Álvaro Cunqueiro chegou á nosa Vila, con 24 anos, a primeiros de outubro de 1936. Así o saudaban desde as páxinas de La Voz de Ortigueira: «Ha llegado a esta Villa el culto publicista, D. Álvaro Cunqueiro Mora, licenciado en Filosofía y Letras, que viene a formar parte del cuadro de profesores del acreditado Colegio “Santa Marta”» (LVO, 11-10-1936); un apunte que refrendaría anos despois o propio escritor cando no artigo “Estampas orteganas” sinala: «Cuando yo llegué a Ortigueira por el dulce tiempo de otoño...».
Neste días de outubro de 2026 en que celebramos os 90 anos da súa chegada, parécenos oportuno dar conta dalgunhas persoas e lugares dos que hai constancia que tiveron relación co escritor mindoniense nos 8 meses que residíu aquí, ata mediados de maio de 1937.
1. Comezaríamos con Cunqueiro paseando co arqueólogo Federico Maciñeira e Pardo de Lama paseando pola “Carretera” (oficialmente naquela altura avenida Alonso Pernas, e hoxe avenida Escola de Gaitas de Ortigueira) falando do vaso campaniforme de cerámica, da Idade do Bronce, que fora atopado en 1893 na Veiga de Vilavella (As Pontes) e que Maciñeira puido estudar aos poucos días; así, describiríalle a Cunqueiro a coidada execución do vaso, a súa fermosa decoración xeométrica e o seu posible uso cerimonial.
2. Á altura da Farmacia Torres —que xa levaba catro décadas naquela ubicación—, baixaría pola rúa do Carme (actual Fernández Latorre) pasaría diante da propia casa de Maciñeira (na que vivía desde que abandonou a casa familiar en Barbeita (Ladrido), e case enfronte, na casa dos Álvarez, saudaría ao mestre Laureano Álvarez Martínez —nacido en 1912, fora tamén militante do Partido Galeguista— e ao que dedicaría un exemplar do poemario Mar ao Norde, hoxe testemuña escrita da estancia do mindoniense. Laureano tamén tería que integrarse en Falanxe e colaborar en Era Azul, sucedendo a Cunqueiro no seu posto, e incluso teria que incorporarse, a pesares da súa marcada miopía, como voluntario ao Exército franquista nas filas do Batallón Galicia. Nada diso impediría que fose represaliado en 1946 e expulsado do Maxisterio, oposición que aprobara en 1941.
3. Chegaríamos á praza das Tres Farolas —que desde 1928 era oficialmente “plaza 13 de septiembre” (pola data do golpe de Estado de Primo de Rivera)—; alí, no principio da rúa do Salgueiro, no notable edificio Peña tiña a súa sede o hotel Cuba, dirixido por Segundo Fontela Teijeiro, onde se aloxou o escritor mindoniense, e onde compartía hospedaxe co presbítero e poeta Daniel Pernas Nieto, natural de Abadín e capelán do flamante —fora ianugurado en 1932— Hospital-Asilo Dolores Díaz de Dávila, posto do que tomara posesión poucas semanas antes, a finais de setembro (LVO, 26-09-1936). Pernas Nieto, amigo do pai de Cunqueiro, parece ser o que facilitou a chegada do escritor á nosa vila. Hoxe unha placa na fachada do edificio, confecciónada de forma altruísta polo ciclo de Madeira e Moble do IES Ortigueira e colocada por Terras do Ortegal en 2021, lembra aquela estancia.
4. Baixando xa ao Cantón, centro social e comercial da Vila, achegaríase á sede de Falanxe Española no edificio indiano construído por Cándido Regueira en 1870 —hoxe sede da reitoral da parroquia de Santa Marta—, e incautado en xullo do 36, en que carecía de residentes habituais. Alí o 30 de outubro cubriría, baixo a mirada atenta de Feliciano Crespo Bello (nacido en 1913 en Miñaño-Luama), Xefe comarcal e docente tamén na academia de bacharelato Santa Marta, e de Pascual Torres Pajón (nac. en 1912), Secretario comarcal e empregado municipal, a ficha de adhesión a Falange Española y de las JONS, o seu salvoconduto político-social.
5. A poucos metros, nesa mesma rúa, entraría na imprenta Fojo, e saudaría ao director de La Voz de Ortigueira, Jesús Fojo Díaz (empresario e alcalde republicano ata febreiro do 36), ao que lle levaría continuas colaboracións para o semanario falanxista Era Azul que alí se imprimía desde o nº 1, publicado o 12 de novembro de 1936. Tamén entablaría contacto co seu fillo David Fojo Salgueiro (nac. en 1917, aprobara xa 2º de Dereito na USC, pero incorporaríase ao Exército), máis tarde director do semanario local, que se estendería anos despois á súa muller, Maruja Bouza Cabarcos (nac. en 1921 e que fora alumna de Cunqueiro na Academia Santa Marta), excelente cociñeira, quen lle facilitaría variadas receitas de cociña.
Todo un ronsel de persoas e lugares que marcarían a vida social e política do ilustre escritor mindoniense na nosa Vila.
Xosé María Torres
-----------
NB.: Unha versión desta entrada foi publicada no semanario La Voz de Ortigueira o 23-10-26)














