martes, 29 de setembro de 2026

Presentación en Cobas (Ferrol) do nº 25 da revista COLUMBA, coa participación de Manel Bouzamayor, presidente de Terras do Ortegal

De esq. a dta: Manel Bouzamayor, presidente de Terras do Ortegal,
e José López Hermida, presidente de Columba
.

 





O pasado venres, 26 de setembro tivo lugar a presentación do número 25 da revista cultural COLUMBA, editada na parroquia ferrolá de Cobas. O acto tivo lugar no local da asociación de veciños Santa Comba, a carón da nova igrexa parroquial de San Martiño de Cobas.

Falamos dunha parroquia, Cobas, de carácter rural, extensa, e situada no norte do concello de Ferrol, nas terras do antigo concello de Serantes, e que ten como elemento histórico-patrimonial máis destacado a capela de Santa Comba, de orixe románica. Como característica, dicir que a capela está ubicada nun illote costeiro, na praia de Santa Comba, cerca de cabo Prior, ao que unicamente se pode acceder en baixamar. Hai nunha romaría anual no último domingo do mes de xullo.

O feito de ser este o número 25 converte a Columba nunha das revistas de maior antigüidade xa non en Ferrolterra ou na provincia coruñesa, senón de toda Galicia, un mérito que cabe asignar ás persoas de dirixen a asociación. De feito Columba foi unha das revistas que se analizou en 2014 desde o equipo fundador de Terras do Ortegal para facer o deseño da noso anuario.

A revista conta cunha subvención do concello de Ferrol (que soporta o 80% do custo de maquetación e impresión), á que se suma algún patrocinio menor en forma de publicidade de varios negocios locais.

Non ten data fixa de aparición, se ben, nos últimos anos publicouse nos meses finais do ano. A tirada actual é de 400 exemplares, que se distribúe gratuitamente aos socios da entidade (case 150, na actualidade), a persoas da parroquia e parroquias cercanas, e de Ferrol en xeral, así como a varias bibliotecas da zona.

Contidos deste número

A revista soe conter artigos dedicados á parroquia na que ten a sede a asociación, pero tamén sobre a historia de Ferrol e outras temáticas non estrictamente ligadas ao territorio.

Este número presenta 10 colaboracións, cun total de 200 páxinas, con ilustracións e fotografías a cor, algo presente na revista desde o número 20, publicado en 2021.

Algúns dos colaboradores son habituais tamen na nosa revista, como Hixinio Puentes, cronista oficial de Mañón, David Fernández Abella (arqueólogo que dirixiu en 2025 a excavación no Campo da Torre de Ortigueira), ou o propio José López Hermida.

Entre os artigos deste número están:

- Corsarios no litoral noroeste de Galicia.

- Pedrfitas e menhires nas terras do antigo Concello de Serantes.

- Desamortización del iglesario de la parroquia de San Martín de Cobas.

- Radiotelegrafía militar y minería gallega.

- Sociedad y Unión de ganaderos de San martín de Cobas.

- Historia de la arqueología subacuática.

Acto de presentación

O conductor do acto foi José Manuel López Hermida, presidente da Asociación Cultural COLUMBA, e autor tamén de varios artigos publicados na revista Terras do Ortegal. Ante máis de 50 persoas que enchían o auditorio López Hermida deu un saúdo aos asistentes e dixo unhas palabras sobre a aoscxiación, que ten 29 anos de vida, e sobre a revista, que chega con este ao número 25, pois non toso os anos se publicou. Tamén comentou o seu propio artigo, sobre a desamortizació do igrexario de San Martiño de Cobas, un proceso que durou 60 anos.

E seguidamente deu paso a Manel Bouzamayor, presidente de Terras do Ortegal, como invitado específico para o acto, e encargado de dar conta dos diferentes artigos que compoñen o número. Na súa intervención Manel, cunha relación constante —primeiro por estudos e despois por traballo—coa vida ferrolá, e incluso coa propia parroquia de Cobas, comezou cunha reflexión sobre o significado da palabra cultura, non sempre apoiada de maneira consistente polas administración públicas encargadas, por lei, de fomentala. Falou das diferentes revistas de temática cultural que en formato de anuario hai na zona norte da provincia coruñesa, que representan unha riqueza non sempre valorada, desde Hume (en As Pontes), a FerrolAnálisis (Ferrol), Revista de Neda (hoxe desaparecida, pois hai varios anos que se publicou o último número, desde a xubilación do bibliotecario que a coordinaba, Manuel Pérez Grueiro), Cátedra (Pontedeume)... ou a nosa propia revista Terras do Ortegal.

O acto rematou con breve coloquio, ao que seguíu un refrixerio con pinchos, ofrecido pola asocición a todas as persoas asistentes, ás que se repartiu gratuitamente un exemplar da revista.

--------------------- 

Nota 1. O nome da asociacion e da revista, Columba, coincide co nome da parroquia, Comba, que remiten ao latín columbus, pomba.

 

 Texto e foto: Xosé María Torres



martes, 15 de setembro de 2026

Programa do Congreso "Cunqueiro en Ortigueira en 1936" do 2-3 outubro 2026 e Formulario de inscrición.

 





O congreso que está a organizar Terras do Ortegal, e que terá lugar os próximos 2 e 3 de outubro (venres tarde e sábado mañá) no Teatro de Beneficencia de Ortigueira, xa ten o programa completo.

En semanas anteriores fomos dando conta e anunciando as persoas que participarían cunha charla ou relatorio no congreso, pero agora temos xa a palestra completa.

Está formado por un plantel selecto de profesores, ensaístas, escritores, editores e historiadores, combinando homes e mulleres tanto do Ortegal como de fora do noso territorio, nunha simbiose que agardamos mereza a atencion das persoas interesadas na figura e na obra de Álvaro Cunqueiro.

Como temos lembrado en numerosas ocasións en todos estes días de prolegómenos do evento, Álvaro Cunqueiro chegou a Ortigueira a primeiros de outubro de 1936, poucos meses despois da sublevación militar e do inicio da Guerra Civil —van polo tanto 90 anos desde súa chegada— e aquí estivo ata mediados de maio de 1937, case 8 meses.

Inscrición no Congreso

A inscrición é gratuíta pero necesaria, tanto por cuestións loxísticas como polas limitacións de espazo da sala que acolle ao Congreso, e debe facerse AQUÍ:

Programa do Congreso

Enumeramos a continuación os relatorios que conforman o congreso. Cada un dos relatores será presentado por persoas colaboradoras da asociación Terras do Ortegal relacionadas co mundo da cultura nas súas diversas formas, ás que agradecemos a súa participación.







-------------------- 

venres, 4 de setembro de 2026

O profesor Claudio Rodríguez Fer e a escritora Medos Romero participarán no Congreso sobre Cunqueiro que terá lugar en Ortigueira os próximos 2 e 3 de outubro.


A organización do congreso que a asociación Terras do Ortegal está preparando e que terá lugar no primeiro fin de semana de outubro (venres 2 pola tarde e sábado 3 pola mañá) avanza a bó ritmo. O plantel de relatores ven de completarse coa incorporación de dúas novas figuras de relevancia no ámbito da literatura galega.

·      Por un lado, o profesor Claudio Rodríguez Fer, que é ao tempo escritor recoñecido en diversas modalidades (poesía, narración, teatro...) e ensaísta. Profesor de Lingua e Literatura Española na facultade de Humanidades de Lugo (USC), que está xubilado desde datas moi recentes, tralo cal foi designado profesor ad honorem, dictará a lección inaugural do Congreso sobre Cunqueiro que terá lugar en Ortigueira.

Rodríguez Fer é un especialista na literatura galega durante a Guerra Civil —materia da súa tese de doutoramento—, e o seu interese na figura do escritor mindoniense non é novo; cabe lembrar que foi o editor da monografía “Álvaro Cunqueiro en Ortigueira” publicado polo Consello da Cultura galega en 2011 e que recolle os artigos publicados polo autor de Mar ao Norde e Cantiga nova que se chama Ribeira nos semanarios Era Azul e La Voz de Ortigueira.


·      Pola súa parte a poeta Medos Romero, «dona dunha das grandes voces da lírica atlántica» en palabras do escritor Ramón Loureiro, participará no evento coa lectura pública de varios poemas de Álvaro Cunqueiro, en especial dos publicados durante a estancia na nosa vila.  A escritora pontesa, recoñecida co Premio da Crítica de poesía galega en 2022, ten unha recoñecida capacidade na difícil arte da recitación poética, e sabe modular o seu verbo con fondura expresiva.

Agradecemos a ambas figuras que aceptasen da invitación de Terras do Orteal a participar neste evento que estudará a figura de Álvaro Cunqueiro.

Véxanse anteriores noticias

Con elas complétase a panel de extraordinarios relatores que participarán no Congreso sobre Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936, que se desenvolverá o venres 2 outubro próximo en horario de tarde e o sábado 3 de outubro en horario de mañá, que estará formado por:


En próximos días difundiremos a forma de facer a incrición neste evento que agardamos  sexa un completo éxito.

------------------- 






mércores, 2 de setembro de 2026

Prolongada "Harmonía do universo vexetal", a exposición fotográfica da nosa socia Victoria Díaz Castañeira








Tras estar aberta durante todo o mes de agosto, a exposición fotográfica "Harmonía do universo vexetal" seguirá aberta ao público no primeiro andar do claustro do edificio exconventual que acolle ao concello de Ortigueira. A ampliación estenderase ás dúas primeiras semanas de setembro deste ano 2026, durante as que se poderá visitar a exposición en horario de 9.00 h a 14.00 h.

No mundo da fotografía existen diferentes ámbitos ou estilos de traballo: xornalismo, documentación, retratos, paisaxes, arquitectónica, publicitaria..., a maioría relacionados coa actividade profesional do autor. Non é o caso de Victoria, fotógrafa afeccionada (a súa actividade laboral anterior foi a docencia), que por iso ten maior libertade para elixir o que retrata coa súa cámara, e que podemos definir como un encontro entre a Natureza e a Arte. Pois así resulta do que vemos nesta fermosa exposición que programa o departamento de Cultura do concello de Ortigueira: plantas, flores, auga (as gotas de auga teñen un papel central nesta mostra)... ao que lle podemos sumar un terceiro vector, o da Xeometria, enfoque declarado en anteriores mostras da nosa fotógrafa, e sobre a que se expón un panel informativo na entrada da mostra, e da que é autor un profesor da universidade da Coruña.


A autora: Victoria Díaz Castañeira

En conversa pausada Victoria nos revela que a súa atención na fotografia data da idade infantil, cando tiña uns 10 anos.

Hoxe, xa plenamente afeccionada, usa diferentes instrumentos segundo o interese e a urxencia, pois hai moitas diferencias, con cámaras Leica, Sony, Canon ou Nikon, e conmóbiles Huawei ou Sony.

Entre os seus temas de interese están, curiosamente, as vodas e bautizos, que esixen máis responsabilidade pero que proporcionan tamén maior satisfacción; alén diso, por suposto, a natureza, obxecto de todas as súas exposicións; unha Natureza contemplada desde o planop geométrico, coa mirada hacia a beleza que encerra, e seguindo a interpretación que as sucesivas tendencias pictóricas teñen proporcionado, desde Monet e Cezanne, a Georgia O' Keeffe, Picasso, Polock e outros.

En canto a técnica fotográfica traballa moito co macro, que permite a aproximación aos pequenos mundos vexetais que amosan grandes estruturas que adquiren unha dimensión cósmica hacia o cosmos.

Fotógrafos de referencia

Victoria ten entre as súas referencias a Carlos Saura, José María Díaz-Casariego, Manuel Ferrol, Karl Blossfeldt, Georgia O'Keeffe, Annie Leibovitz, María Caldarelly, Helena Segura, Álvaro Ybarra Zabala e José Pardo.

Nun ámbito máis cercano a admiración por Álvaro F. Polo é total: as súas fotográfias de aves chegan ao marabilloso, así como as súas paisaxes, como esta recente do sol eclipsado en Ortigueira... algo xenial!

As imaxes

As imaxes son a cor, en formato grande, cun colorido rutilante (a beleza das flores neste caso é espectacular), que contrasta co fondo branco das paredes da sala na que se expoñen, que tal vez debería mellorar a sua iluminación, necesaria en calquera exposicion de arte, pero máis nesta.

------------------------ 

Texto: Xosé Mª Torres

Fotografias: Victoria Díaz Castañeira