sábado, 24 de xullo de 2021

Faladoiro en Espasante sobre a terrible Galerna do 61

Ilustración sobre a Galerna do 61
de Nerea Pazos Loureiro





O pasado día 10 de xullo, no local do centro social de Espasante, gozamos dun faladoiro ateigado de sentimentos. Xa vai para 60 anos que unha galerna traidora, coma de feito son todas elas, ateigou o noso mar de loito e posteriores penurias, e por mor daquilo fixemos unha xuntanza coa que lembrar o suceso.

Hixinio Puentes (esq), Beatriz Bermúdez
e Vicente Míguez (dta.)

Dirixida pola historiadora Beatriz Bermúdez, e na compaña do tamén historiador e mestre Hixinio Puentes (e próximo Cronista Oficial de Mañón), e do mestre e investigador Vicente Míguez, orfo dun dos tripulantes, alí puidemos coñecer o acontecido naquelas datas fatídicas de xullo de 1961, mais a intervención dos oíntes foi o que nos fixo partícipes da situación, escoitándoos tiñamos os nosos sentimentos zumegando en cada un dos poros da nosa pel. 

Xente con historias de seu ou que lles contaron, mariñeiros coñecedores da súa profesión e cun léxico único e inigualable e, por riba de todo homes, daquela rapaces, que padeceron no seu corpo física e psiquicamente a carraxe descontrolada do noso mar, o mesmo que nos provee e que, de cando en vez, non dubida en nos cobrar unha maldita peaxe.

Con eles fomos quen de nos mergullar nun mundo salgado e ferinte; alí escoitamos os berros das mulleres na praia na procura de explicacións e que tan só tiñan coma resposta o murmurio ofensivo das ondas bicando a area; até puidemos ollar os corpos aboiando no mar e recollidos por garfos coma se foran unha das pezas de bonito a cobrar; que dicir dos contos, case lendas, daqueles que foron quen de se salvar polo feito de que as súas lanchas quedaron sen goberno polos golpes do mar, e este, coma agradecemento por abandonar a loita, os levaría a un lugar seguro; ou o vertido de combustible ó seu arredor, que conseguía converter as impoñentes ondas nun máxico oasis de paz; aqueles outros que non conseguían falar, mais a emoción da súa faciana tiña contidas moitas máis palabras das que podían ceibar naquel intre; puidemos poñernos no lugar daquelas mulleres viúvas sen morto, soas para sempre, sen home e sen fillos que irían camiño dun orfanato, enfrontadas a un mundo baleiro de tonalidades, onde a negrura era o único que poderían albiscar.

Foi unha homenaxe ós que perderon a vida e ás súas familias, mais tamén a todos os homes de mar que fan do seu traballo algo máis que unha profesión. Son coñecedores de todas as lanchas e barcos dos arredores, falan delas cun cariño coma se dunha muller estiveramos a tratar, saben cal é a máis mariñeira, cal a que mellor se move ou a que ten a silueta máis engaiolante e trátanas co respecto que precisan aqueles dos que depende a nosa vida, mais tamén a morte. E neste día foron quen de compartir connosco o seu saber, as súas inquedanzas, as súas penas e as súas alegrías; abeiraron o seu léxico para entendermos; baixaron, en fin á terra.

O noso máis sincero recoñecemento, porque eles, os homes de mar, son os que nos fan diferentes neste recuncho do norte do país.

--------------------

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: Xosé María Torres





luns, 12 de xullo de 2021

Centenario da colocación da primeira pedra do Escolar de San Claudio (1921-2021)

O espléndido edificio
do escolar de San Claudio



Os días 10 e 11 de xullo, tivo lugar en San Claudio a homenaxe aos fundadores do Escolar da parroquia. As actividades, organizadas pola Asociación Centro Cultural Libro Vivo, iniciáronse o sábado, 10, cunha exposición oral e presentación audiovisual a cargo de J. Carlos Breixo, Cronista Oficial e veciño da parroquia, que iniciou os actos lendo a noticia tal como publicaba Extensión Agraria, un semanario conservador que falaba de que o mellor modelo de educación era fixarse na vida do Neno Xesús, pero que axiña cambiaría de opinión ao decatarse de que o centro pretendía ser laico.

Carlos Breixo nun momento
da súa disertación

Falou Carlos sobre o gran exemplo da sociedade daqueles primeiros ortigueireses en América, a onde marchaban pais e fillos, moitos deles nenos, sobre todo varóns, xa no ano 1847, e da obra levada a cabo polos benfeitores que un día emigraron buscando unha vida mellor, mais non esqueceron a súa terra e seguiron colaborando e enviando cartos, que tamén se destinaron a ampliación da igrexa e construción da torre. na propia parroquia

O fermoso val de San Claudio,
coa ría ao fondo


No ano 1921 colocouse a primeira pedra do Escolar, acto no que estivo presente o mestre e poeta Victoriano Taibo, xunto a Tomás Villar e outros veciños que rematarían a festa no lugar da Rocha. No 1924 queda rematada a estrutura do edificio, feita con pedra da canteira de Tras do Río, na propia parroquia, segundo informou o Cronista.

A presentación do audiovisual dos cen anos de historia do local e da parroquia, rematou cun forte aplauso para Andrés Piñón.

O domingo, 11, ás doce horas, plantouse un magnolio na honra dos fundadores da Sociedade San Claudio, que dera lugar a comezo dos anos trinta do século pasado á San Claudio Sociedad Pro Instrucción y Recreo Mutuo.

Iván Pérez, actual presidente
da asociación Libro Vivo
Entre os anos 1931 e 1980, o edificio acollería a escola, logo foi sede do Teleclub e no ano 1980, tras moitos avatares, pasa a ser Libro Vivo a que inicia a rehabilitación do edificio.

Os veciños asistentes aos actos foron convidados a unha degustación de produtos galegos, tomándose as medidas necesarias dado a situación actual provocada polo Covid-19.

A actual directiva da Asociación está formada por: Iván Pérez (presidente), Diego Chao (vicepresidente), Diego Bellas (secretario) e Juan Rodríguez (tesoureiro).

--------------------

Texto e fotos: Luli Dopico