xoves, 21 de outubro de 2021

O PRACER DE RELER, o novo libro de López Foxo

 



Cos primeiros días de outono, cunha alfombra de mazás e noces debuxando un mapa de letras nos campos de San Claudio, chega ás mans dos amigos un libro, moi ben editado, de Manuel López Foxo. Dedicado a Francisco Pillado, poeta, dramaturgo e editor, falecido o pasado agosto, conta cun prólogo de Goretti Sanmartín Rei, que nos invita a imaxinar un collage da nosa vida ollando fotos de antano e facendo un simil coas lecturas que marcaron o devir dos tempos idos e que nalgún momento volvemos a elas e ficamos de novo engaiolados descubrindo o pracer de remoer nas lembranzas.

Ler, pensar, sentir… é un todo. A paixón polos libros fáinos libres, mellores persoas e crea un vínculo de amizade difícil de romper. De aí que o libro de Manolo, escrito con mestría profesional e unha prosa frutífera, nos leve a empezar a lelo polo final, mergullándonos na estadía de José Luis Sampedro nas terras do Ortegal e un ensaio sobre a novela Real Sitio, cun anexo interesante das cartas que o profesor foi enviando durante varios anos, nos que tamén mandaba un décimo de lotaría polo Nadal para o Paporroibo a ver si tocaba e seguiamos editando libros.

José Luis Sampedro e o alcalde Jesús Varela,
na inauguración en 1990
da II Universidade Popular de Ortigueira
(Foto Pepe Blanco)

Tamén agasallara ao concello cun libro de Firmas, tal como lle prometera ao alcalde Varela en San Andrés de Teixido, en proba de agradecemento pola boa acollida que lle déramos nestas terras norteñas, nas que sentía o abalo da Ría crecendo ou decrecendo coma un lento latexo oceánico. Non sei se tal libro está gardado, está en activo, ou se perdeu nalgún caixón institucional.


No ano 1995 envía Sampedro unha Solaina para un finísimo libro branco de poemas, Cómaros de mel e rosas, de López Foxo, con belísimas ilustracións de Álvaro Fernández Polo, recordando aquela semana que pasara entre nós, durante a segunda Universidade Popular, da que non nos esqueceremos nunca. O Prólogo do devandito libro resulta ser de Manuel María, o poeta chairego, que di quedar sorprendido co poemario: «Un libro apaixoado, como ten que ser a poesía. Amoroso e erótico, cun fondo paisaxístico».


Manolo nunha imaxe
do seu fermoso libro de poesía
Cómaros de mel e rosas
editado por Ed. O Paporroibo



E de Manuel María tamén fala Foxo no «Pracer de reler», recollendo un traballo: “A poesía última de Manuel María. Os libros que abren o seu canto final”, e de: “A luz resucitada”, no que canta o amor pola súa dona Saleta.

Resumindo, o libro que dende hoxe ocupa un lugar privilexiado nos andeis laranxa, consta de cento oitenta e cinco páxinas que engloban vinte e oito textos seleccionados sobre os autores que brillan con luz propia na biblioteca do autor e que non imos a enumerar, pero que vostedes teñen que descubrir se lles gusta ler.

Cando cae a tarde na Atalaia do Francés e a Capelada amosa a ferida da mina de dunita de Landoi, un mar verde de eucaliptos vixía as montañas da néboa que lembran con cariño ao noso primeiro editor don David Fojo Salgueiro.

Aí empezou todo. Neses pre pensares que diferencian entre o temporal e o eterno. Non si, Manolo?

Luli Dopico

------------------------------

Ficha técnica do libro:

LÓPEZ FOXO, Manuel (2021): O pracer de reler. Ed: autor. 15 x 21 cm. 188 páx. Non venal.





Ningún comentario:

Publicar un comentario