Por Xosé Mª
Torres
O pasado 11 de marzo o pleno da corporación municipal de Ortigueira aprobaba por unanimidade a proposta do Alcalde, Rafael Girón, de nomear Cronista Oficial a Carlos Breixo, veciño da parroquia ortigueiresa de San Claudio, e investigador e historiador de longo recorrido.
Un título, unha distinción merecida;
sen negunha dúbida! Vaia por diante o meu aplauso.
Pode sorprender que a designación sexa
feita cando o mandato da corporación municipal está a punto de rematar; con
todo, trátase dunha proposta solemne que pon un broche de ouro aos últimos
avatares culturais desenvoltos en Ortigueira.
Así, no ámbito público contamos con
iniciativas como Ortigueira Literaria
Dixital (xa na sua cuarta edición con este ano 2015 adicado a Narciso
Luaces), o traballo continuado da fundación Ortegalia e da renovada Biblioteca-Arquivo
municipal –orgullos para o noso municipio- que se completan con iniciativas privadas xa coñecidas do ámbito
musical, artístico e cultural tanto nas parroquias como na capitalidade
municipal -que non vou citar para ser a lista moi ampla- e reforzadas no pasado
ano coa aparición da asociación Galioart
e da asociación editora da revista Terras
do Ortegal.
O nomeamento, o título, é una honra
para quen o recibe, pero tamén é certo que o prestixio da persoa elexida é unha
luz que ilumina é entidade que fai a proposta; realizada por certo, nun pleno
ordinario da corporación, celebrado a unha hora matinal que non permitiu a
asistencia de persoas interesadas. Por iso, con bon criterio, a presentación do novo Cronista farase nun
acto público, que terá lugar o próximo sábado, 4 de abril, ás 12 da mañá, no
teatro de Beneficencia, cunha laudatio
a cargo do profesor Vicente Peña Saavedra. Un sábado, por certo, que no
calendario relixioso é calificado de “sábado de gloria”, unha fermosa e moi
acaída coincidencia!
Que é un Cronista Oficial?
É un cargo honorífico, desempeñado a título gratuito e con carácter vitalicio. Soe
requerirse que a persoa elexida teña, entre outros méritos: formación
académica, coñecemento da historia e
cultura xeral e da zona, capacidade divulgativa, independencia, prestixio, adicación
plena e paixón polo seu labor; todas elas
forman parte –ou están en vías de estalo- da traxectoria vital de Carlos
Breixo, dito sea para tranquilidade de puristas e silenzo de aflixidos, que de
todo hai na viña do Señor.
Non é o momento de enumerar os
méritos, traballos, publicacións e investigacións emprendidas polo xa novo
Cronista Oficial, pero si de indicar que en nada desmerece aos ilustres orteganos
que foron antecesores no cargo, como Federico
Maciñeira, Julio Dávila ou Laureano Álvarez.
É un cargo frecuente? Vai por zonas: en
Galicia as grandes ciudades contan case todas con esta figura, e tamén son
moitas as vilas grandes ou de tamaño medio que inclúen no seu escalafón a este
cargo. Na nosa contorna Viveiro ten como Cronista Oficial a Carlos Nuevo Cal, e
Cedeira a Rafael Usero, mentras que Cariño, Cerdido e Mañón carecen desta
figura, se ben neste último concello hai una proposta enriba da mesa.
Que competencias ten? Desde o noso
punto de vista, non debería ser un cargo valeiro, feito a título de inventario.
Debe ter un rango no protocolo municipal, acceso preferente aos medios do municipio,
a obriga de ser consultado ante propostas no seu ámbito, e dereito a lucir a medalla ou símbolo que o
identifique como tal.
Pero tamén debe comportar obrigas para
o concello, como dotar dun pequeno fondo anual a disposición do cronista para traballos
e investigacións, poder asistir a congresos, representar a Ortigueira ante
institucións, e incluso contar cun despacho propio onde traballar e consultar fondos municipais e
recibir a quen desexe.
Pola parte do Cronista, tamén debe
existir a obriga de estar ao servizo do concello e da comunidade, con especial
atención ao mundo educativo ortegano, un precepto que sabemos innecesario dada a profesión de
docente e a calidade humana que ten o xa novo Cronista.
Finalizamos reiterando o aplauso ao
Concello pola iniciativa e dando os máis expresivos parabéns a Carlos Breixo. Tamén
é o momento de lembrar que o traballo calado de sábados e domingos, de viaxes a bibliotecas e arquivos, a participacións en charlas
e actos culturais impide moitas horas de convivencia familiar, polo que tamén é
o momento de agradecer á sua familia, en especial á súa muller e os dous fillos,
pola comprensión e apoio durante anos ao labor do noso ilustre amigo.
(Artigo publicado no semanario La Voz de Ortigueira o pasado 3 de abril de 2015. Os parágrafos en cursiva non foron publicados por razóns de espazo)