xoves, 19 de maio de 2022

Como se pode peregrinar a Teixido?

Retablo de santo André
no santuario de Teixido


 




Xa sabemos que hai moitas formas de peregrinar a San Andrés de Teixido para cumprir a promesa. Hoxe vamos contar un par delas por anecdóticas que nos contou Loli Rubido, aínda que un pouco noveladas.



Sandar a vaca.

Un matrimonio do Val de Xestoso tiña a vaca enferma e non daba curado, así que se ofreceron a ir ao santo o día da romaxe se a Gallarda sandaba, xa que era o seu único medio de vida, encima estaba preñada, co que a perda era dobre. 

Unha vaca no camiño a Teixido
Meu dito, meu feito. A vaca curou e pariu un precioso xato. Pero a promesa levaba implícito baixar andando a Costa de Cedeira con garavanzos casteláns metidos nas zocas, e alá van

Case chegando, o home non podía máis e díxolle á muller que camiñaba vizosa, —eu non dou outro paso máis, morro dos pés. Cómo fas ti para ir tan salerosa?

A dona contestou —eu cocín os garavanzos.

En fin…


Ir calada todo o camiño.

Esta era unha muller de ascendencia maragata, asentada en Ortigueira que nunca subira a San Andrés. A piques de xubilarse pediulles a dúas veciñas que ían tódolos anos se podía ir con elas, pois tamén fixera a promesa de visitar o santo en vida. O compromiso con santo André era subir camiñando e sen falar palabra dende San Adrián.

Capela do Socorro vello

As veciñas intentaron convencela para levala en coche, pois vían que o sacrificio da muller era grande, sete quilómetros costa arriba dan moito que andar…

Non houbo maneira, así que emprenderon o camiño pola mañá cedo, subiron á barca no malecón de Ortigueira e cruzaron a ría ata Fornelos, dende alí subirían andando. Pasaron por diante das dúas capelas do Socorro, o Novo e o Vello, decidindo atallar polo Cristo dos Carrís para deixar a pedra no amilladoiro e baixar a Costa Grande que leva ao santuario. Todo ía ben, a señora caladiña, apoiada na vara de abelá, as acompañantes falando e o sol nacendo por Teixidelo.

Xa estaban chegando, un pouco máis e axiña estaría acendendo a vela ante o apóstolo e dándolle as grazas polo que el xa sabía…

Capela do Socorro novo
Mais cando xa divisaban a capela, tropezou cunha pedra e dixo berrando, —caín…

Rota a promesa de ir calada, alí mesmo prometeu volver ao ano seguinte nas mesmas condicións. Por máis que intentaron convencela de que case o lograra e o santo non llo ía ter en conta, non houbo maneira e repetiuse a escena.

Pasou o ano, volveron a subir nas mesmas circunstancias e a muller tropezou de novo na mesma pedra e volveu dicir, —caín… Pero baixiño para que ninguén a escoitara.

Aínda o había de intentar unha terceira vez, pero morreu antes e as veciñas non lles quedou máis remedio que cumprir a promesa por ela, tiveron que ir caladiñas todo o camiño, que moito lles custou, pero fixérono pola alma da defunta que por fin descansou en paz.

Nunca prometas o que non vas poder cumprir…

--------------

Texto: Luli Dopico

Fotografías: Álvaro F. Polo








luns, 2 de maio de 2022

Entrevista a Loli Rubido, xerente da empresa Roteiros

Loli na porta norte do Santuario,
 
de estilo gótico hispano-flamenco,
a parte máis antiga do Santuario

 
 


«Se vas buscando o amor, deberás meterlle no peto unha ramiña de herba de namorar á persoa que che interesa sen que se decate». 

Tantas veces camiñou Loli Rubido Martínez a Teixido, como anécdotas ten para contar, recoñecendo que aprendeu lendo os libros de Maciñeira e de Usero, amén de falar cos parroquianos e xentes do lugar que achegan amplos coñecementos sobre a nosa Meca galega, como ela lle chama, asegurando que de Galicia vén máis xente a San Andrés que vai a Santiago. Con ela falamos.

Ritos de San Andrés de Teixido, o santuario dos pobres.

Cada persoa vai por motivos diferentes, cando se fai unha promesa, hai un porque, sandar dunha enfermidade, por amor, por ter un fillo, por salvarse no mar… Entón os ritos son diferentes.

O máis ancestral é o de levar unha pedra, basado na Biblia, según dí Murguía: “Cando as pedras falen serán testemuña das persoas que fixeron a romaxe”. Este rito que pervive dende hai milleiros de anos e un dos máis antigos da humanidade. As pedras bótanse antes de chegar, nos chamados amilladoiros, dos que Maciñeira contabilizou ata 24. Eu, seis

—dí Loli: o da costa de Ortigueira é o máis grande, e o mellor conservado está no Chao dos Carrís.

Exvotos no altar

Os exvotos en forma de perna, mans, cabeza… Calquera parte do corpo humano feito en cera que se vendía alí mesmo e logo as velas que eran do mesmo tamaño que a persoa ofrecida e que tiñan que chegar enteiras ao santuario e arder dentro da capela días e días.

O rito de portar o cadaleito se te salvabas dun
ha enfermidade grave, xa non está en vixencia. A persoa levaba a caixa e deixábaa pendurada das paredes laterais do templo, chegaron a ter tantas que tiveron que buscarlle una nova ubicación, baixo o mesmo atrio.

Tamén se poden ver maquetas de barcos levadas polos mariñeiros que se salvaron dun naufraxio ou dunha galerna, hoxendía hai cen trangalladas expostas nun altarciño que se renova a cotío, bufandas do Deportivo ou do Real Madrid, chisqueiros de quen deixou de fumar, exvotos de cera, muletas, xoguetes de nenos, moitas flores de plástico e velas que arden todo o día. 


Loli, xerente da empresa Roteiros,
ante a enseada de 
Cortes

Rito da vida e da morte na Fonte do Santo

Botaremos no pío da fonte unhas migas de pan, se afunden, mal presaxio, se flotan cumprirase o desexo, parabéns. Por certo que mesmo por debaixo da fonte hai unha veta de uranio, tal como lle contou un enxeñeiro madrileño que estudou a zona polos anos 50.

Tamén pediremos un desexo e para que se cumpra, beberemos tres grolos de auga dos tres canos sen tocarlle cos beizos.

Tradicións do Santuario: Formas de peregrinar a San Andrés

Vén xente de todo os lugares, sobre todo do occidente asturiano, do Bierzo, do norte de Portugal, das Rías Baixas, xente que repite e acaba traendo a familia e aos amigos. Para peregrinar a San Andrés non hai normas establecidas, pódese ir de calquera xeito, no tipo de vehículo que teñas. Hai quen se ofrece a ir descalzo, ou sen falar durante todo o camiño, os que van sen comer nin beber, quen porta unha candea e baixa de xeonllos a costa Grande, ou quen vai acompañando a un defunto.

Este último ten un rito peculiar. Pola mañá cedo irás buscar o morto ao cemiterio, petarás na tumba e diraslle que se erga que vamos cumprir a promesa que en vida non lle deu tempo a facer. Se vas en coche ou en autobús hai que pagar o billete e deixar un asento libre para o finado. Se vas andando mirarás de que non se perda polo camiño. Tamén hai que levar avituallamento para o falecido, antigamente a comida dábaselle a un pobre que estivera polo lugar. Unha vez escoitado misa, xa de regreso hai que acompañalo de novo ata o camposanto e deixalo acomodado na tumba, despedíndose e dicindo algo así como: “Misión cumprida”.

Tamén debemos respectar e non pisar os bichiños que atopamos polo camiño, pois din que son almiñas que van cumprir a promesa. 

Relicario 


Posible deusa do inferno. Como a encontraron e onde?

É unha talla de pedra anterior ao cristianismo, no pé ten gravados símbolos solares, cruces e unha cornamenta, como se dunha Cernunus se tratase, na cabeza leva un tocado. Esta pedra especial atopouse nunha casa preto do camiño a Santo André de Teixido. Din que gardaba a casa e ata lle poñían flores. Hoxendía é propiedade particular.

Reivindicacións para potenciar o turismo que chega a San Andrés

Recuperar os camiños milenarios tradicionais, limpalos e sinalizalos correctamente, atender as explicacións dos guías que poñen en valor a idiosincrasia do lugar, preparar algúns dos albergues do camiño, abrir as capelas do Socorro, da Fame da Sede e da Preguiza e dende logo diferenciar este noso camiño chamado tamén do Mar ou da Costa, que tamén leva a Compostela; potencialo na páxina de turismo da Xunta, implicándose nesta ruta de peregrinaxe. 

Non marcharemos do lugar sen mercar os sanandresiños pendurados na vara de abeleira co ramiño de teixo, algo único noso, a poder ser poñer o Santo, cando as normas da pandemia o permitan, ver o relicario e xantar uns percebes ou comer o caldo, ademais de sacar a foto e ver poñerse o sol nas portas do Alén.

Seguiría Loli toda a tarde contándonos anécdotas que quedan para outro momento por falla de espazo, pero que abofé son curiosas.

------------------------------------------ 

Entrevista publicada en La Voz de Ortigueira nº 5.518 (8 de abril de 2022)

Texto e fotos: Luli Dopico

Foto 1. Loli diante da porta norte, de estilo gótico hispano-flamenco, a parte máis antiga do que hoxe se conserva no Santuario, segundo Rafael Usero.

Foto 2. Exvotos no altar.

Foto 3. Loli, xerente da empresa Roteiros, ante a enseada de Cortes.

Foto 4. Relicario.