xoves, 21 de outubro de 2021

O PRACER DE RELER, o novo libro de López Foxo

 



Cos primeiros días de outono, cunha alfombra de mazás e noces debuxando un mapa de letras nos campos de San Claudio, chega ás mans dos amigos un libro, moi ben editado, de Manuel López Foxo. Dedicado a Francisco Pillado, poeta, dramaturgo e editor, falecido o pasado agosto, conta cun prólogo de Goretti Sanmartín Rei, que nos invita a imaxinar un collage da nosa vida ollando fotos de antano e facendo un simil coas lecturas que marcaron o devir dos tempos idos e que nalgún momento volvemos a elas e ficamos de novo engaiolados descubrindo o pracer de remoer nas lembranzas.

Ler, pensar, sentir… é un todo. A paixón polos libros fáinos libres, mellores persoas e crea un vínculo de amizade difícil de romper. De aí que o libro de Manolo, escrito con mestría profesional e unha prosa frutífera, nos leve a empezar a lelo polo final, mergullándonos na estadía de José Luis Sampedro nas terras do Ortegal e un ensaio sobre a novela Real Sitio, cun anexo interesante das cartas que o profesor foi enviando durante varios anos, nos que tamén mandaba un décimo de lotaría polo Nadal para o Paporroibo a ver si tocaba e seguiamos editando libros.

José Luis Sampedro e o alcalde Jesús Varela,
na inauguración en 1990
da II Universidade Popular de Ortigueira
(Foto Pepe Blanco)

Tamén agasallara ao concello cun libro de Firmas, tal como lle prometera ao alcalde Varela en San Andrés de Teixido, en proba de agradecemento pola boa acollida que lle déramos nestas terras norteñas, nas que sentía o abalo da Ría crecendo ou decrecendo coma un lento latexo oceánico. Non sei se tal libro está gardado, está en activo, ou se perdeu nalgún caixón institucional.


No ano 1995 envía Sampedro unha Solaina para un finísimo libro branco de poemas, Cómaros de mel e rosas, de López Foxo, con belísimas ilustracións de Álvaro Fernández Polo, recordando aquela semana que pasara entre nós, durante a segunda Universidade Popular, da que non nos esqueceremos nunca. O Prólogo do devandito libro resulta ser de Manuel María, o poeta chairego, que di quedar sorprendido co poemario: «Un libro apaixoado, como ten que ser a poesía. Amoroso e erótico, cun fondo paisaxístico».


Manolo nunha imaxe
do seu fermoso libro de poesía
Cómaros de mel e rosas
editado por Ed. O Paporroibo



E de Manuel María tamén fala Foxo no «Pracer de reler», recollendo un traballo: “A poesía última de Manuel María. Os libros que abren o seu canto final”, e de: “A luz resucitada”, no que canta o amor pola súa dona Saleta.

Resumindo, o libro que dende hoxe ocupa un lugar privilexiado nos andeis laranxa, consta de cento oitenta e cinco páxinas que engloban vinte e oito textos seleccionados sobre os autores que brillan con luz propia na biblioteca do autor e que non imos a enumerar, pero que vostedes teñen que descubrir se lles gusta ler.

Cando cae a tarde na Atalaia do Francés e a Capelada amosa a ferida da mina de dunita de Landoi, un mar verde de eucaliptos vixía as montañas da néboa que lembran con cariño ao noso primeiro editor don David Fojo Salgueiro.

Aí empezou todo. Neses pre pensares que diferencian entre o temporal e o eterno. Non si, Manolo?

Luli Dopico

------------------------------

Ficha técnica do libro:

LÓPEZ FOXO, Manuel (2021): O pracer de reler. Ed: autor. 15 x 21 cm. 188 páx. Non venal.





martes, 19 de outubro de 2021

Cando marcharon os Dominicos do Convento de Ortigueira?



A esa pregunta deu resposta o noso admirado Julio Dávila nun artigo titulado “Dos efemérides santamartesas”, publicado en 1945 no semanario La Voz de Ortigueira, e do que extraemos unhas cuantas citas, que iremos reproducindo a continuación.

Por el sabemos que o pasado 13 de setembro de 2021 se cumpriron 186 anos da marcha dos Dominicos do convento ortigueirés, onde residían os membros da orde dos predicadores mendicantes desde había séculos.

A exclaustración do clero regular foi un paso máis que deu o pensamento ilustrado en España no final do Antigo Réxime. Xa en marzo de 1834 decretárase o peche dalgúns conventos que se sospeitaba axudaban aos carlistas (a guerra comezara en 1833); ao tempo, prohibíase a admisión de novicios e obrigábase a entrar en quintas para servir no Exército aos xa existentes.



Finalmente, o goberno de  José María Queipo de Llano, Conde de Toreno, en nome da raíña gobernadora María Cristina de Borbón (viúva de Fernando VII), decretou a real orde de Exclaustración Eclesiástica de 25 de xullo de 1835 pola que se suprimían todos os conventos con menos de doce relixiosos profesos. Era o caso do convento de Dominicos de Ortigueira.

Emblema dos Dominicos:
Cruz grega en forma de flor de lis,
a dúas cores branca e negra
(ou prata e sable en Heráldica),
típicas do hábito dominicano


Lista de moradores no convento

En aplicación disto, e segundo Dávila, o 13 de setembro de 1835 producíuse a saída dos frades, que eran os seguintes:

  • Padre prior frei Benito Rodríguez.

  • Padres frei Bernardo Blanco, frei Domingo Suárez, frei Miguel Uteda, frei Juan Benito Bermúdez e frei José Vega, todos eles maiores de cincuenta e cinco anos.

  • Leigos(*) profesores Manuel Rodríguez Villalba e José Soto Martínez.

(Como complemento, ao final da entrada vai a listaxe de frades que había en 1822, publicada por Federico Maciñeira no seu libro Crónicas de Ortigueira). Todos eles «foron agarimosamente hospedados polo vecindario da Vila, na que gran parte deles terminaron a súa existencia».

Foi o final da presenza dos Dominicos en Ortigueira, a onde chegaran a principios do século XIV ou tal vez incluso a finais do XIII, segundo ten suxerido o Cronista Oficial de Ortigueira, Carlos Breixo. O novo edificio non levaba moitos anos construído, pois databa de 1758, en que se rematou a contrucción, que durou 10 anos. A igrexa conventual anterior fora demolida por ruinosa e colocárase a primeira pedra da nova o 18 de xullo de 1776, inaugurándose o 7 de xullo de 1793. E incluso a contrución da fermosa torre rematara en 1816.

Ocupación posterior do edificio

O edificio foi ocupado polo Estado en 1836, e tras diversas vicisitudes e retrasos, o 9 de decembro de 1842 tomou posesión del o alcalde José María Romero Ginzo para destinalo a «cárcel, casa consistorial, escola, cuartel da Milicia Nacional e parroquia».

Finalmente, o 30 de decembro de 1849 pasou a instalarse alí a igrexa parroquial, por traslado dos elementos sacros da anterior que existía na igrexa do Ponto. E iso, pese a que o párroco, José María Vila, entre outras cousas, se queixaba de «quedar a casa rectoral bastante distante da igrexa e con malísima rúa, de maneira que varios días do inverno é case intransitable». Apunta Dávila que a vía que comunicaba o Ponto e o convento «da que xa desapareceron os soportais, e que entonces era coñecida pola rúa do Medio», e que hoxe recibe o nome de rúa do Príncipe (véxase neste mesmo blog "A rúa do Príncipe de Ortigueira... a que príncipe se refire?".

Acababa así a presenza dominicana de máis de cinco séculos en Ortigueira. Aos historiadores compete facer unha análise da súa presenza na nosa vila.


------------------ 

(*) Leigo: membro dunha orde relixiosa que vivía nun convento ou mosteiro pero que non estaba ordenado como sacerdote. Normalmente os leigos ocupábanse dos talleres, granxas, hortas, cociñas, etc.

(*) Moradores do convento no ano 1822 segundo Federico Maciñeira:

     - Prior: P. F. Antonio de Dios.
     - Predicadores: Joaquin Solvera e Domingo García
     - Monxes: Tomás Cañas, Domingo Suárez, Manuel do Val, Francisco Camiña, Benito Gil, José Cabo, José Vega, Isidoro Outorelo e Clemente López.
    - Leigos: F. Manuel do Rosario, Juan Rodríguez e Manuel Rodríguez Villaver

--------------------------------
Texto: Xosé Mª Torres





martes, 5 de outubro de 2021

85 anos da chegada de Cunqueiro a Ortigueira

Álvaro Cunqueiro e Carmucha Casariego de paseo polo malecón do peirao de Ortigueira a finais de 1936



Dentro da nómina de escritores foráneos ligados dalgunha maneira a Ortigueira (Elena Quiroga, José Luis Sampedro, Victoriano Taibo, Enrique Chao Espina...), o nome de Álvaro Cunqueiro Mora debe figurar de forma obrigada. En canto aos nosos lares, porque aqui viveu o autor de Merlín e familia durante máis de medio ano, porque aquí tivo amizades, porque aquí tivo alumnos e alumnas que -pasados 85 anos- aínda o recordan e porque ás paisaxes do Ortegal dedicou algúns -non moitos, é verdade- artigos.


Cabeceira do expediente de Cunqueiro
na universidade de Santiago



En canto a Cunqueiro, que chegou a Ortigueira no mes de outubro de 1936 desde o seu Mondoñedo natal, tres meses despois de iniciada a sublevación militar franquista, porque aquí obtivo a a paz e a tranquilidade que desexaba. Foi grazas á intermediación do presbítero Daniel Pernas Nieto, capelán do asilo municipal ortigueirés (véxase o artigo de Carlos López-Keller Álvarez en Terras do Ortegal nº 7 (2020), e a divulgación feita do mesmo en  Cunqueiro, desde Ortigueira a Vigo) polo que foi acollido como profesor na academia Santa Marta que dirixía o presbítero Jesús Márquez Cortiñas. Alí trabou amizade cun dos profesores, Feliciano Crespo Bello, xefe comarcal da Falanxe, que se erixiu no seu salvoconduto ante calquer risco.



O mindoniense chegara á capital do Ortegal con 24 anos (nacera o 22 de decembro de 1911) coa sona de licenciado en Filosofía e Letras, cando en realidade só aprobara 7 materias desa carreira (véxase un resume do seu expediente universitario más abaixo), o que debía supoñer un terzo do total, a pesar de que estivera matriculado 6 cursos na Universidade, dun total de 9 que se

Poema publicado no semanario
Era Azul (3.12.1936)


cumprían no 35-36 desde que iniciara os estudos. Pero non foi por falta de capacidade intelectual (un recente libro de José BesteiroUn hombre que se parecía a Cunqueiro, fala del como “superdotado”), o que se comproba co sobresaínte con matrícula de honra que obtivo na materia de Lingua e Literatura Española, senón polo diletantismo e a vida mol que levaban algúns estudantes universitarios, mentes brillantes pero inadaptadas ás rixideces académicas.


Na academia ortigueiresa o poeta Cunqueiro -esa era a categoría literaria que cultivara ata o momento- impartiría clases de Xeografía e de Francés aos alumnos e alumnas (o ensino era mixto na Academia Santa Marta) de 1º de Bacharelato. Unha das alumnas era Uxa Prieto (filla do industrial ferretero e político Gonzalo Prieto) a quen lle dedicaría unha fermosa poesía -en castelán- publicada no semanario falanxista local Era Azul. Uxa, unha nena de 10 anos, era á que lle encargaba o escritor entregar mensaxes á súa noiva, Carmucha Casariego, filla dun acaudalado propietario, D. Manuel Casariego, presidente da Banca Sandomingo local.

O escritor vivía no hotel Cuba, sito no edificio que preside a praza das Tres Farolas (pero non enriba de onde hai un comercio de alimentación, senón no lateral, hacia a rúa do Salgueiro); alí compartía aloxamento co presbítero Pernas Nieto, do que falamos antes, que tamén era escritor.

De igual maneira que Elena Quiroga conta hoxe cunha placa no chalé da avenida Escola de Gaitas onde residiu uns meses e escribiu a premiada Viento del norte, tal vez non sería mala idea lembrar esta efeméride dos 85 anos da chegada de Cunqueiro cunha placa a colocar no edificio onde morou o ilustre escritor. Dito queda.

-------------- 

Texto: Xosé Mª Torres


Anexo: reproducimos o expediente académico de Álvaro Cunqueiro Mora. Arquivo Universitario da Universidade de Santiago (AHUS).