xoves, 25 de xuño de 2020

Unha lembranza de Pepe el ferreiro, fundador do museo etnográfico de Grandas de Salime

Con boina e termando dun xugo, Pepe El Ferreiro,
nas Pontes (2013), con Narciso Luaces,
Xosé Mª López Ferro, do museo das Pontes,
e Felipe Senén, entre outros.





BREVE LEMBRANZA SOBRE JOSÉ MARÍA NAVEIRAS ESCANLAR (1942-2020)PEPE EL FERREIRO OU COMO A CULTURA ANCESTRAL DUN POBO PODE SERVIR DE RECURSO ENDÓXENO PARA XERAR RIQUEZA E FREAR O DESPOBOAMENTO. 

Quen isto escribe lembra que por 1984 era estudante de quinto curso de Xeografia e Planificación do Territorio da universidade de Oviedo. Na asignatura de Xeomorfoloxía realizábamos prácticas na costa occidental asturiana e oriental galega estudando o batolitode Boal e a rasa costeira que chega ata San Cibrao. Ó terceiro día, cunha nevada de medo, e dada a proximidade de Grandas de Salime, o catedrático Francisco Quirós Linares, que no Olimpo estea, decidiu achegarnos a esta vila para coñecer o recentemente inaugurado Museo etnográfico de Pepe El Ferreiro.

Entrada ao museo etnográfico de Grandas
Chegamos encantados polo que significaba de lecer diante dunha tarefa dura, pero delo lembro o intre no que se encontran Pepe e Quirós, apoteósico; unha aperta descomunal, das que rachan costas e a comprobación de que a ciencia e as inquietudes e amor pola terra poden ir da man. O cátedrofalounos do que significaba aquela institución; nada máis nin menos que da relación simbiótica do home co terruño, o respecto do primeiro polo segundo e dádivas que este nos doaba. O museo estaba daquela nos baixos do edifico municipal e constaba de moitas pezas artesanais, comezaba a andar, pero diante da miña sorpresa, e coido que da de todos, Pepe colleu unha gubia, enroscóuna sobre unhas poleas de coiro que se accionaban por un pedal, a modo de tupí moderna, un anaco de madeira de buxo, e en cinco minutos, movendo o pé dereito e as mans; fíxonos un prato de comer o caldo, pasados outros dez; unha cunca para beber viño, e tivemos que paralo porque de seguir faría unha vaixela.
Unha das salas do museo




Un labor de anos
Logo explicounos que levaba anos recollendo material resultante dos modos de vivencia que practicaban os veciños, facéndoos partícipes directos daquel experimento. E subliñou que chorar estaba ben para desafogar, pero que non daba de comer. Quería que o museo fora un polo de atracción de xentes que quixesen saber da forma de vida dunha zona montañosa nada amable, pero que tamén comprendésemos que esta podía darnos recursos que explotar para non ter que abandonala. Iso é o que lembro.
Aquel mesmo ano, o meu curso dividiuse en equipos que catalogaron os recursos materiais e inmateriais de Asturias a encargo do goberno do Principado; logo viría o Plan Oscos-Eo e a conversión de Taramundi e a súa bisbara nun dos máis afamados centros de turismo rural de España, con relevancia mundial (moitos dos meus alumnos estranxeiros da extensión universitaria da Uned pídenme información sobre a cuestión), logo o II Plan, etc.

Lembranza de Pepe El Ferreiro
Agora, recentemente falecido este pioneiro, vaian as miñas lembranzas para el, e para a súa obra. En definitiva, lembro a Pepe e a Quirós como adiantados, precursores, pero sobre todo, coido que lles debo a idea de que todo o que temos, sexa mar ou terra, aquelo que nos identifica, ten valor; que as pedras das casas, das cortes, dos muíños, os peiraos, as embarcacións varadas, os restos das salgadeiras ou conserveiras, por exemplo, non deben durmir. Quizais, debéramos ser máis conscientes de que o seu valor de uso no so tivo sentido no pasado, tamén o ten hoxe. 

O museo de Meixido
Sirva tamén esta ocasión para desexar un futuro digno para o museo etnográfico que Narciso Nuaces e a súa muller Herminia Covelo (), puxeron en marcha no lugar de Meixido, onde vivían, na parroquia ortigueiresa de San Paio dos Freires. Oxalá as administración públiucas poidan asegurar o seu futuro e que non se estrague unha obra de moitos anos. E que a veciñanza e os interesados da zona no mundo da cultura e o patrimonio saiban -e Terras do Ortegl-respostar ao desafío que este proxecto representa.

------------------

Texto: Chema Leal

sábado, 6 de xuño de 2020

O escritor Hixinio Puentes Novo


HIXINIO PUENTES NOVO: ESCRITOR
Ler os libros dunha persoa coñecida sempre resulta unha ledicia.

Libro: O bandido Casanova
Toribio é o bandoleiro galego de máis fama do século XX; Mamed Casanova inspirou a moitos escritores, entre eles a Hixinio Puentes, que nace no Barqueiro (1952), e que con esta obra acadou o Premio Literario Pastor Díaz (Viveiro) no ano 1999.
A obra de Hixinio é moi prolífica tanto en ensaio como en narrativa; gran coñecedor do mundo do mar e dos barcos, no ano 1999 tamén recibe o accésit do Premio de Xornalismo David Fojo cunha serie de artigos publicados en La Voz de Ortigueira.
Libros publicados por Hixinio:
Ficción
  • O bandido Casanova. Ed.Xerais2000.
  • Aguillóns de Ortegal. Ed. Xerais, 2005.
   Novela que dá conta, en forma de relato autobiográfico, da vida do mariñeiro Fonseca.
  • Monbars, o Exterminador. Ed. Xerais, 2006.
É unha novela ambientada no século XVII que ten como protagonista o pirata francés do mesmo nome. Por este libro recibe o Premio Eixo Atlántico de Narrativa Galega e Portuguesa 2006.
  • A do vinte e un. EdSotelo Blanco2010.
     Esta novela foi Premio Vicente Risco de Creación Literaria no 2009.

  •      Winnipeg. Ed. Xerais, 2013.
     Novela na que recrea a historia do cariñés Manuel Pita Armada.
Ensaio:
  •  Os naufraxios da Galicia norte. I e II. Edicións Lea, Santiago, 2003, 2005.

  • A galerna de 1961. Edicións Lea, 2006.
  • Matrícula de Bilbao. Investigación sobre grandes buques bilbaínos
    -------------------------
Texto: Luli Dopico


martes, 2 de xuño de 2020

Próxima saída do nº 7 da revista Terras do Ortegal, cun dossier adicado a Cerdido





Ola! Desde a Directiva de Terras do Ortegal queremos informar sobre como a epidemia de COVID-19 está afectando ás actividades da nosa asociación.

Desde xa antes do Estado de Alarma (declarado a mediados de marzo), e cun ánimo de prevención, decidimos suspender as charlas previstas para abril, maio e xuño, dentro das 3ª Xornadas de Terras do Ortegal, adicadas este ano á Natureza do Ortegal.
Pero despois, a medida que se agravaba a situación decidimos suspender todas as actividades presenciais.

Pasada a época de maior incidencia da epidemia, a Directiva reuniuse o pasado luns, 1 de xuño, e decidiu o seguinte:

  1. Continuar coa suspensión de actividades presenciais ata (como mínimo) o 31 de xullo
  2. Preparar algunha charla por videoconferencia, en concreto a concertada co profesor Bernardo Penabade sobre Ricardo Carballo Calero, ao que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas 2020
  3. Programar a publicación do Nº 7 da revista Terras do Ortegal para mediados de xullo,

Revista Nº 7. Ano 2020

A revista, como sabedes, soe aparecer no verán, pero o encargo e preparación dos artigos faise ao longo do ano, con moita antelación, co que esta situación de alerta sanitaria apenas interrompeu a edición do número deste ano, do cal temos a previsión de que saia a mediados do mes de xullo.
Tras o número 6, do ano pasado 2019, adicado ao concello de Cedeira, este ano decidimos que o dossier fose dedicado ao concello de Cerdido, un dos dos concellos do Ortegal menos poboados, pero non por iso con menor Historia e interese cultural.

Como todos os anos, procuramos que a panoplia de autores da revista vaia variando, e alén de autores xa coñecidos para os nosos leitores, hai outros que colaboran na revista por primeira vez. Sen adiantar nin descubrir ningún secreto, dos 17 artigos que conforman este número, 10 están a cargo de investigadores que colaboran en TdO por primeira vez, mentras que os restantes artigos son obra de persoas que teñen colaborado en números anteriores.

O proceso de edición conleva varios pasos: entrega dos orixinais, revisión lingüística, maquetación, revisión das probas polos autores e finalmente impresión, que como xa adiantamos, agardamos que conclúa a mediados do próximo mes de xullo, para que a revista estea nas librarías da comarca a disposición de quen a queira adquirir; pola súa parte as persoas asociadas a Terras do Ortetal recibirán gratuitanente a revista, coa máxima celeridade posible.

---------