luns, 27 de abril de 2026

Ortigueira recuperará o próximo xoves 30 de abril o Privilexio Rodado de Afonso X sobre Santa Marta de Ortigueira


Privilexio rodado de Afonso X
sobre Santa Marta de Ortigueira
(Foto: concello de Ortigueira)

 






O próximo 30 de abril a Xunta de Galicia, representada polo seu presidente, Alfonso Rueda, entregará ao concello de Ortigueira, nun acto que comezará no teatro de Beneficencia  á 1 da tarde (13.00 horas), o exemplar orixinal do Privilexio Rodado de Afonso X alcumado o Sabio —rei de Castela e  León entre 1252 e 1284— asinado en 1255 en Valladolid. Por este documento, concedérase o Foro de Benavente a unha vila, Santa Marta de Ortigueira fundada algúns anos antes en data imprecisa.

Ortigueira é unha vila medieval, aínda que moitos non o saiban, pola carencia hoxe de edificios daquela época.

Características do Privilexio

Os privilexios rodados eran os documentros máis solemnes da chancelería real castelá. O termo rodado ven de que o signo (a sinatura) do rei ven envolto por unha roda que serve de validación e refrendo do disposto.

Este privilexio rodado foi otorgado en Valladolid o 20 de setembro de 1255, mide 52 x 54 cm, e está confeccionado en pergamiño, o material máis noble da época. O documento orixinal debía ter un carimbo de chumbo pendente con fíos de seda, que non sabemos se se conserva no noso caso.

Afonso X nunha miniatura medieval




Beneficios do Foro de Benavente

Cabe lembrar que os primeiros señores de Ortigueira foron os condes de Montenegro; despois deste Foro de Benavente os habitantes e o territorio da vila de Ortigueira pasaban a depender, con carácter perpetuo, de forma directa da Coroa (como as vilas de Baiona, A Coruña e Viveiro, entre outras), eliminando a dependencia dun señor feudal. 

O privilexio, segundo Julio Dávila, foi confirmado polos seguintes reis de Castela:

  • Sancho IV, o Bravo, no ano 1285   
  • Alfonso XI, no ano 1333;
  • Enrique III, no ano 1405
  • Juan II, en 1432

Lamentablemente, esa adscripción perpetua á Coroa non se cumpriu: en 1442 o rei Xoán II de Castela otorgou a Diego Pérez Sarmiento e Manrique, Adiantado Maior de Galicia e señor de Mucientes e Santa Marta de Ortigueira o título de Conde de Santa Marta.

Logo, segundo nos indica Anxo Rosende na súa espléndida Ortigueira. Guía histórica e social da vila de Santa Marta e as parroquias do seu concello (editada polo concello en 1992), o noso condado uníuse ao de Trastámara e despois ao Marquesado de Astorga a principios do séc. XVI. Despois, en 1707 pasou a depender do Condado de Altamira (denominacion que fai referencia á fortaleza de Altamira, no concello de Brión, nas aforas de Compostela).

 

Peripecias do noso Privilexio Rodado

Federico Maciñeira e Pardo de Lama,
insigne historiador

O documento orixinal, segundo conta o historiador Federico Maciñeira no seu libro Crónicas de Ortigueira, publicado en 1892, fora remitido o 22 de decembro de 1817, cumprindo o requerimento recibido, á Xefatura Política da provincia (supostamente aa Betanzos, á que estaba adscrita naquela altura Ortigueira e resto de concellos do Ortegal e ata 1833, en que se constituíron as actuais catro provincias galegas). Conta Maciñeira que no arquivo municipal quedara unha copia legalizada... da que non hai rastro hoxe no arquivo, segundo nos conta a súa actual Directora, María José Vilasánchez.

No libro Historia de Ortigueira, publicado en 1999 pola editorial Vía Láctea, e do que foron autores Emilio Ramil, Carlos Breixo e Emilio Grandío, o actual Cronista de Ortigueira, Breixo, apuntaba que o citado privilexio estaba depositado na sede da Fundación Camilo José Cela, en Iria Flavia (Padrón). Hoxe sabemos que o documento nalgún momento foi expoliado do seu depósito en Betanzos e posto no mercado de coleccionistas privados. A finais dos anos 60 do pasado século XX o documento estaba en posesión do erudito extremeño Antonio Rodriguez-Moñino, que llo regalou ao escritor Camilo José Cela. Este conservouno na súa residencia en Palma de Mallorca; daquí pasou, en efecto, a Iria Flavia á sede da Fundación Camiulo José Cela, que como se sabe foi intervida en 2010 pola Xunta de Galicia ante as irregularidades económicas cometidas polos seus xestores (entre os que se atopaba a segunda muller de Cela, pero esta é outra historia...).  A cesión, por tanto, do Privilexio, é obra desta fundacion, mediante un acordo coa Xunta de Galicia.

Invitación oficial do concello de Ortigueira
para asistir ao acto de entrega do Privilexio rodado
o xoves 30 de abril de 2026

Requisitos de conservación

O documento, de hai case 800 anos, feito en pergamiño, un material caro pero de máxima calidade e duración garantida, require unhas condicións de conservación extraordinarias. Xa non se trata só dun control estrito de temperatura e humidade, senón tamén de iluminación (a luz solar ou de lámpadas inapropiadas poderían destruir a tinta co que foi redactado o documento), e por suposto, protexido de sustracción, deterioro ou vandalismo e co seguro corespondente.

As directrices dos técnicos na materia (directora do Arquivo Municipal e técnicos do departamento de Cultura municipal) determinarán cal será a mellor forma de conservación e exposición do documento

Proposto de estudo e difusión

O texto deste documento foi transcrito no seu día pola paleografia Milagros Lara, e reproducido polo xornalista ortigueirés Manuel Pérez Bello no semanario La Voz de Ortigueira (8-11-1991). Con todo, desde Terras do Ortegal consideramos de interese que algún experto en Paleografía e Diplomática medieval estudase e transcribise de novo o documento, artigo que nos comprometemos a incluir nalgún próximo número da nosa revista, e que ademáis diso se fixese por parte do concello de Ortigueira un folleto divulgativo, con carácter máis breve e popular, que fose conservado con orgullo en todos os hogares ortigueireses. Dito queda.


P.D.: Ademáis do privilexio rodado de Afonso X, de 1255, virá tamén a Ortigueira o privilexio de Enrique III de 1405, que confirma, e que tamén estaba en posesión da Fundación Camilo José Cela, en Iria Flavia, se ben o seu historial e peripecias é diferente.

----------------------  


Texto: Xosé María Torres 

 

xoves, 23 de abril de 2026

Hai 180 anos, 23 de abril de 1846, unha ducia de ortigueireses asisten á batalla de Cacheiras


 

 

 

O 23 de abril de 1846, hai exactamente 180 anos, tiña lugar a batalla de Cacheiras (Teo, nas foras de Santiago) entre as forzas revolucionarias liberais e progresistas galegas encabezadas polo Coronel Solís (sublevado en Lugo o 3 de abril) e as do goberno ditatorial do xeneral Narváez durante o reinado de Isabel II; estas últimas serían as que vencerían.

Como resultado da batalla, cuxos últimos lances chegaría a presenciar, sendo adolescente, Manuel Murguía polas rúas de Compostela, acabaríanse os soños da Xunta Superior de Goberno de Galicia encabezada por Pío Rodríguez Terrazo e con Antolín Faraldo como Secretario, invocados hoxe como un inicio do galeguismo contemporáneo, e incluso como unha forma de protonacionalismo.

Antolín Faraldo (1822-1853)


Os mandos civís e militares do levantamento sería xulgados de forma sumaria e fusilados en San Estevo de Paleo (Carral). Anos despois, xa cun goberno progresista, na vila de Carral ergueríase un monumento aos hoxe coñecidos como Mártires de Carral.

 

Como é sabido, desde a vila Ortigueira unha ducia de mozos “das mellores familias”, armados con carabinas,  tentou unirse ao movemento progresista, chegando a Santiago cando resoaban ao lonxe os canóns da batalla de Cacheiras, e chegaban os heraldos da derrota. Nese grupo estaban Ramón Díaz Castro, avó de Julio Dávila, Ramón María Almoina (cirurxán), Valentín Camba (piloto de barco), Vicente Rivadeneira, Francisco Pita, Ricardo Cao, José Villamil, Vicente Cuevas e Jacobo Álvarez, entre outros, ademáis do avogado Manuel Fernández Poyán, que encabezada o grupo.

O avogado Manuel Fernández Poyán,
líder da cuadrilla ortigueiresa


Tentando regresar ao Ortegal, foron capturados en Monfero cando tentaban atravesar o río Eume. Xulgados, foron condendos, algúns deles prisión, outros a desterro a África e uns poucos a morte, e agardaban o temible trance no cárcere da Coruña cando foron amnistiados —si, unha amnistía xeral!—en outubro dese ano 1846 con motivo da voda, o 10 dese mes, de Isabel II co seu curmán Francisco de Asís María de Borbón, e puideron regresar a Santa Marta, non sen sentir o rexeite de boa parte da vila.

 

Julio Dávila atoparía papeis antigos do seu avó materno (falecido en 1895), un caderno manuscrito e en verso de 63 páxinas titulado "Los doce amigos" onde relataba as penurias e correrías. Julio Dávila publicaría  en 1901 co título de  “Aventura revolucionaria” un artigo rememorando os feitos ocorridos. Anos despois o ortigueirés Manuel Pérez Bello publicaría nos anos 90 do pasado século XX en La Voz de Ortigueira un artigo volvendo a falar do asunto.


Finalmente, e aquí queríamos chegar, o noso socio Carlos López-Kéller Álvarez publicaría no nº 1 (de 2014) da revista Terras do Ortegal, un fermoso artigo titulado “Santa Marta na revolta de 1846. Peripecias da cuadrilla de Poyán”, no que con elegante prosa fai un ameno percorrido polas andanzas revolucionarios dun fato de mozos da nosa vila norteña, botando por fora a fama de vila conservadora.

Recomendamos, por tanto, volver ao espléndido texto de Carlos López-Keller, e disfrutar do seu relato.


--------------------------------  

Texto: Xose Maria Torres





luns, 13 de abril de 2026

Ramón Villares inaugurará o congreso sobre Álvaro Cunqueiro que se celebrará en Ortigueira en outubro de 2026.


 

 

A asociación Terras do Ortegal, como xa se difundiu hai unhas semanas, organizará en outubro deste ano unhas xornadas de estudo sobre o ilustre escritor mindoniense con motivo de cumprírense o 90º aniversario da síua chegada a Ortigueira. Como é ben sabido, Álvaro Cunqueiro (1911-1981) chegou á capital do Ortegal en outubro de 1936, fuxindo de perigos que o asediadan en Mondoñedo, a súa vila natal,tralo estallido da Guerra Civil, e aquí estivo ata finais de maio de 1937. Esta etapa foi clave na vida do escritor (ata entón poeta, conferenciante, articulista de prensa e militante do Partido Galeguista), constituíndo un punto de inflexión, cambiando a súa orientación política, e deixando a vida de estudante universitario en Compostela —que aínda era pese a ter iniciado os estudos de Filosofía e Letras oito anos antes— e converténdose nun profesional do xornalismo.


Álvaro Cunqueiro nos anos 30,
na súa época
de estudante universitario
en Compostela

Terras do Ortegal está contactando con diversos especialistas na vida e obra de Cunqueiro e da situción de Galicia naquela época, e pode confirmar xa que Ramón Villares, Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, e persona cunha ligazón especial a Ortigueira, localidade que visita regularmente, impartirá a lección inaugural das xornadas de estudo sobre Cunqueiro.

Como dicimos máis arriba, as xornadas celebraranse no mes de outubro de 2026, en datas precisas que están a concretarse polo Comité Organizador do evento que está encabezado por Manuel Bouzamayor, presidente de Terras do Ortegal; para esta tarefa conta cun Comité Asesor formado por Ramón Loureiro, escritor, xornalista e especialista na vida e obra de Cunqueiro e de Manuel López Foxo, escritor, columnista de prensa e bo coñecedor da historia cultural do Ortegal e da estancia de Cunqueiro nas nosas terras.

En 2021, coincidindo co 85º aniversario da estancia do escritor nas nosa comarca, Terras do Ortegal colocou unha placa conmemorativa no hotel onde se hospedaba na vila ortigueiresa




En datas próximas seguiremos dando conta dos novos especialistas que analizarán a vida e a obra de Álvaro Cunqueiro, do forma de inscrición e asistencia e do formato exacto do encontro, que agardamos se convirta no evento cultural do ano no Ortegal.


-----------------