mércores, 27 de maio de 2015

Presentación de TERRAS DO ORTEGAL no Ateneo de Ferrol




O pasado mércores, 20 de maio, realizouse no Ateneo de Ferrol unha mesa redonda de presentación de varias revistas locais; entre elas, Columba, editada pola asociación de igual nome de Covas, unha parroquia ferrolá, Hume, editada pola asociación que leva igual nome, de As Pontes de García Rodríguez, e a nosa revista, Terras do Ortegal.

A xornada de encontro destas revistas, todas de formato libro e frecuencia anual, foi proposta polo director do Ateneo, Eliseo Fernández, como continuación da xornada que tivera lugar en marzo, na que se presentaron outras revistas culturais: Murguía, de ámbito galego, Cátedra, de Pontedeume, e a Revista de Neda.
No acto en sí, como pode verse na fotografía que acompañamos, estiveron presentes -dedereita a esquerda- José López Hermida, de Columba, Antonio Castro, de Hume, Eliseo Fernández, e Xosé María Torres, de Terras do Ortegal, se ben estaba tamén presente Manel Bouzamaior, vicepresidente da nosa asociación.
Ademáis de presentar as respectivas revistas, de como xurdiron, os temas que tratan (en xeral do ámbito sociocultural-histórico, pero sempre nun sentido amplo), e a regularidade da sua aparicion, o acto serviu de intercambio sobre as respectivas experiencias.
Columba, a máis veterana, leva xa 15 anos, Hume, leva xa 7 números e Terras doOrtegal vai sacar proximamente o seu número 2.

Para rematar esta entrada, dicir que o número 2 de Teras do Ortegal está actualmente en preparación, agardando que se poda presentar a primeiros do mes de xullo. O exemplar deste ano conta cun bon feixe de artigos que agardamos sexan de interese para os hbaitantes da comarca, pero salientamos que o tema central da revista, con 5-6 artigos específicos, estará adicado ao Concello de Cariño, que cumprirá proximamente 27 anos de existencia.


luns, 11 de maio de 2015

TOMA DE POSESIÓN DE CARLOS BREIXO, NOVO CRONISTA OFICIAL DE ORTIGUEIRA

por Manel Bouzamayor 

Desde o día 4 de abril temos novo cronista oficial no concello de Ortigueira. O acto de investidura supuraba emoción por todos os recunchos.

As primeiras palabras foron postas en boca do Alcalde, Rafael Girón, que non dubidou en expoñer as razóns que decidiron que o homenaxeado, por unanimidade no Pleno, fora elixido para ocupar o posto que levaba baleiro case que un cuarto de século.

Por riba  de todas elas subliñou o seu apoio desinteresado, ó longo destes anos, sempre que os seus coñecementos eran requeridos en eventos onde a nosa historia tiña un papel principal e, por suposto, a necesidade de revitalizar e poñer ó día  a crónica local.
O profesor Vicente Peña, amigo dende a infancia, en San Claudio, do home que ven a ocupar este posto honorífico, fixo un percorrido pola vida do mesmo dende a súa infancia, cando os xogos dos nenos pasan por ser a mellor aprendizaxe. Era doado albiscar como as palabras, con sincero sentimento, de Vicente, eran quen de poñer pinceladas de emoción na faciana do noso novo cronista; acenos cheos de sinceridade e produto de anos adicados a unha afección agochada: a historia da nosa comarca do Ortegal.
Chegoulle a quenda á persoa que viña sendo o epicentro da xuntanza: Carlos Breixo. Despois de rememorar os anos duros da emigración dos seu pais en Francia e os anos adicados tanto ós estudios primarios  coma os da formación profesional, os acenos máis alegres, e tamén máis sentidos, ían amosando cando contaba as súas relacións con Federico Maciñeira Teijeiro e Rafael Usero; recordou coma os cartafols do primeiro e as primeiras visitas ós diferentes arquivos da man do segundo conseguiron agromar a súa verdadeira afección que non dubidou en desenrolala ó través da asociación cultural Arrós; a cal, sen dúbida, foi a que fixo que o seu nome comezase a dar os primeiros pasos para ficar gravado na memoria da nosa historia.
 Quixo deixar unhas palabras para Alfonso X, pois foi o rei que dotou á nosa vila da carta foral ou “Foro de Benavente” e cuxo pasamento aconteceu, cousas de trasnos, un 4 de abril de fai 731 anos. Por suposto, adicou unhas palabras ós seus antecesores no cargo: Federico Maciñeira, Julio Dávila e Laureano Alvarez. A meticulosidade de Maciñeira e Dávila nos seus traballos e no estudio das fontes que utilizaron, así como o amor á terra e a coidada literatura de Laureano Alvarez fan deles, aínda hoxe, un lugar de culto para os estudosos da nosa terra.
Teño que engadir unha virtude máis do noso flamante cronista que fun quen de percibir en todos os faladoiros, xuntanzas ou charlas nas que tiven a oportunidade de participar. Estou  a falar da capacidade que ten para transmitir o que está a contar, de facernos partícipes dos seus estudios e investigacións, pois as emocións que libera con cada palabra levan o contaxio consigo; é, en definitiva, un contador de historias. Tamén o recalcou na súa intervención cando quixo dar a mellor definición dun cronista da historia: acudindo ó dicionario  pódese ler que a historia non é máis que a narración verídica de feitos ocorridos no pasado…
Noraboa ó novo cronista, pois xa temos, sen dúbida, unha inestimable pluma que deixará a historia da nosa comarca gravada en letras de ouro, así como un bo comezo para conservar o noso patrimonio doutro xeito; e parabéns ó concello por escoller, tamén sen dúbida, á persoa máis indicada para levar a cabo o que ten encomendado este posto.                                                                                                               

Artigo publicado no semanario La Voz de Ortigueira o pasado 10 de abril de 2015)

martes, 5 de maio de 2015

Presentación de Terras do Ortegal no Ateneo de Ferrol



O próximo dia 20 de maio, mércores, ás 7.30 da tarde, presentaremos a nosa revista, Terras do Ortegal, co seu número 1, no Ateneo de Ferrol, que nos trasladou a sua invitación hai xa varias semanas.

A presentación está enmarcada nunha mesa de presentación de revistas locais xunto coa revista Hume, de As Pontes, e a revista Columba, de Covas (Ferrol). Trátase da continuación doutra xornada desenvolvida no mes de marzo na que se presentaron outras revistas do ámbito histórico cultural da bisbarra, como a revista Cátedra (Pontedeume) e a Revista de Neda, así como a revista Murguía, de ámbito galego
faremos a presentación do número 1, de 2014, aínda vixente mentras seguimos preparando o número 2, que sairá nuns poucos meses).
Agardamos que os ferrolanos e a xente da nosa comarca (Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira e Mañón) que residan en Ferrol poidan asistir á presentación.