O 23 de abril de 1846, hai exactamente 180 anos, tiña lugar a batalla de Cacheiras (Teo, nas foras de Santiago) entre as forzas revolucionarias liberais e progresistas galegas encabezadas polo Coronel Solís (sublevado en Lugo o 3 de abril) e as do goberno ditatorial do xeneral Narváez durante o reinado de Isabel II; estas últimas serían as que vencerían.
Como resultado da batalla, cuxos últimos lances chegaría a presenciar, sendo adolescente, Manuel Murguía polas rúas de Compostela, acabaríanse os soños da Xunta Superior de Goberno de Galicia encabezada por Pío Rodríguez Terrazo e con Antolín Faraldo como Secretario, invocados hoxe como un inicio do galeguismo contemporáneo, e incluso como unha forma de protonacionalismo.
| Antolín Faraldo (1822-1853) |
Os mandos civís e militares do levantamento sería xulgados de forma sumaria e fusilados en Paleo (Carral). Anos despois, xa cun goberno progresista, na vila de Carral ergueríase un monumento aos hoxe coñecidos como Mártires de Carral.
Como é sabido, desde a vila Ortigueira unha ducia de mozos “das mellores familias”, tentou unirse ao movemento progresista, chegando a Santiago cando resoaban ao lonxe os canóns da batalla de Cacheiras, e chegaban os heraldos da derrota. Nese grupo estaban Ramón Díaz, avó de Julio Dávila, Ramón María Almoina (cirurxán), Valentín Camba (piloto de barco) e Jacobo Álvarez, entre outros, ademáis do avogado Manuel Fernández Poyán, que encabezada o grupo.
| O avogado Manuel Fernández Poyán, líder da cuadrilla ortigueiresa |
Tentando regresar ao Ortegal, foron capturados en Monfero cando tentaban atravesar o río Eume. Xulgados, foron condendos, algúns deles prisión, outros a desterro e uns poucos a morte, e agardaban o temible trance no cárcere da Coruña cando foron amnistiados —si, unha amnistía xeral!—en outubro dese ano 1846 con motivo da voda, o 10 dese mes, de Isabel II co seu curmán Francisco de Asís María de Borbón, e puideron regresar a Santa Marta, non sen sentir o rexeite de boa parte da vila.
Julio Dávila atoparía papeis antigos do seu avó, onde relataba, en verso, a aventura revolucionaria. Julio Dávila publicaría con ese mesmo título, “Aventura revolucionaria” un artigo rememorando os feitos ocorridos. Anos despois o ortigueirés Manuel Pérez Bello publicaría nos anos 90 do pasado século en La Voz de Ortigueira un artigo volvendo a falar do asunto.
Finalmente, e aquí queríamos chegar, o noso socio Carlos López-Kéller Álvarez publicaría no nº 1 (de 2014) da revista Terras do Ortegal, un fermoso artigo titulado “Santa Marta na revolta de 1846. Peripecias da cuadrilla de Poyán”, no que con elegante prosa fai un ameno percorrido polas andanzas revolucionarios dun fato de mozos da nosa vila norteña, botando por fora a fama de vila conservadora.
Recomendamos, por tanto, volver ao espléndido texto de Carlos López-Keller, e disfrutar do seu relato.
--------------------------------
Texto: Xose Maria Torres
Ningún comentario:
Publicar un comentario