xoves, 29 de outubro de 2026

Paseando en 1936 con Álvaro Cunqueiro por Ortigueira I. Da "Carretera" ao Cantón

 

Álvaro Cunqueiro chegou á nosa Vila, con 24 anos, a primeiros de outubro de 1936. Así o saudaban desde as páxinas de La Voz de Ortigueira: «Ha llegado a esta Villa el culto publicista, D. Álvaro Cunqueiro Mora, licenciado en Filosofía y Letras, que viene a formar parte del cuadro de profesores del acreditado Colegio “Santa Marta”» (LVO, 11-10-1936); un apunte que refrendaría anos despois o propio escritor cando no artigo “Estampas orteganas” sinala: «Cuando yo llegué a Ortigueira por el dulce tiempo de otoño...».

Neste días de outubro de 2026 en que celebramos os 90 anos da súa chegada, parécenos oportuno dar conta dalgunhas persoas e lugares dos que hai constancia que tiveron relación co escritor mindoniense nos 8 meses que residíu aquí, ata mediados de maio de 1937.

1.      Comezaríamos con Cunqueiro paseando co arqueólogo Federico Maciñeira e Pardo de Lama paseando pola “Carretera” (oficialmente naquela altura avenida Alonso Pernas, e hoxe avenida Escola de Gaitas de Ortigueira) falando do vaso campaniforme de cerámica, da Idade do Bronce, que fora atopado en 1893 na Veiga de Vilavella (As Pontes) e que Maciñeira puido estudar aos poucos días; así, describiríalle a Cunqueiro a coidada execución do vaso, a súa fermosa decoración xeométrica e o seu posible uso cerimonial.

2.      Á altura da Farmacia Torres —que xa levaba catro décadas naquela ubicación—, baixaría pola rúa do Carme (actual Fernández Latorre) pasaría diante da propia casa de Maciñeira (na que vivía desde que abandonou a casa familiar en Barbeita (Ladrido), e case enfronte, na casa dos Álvarez, saudaría ao mestre Laureano Álvarez Martínez —nacido en 1912, fora tamén militante do Partido Galeguista— e ao que dedicaría un exemplar do poemario Mar ao Norde, hoxe testemuña escrita da estancia do mindoniense. Laureano tamén tería que integrarse en Falanxe e colaborar en Era Azul, sucedendo a Cunqueiro no seu posto, e incluso teria que incorporarse, a pesares da súa marcada miopía, como voluntario ao Exército franquista nas filas do Batallón Galicia. Nada diso impediría que fose represaliado en 1946 e expulsado do Maxisterio, oposición que aprobara en 1941.

3.      Chegaríamos á praza das Tres Farolas —que desde 1928 era oficialmente “plaza 13 de septiembre” (pola data do golpe de Estado de Primo de Rivera)—; alí, no principio da rúa do Salgueiro, no notable edificio Peña tiña a súa sede o hotel Cuba, dirixido por Segundo Fontela Teijeiro, onde se aloxou o escritor mindoniense, e onde compartía hospedaxe co presbítero e poeta Daniel Pernas Nieto, natural de Abadín e capelán do flamante —fora ianugurado en 1932— Hospital-Asilo Dolores Díaz de Dávila, posto do que tomara posesión poucas semanas antes, a finais de setembro (LVO, 26-09-1936). Pernas Nieto, amigo do pai de Cunqueiro, parece ser o que facilitou a chegada do escritor á nosa vila. Hoxe unha placa na fachada do edificio, confecciónada de forma altruísta polo ciclo de Madeira e Moble do IES Ortigueira e colocada por Terras do Ortegal en 2021, lembra aquela estancia.

4.      Baixando xa ao Cantón, centro social e comercial da Vila, achegaríase á sede de Falanxe Española no edificio indiano construído por Cándido Regueira en 1870 —hoxe sede da reitoral da parroquia de Santa Marta—, e incautado en xullo do 36, en que carecía de residentes habituais. Alí o 30 de outubro cubriría, baixo a mirada atenta de Feliciano Crespo Bello (nacido en 1913 en Miñaño-Luama), Xefe comarcal e docente tamén na academia de bacharelato Santa Marta, e de Pascual Torres Pajón (nac. en 1912), Secretario comarcal de FE e empregado municipal, a ficha de adhesión a Falange Española y de las JONS, o seu salvoconduto político-social.

5.      A poucos metros, nesa mesma rúa, entraría na imprenta Fojo, e saudaría ao director de La Voz de Ortigueira, Jesús Fojo Díaz (empresario e alcalde republicano ata febreiro do 36), ao que lle levaría continuas colaboracións para o semanario falanxista Era Azul que alí se imprimía desde o nº 1, publicado o 12 de novembro de 1936. Tamén entablaría contacto co seu fillo David Fojo Salgueiro (nac. en 1917, aprobara xa 2º de Dereito na USC, pero incorporaríase ao Exército), máis tarde director do semanario local, que se estendería anos despois á súa muller, Maruja Bouza Cabarcos (nac. en 1921 e que fora alumna de Cunqueiro na Academia Santa Marta), excelente cociñeira, quen lle facilitaría variadas receitas de cociña.

Todo un ronsel de persoas e lugares que marcarían a vida social e política do ilustre escritor mindoniense na nosa Vila.

Xosé María Torres

-----------

NB.: Unha versión desta entrada foi publicada prevkamente no semanario La Voz de Ortigueira o 23-10-26.




mércores, 14 de outubro de 2026

DEVESOS. A NOSA TERRA E A NOSA XENTE. Libro de Xoán Xesús Permui Saavedra

  


Suso da Veiga (1966) 

Articulista ocasional de traballos realizados ca Natureza e firme defensor dos valores ligados ás sociedades rurais, promoveu xunto a un grupo de veciños a recuperación da histórica “Sociedade de Instrución e Recreo A Devesana” (1992), desenvolvendo a súa vida profesional no rural, concretamente na parroquia de San Sebastián de Devesos, á que lle dedica o libro que hoxe temos á nosa disposición e que nos emociona particularmente por coñecer ao autor e porque con persoas coma Suso nunca deixaremos de amar “A NOSA TERRA”, este recunchiño que pisamos á cotío e que nos fai soñar con tanta beleza e tradicións.

Grazas á lectura deste singular libro sabemos un pouco máis de onde vimos e coñecermos mellor o Camiño dos Arrieiros, a arqueoloxía, o patrimonio relixioso, Portas, a toponimia local e ás persoas e familias de Devesos, como don Rafael Fernández Casas ou os descendentes do Tío Santos, do que tanto escribira Narciso Luaces, entre outros persoeiros de interés.

Suso Permui,
o autor do libro




O título, amplamente xustificado, define o contido da obra. Os montes, os ríos e regatos, a etnografía tan importante e tan esquecida, as actividades agrícolas, gandeiras, forestais e mineiras dunha aldea que no seu día foi Concello. A veciñanza, xente nobre e servizal, un  recordo agarimoso para aqueles que xa non están e un agradecemento para os que compartiron co autor momentos e vivencias.

Son 237 páxinas, cas súas fotografías, as que nos devolven a memoria viva dunha comunidade que habitou estas terras ortigueiresas; non só se recollen datos e datas, que tamén dan fe das andanzas das súas xentes que co seu esforzo diario e cas súas herdanzas combaten o olvido, porque un autor como Suso lles deu voz.

A miúdo as grandes enciclopedias esquecen as pequenas historias cotiáns: A preparación das festas patronais, o saúdo diario entre os veciños, as mans unidas para axudar a quen nos necesita, as reunións comunitarias onde se decide o rumbo do noso entorno, os enterros que cada vez son máis e os bautizos que xa non abondan. Son precisamente eses detalles diarios os que este libro quere atesourar.

A traveso de testemuñas, lembranzas compartidas e fotografías que vencen o paso do tempo, esta obra rende homenaxe a Devesos como o gran punto de encontro, o espazo onde as diferenzas se esvaen como a néboa para dar paso á fraternidade e ao sentido de pertenza.

Agradecemos profundamente ao autor o seu esforzo e traballo, visitando arquivos e preguntando a todos para facer posible a edición. Ao ler estas páxinas os lectores atoparanse con nomes coñecidos, rostros familiares e coa súa propia historia.

Desexamos gocen coa súa lectura. Que este libro sexa un espello onde mirarnos con orgullo de pobo e un recordatorio de que xuntos formamos unha comunidade extraordinaria. 

Abogando por un Suso en cada aldea galega, parabéns, rapaz!, e que este outono sexa ventureiro para todos. 

                                                                                                    Luli Dopico


 

venres, 9 de outubro de 2026

“Las casas que habitó Mari Piformes”, novo libro da escritora Luli Dopico

 





Lecturas ortegalesas

O outono é tempo propicio para as novidades editoriais, e entre elas chéganos da man da editorial viguesa Cardeñoso o novo libro da escritora nacida en Viveiro, hoxe coordinadora do Club de Lectura da Biblioteca de Ortigueira e colaboradora do semanario La Voz de Ortigueria. 

Trátase do undécimo libro individual da nosa autora, que ten participado tamén en obras colectivas de moi diferente signo (novela, cociña, poesía...), ao longo dos seus máis de trinta anos de vida literaria, que comezara da man do editor David Fojo Salgueiro, que lle publicara en 1993 Á beira do Landro, un auroral volume con cinco relatos aparecidos antes en La Voz de Ortigueira; ese conxunto, polo que a autora sente especial predilección («mi joyita literaria», afirmaba nunha interesante entrevista feita por Ruth Amarilis Cotto Benítez, profesora da Universidad Europea Miguel de Cervantes (UEMC)), está incluído de novo nesta obra que hoxe valoramos.

Luli nunha imaxe recente
(Foto: M. Rubiños)

O título inclúe o verbo habitar, unha palabra de resonancias máis profundas queun simple vivir, e que nos pode traer aires bíblicos (“e o Verbo fíxose carne e habitou entre nós...”—versísulo que aparece no prólogo do Evanxeo de San Xoán—) ou cinematográficos (La piel que habito, un filme de Pedro Almodóvar), se ben en realidade describe so unha das dúas partes nas que está dividida a obra, “Casas”; falamos dos 18 capítulos autobiográficos, que continúan cunha segunda parte titulada “Relatos”, tamén con outras 18 seccións, pero que son xa textos de ficción pura, porén case sempre baseados en experiencias reais da autora.

Debido a esa parte biográfica, as guardas da cuberta do volume non presentan un resume do currículo da autora, como soe ser habitual; en cambio inclúe unha poesía (“Baixo un paraugas: ameite”), entendemos que da súa autoría. Tamén un prólogo, asinado por unha misteriosa Mari Piformes, tal vez un trasunto, un heterónimo, da propia autora.

Primeiro libro de Luli editado
como separata
de La Voz de Ortigueira
na imprenta Fojo.
Vivencias e relatos

A parte biográfica está escrita en castelán, mentres que as narracións van todas en galego, unha combinación lingüística na que a autora se sente cómoda («No quiero más a papá que a mamá», ten declarado con sorna). Ligada a esta dualidade, revela que nos anos finais do pasado século se involucrou —desde o activismo cultural—  na política local co partido Esquerda Galega, a pesar de que «me tiraba ser del Bloque, pero fui rexeitada por no hablar gallego correctamente»; un aserto irónico que nos lembra unha antigua entrevista ao humorista Siro López, ao que lle preguntaban se era nacionalista, ao que respostaba «creo que si, pero igual non aprobaba o exame».

Luli revela que é de escrita rápida, tal vez por iso os seus textos son limpos, claros, de frases curtas, con uso constante do punto e seguido e a ausencia case total do punto e coma, parénteses ou frases entre guións que entorpezan a lectura. Para o texto usa as notas dun diario que di manter durante anos; por iso algún dos capítulos foron redactados hai tempo, e semellan con estilo máis depurado.


Fala dos seus pais, María e José Manuel; este último ven descrito nun capítulo, “José Manuel de Rivas”, no fermoso libro de Manuel López Foxo Os vellos. A memoria da vida e unha cultura que se perde, reeditado en 2023. Fala tamén dos seus irmaos, dos seus fillos... e tamén dos seus animais domésticos, a algúns dos cais dedica un relato. E tamén do seu sobriño Luis Dopico Geada, traxicamente falecido en marzo de 2023, e ao que dedicou ese mesmo ano o libro Escucharé tu voz diciendo que ya es primavera. En palabras de López Foxo é «un estremecedor relato... cunha beleza admirábel», e calificábao, ata ese momento, como o mellor da obra literaria de Luli, algo ao que debemos facer caso dada a notable capacidade como crítico literario do escritor de San Claudio.

A parte autobiográfica vai dando conta das casas nas que Luli viviu, e ademais de  describilas con detalle, da conta das vivencias propias en cada un deses fogares. Faino con humildade e franqueza, e tamén con agarimo, necesario para superar as penalidades e traumas que relata, que comezan xa ao dar conta da primeira casa, “Puente de Landrove”. Aquí revela que o seu pai casou dúas veces (ela mesma é filla da súa segunda muller), e que un dos seus irmaos, fillo do primeiro matrimonio de seu pai, tivo á súa vez varios fillos, e sobre dous deles apunta: «a aquellos dos niños que marcharon de muy pequeños para Madrid nunca más volví a verlos».

Felicitemos a Luli, e coidemos dela, unha das figuras literarias máis valiosas que temos hoxe no Ortegal. Parabéns!


(Nota: unha versión desta entrada foi publicada no semanario La Voz de Ortigueira o pasado 2 de outubro de 2026)

---------------------- 

Texto: Xose Maria Torres


xoves, 1 de outubro de 2026

Máis de 75 personas asistirán ao congreso “Alvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936” que comeza maña venres 2 de outubro no Teatro de Beneficencia da capital do Ortegal

 

 

O congreso que sobre "Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936" se celebrará o venres 2 de outubro e o sábado 3 de outubro no teatro de Beneficencia de Ortigueira está acadando importantes expectativas e interese entre os residentes da zona e interesados na obra de Cunqueiro doutras partes de Galicia.

Aproveitando que fai 90 anos da chegada do escritor mindoniense á capital do Ortegal, a asociación Terras do Ortegal está preparando, desde hai moitos meses este evento, no que se analizará a vida e a obra desde diferentes perspectivas: a súa vida en Ortigueira e a relación posterior con esta vila, as súa obra narrativa, tanto en castelán como en galego, a súa poesía, a obra xornalística, a súa ollada sobre a lingua galega etc.


Un reflexo dese interese é o dato de que máis de 75 persoas asistirán, en diferentes momentos, ao Congreso. Ás 56 persoas xa inscritas hai que sumar aos 6 especialistas (profesores, historiadores, editores e escritores) que impartirán algún dos relatorios, así como as 6 persoas (xornalistas, profesores e escritores) que farán as presentacións de cada unha das conferencias, así como os 6 membros dos comité orgnizador e do comité asesor, así como as autoridades que intervirán na inauguración e na clausura do evento.


Asistencia libre e gratuita

A elas sumaranse todas aquelas persoas que decidan asistir libremente a algunha das sesións, pois hai que lembrar que a asistencia é gratuíta e aberta a calquera cidadán que desexe acudir, se ben as persoas inscritas e todas as da organización terán garantido a entrega dun exemplar do folleto-programa de 32 páxinas con artigos sobre a estancia de Cunqueiro en Ortigueira, que inclue algún documento inédito.

Unha das salas da Biblioteca municipal
onde se expoñen libros e datos
sobre o escritor Álvaro Cunqueiro

Aínda é posible facer esa inscrición, cubrindo un sinxelo formulario aquí.

O evento comezará mañá venres ás 16.30, en quen terá lugara o acto inaugural.


Participación doutras institucións

Ao propio evento hai que engadir a Exposición Bibliográfica sobre Cunqueiro que está aberta —en horario de maña e tarde— na Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre de Ortigueira, así como posibles actividades, xa de carácter máis interno que poden programar os centros educativos do municipio, o Colexio e o Instituto.

O evento conta cunha subvención parcial da deputación da Coruña e a colaboración do concello de Ortigueira, ademáis da xa indicada da Biblioteca Municipal.