña 9 anos; tras iso, non sabemos se o concello ortigueirés suprimiría o nome en 1868 ou en 1873, durante o periodo revolucionario e republicano, e se sería restaurado en 1875. En todo caso, o nome de  rúa do Príncipe foi o que chegou a nós nesta altura do século XXI.

Finalmente, aclarar, como saberán moitos, que en realidade Alfonso XIII, fillo póstumo de Alfonso XII, naceu xa rei, polo que nunca foi principe, nin por tanto se lle puido dedicar a él a nosa rúa.


Bibliografía

(*) Publicada inicialmente en La Voz de Ortigueira e despois en La Prensa Ortegana, o semanario que el mesmo editou durante 3 anos, entre 2016 e 2018.

- Torres Bouza, Xosé María. "Pedro Castiñeiras Villarnovo (1851-1927), farmacéutico músico e artista". Inédito