sábado, 29 de outubro de 2022

Ortigueira acolle con agarimo a reedición de «O carreiro. Memorias do Tío Santos» de Narciso Luaces Pardo

 

De esq. a dereita: Felipe Senén López, Luis Luaces,
Emilio Castro e Xosé Mª Torres (no atril)



O pasado 28 de outubro de 2022, venres, tivo lugar no Teatro de Beneficencia de Ortigueira a presentación da nova edición do primeiro libro de Narciso Luaces Pardo, creador e impulsor do Museo Etnográfico de Meixido (Freires).

A anterior edición do libro —esgotada desde hai anos— fora publicada por Galaxia no ano 2000, e reimprimida en 2002; agora, a mesma editorial reedítaa na súa colección Literaria, cambiando a portada e cun formato de maior tamaño, pero moi manexable. 

A iniciativa partiu de Luis, fillo de Narciso quen, como declarou na presentación, propuxo a Galaxia a reedición pola frecuencia coa que a xente lle preguntaba onde podería adquirir algún exemplar deste fermoso libro.

No acto do Teatro participaron Emilio Castro, Felipe Senén López e Luis Luaces, amais do vicepresidente de Terras do Ortegal, Xosé María Torres, quen fixo unha intervención breve para encetar o evento, e na que explicou que este tiña unha especial relevancia para a asociación xa que Narciso fora un dos seus membros máis destacados —publicando varios artigos na revista anual— e polo agarimo que se lle tiña dado seu labor cultural, lembrando o seu falecemento hai dous anos, en xullo de 2020.

Deu paso ao verdadeiro mantedor do acto, Emilio Castro Fustes, mestre e exdirector do Museo Pedagóxico de Galicia, socio así mesmo de Terras do Ortegal e, dende hai pouco tempo, presidente da sociedade de instrución e recreo A Devesana. Emilio, por certo, neto de Santos Castro, o Tío Santos evocado no relato, describiu o valor da obra, unha narración biográfica do que fora un carpinteiro especializado na construción de carros do país, pero que tamén tivera outros oficios como obreiro na construción da ponte do Barqueiro, pois o Tío Santos viviu no último terzo do séc. XIX ata a metade do séc. XX, un período de grandes transformacións sociais na bisbarra.

Libro homenaxe a Narciso,
editado en 2018
por Terras do Ortegal

Louvou a riqueza lingüística que atesoura o texto, espello do mundo rural que coñecía de primeira man, como non podía ser doutra maneira, Narciso, o seu autor. Emilio, que xa coordinara en 2018 o libro Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O infatigable compromiso coa terra, editado por Terras do Ortegal e que o propio Narciso puido disfrutar en vida, relatou a importancia que lle daba o biografado aos libros e á educación, e tamén ao progreso social, algo cortado de raíz pola sublevación militar, e posterior ditadura, do xeneral Franco. 

Rematou a súa intervención apelando a quen corresponda a conservar a colección etnográfica que con tanto amor e dedicación xuntaron Narciso e Herminia Cobelo no seu propio casal de Meixido; unha colección formada por 4.000 pezas, como testemuña o Catálogo do Museo recentemente editado.

Catálogo do Museo de Meixido, editado
neste mesmo ano de 2022
pola Deputación da Coruña

Se a fluidez oratoria é unha das virtudes que adorna ao mantedor do acto, non menor é a elocuencia que distingue a Felipe Senén López, arqueólogo, exdirector do Museo Arqueolóxico de San Antón da Coruña, e promotor de moi diversas iniciativas culturais en Galicia ao longo da súa vida. Felipe Senén fixo un canto ao labor desempeñado por Narciso recollendo pezas que describen ese mundo rural que está a piques de perderse.


O investigador gabou a riqueza cultural que cada instrumento evoca, signo dunha Galicia que se vai:«Somos a última xeración que coñeceu o cultivo da terra, o uso dos muíños, os magostos, as tradicións...». Apelou a conservar estas últimas, como a da Santa Compaña, signo dunha riqueza de identidade moi presente, por exemplo, neste tempo de Defuntos, que con tanta forza se vive no noso país, ocasión que aproveitou para rexeitar tradicións alleas como a do Halloween, importada pola televisión e os filmes estadounidenses. Rematou a súa intervención lembrando a súa relación con Ortigueira, onde tan a gusto se sente, o propio Teatro de Beneficencia, marabilla arquitectónica que instou a conservar, e lembrou o seu vencello con persoas de aquí como o propio Narciso e o seu Museo, ou co farmacéutico Alfredo Torres Pajón, con quen o unía unha estreita relación tras a publicación do libro «Las ortigas. Una revisión interesada»editado por edicións O Paporroibo en 1994 e para o que fixo un fermoso prólogo.


A última das intervencións, xa máis breve, correu a cargo de
Xosé Mª López Ferro fai entrega a Narciso
dun obsequio o día da presentación
do libro-homenaxe en Meixido
(agosto de 2018)
Luis Luaces, quen lembrou como el fora testemuña das conversas entre seu pai e a súa avoa —amais de madriña— rememorando a vida e vivencias do Tío Santos, e lembrando a amizade que unía ás dúas familias, amizade que segue a conservarse hoxe en día entre Emilio, neto do Tío Santos, e el mesmo.

O acto contou coa presenza no público do concelleiro de Cultura de Ortigueira, Juan Cao, e dalgún outro membro da corporación municipal, do director do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes, Xosé María López Ferro, bo amigo de Narciso e Herminia, e que anunciou que o libro será presentado dentro de poucas semanas nas Pontes nas instalacións do seu Museo. Estiveron tamén presentes membros da directiva da asociación Nordés, e outros amigos e coñecedores da obra de Narciso chegados de Cariño, Cedeira e outros puntos do Ortegal. O acto finalizou coa sinatura e dedicatoria, por parte de Luis Luaces, de exemplares do libro a algunhas das persoas asistentes.

Por parte da asociación Terras do Ortegal non resta máis que agradecer ao equipo técnico do departamento de Cultura do concello, a axuda e colaboración na organización do evento.

Con esta actividade entrañable deron comezo as previstas pola asociación para o presente curso e que seguirán desenvolvéndose nos vindeiros meses, entre as que destacan, no mes de novembro, a presentación dun novo libro da colección Guías da que se informará proximamente.


----------------------


Texto: Xosé María Torres.

Fotos: Marta Fraga, técnica do dpto. de Cultura do Concello de Ortigueira e equipo de Terras do Ortegal.





xoves, 28 de xullo de 2022

V Obradoiro de fotografía documental de rúa do Festival del Mundo Celta de Ortigueira





Este ano Diego Pérez Dopico Jesús M. Giz organizaron novamente o Obradoiro de fotografía documental de rúa na asociación Galioart, actividade cultural da asociación local que complementa o contido do festival de Ortigueira máis aló da música e o baile e que vai xa pola súa quinta edición.

Este era o ano do desexado retorno, dos sorrisos que se buscaban no 2020 e polos que houbo que agardar un par de anos máis (véxase o video)



Traballaron intensamente na promoción do Obradoiro, segundo opinan estaban a ver como outros talleres de fotografía costaba bastante conseguir a xente necesaria, cancelándose algún deles, segundo o seu punto de vista, a postpandemia ou a precaución dalgúns levaron a que tardasen case até o último momento en conseguir xente dabondo para poder impartir o obradoiro, dado que son os ingresos das inscricións os que pagan integramente os custes de traslado, manutención, aloxamento e honorarios do fotógrafo docente.

Este ano o docente foi Eutropio Rodriguez

, que ademais de ser un fotógrafo cun currículo de moito interese, ten unha calidade docente que foi contrastada no desenvolvemento do Obradoiro. Eutropio impartiu o seu obradoiro coñecido como O ARGONAUTA, que aterraba no MUNDO CELTA para formular unha serie de preguntas aos participantes, as mesmas para todos, pero onde cada un debía atopar as súas propias respostas. Esas respostas serían as que terían que fotografar nun exercicio de escape ao exótico do festival, o cal era un exercicio especialmente complicado para os asistentes por primeira vez. 
Eutropio é coñecido no mundo fotográfico, pola seu labor como fotoperiodista, fotógrafo documental e ultimamente editor en A Central Folque (http://www.folque.com/) que está a traballar profusamente na recuperación de arquivos fotográficos de autores vinculados con Galicia dalgún modo, con libros como o feitizo de Maruja Roca, o danés Curioso en Ordes sobre o etnógrafo Gustav Henningsen, ou o próximo sobre Ton Van Vliet aínda sen título. 




Outro ano máis, os participantes desfrutaron, algúns repetían participación e algún xa dixo que volverá a outros obradoiros, a asociación consegue confiando en distintos docentes que os participantes repitan ano tras ano. Outro ano mais as sensacións foron incribles tras dous días e medio de convivencia intensa, que deixa aos participantes agotados fisicamente pero recargados mentalmente por unha tempada. 


Agradecementos

Coma todos os anos dende a asociación trasladan os seguintes agradecementos:



1 – A todos e cada un dos participantes pola súa asistencia, dobremente aos que repetían por terceiro ou cuarto ano. Iván, Pilar, Pedro, Sara, Alicia, Rosa e Servando, a predisposición e bo ambiente xerado foi en parte gracias a eles.

2 –Aos xa 40 participantes durante as 5 edicións até a data, así como aos docentes Alberte A. Pereira, Xulio Villarino e Tono Arias que foron fundamentais para chegar a este punto. 

3- A todos los que desinteresadamente colaboran na difusión do obradoiro a través dos distintos medios, redes sociais, páxinas web e o máis importante de todos, o boca a boca. 

4 – A Elisardo, de produción, pola súa axuda e facilidades nas xestións dos pases e outros asuntos estes días.

5 –Á organización do festival pola colaboración prestada e a Ángel Lozano, concelleiro do Festival polas súas palabras e compaña na despedida.

6 – A Francisco Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, por estar aí sempre que se precisa algo.


7.- Ao docente, Eutropio, que dende o comezo demostrou gran profesionalidade e durante o obradoiro se foi adaptando en todo momento ás necesidades que se plantexaban no obradoiro e aos pequenos inconvenintes que xurdiron durante a súa impartición. Dende a asociación queren agradecer ter confiado neles, ser constructivo e “tirar do carro” todo o que facía falta e maís para que este obradoiro puidese impartirse finalmente. 

8 – A todos os que en Galioart, limpan, ordean, manteñen o local e a asociación todos os días por AMOR AO ARTE, polo traballo antes, durante e despois do obradoiro.


Resultado do obradoiro

En breve mostrarán algún resultado gráfico do obradoiro, inicialmente ía ser un vídeo resumo pero ao ensinarlle o fotolibro Sonora feito no obradoiro de 2019, Eutropio dixo que quería facer algo semellante, con ese bo costume que é dar formato impreso ao traballo ao que o tempo lle dará valor e que figure como debe figurar nas estanterías de todolos participantes.

Da asociación recordan que deixaron un exemplar do fotolibro Sonora na biblioteca municipal que está dispoñible para consulta.

Podedes seguir as actividades da asociación a través de súa páxina web onde teñen un apartado específico para este obradoiro ou no grupo de Facebook e instagram Galioart.





mércores, 1 de xuño de 2022

Faladoiro en Espasante sobre a fábrica romana de salgado

 

Francisco Hervés,  arqueólogo responsable
da prospección, acompañado de Beatriz
Bermúdez (Terras do Ortegal)
 





Unha tarde soleada e chea dunha luz cegadora agardábanos o pasado día 28 de maio, sábado, no local coñecido coma “Os vellos” en Espasante, foi, xa que logo, o día máis doado para varrer de vez algunha pátina de cor gris que puidera quedar da época de Federico Maciñeira Pardo de Lama, o noso arqueólogo autodidata. Mágoa, pola contra, de non poder escurecer a sala para unha mellor exposición do tema a falar xa que as diapositivas ben o merecían.

Croquis da factoria romana,
orixinal de Federico Maciñeira


Na praia da Concha de Espasante, Federico Maciñeira tiña documentado o achado dunhas pilas pertencentes a unha fábrica de salgado romana, ata tal punto que, coma mellor xeito de conservalas, mercou aqueles terreos; foi agora, ó decidir os seus descendentes vender a propiedade para construír nela, cando volve a cobrar forza dito achado.

O encargado da prospección, o arqueólogoFrancisco Hervés , un home afable e bo conversador, disposto a compartir os seus coñecementos, por riba de todo aquilo que teña que ver coa civilización romana, non dubidou en deleitarnos cun faladoiro, logo da súa presentación por parte de Bea Bermúdez, historiadora, membro de Terras de Ortegal e veciña de Espasante, no cal expuxo o que alí atopou e grazas ó cal acadamos unha información que descoñecíamos. 

Francisco Hervés, nun momento da súa exposición,
seguida con interese polo público


A exposición didáctica que este home fixo do noso patrimonio arqueolóxico foi de tal xeito que conseguiu impresionar ó público alí presente ata chegar a unha intensa participación do mesmo.


Unha vez exposto o achado da escavación non dubidou en engadir que Espasante, e en concreto este lugar da Concha, ten que dar moito máis de si en canto á época romana. Aventurou, expoñendo a lóxica dun estudoso, que semellantes pilas tiñan que ter por forza unhas salinas, moi posible que debaixo do paseo marítimo, para fornecelas e semellante produción de salgado tamén tiña que dispoñer nalgures dunha calzada romana para lle dar saída cara ó resto do imperio. 

Panorámica do centro social de Espasante,
cheo de público

O feito de ter o castro da Punta dos Prados tamén apoia a súa hipótese de que nesta zona conviña facer máis indagacións, mais para iso, claro, hai que contar coas administracións, son elas as que teñen que facer un esforzo aínda que isto, e pola súa experiencia, non semella moi doado pois a cultura nunca se considerou coma beneficio directo de cara a obter votos.

Mentres tanto, e por desgraza, o descubrimento desta fábrica teno perfectamente documentado e situado en coordenadas, e o paso seguinte será volver a tapalo coma mellor e indubidable xeito de conservalo na espera de mellores tempos.

--------------- 

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: Francisco Rivera. Concello de Ortigueira

xoves, 19 de maio de 2022

Como se pode peregrinar a Teixido?

Retablo de santo André
no santuario de Teixido


 




Xa sabemos que hai moitas formas de peregrinar a San Andrés de Teixido para cumprir a promesa. Hoxe vamos contar un par delas por anecdóticas que nos contou Loli Rubido, aínda que un pouco noveladas.



Sandar a vaca.

Un matrimonio do Val de Xestoso tiña a vaca enferma e non daba curado, así que se ofreceron a ir ao santo o día da romaxe se a Gallarda sandaba, xa que era o seu único medio de vida, encima estaba preñada, co que a perda era dobre. 

Unha vaca no camiño a Teixido
Meu dito, meu feito. A vaca curou e pariu un precioso xato. Pero a promesa levaba implícito baixar andando a Costa de Cedeira con garavanzos casteláns metidos nas zocas, e alá van

Case chegando, o home non podía máis e díxolle á muller que camiñaba vizosa, —eu non dou outro paso máis, morro dos pés. Cómo fas ti para ir tan salerosa?

A dona contestou —eu cocín os garavanzos.

En fin…


Ir calada todo o camiño.

Esta era unha muller de ascendencia maragata, asentada en Ortigueira que nunca subira a San Andrés. A piques de xubilarse pediulles a dúas veciñas que ían tódolos anos se podía ir con elas, pois tamén fixera a promesa de visitar o santo en vida. O compromiso con santo André era subir camiñando e sen falar palabra dende San Adrián.

Capela do Socorro vello

As veciñas intentaron convencela para levala en coche, pois vían que o sacrificio da muller era grande, sete quilómetros costa arriba dan moito que andar…

Non houbo maneira, así que emprenderon o camiño pola mañá cedo, subiron á barca no malecón de Ortigueira e cruzaron a ría ata Fornelos, dende alí subirían andando. Pasaron por diante das dúas capelas do Socorro, o Novo e o Vello, decidindo atallar polo Cristo dos Carrís para deixar a pedra no amilladoiro e baixar a Costa Grande que leva ao santuario. Todo ía ben, a señora caladiña, apoiada na vara de abelá, as acompañantes falando e o sol nacendo por Teixidelo.

Xa estaban chegando, un pouco máis e axiña estaría acendendo a vela ante o apóstolo e dándolle as grazas polo que el xa sabía…

Capela do Socorro novo
Mais cando xa divisaban a capela, tropezou cunha pedra e dixo berrando, —caín…

Rota a promesa de ir calada, alí mesmo prometeu volver ao ano seguinte nas mesmas condicións. Por máis que intentaron convencela de que case o lograra e o santo non llo ía ter en conta, non houbo maneira e repetiuse a escena.

Pasou o ano, volveron a subir nas mesmas circunstancias e a muller tropezou de novo na mesma pedra e volveu dicir, —caín… Pero baixiño para que ninguén a escoitara.

Aínda o había de intentar unha terceira vez, pero morreu antes e as veciñas non lles quedou máis remedio que cumprir a promesa por ela, tiveron que ir caladiñas todo o camiño, que moito lles custou, pero fixérono pola alma da defunta que por fin descansou en paz.

Nunca prometas o que non vas poder cumprir…

--------------

Texto: Luli Dopico

Fotografías: Álvaro F. Polo








luns, 2 de maio de 2022

Entrevista a Loli Rubido, xerente da empresa Roteiros

Loli na porta norte do Santuario,
 
de estilo gótico hispano-flamenco,
a parte máis antiga do Santuario

 
 


«Se vas buscando o amor, deberás meterlle no peto unha ramiña de herba de namorar á persoa que che interesa sen que se decate». 

Tantas veces camiñou Loli Rubido Martínez a Teixido, como anécdotas ten para contar, recoñecendo que aprendeu lendo os libros de Maciñeira e de Usero, amén de falar cos parroquianos e xentes do lugar que achegan amplos coñecementos sobre a nosa Meca galega, como ela lle chama, asegurando que de Galicia vén máis xente a San Andrés que vai a Santiago. Con ela falamos.

Ritos de San Andrés de Teixido, o santuario dos pobres.

Cada persoa vai por motivos diferentes, cando se fai unha promesa, hai un porque, sandar dunha enfermidade, por amor, por ter un fillo, por salvarse no mar… Entón os ritos son diferentes.

O máis ancestral é o de levar unha pedra, basado na Biblia, según dí Murguía: “Cando as pedras falen serán testemuña das persoas que fixeron a romaxe”. Este rito que pervive dende hai milleiros de anos e un dos máis antigos da humanidade. As pedras bótanse antes de chegar, nos chamados amilladoiros, dos que Maciñeira contabilizou ata 24. Eu, seis

—dí Loli: o da costa de Ortigueira é o máis grande, e o mellor conservado está no Chao dos Carrís.

Exvotos no altar

Os exvotos en forma de perna, mans, cabeza… Calquera parte do corpo humano feito en cera que se vendía alí mesmo e logo as velas que eran do mesmo tamaño que a persoa ofrecida e que tiñan que chegar enteiras ao santuario e arder dentro da capela días e días.

O rito de portar o cadaleito se te salvabas dun
ha enfermidade grave, xa non está en vixencia. A persoa levaba a caixa e deixábaa pendurada das paredes laterais do templo, chegaron a ter tantas que tiveron que buscarlle una nova ubicación, baixo o mesmo atrio.

Tamén se poden ver maquetas de barcos levadas polos mariñeiros que se salvaron dun naufraxio ou dunha galerna, hoxendía hai cen trangalladas expostas nun altarciño que se renova a cotío, bufandas do Deportivo ou do Real Madrid, chisqueiros de quen deixou de fumar, exvotos de cera, muletas, xoguetes de nenos, moitas flores de plástico e velas que arden todo o día. 


Loli, xerente da empresa Roteiros,
ante a enseada de 
Cortes

Rito da vida e da morte na Fonte do Santo

Botaremos no pío da fonte unhas migas de pan, se afunden, mal presaxio, se flotan cumprirase o desexo, parabéns. Por certo que mesmo por debaixo da fonte hai unha veta de uranio, tal como lle contou un enxeñeiro madrileño que estudou a zona polos anos 50.

Tamén pediremos un desexo e para que se cumpra, beberemos tres grolos de auga dos tres canos sen tocarlle cos beizos.

Tradicións do Santuario: Formas de peregrinar a San Andrés

Vén xente de todo os lugares, sobre todo do occidente asturiano, do Bierzo, do norte de Portugal, das Rías Baixas, xente que repite e acaba traendo a familia e aos amigos. Para peregrinar a San Andrés non hai normas establecidas, pódese ir de calquera xeito, no tipo de vehículo que teñas. Hai quen se ofrece a ir descalzo, ou sen falar durante todo o camiño, os que van sen comer nin beber, quen porta unha candea e baixa de xeonllos a costa Grande, ou quen vai acompañando a un defunto.

Este último ten un rito peculiar. Pola mañá cedo irás buscar o morto ao cemiterio, petarás na tumba e diraslle que se erga que vamos cumprir a promesa que en vida non lle deu tempo a facer. Se vas en coche ou en autobús hai que pagar o billete e deixar un asento libre para o finado. Se vas andando mirarás de que non se perda polo camiño. Tamén hai que levar avituallamento para o falecido, antigamente a comida dábaselle a un pobre que estivera polo lugar. Unha vez escoitado misa, xa de regreso hai que acompañalo de novo ata o camposanto e deixalo acomodado na tumba, despedíndose e dicindo algo así como: “Misión cumprida”.

Tamén debemos respectar e non pisar os bichiños que atopamos polo camiño, pois din que son almiñas que van cumprir a promesa. 

Relicario 


Posible deusa do inferno. Como a encontraron e onde?

É unha talla de pedra anterior ao cristianismo, no pé ten gravados símbolos solares, cruces e unha cornamenta, como se dunha Cernunus se tratase, na cabeza leva un tocado. Esta pedra especial atopouse nunha casa preto do camiño a Santo André de Teixido. Din que gardaba a casa e ata lle poñían flores. Hoxendía é propiedade particular.

Reivindicacións para potenciar o turismo que chega a San Andrés

Recuperar os camiños milenarios tradicionais, limpalos e sinalizalos correctamente, atender as explicacións dos guías que poñen en valor a idiosincrasia do lugar, preparar algúns dos albergues do camiño, abrir as capelas do Socorro, da Fame da Sede e da Preguiza e dende logo diferenciar este noso camiño chamado tamén do Mar ou da Costa, que tamén leva a Compostela; potencialo na páxina de turismo da Xunta, implicándose nesta ruta de peregrinaxe. 

Non marcharemos do lugar sen mercar os sanandresiños pendurados na vara de abeleira co ramiño de teixo, algo único noso, a poder ser poñer o Santo, cando as normas da pandemia o permitan, ver o relicario e xantar uns percebes ou comer o caldo, ademais de sacar a foto e ver poñerse o sol nas portas do Alén.

Seguiría Loli toda a tarde contándonos anécdotas que quedan para outro momento por falla de espazo, pero que abofé son curiosas.

------------------------------------------ 

Entrevista publicada en La Voz de Ortigueira nº 5.518 (8 de abril de 2022)

Texto e fotos: Luli Dopico

Foto 1. Loli diante da porta norte, de estilo gótico hispano-flamenco, a parte máis antiga do que hoxe se conserva no Santuario, segundo Rafael Usero.

Foto 2. Exvotos no altar.

Foto 3. Loli, xerente da empresa Roteiros, ante a enseada de Cortes.

Foto 4. Relicario.



martes, 12 de abril de 2022

A gastronomía de Santo Andrés de Teixido

 

Vista xeral do Santuario de Teixido
(Foto: Álvaro F. Polo)



O señor Salas deume a información, mellor dito prestoume o libro de Víctor Sueiro: Comer en Galicia, que nos fala do «tortillo», do que xa tivera escoitado falar, pero non exactamente como relata o autor, mais sendo fieis á receita, resumimos e transcribimos:

    "Os tortillos de Santo André están ligados como outras vellas historias ás comilonas dos curas galaicos. Nesta composición só entran as xemas, buscando unha sartén xigantesca, con altura     suficiente para que os chourizos se aguanten de pé. Necesitamos seis ducias de ovos, sen claras, só xemas, que bateremos ata que adquiran corpo, o suficiente para poder cravar os chourizos sen pel. Os chourizos estarán semicurados para que transmitan ben as substancias."

Mesón Hermanos Bouza

Di Sueiro que o problema está en virar o tortillo…

Segundo as miñas informacións, o tortillo non se vira, déixase callar na tixola e botaremos tantos chourizos como comensais haxa, e algún máis por se queren repetir, que non vai ser o caso, porque a continuación virán as fontes con percebes, empanada de merlón e logo o cocido para rematar co caldo de verzas para asentar o viño. De postre gatón.

Disque estes pantagruélicos banquetes foron na época do cura Miragaya, segundo capelán que rexentaba o Santuario. Tres foron os irmáns Miragaya e os tres sacerdotes, un de Barbos (Ortigueira) e outro de Régoa (Cedeira), pero o que mellor daba de comer era don Manuel e del cóntanse moitas anécdotas: misaba en zocas, defendíase con escopeta de caza e era tan comedoriño que tiveron que facerlle unha mesa cunha curva axeitada ao seu bandullo, para que puidera xantar comodamente…

Mesón Eiravella

Contan que foi un convencido xermanófilo e cando viu emerxer das augas un submarino na Primeira Guerra Mundial, non dubidou en baixar ata a praia e subir nunha chalana para chegar onda el, tras descender pola escotilla, o Comandante fíxolle unha encomenda: confioulle a custodia da súa muller mentres interviñan nunhas operacións militares. Aquela dama estivo agochada en Teixido ata que regresaron por ela. Tempo andando o crego recibiu un retrato dedicado polo Kaiser Guillerme II, en recoñecemento da súa protección.

Mesón Os de Teixidelo

Outro día contarei máis historias, que abofé son graciosas.

Outra comida: o caldo. Quen eran as caldupeiras?

Vén de antigo. Eran mulleres que dende moi cedo se apousentaban nos camiños que ían a San Andrés cun enorme pote de ferro e alí mesmo, dende as primeiras horas da mañá, facían o caldo para os romeiros, que servían en cuncas de barro por un patacón. Hai unha cantiga que as lembra:

            Indo para San Andrés,

            aló no Porto do Cabo,

            díxome unha caldupeira:

            — Romeiriña, queres caldo?

            — Non, señora, que me escaldo.

           — Romeiriña, queres viño?

            — Si, señora, un papadiño.

Na actualidade hai catro bares nos que podemos xantar como o facía o cura de San Andrés, tal como nos informa Sergio Muíño. Na taberna de Hermanos Bouza, onde Basi presenta a enorme tortilla, tamén teñen empanada, pulpo, percebes, raxo, berberechos e outras saborosas viandas. Nos 

Mesón Os Loureiros

Loureiros, Óscar fai comida variada, máis actual, carne asada, zamburiñas, croquetas, navallas e percebes tamén. Na Eiravella, rexentado por Sergio e súa muller, degustaremos o caldo ademais dos percebes e os chocos en salsa de améndoa, menús variados con diferentes pratos locais. No bar Os de Teixidelo, teñen especialidade en mariscos, pulpo, ovos con xamón e unha ampla carta de viños. Todo riquísimo e prezos asequibles. E de postre, ademais dos que ofertan nos locais de restauración, as roscas, que se venden ensartadas nun vimbio. Háinas con azucre e sen el. Unha tradición que se remonta no tempo das antigas feiras, onde se vendían a centos. Non se fan alí, parece ser que as fan en Montoxo e noutros fornos da zona.

Que aproveite e lembren ir a San Andrés de vivos. Merece a pena.

LULI DOPICO


mércores, 9 de marzo de 2022

Éxito en FITUR 2022 dos sanandreses de Teixido


Sergio Muíño e Jorge Bellón traballan por poñer en alza as tradicións e o gran patrimonio que ofrece San Andrés

Jorge Bellón, artesán galego


O pasado doce de febreiro, o Club de Lectura de Ortigueira contou coa presenza de Sergio Muíño, fundador de Eufundevivo.com e doutorando en Turismo. Aproveitamos o momento para facerlle unha entrevista. 

Cando nace “Eufundevivo”?

O proxecto nace a finais do ano 2019, a través da creación das redes sociais e a publicación dunha foto miña no santuario coa lenda: «Eu fun de vivo a San Andrés de Teixido». A raíz de aquí, xorde a idea de poñer en valor o sentimento que moitos de nós temos cara este lugar ao que debemos ir en vida ou de mortos. Ademais, tendo en conta a realidade turística de San Andrés, esta iniciativa vai acompañada dunha proposta de desenvolvemento turístico sostible e local, dende o propio destino. 

Que facedes e cantos sodes? 

Sanandresiño
(Foto: Álvaro F. Polo)
«Eufundevivo» é un proxecto da xente, polo tanto é difícil saber cantos somos. Son moitas as persoas que colaboran con nós enviando fotografías e historias, escribindo vivencias e relatos, axudando e cedendo material para as nosas investigacións ou mesmo berrando a viva voz que foron de vivas ao santuario… Por outra parte, non me quero esquecer da xente de San Andrés que me acolleron dende o primeiro día. Sen eles o proxecto non tería ningún sentido! Para min é moi importante que estean a gusto co que facemos, son eles quen viven no lugar e o que non é bo para a poboación local non pode ser bo para o visitante! 



Que iniciativas foron xurdindo? 

Entre as nosas iniciativas atópase por un lado #TeixidoFavorito, que recompila historias, anécdotas e vivencias reais daquelas persoas que visitaron o santuario. E por outra banda, o ano pasado fixemos o 1º Certame de Relatos Curtos EUFUNDEVIVO cun premio composto dunha visita guiada, un lote de produtos da artesanía local, un diploma acreditativo e a publicación do mesmo nas nosas plataformas dixitais. Quen queira pode ler o relato: “Siempre hacia el oeste”, ou enviar a súa anécdota a través da nosa páxina web (www.eufundevivo.com). Este ano faremos a 2º edición do Certame. 

FITUR 2022


Sergio Muíño co ramo
de romeiro a San Andrés

Cada ano, en Madrid (FITUR) hai un stand de Galicia no que se atopa representado todo o territorio. Este ano, Santo André de Teixido tivo un gran protagonismo xa que a artesanía que levou a Axencia de Turismo de Galicia foron os sanandreses, da man do seu artesán Jorge Bellón.  

Que acollida tiveron?  

Foi moi boa, cada día miles de persoas se achegaron ao posto a saber máis deles. Moita xente xa os coñecía e a que non, quedaba sorprendida moi positivamente. Ata os reis levaron uns sanandresiños! Tamén fixemos varios obradoiros amosando como se fan e incluso no equipo de Galicia levábamos un como parte do noso uniforme.  

Que son? Qué representan? Cómo se fan? 

Os sanandreses son unha artesanía centenaria e típica de Santo André de Teixido, amuletos feitos con miga de pan sen fermentar e cocidos, algúns deles durante horas, que logo se pintan para darlles as cores características que coñecemos. 

Existen diferentes formas, cada unha co seu significado: a flor para o amor, a barca para as viaxes, o santo para a saúde, o peixe para o alimento, a escada para o traballo, a man para os estudos, a coroa para a protección e a pomba para a paz. Estes son os máis habituais, aínda que hai algún máis como o pé ou o trevo que están en proceso de recuperación! 


Sanandresiños en FITUR 2022

SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO

— Que significa para a comarca? 

Santo André de Teixido é un referente histórico, o segundo punto de peregrinación máis visitado despois de Santiago de Compostela e, posiblemente, o máis antigo de Galicia. Para entender o que representa para a comarca é preciso poñer a vista no Camiño, xa que é un recurso que ofrece actualmente oportunidade real de desenvolvemento turístico dun xeito respectuoso e sostible. 

Baixo o meu punto de vista, as accións que se están a levar a cabo vinculadas a Teixido non abondan se queremos conservar a esencia deste lugar milenario. É certo e teño constancia de que se está a traballar neste tema dende o meu concello de Cedeira e dende outros polos que pasa o Camiño, pero o turismo avanza a gran velocidade e requírese unha labor de xestión e planificación real e conxunta, articulada por tres eixos principais: concellos e organismos, empresas privadas e a poboación local que habita o destino. Nós seguiremos achegando o noso grao de area e, como ata o momento, colaborando e traballando con aquelas persoas e entidades que aposten pola prosperidade e sostibilidade de Santo André de Teixido.

Pois moitas grazas, iniciativas así son de aplaudir e poñen en valor o grande patrimonio que temos con San Andrés de Teixido, ao que hai que ir de vivo.

---------------------------------------------

Artigo publicado no semanario La Voz de Ortigueira o 4.03.2022

Texto: Luli Dopico

Fotos: Sergio Muíño