martes, 19 de outubro de 2021

Cando marcharon os Dominicos do Convento de Ortigueira?



A esa pregunta deu resposta o noso admirado Julio Dávila nun artigo titulado “Dos efemérides santamartesas”, publicado en 1945 no semanario La Voz de Ortigueira, e do que extraemos unhas cuantas citas, que iremos reproducindo a continuación.

Por el sabemos que o pasado 13 de setembro se cumpriron 186 anos da marcha dos Dominicos do convento ortigueirés, onde residían os membros da orde dos predicadores mendicantes desde había séculos.

A exclaustración do clero regular foi un paso máis que deu o pensamento ilustrado en España no final do Antigo Réxime. Xa en marzo de 1834 decretárase o peche dalgúns conventos que se sospeitaba axudaban aos carlistas (a guerra comezara en 1833); ao tempo, prohibíase a admisión de novicios e obrigábase a entrar en quintas para servir no Exército aos xa existentes.



Finalmente, o goberno de  José María Queipo de Llano, Conde de Toreno, en nome da raíña gobernadora María Cristina de Borbón (viúva de Fernando VII), decretou a real orde de Exclaustración Eclesiástica de 25 de xullo de 1835 pola que se suprimían todos os conventos con menos de doce relixiosos profesos. Era o caso do convento de Dominicos de Ortigueira.

Emblema dos Dominicos:
Cruz grega en forma de flor de lis,
a dúas cores branca e negra
(ou prata e sable en Heráldica),
típicas do hábito dominicano


Lista de moradores no convento

En aplicación disto, e segundo Dávila, o 13 de setembro de 1835 producíuse a saída dos frades, que eran os seguintes:

  • Padre prior frei Benito Rodríguez.

  • Padres frei Bernardo Blanco, frei Domingo Suárez, frei Miguel Uteda, frei Juan Benito Bermúdez e frei José Vega, todos eles maiores de cincuenta e cinco anos.

  • Leigos(*) profesores Manuel Rodríguez Villalba e José Soto Martínez.

(Como complemento, ao final da entrada vai a listaxe de frades que había en 1822, publicada por Federico Maciñeira no seu libro Crónicas de Ortigueira). Todos eles «foron agarimosamente hospedados polo vecindario da Vila, na que gran parte deles terminaron a súa existencia».

Foi o final da presenza dos Dominicos en Ortigueira, a onde chegaran a principios do século XIV ou tal vez incluso a finais do XIII, segundo ten suxerido o Cronista Oficial de Ortigueira, Carlos Breixo. O novo edificio non levaba moitos anos construído, pois databa de 1758, en que se rematou a contrucción, que durou 10 anos. A igrexa conventual anterior fora demolida por ruinosa e colocárase a primeira pedra da nova o 18 de xullo de 1776, inaugurándose o 7 de xullo de 1793. E incluso a contrución da fermosa torre rematara en 1816.

Ocupación posterior do edificio

O edificio foi ocupado polo Estado en 1836, e tras diversas vicisitudes e retrasos, o 9 de decembro de 1842 tomou posesión del o alcalde José María Romero Ginzo para destinalo a «cárcel, casa consistorial, escola, cuartel da Milicia Nacional e parroquia».

Finalmente, o 30 de decembro de 1849 pasou a instalarse alí a igrexa parroquial, por traslado dos elementos sacros da anterior que existía no Ponto. E iso, pese a que o párroco, José María Vila, entre outras cousas, se queixaba de «quedar a casa rectoral bastante distante da igrexa e con malísima rúa, de maneira que varios días do inverno é case intransitable». Apunta Dávila que a vía que comunicaba o Ponto e o convento «da que xa desapareceron os soportas, e que entonces era coñecida pola rúa do Medio», e que hoxe recibe o nome de rúa do Príncipe (véxase neste mesmo blog "A rúa do Príncipe de Ortigueira... a que príncipe se refire?".

Acababa así a presenza dominicana de máis de cinco séculos en Ortigueira. Aos historiadores compete facer unha análise da súa presenza na nosa vila.


------------------ 

(*) Leigo: membro dunha orde relixiosa que vivía nun convento ou mosteiro e que non estaba ordenado como sacerdote. Normalmente os leigos ocupábanse dos talleres, granxas, hortas, cociñas, etc.

(*) Moradores do convento no ano 1822 segundo Federico Maciñeira:

     - Prior: P. F. Antonio de Dios.
     - Predicadores: Joaquin Solvera e Domingo García
     - Monxes: Tomás Cañas, Domingo Suárez, Manuel do Val, Francisco Camiña, Benito Gil,                    José Cabo, José Vega, Isidoro Outorelo e Clemente López.
    - Leigos: F. Manuel do Rosario, Juan Rodríguez e Manuel Rodríguez Villaver

--------------------------------
Texto: Xosé Mª Torres





Ningún comentario:

Publicar un comentario