martes, 21 de xullo de 2026

40 anos do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes: un caderno para lembrar a efeméride

Mesa presidencial do acto, con Elena López,
Valentín Glez. Formoso, José Mª López Ferro
e Secundino Garcia

 





O pasado venres, 10 de xullo de 2026, tivo lugar a presentación do novo caderno anual do Museo Etnográfico que existe nas Pontes. É xa un rito anual a presentación dun novo caderno do museo por parte do seu director, José María López Ferro, que é, ao tempo, e desde 2022, Cronista Oficial do Concello. O caderno deste ano, que fai o nº 8 da colección, titúlase 40 anos do MEMC: memoria, patrimonio e comunidade.

Secundino García, director
do Museo Etnográfico da Capela


Na presentación participaron Secundino García Mera, director do Museo Etnográfico da Capela, Elena López, concelleira de Turismo de As Pontes e o propio alcalde da localidade, Valentín González Formoso, que como todo o mundo sabe é tamén presidente da deputación provincial da Coruña, e José María López Ferro, director do Museo, que pechou o acto.

Interveu en primeiro lugar Secundino García, mestre e fundador do museo etnográfico da Capela, actualmente ubicado na parroquia de San Boulo de Caaveiro, que relatou como o museo naceu, ao igual que o das Pontes, nun colexio de infantil e primaria, o CEIP Mosteiro de Caaveiro, froito dunha experiencia sociopedagóxica desenvolvida desde o ano 1981Con certas doses de humor contou detalles de como foron recollendo pezas, implicando aos alumnos e ás familias.

Pola súa parte, Elena López, na súa breve intervención, felicitou ao museo polo 40 aniversario, e expuxo que o museo pontés é xa un recurso turístico máis do concello, con visitas organizadas que se ofrecen a grupos de visitantes de toda Galicia e incluso de fóra. A seguir, nunha intervención máis extensa, o alcalde pontés Valentín González Formoso felicitou ao seu director polos 40 anos do museo; destacou que nas Pontes entre as entidades culturais que reciben apoio do concello e da deputación están a asociación Hume (que presentara a súa revista nº 18 (2026) uns días antes) e o propio Museo Etnográfico, e que as publicacións de ambas son editadas con axuda da deputación, polo que a súa distribución é gratuita.

Logotipo
do museo etnografico

Unha visión xeral da praza da Igrexa das Pontes,
onde tivo lugar o acto


O caderno número 8

Na que foi a intervención final, José María López Ferro agradeceu as intervencións anteriores, deu conta de que fora mestre durante un breve periodo no colexio da Capela, e que alí recolleu a idea que foi agromando xa no que sería o seu destino definitivo ata a súa xubilación, o Colexio Monte Caxado (pechado en 2017), onde naceu o museo no ano 1986. Leu unhas acertadas palabras que o seu fillo, o escritor e xestor cultural Xosé María Ferro Fermoso publicara o día anterior nunha entrada da rede social Facebook. Nós escollemos estas:

Dende a óptica da xestión do patrimonio cultural, o primeiro gran valor do Museo Etnográfico Monte Caxado reside no seu carácter anticipatorio. Antes de que a protección do patrimonio etnográfico e inmaterial

acadase a relevancia conceptual e normativa que hoxe ten, este proxecto xa actuaba na práctica como un dispositivo de salvagarda. Recolleu pezas cando aínda eran consideradas refugallos; documentou procedencias e doantes cando esa información podía perderse para sempre; e integrou no espazo educativo materiais, técnicas e expresións da cultura tradicional que estaban deixando de formar parte da experiencia vital das novas xeracións. É dicir, non se limitou a acumular obxectos, senón que xerou contexto, memoria e significado.


José María deu conta, asimesmo, da participación na Rede de Museos de Ferrolterra, que agrupa na actualidade a 13 museos das comarcas de FerrolTerra, Eume e Ortegal, e que trata de levar a cabo accións conxuntas. Nese momento fóisenos a mente ao pechado Museo Etnográfico de Meixido (Freires-Ortigueira), posto en marcha en 1999 por Narciso Luaces e a súa esposa Herminia Covelo, xa falecidos, e que a desidia das administracións encargadas de velar polo patrimonio cultural ten feito desaparecer, non sabemos se de forma definitiva.

En canto ao propio caderno, que se repartiu gratuitamente aos asistentes á presentación, da conta da historia do museo e das actividades e publicacións realizadas, con numerosas fotografias que testemuñan todo ese historial exitoso.

Non queda, para finalizar, máis que dar os parabéns a José María polo labor altruísta realizado nestes 40 anos, e á súa familia pola axuda e comprensión das horas roubadas á convivencia familiar para levar adiante esta obra, así como ás institucións polo apoio exemplar concedido.


-------------------------------


Texto: Xosé María Torres

Fotos: Páxina de Facebook de Mundito Carballo Durán

 

martes, 7 de xullo de 2026

Éxitosa presentación nas Pontes, unha vez máis, dun novo número da revista Hume, o nº 18 (2026)

 

De esq. a dta.: Cristina Souto, Carlos Romero,
Valentín Glez. Formoso, Fina Blanco
e Carlos Beixo








É sempre un pracer acudirmos á cita anual á que nos convoca a asociación Hume para coñecer un novo número da súa Revista de Estudios Históricos Locais, un exemplo e un referente sempre para a nosa revista Terras do Ortegal, como o son tamén, por exemplo, a revista Cátedra de Pontedeume, FerrolAnálisis de Ferrol, Atenea, do Ateneo Ferrolán, e tantas outras.

O acto vense celebrando, desde hai xa varios anos na Casa Dopeso das Pontes, un edificio municipal polivalente, pois ten sala de exposicións, aula de informática, oficinas municipais… e un magnífico auditorio para coller este tipo de eventos.

Dentro do numeroso público puidemos ver, e saudar, á profesora Esperanza Piñeiro de San Miguel (hai poucos meses distinguida como Ferrolana del año 2025), directora de FerrolAnálisis e presidenta do xurado do premio de Investigación que con carácter anual convoca Hume, e a José María López Ferro, Cronista Oficial das Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, ao que tamén hai que dar os parabéns, pois fai 40 anos da súa posta en marcha.

Estaban presentes, así mesmo, varios membros da corporación pontesa, como Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura, e Elena López, concelleira de Turismo, e tamén o alcalde Valentín González Formoso, que —sen estar previsto— foi invitado a subir ao estrado e dicir unha palabras, o que así fixo, pola conductora do acto, Fina Blanco, membro do Consello de Redacción da revista e socia fundadora da asociación no ano 2003, como ela mesmo lembrou.

Fina Blanco nun momento da súa intervencion.
Ao seu lado Carlos Breixo,
Cronista Oficial de Ortigueira


Van alá 23 anos de acción cultural e 18 números da revista, un traballo admirable o da asociación HUME!

Presentacións dos artigos

Indo xa ao celme do asunto, cabe dicir que o libro deste ano ofrece 9 artigos, que conforman un volume de 758 páxinas, un número causado sobre todo por un dos artigos que ocupa case 400 páxinas, que tal vez fose oportuno publicar aparte en forma de monografía, pois descompensa o resto dos artigos, e desde logo dificulta ter a revista na man (pesa 1,7 kg), se ben o seu deseñoo, o tipo de letra e a maquetación profesional que desde hai varios anos presenta a revista facilita e invita á lectura.

Entre os autores vemos a persoas xa habituais, como Marisol Souto, actual presidenta do colectivo cultural, Javier Barcón, merecedor dun dos premios, Manuel Souto, actual vicepresidente, e por suposto, a Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira e o colaborador máis asiduo da revista desde o seu número 1.

Todos eles, salvo Javier Barcón, ausente por razóns persoais, participaron no acto, aos que hai que sumar a Iago Isasi e David Pereira, enxeñeiros, autores dun concienzudo estudo sobre os límites parroquiais do concello pontés no Catastro de Ensenada, que obtivo o 1º premio de 2025; tamén Cristina Souto Pita, que obtivo o 2º premio de 2025 cun innovador estudo gráfico dun coñecido suceso da vida pontesa, o terrible crime das Barosas —o asasinato de 4 membros da mesma familia— causado polos falanxistas en 1936; Cristina é graduada en Belas Artes e máster en Arte Contemporánea, e a súa achega revitaliza a revista con novos enfoques.

Carlos Romero, autor do moi extenso artigo sobre a xestión fa empresa ENCASO (Empresa Naciona Calvo Sotelo) nas Pontes entre 1943 e 1972, interveu presentando o seu artigo e o de Javier Barcón, ausente como dixemos, sobre a praza do Hospital da localidade, e o de Marisol Souto sobre José Antonio Velo, xefe de mantemento da Central térmica durante 36 anos.

Fina Blanco presentou tamén un artigo do equipo Etnográfico de Hume, formado por entrevistas a tres persoas maiores das Pontes (unha falecida recentemente), que dan a coñecer as formas de vida que había en tempos pasados da primeira metade do século XX, unha sociedade agraria e de privacións, hoxe superada.

O profesor Juan Carlos Vázquez Arias,
un dos galardonados
no Premio Hume 2026


Pola súa parte Carlos Breixo, coa súa coñecida elocuencia e capacidade de síntese, máis alá de presentar o seu artigo sobre o escultor cedeirés Juan Tomás Rodríguez de Santiago, autor do retablo da igrexa de Santa María das Pontes, invitou a reflexionar sobre a sitguación actual en que os tesouros artísticos das igrexas e capelas, cada vez máis ocultos dada a escaseza de cregos, que deben atender a múltiples parroquias, e ante o cal as igrexas están pechadas durante días e incluso semanas, sen que se poida admirar —ou simplemente coñecer— eses tesouros artísticos que hai nas igrexas, sufragados polo veciñanza parroquial durante séculos.

Premio de Investigación Hume 2026

Completouse o acto coa intervención dos dous autores galardonados na convocatoria 2026 do premio de Investigación, os que se lle entregou un obsequio e un diploma acreditativo da distinción, ademáis, por suposto, da cantidade en metálico que constituía o propio premio, e cuxos traballos aparecerán na revista do ano que ven.

Finalizou o acto tras dúas horas e media de intenso discurso cultural, ao final do cal cada un dos asistentes puido recoller gratuitamente un exemplar da revista, impresa co patrocinio da Deputación Provincial nos propios talleres da Imprenta provincial.

Felicitamos de modo entusiasta á asociación Hume polo seu empeño e compromiso sostido coa publicación dunha revista en papel, e louvamos así mesmo o apoio que ofertan o concello e a deputación a unha iniciativa cultural que é recoñecida polo veciñanza —así o demostra, pois enchía o auditorio— que, en definitiva, é o obxectivo de calquer proposta cultural como a de Hume.


--------------- 

Texto e fotos: Xosé María Torres