luns, 20 de agosto de 2018

ACTO DE FRATERNIDADE NA HONRA DE CHARO SUÁREZ DÍAZ


Añadir leyenda
    Aínda non sei moi ben
    porque isto sucedeu,
    n'atopo no meu bagaxe
  o porqué desta homenaxe.

  Mireime moi ben ó espello
    e non catei destello
    para toda esa louvanza.
    De onde viría a idea...?

    Que veña Deus e me dea
    claridá para o saber
    se todo ese acontecer
    ten unha lóxica idea.

           (Charo Suárez, 2018)


A asociación cultural Terras do Ortegal, a asociación de Veciños e Veciñas de Couzadoiro e os amigos de Paporroibo, en colaboración co Concello e o semanario La Voz de Ortigueira, organizaron un acto de recoñecemento a Charo Suárez, unha muller reivindicativa, pioneira na Comarca do Ortegal polas súas múltiples facetas que desenvolve na sociedade que lle toca vivir. 

Primeira muller concelleira nesta etapa da democracia, Presidenta do Nuevo Club, escritora, poetisa, actriz de teatro, e de cine, activista cultural, colaboradora da Voz de Ortigueira e do Heraldo de Viveiro, traballadora incansable, e ante todo muller comprometida coa comunidade.
As actividades tiveron lugar no Teatro de Beneficencia, o sábado, día catro de agosto, ás doce e media da mañá, co aforo completo, deron comezo as magníficas intervencións para falar e glosar a súa figura.

Falaron: Manuel López Foxo, Luís Alonso Santiago, Eduardo Dovale, Vanesa Trevín (concelleira de Cultura) e Enrique Otero. O Cronista de Ortigueira, Carlos Breixo, presentou o acto.

Previamente disfrutamos dunha preciosa proxección audiovisual «Charo en 111 imaxes», da autoría de Álvaro Fdez Polo e Luli Dopico, en colaboración coa Aula CEMIT, que repasou a vida de Charito, destacando o comentario unánime de: «Que guapa era de nova, e que ben se conserva!».

Ás dúas e media da tarde, en Espasante, os amigos e amigas compartiron con ela e a súa familia un xantar de confraternidade, na que foi agasallada cunha Bailarina de Sargadelos, xa que dende nena ese era o seu desexo: ser bailarina. Dende a asociación Terras do Ortegal, amosáronse dispostos a publicar un libro de poesías da súa autoría. Agardamos que axiña se faga realidade.


A película do director de cine Enrique Otero (sobriño da homenaxeada), «Funes, o inventor da Lúa», na que intervén Charo, foi proxectada o martes, 14 de agosto, ás 8,30 da tarde no Teatro, con entrada de balde.


-----------------

Texto:   Luli Dopico
Fotos:   Álvaro F. Polo




III Obradoiro de fotografía documental e de rúa





Durante a segunda semana de xullo conmemorouse na vila ortigueiresa o 40 aniversario do inicio do Festival Celta, que fixo o número 34 de edición, xa que non se celebrou durante seis anos.

A Asociación Galioart, en colaboración co Concello, organizou por terceiro ano consecutivo un taller de fotografía. Falamos cun membro responsable do mesmo, Suso Giz. 
Cóntannos que once persoas cheas de paixón pola fotografía de distintos lugares de España (Ourense, Vigo, Cuenca, Guadalaxara) e incluso Portugal o ano anterior, se deron cita neste obradoiro que xa está consolidado como unha actividade do máis interesante dentro da organización do festival. O curso foi impartido polo fotógrafo Xulio Villarino, fotógrafo con ampla experiencia e capacidade didáctica, especialmente na disciplina documental e no traballo editorial. Os dous anos anteriores impartiu o curso Alberte Pereira

En qué consiste o asunto?
O taller presenta unha parte teórica na que se ensina o concepto de fotografía documental, que nos da unha vision diferente da fotografía de prensa. Hai unha segunda parte práctica na que saímos captar o que consideramos interesante. Logo reunímonos para facer o visionado de imaxes e o último día cada un elixe as súas 15 fotografía favoritas, que o docente comenta. Pasados unhas semanas revisase esa selección e o editor terá que montar un vídeo de xeito harmónico e resultado coherente, elixindo 3 de cada participante, esta parte é a que se denomina edición, como a que fai un editor dun medio escrito. É unha parte moi complexa pero á vez interesante e que leva consigo que haxa que descartar imaxes que por si soas funcionen ben pero non no conxunto do vídeo. 
Por poñer un exemplo, as 11 fotos que se mostran no blog corresponden á foto favorita de cada participante, pero a simple vista podemos decatarnos de que existen moitas imaxes de noite e quedan sen contar cousas importantes do festival, nunha edición conxunta iso debe tentar evitarse.
Pasádelo ben?
De marabilla. Os participantes disfrutaron a tope. Viñan cunhas ganas tremendas de mergullarse no espírito festivalero, desexaban pasalo ben, gozar do ambiente e tomar as mellores fotos. Este ano as sensacións foron incribles, bo tempo, suaves temperaturas e unha espectacular lúa nova brillando no ceo. Captamos unha sorprendente tranquilidade, diría «zen», un comportamento exquisito dos folkies. En Morouzos palpábase unha enerxía positiva que nos contaxiaba o bo rollo dos acampados. A verdade causounos impresión a paz que se respiraba.
Cal é a finalidade do taller?
A primeira finalidade para unha entidade sen ánimo de lucro é difundir a cultura e disfrutar organizando este tipo de actividades, pensamos que pode ser moi interesante acadar un documento gráfico interesante que perdure no tempo. Preparar unha exposición cando teñamos material dabondo e expandir o festival e a súa música a través de fotografías e vídeos por toda a xeografía, todo isto cunha visión plural dos participantes e docentes que vaian pasando por el. A curto prazo, a finais do verán ou comezos de outono mostraremos o vídeo da edición. Todo apunta a que faremos un vídeo fantástico. Os dos anos anteriores pódense ver na páxina web de Galioart, no apartado de actividades. https://galioart.wordpress.com/
Xorden problemas á hora de facer fotos?
A maioría das persoas non teñen inconvinte, aínda que hai xente que non lle gusta. Sempre comentamos no obradoiro que se alguén lle molesta que tomemos a foto, que a borremos na súa presenza, non ten sentido conservar unha foto de alguén que se poda sentir incomodo. Na foto de rúa moitas veces tratase de coller escenas espontáneas pero outras pedimos permiso e logo incluso lles enviamos a foto. Quedan encantados. Ata facemos amigos.
Cómo colabora o Concello?
Xenerosamente. Dannos os permisos que necesitamos para estar dentro do foso, fotografar os concertos, músicos e público en xeral. Tamén nos dan os pases para acceder en coche ao piñeiral, cousa que facilita o traballo para non ter que ir cargando coas mochilas cámaras e obxectivos. 
Sentídesvos respaldados para darlle continuidade?
Calquera proxecto ambicioso require apoio e participación de moitas persoas. Concretamente neste taller sempre hai xente que posibilita e facilita as cousas, o que permite facer un obradoiro cada vez máis atractivo.
Vamos cos agradecementos.
Primeiro dar as grazas a todos e cada un dos participantes pola súa asistencia, está claro que sen eles non sería posible levar a cabo o taller. Grazas dobremente aos que repetiron por segundo o terceiro ano, algúns incluso viñeron acompañados de novos participantes aos que trasladaron a súa visión de convocatorias anteriores sobre o obradoiro, o que se di: «O boca a boca». A Ana, Clara, Daniel, Dori, Isabel, Iván, Luz, Pilar, Sergio e Yolanda, grazas pola boa predisposición. Tamén unha agarimosa lembranza para os participantes dos anos anteriores. A Elisardo de prensa pola súa axuda e facilidades na xestión dos pases e demais favores durante eses días. Ao Concello e á Dirección do Festival pola colaboración prestada.
Ángel Lozano polas palabras de apoio o día da despedida. Mil grazas a don Francisco Xavier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, por cedernos o local da Casa Reitoral o primeiro día, pois tivemos un problema na sede da asociación que finalmente puideron arranxar, e por estar dispoñible sempre que se necesita algo. A Xulio Villarino, con el aprendemos moitísimo de fotografía e conseguiu contaxiarnos uns valores altamente positivos que van moito más aló diso e polo tanto, aí queda esa contribución a mellorar as cousas. Como nos dixo na despedida: «A cultura é tremendamente importante e merece que se lle trate mellor», se con iniciativas populares Galioart pode contribuír de algunha maneira, aquí deixamos o noso gran de area.
E todas as grazas do mundo a todos os compañeiros deGalioart, que limpan, ordenan, manteñen o local activo por amor ao arte. En especial a Diego Pérez Dopico, Presidente da Asociación e a Billy polo traballo antes, durante y despois do taller.
Gracias a ti, amigo Suso, polo empeño que pos sempre en que todo saia perfecto e a xente leve unha boa impresión de nosa amabilidade como pobo.
----------------



Texto: Luli Dopico
Pés de foto:
Grupo: Fotógrafos participantes co concelleiro de Ortigueira Anxo Lozano.
Sede: Na sede de Galioart (antigo matadeiro), co fotógrafo Xulio Villarino e Diego Pérez Dopico, presidente da Asociación.
Suso Giz, responsable do Obradoiro de Fotografía.





domingo, 12 de agosto de 2018

Evocación arbórea e crónica da presentación do Nº 5 de Terras do Ortegal

Carlos Breixo, Aline Riola, Lois Armada, Luli Dopico
Xosé Mª Torres e Francisco Javier Martínez
(foto: Socorro Rey)




Crónica dedicada á memoria do farmacéutico don Alfredo Torres Pajón, que das ortigas fixo arte, e da Natureza, paixón.

Liquidámbar
O venres, día 20 de xullo, as 8.30 h da tarde, no local social Antigo Hospital de San Roque (O Ponto), presentouse ao público a Revista de estudos locais, TERRAS DO ORTEGAL, número 5, que comparo cun liquidámbar pola beleza da árbore en cuestión. A árbore do ámbar, como tamén se lle chama, foi cultivada pola  asociación cultural Terras do Ortegal durante todo o ano, xermolando con éxito neste verán do 2018, contribuíndo así, con esta nova entrega a sementar cultura na nosa bisbarra.
Nogueira
Lois Armada, de Cariño, arqueólogo e investigador do CSIC, a quen vou comparar coa miña enorme nogueira, que expande as  súas ramas ata case tocar o ceo e nos agasalla cada outono con cestas e cestas de noces, foi o encargado de presentar a Revista, analizando o seu contido detalladamente, felicitando á directiva da asociación polo traballo realizado e apuntando que habería que ir pensando en dixitalizar os números anteriores. 

Oliveira

A oliveira. Aline Riola, educadora social, neta e filla de emigrantes, foi a primeira invitada a falar da súa aportación escrita para este número, que leva un dossier sobre a Educación no Ortegal. O seu artigo titúlase: «Educando de Norte a Sur e viceversa». Aline relatou as súas experiencias no eido do voluntariado educativo, en países como Marrocos, Senegal e India. Nesta crónica de verán ocorréuseme que ben podía comparar a esta xenerosa moza coa oliveira de Xacobe, que vai medrando na Atalaia, con forza e vigor, como símbolo de Paz e bendicións, porque así é ela, xoven comprometida, altruísta e humanitaria.

Maciñeira
Pola orde de falar tócalle a unha servidora, Luli Dopico, comentar a miña propia intervención, pero antes deixade que me adxudique a máis vella árbore do campeiro. Son unha maciñeira, vella, que non da froito ata case entrado o inverno, unhas mazás pequerrechiñas, pero moi saborosas, ideais para facer a compota de Noiteboa. Na miña casa lle chamábamos mazás de pedra. 

Castiñeiro
Tocoume falar de Charo Suárez, unha muller extraordinaria que quixo ser bailarina. Pioneira e baluarte dentro da cultura ortigueiresa, artista, poeta, escritora... Primeira muller concelleira desta etapa democrática que gozamos, concretamente estivo no Concello dende o ano 1987 ata o 1999. A ela quero adxudicarlle tamén a ela unha árbore. Castiñeiro, porque durante moito tempo, na etapa dos Paporroibos, sempre nos agasallaba con marrón glacé, unhas riquísimas castañas confitadas que bautizábamos con guinda.



Magnolio
Esperaba a súa quenda escoitando atentamente na mesa, o magnolio. Sorría e tomaba notas para florecer unha vez máis, falando de historia á que é adicto, o párroco de Ortigueira, 
Francisco Xavier Martínez Prieto, que remexeu en antigos documentos para nos informar da vella igrexa parroquial de Santa Marta de Ortigueira do Ponto, que atopa un final feliz no outeiro onde ficaba a vella Igrexa de Santo Adrián de Veiga.
Por qué un magnolio? Porque esta flor se asocia á perseveranza, nobreza e dignidade. Así é o noso cura, traballador incansable a prol da cultura, eminente, bondadoso e dinámico.

Paulonia


A Xosé María Torres outórgolle unha árbore que me encanta, a paulonia. Conta a tradición que na China, cando nace unha nena, plantan unha árbore sorprendente de follas enormes e crecemento rápido, que vai medrando ao tempo que a rapaza, ata que esta se casa, a paulonia. Daquela córtana para facer os mobles do fogar da recén casada. Xosé María é o celme de Terras do Ortegal, o noso Presidente, inquedo, activo e preocupado por todo o concernente ao seu traballo e a Terras. O seu artigo, moi ben documentado na Revista: «O colexio relixioso das Obreiras da Cruz», debulla a historia do colexio das relixiosas en Ortigueira, unha iniciativa educativa dos anos 60, asentado no que hoxe é a casa reitoral, que non tivo continuidade. Como non hai problema de voda na Asociación, a árbore non se talará, e medrará e medrará ata encher de libros as nosas casas. Gracias farmacéutico por cada momento que nos dedicas. Indico que cando naceu o meu neto Manuel, vai agora en agosto para seis anos, tamén plantamos unha paulonia, e está que da xenio vela.
Teixo

O Cronista Carlos Breixo foi cedendo o posto aos relatores, para el quedaba a sabedoría da voz final, da persoa que ten as ideas claras, a palabra feita teixo, unha árbore que non debe faltar en ningún xardín galego. Fala o profesor Carlos dende a investigación auténtica e veraz, informándose a conciencia sobre calquera tema que se lle propón. Neste caso sobre: «Orixes da asistencia hospitalaria en Ortigueira. Peregrinos a San Andrés e Compostela». No inicio da súa intervención tivo un cariñoso recordo para Federico Maciñeira, recentemente falecido, a quen tanto lle debe el e todo o pobo de Ortigueira —dixo. Todo un luxo contar coa presenza do Cronista.
Pradairo


O acto finalizou cun animado coloquio, no que se tratou o asunto do futuro que pode ter o Museo de Meixido e do patrimonio que se garda na Fundación Ortegalia
Para finalizar quero agradecer en nome de Terras a asistencia de público que enchía o local, dende onde ollamos a nosa preciosa Ría ao atardecer. Para todas as persoas que nos acompañaron e nos brindan sempre o seu apoio, vaia para elas como agasallo final un fermoso souto de castiñeiros, nunha espléndida tarde de verán. E como teño dúas árbores 
Eucalipto ornamental
Hortensias
máis para adxudicar, a Tomás Caula, excelente pintor, autor da contraportada da Revista, non dubido en concederlle o finísimo pradairo (arce), que destaca polo seu colorido. Para Sonia Fernández, autora da portada que presenta a Escola de San Adrián, vaia o eucalipto ornamental. Para o resto dos autores que compoñen a Revista, ofrézolles unha mata de hortensias a escoller cor.


-----------
Texto: Luli Dopico
Fotos: Luli Dopico (árbores) e Socorro Rey (mesa presentación)






















venres, 10 de agosto de 2018

A moura da Pena Faladora


Pena Faladora no Camiño dos Arrieiros (foto: Ana Durán)




Segundo o historiador e escritor romántico Benito Vicetto, a serra Faladoira (que vai desde Bares ata o monte Caxado) débelle o seu nome á raíña sueva Hildefrida, que ao serlle infiel ao seu home, o rei Remismundo, é condenada a ser enterrada viva entre as penas nalgún lugar do norte da Galiza. Segundo o citado autor, os lamentos da raíña perduran no tempo, e por iso a serra onde foi enterrada, chamouse así. A terrible historia da raíña foi incluída na súa obra Los Reyes Suevos de Galicia, publicada no ano 1860, na Coruña.
De onde sacou Vicetto esta tremenda lenda? A corrente literaria na que se desenvolveu, o romanticismo, adoitaba observar o folclore e a historia como elementos de inspiración, pero cun rigor histórico bastante cuestionado. Ás lendas locais era moi habitual que se engadiran, suprimiran ou modificaran algúns elementos, para pulir a narrativa popular. É moi pouco probable que semellante feito ocorrera, sen embargo, a inspiración do relato é real. No folclore local das terras altas do Ortegal, os veciños non teñen constancia de ningunha raíña enterrada por un home ciumento. Porén, sí falan dunha pena onde parecera que unha muller contesta con eco nun lugar chamado a Pena Faladora. 

Sobre esta pena, o arqueólogo ortigueirés Federico Maciñeira e Pardo de Lama, na súa obra Bares, puerto hispánico de la primitiva navegación occidental (1947), menciona esta lenda de Vicetto, deducindo que a súa versión é produto da imaxinación do escritor. Da por feito que o nome procede desta pena, e non da infortunada raíña Hildefrida. Nunha observación científica e metódica, asome que no lugar é frecuente o eco e que posiblemente este feito fecundara a imaxinación dos lugareños sobre unha persoa que falaba na devandita Pena Faladora. Incluso chega a mencionar de forma comparativa un lugar de Portugal onde tamén hai outra “Pena Faladora”, onde a lenda di que hai unha moura encantada. 
Na Pena Faladora do Ortegal, algúns todavía rin nervosos recordando que os vellos falaban de que no mencer de san Xoán se aparecía unha muller fermosa, cunha tenda onde poñía obxectos ao sol. Tamén se recolle a lenda do baile do sol, e que nun dolmen próximo (o Forno dos Mouros) se aparecía na mesma data unha galiña cos seus pitos de ouro. Todos estes elementos fan deducir que os veciños probablemente crían que no lugar vivía unha moura (aínda que xa non se lle chame así a esa muller lendaria que vivía no imaxinario colectivo da xente da serra). 
Forno dos Mouros no Camiño dos Arrieiros
(Foto: Ana Durán)
As mouras, moi frecuentes no folclore galego, son mulleres moi fermosas, con poderes sobrenaturais, que adoitan vivir en penas, ríos, pozas, restos prehistóricos ou noutros lugares de singular feitura. Segundo Vicente Risco, son reminiscencias de cultos precristiáns anteriores, semellantes ás fadas (faeries célticas).
 Que se aparezan sobre todo no día de san Xoan ten que ver co culto ao solsticio solar propio dos pobos antigos da Prehistoria (a Pena Faladora está no Camiño dos Arrieiros, de orixe moi probablemente neolítica, no que abondan túmulos funerarios, menhires e outros monumentos megalíticos). As mouras -tamén chamadas “donas” ou “señoras”- están amplamente documentadas nos estudos etnográficos na Galiza, nunha variedade inxente de lendas por todo o noso territorio. Coa chegada do cristianismo, algunhas mouras mudaron a ser Virxes, e era moi frecuente que onde se aparecían houbera unha cruz para cristianizar o lugar. Na serra da Faladoira, a cruz de lousa chamada Cruz de Alvar González parece xustificar a súa existencia pola crenza popular dunha muller encantada que aparecía na Serra Faladoira. 
A súa existencia na colectividade xa só existe na mente dos nonaxenarios e nalgúns dos seus descendentes, que consideran que son contos de vellos, e vai camiño do esquecemento. 

----------------------------
Para saber máis: 
  • DURÁN PENABAD, A. M. As Virxes Irmás da Serra Faladoira. In: Achegas ao Patrimonio Inmaterial Galego. Sociedade Antropolóxica Galega. Pontevedra, 2018.
  • MACIÑEIRA Y PARDO DE LAMA, F. Bares, puerto hispánico de la primitiva navegación occidental. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. Santiago de Compostela, 1947.
  • QUINTÍA PEREIRA, R. Análise estrutural e simbólica do mito da Moura. Urco Edicións, 2015.
  • RISCO, V. Obras completas. Tomo 3. Etnografía. Editorial Xerais. Vigo, 1994. 
  • VICETTO, B. Los reyes suevos de Galicia. A Coruña, 1860. 
------------------

Texto e fotos: Ana Durán Penabad