Lecturas ortegalesas
O outono é tempo propicio para as novidades editoriais, e entre elas chéganos da man da editorial viguesa Cardeñoso o novo libro da escritora nacida en Viveiro, hoxe coordinadora do Club de Lectura da Biblioteca de Ortigueira e colaboradora do semanario La Voz de Ortigueria.
Trátase do undécimo libro individual da nosa autora, que ten participado tamén en obras colectivas de moi diferente signo (novela, cociña, poesía...), ao longo dos seus máis de trinta anos de vida literaria, que comezara da man do editor David Fojo Salgueiro, que lle publicara en 1993 Á beira do Landro, un auroral volume con cinco relatos aparecidos antes en La Voz de Ortigueira; ese conxunto, polo que a autora sente especial predilección («mi joyita literaria», afirmaba nunha interesante entrevista feita por Ruth Amarilis Cotto Benítez, profesora da Universidad Europea Miguel de Cervantes (UEMC)), está incluído de novo nesta obra que hoxe valoramos.
![]() |
| Luli nunha imaxe recente (Foto: M. Rubiños) |
O título inclúe o verbo habitar, unha palabra de resonancias máis profundas queun simple vivir, e que nos pode traer aires bíblicos (“e o Verbo fíxose carne e habitou entre nós...”—versísulo que aparece no prólogo do Evanxeo de San Xoán—) ou cinematográficos (La piel que habito, un filme de Pedro Almodóvar), se ben en realidade describe so unha das dúas partes nas que está dividida a obra, “Casas”; falamos dos 18 capítulos autobiográficos, que continúan cunha segunda parte titulada “Relatos”, tamén con outras 18 seccións, pero que son xa textos de ficción pura, porén case sempre baseados en experiencias reais da autora.
Debido a esa parte biográfica, as guardas da cuberta do volume non presentan un resume do currículo da autora, como soe ser habitual; en cambio inclúe unha poesía (“Baixo un paraugas: ameite”), entendemos que da súa autoría. Tamén un prólogo, asinado por unha misteriosa Mari Piformes, tal vez un trasunto, un heterónimo, da propia autora.
![]() |
| Primeiro libro de Luli editado como separata de La Voz de Ortigueira na imprenta Fojo. |
A parte biográfica está escrita en castelán, mentres que as narracións van todas en galego, unha combinación lingüística na que a autora se sente cómoda («No quiero más a papá que a mamá», ten declarado con sorna). Ligada a esta dualidade, revela que nos anos finais do pasado século se involucrou —desde o activismo cultural— na política local co partido Esquerda Galega, a pesar de que «me tiraba ser del Bloque, pero fui rexeitada por no hablar gallego correctamente»; un aserto irónico que nos lembra unha antigua entrevista ao humorista Siro López, ao que lle preguntaban se era nacionalista, ao que respostaba «creo que si, pero igual non aprobaba o exame».
Luli revela que é de escrita rápida, tal vez por iso os seus textos son limpos, claros, de frases curtas, con uso constante do punto e seguido e a ausencia case total do punto e coma, parénteses ou frases entre guións que entorpezan a lectura. Para o texto usa as notas dun diario que di manter durante anos; por iso algún dos capítulos foron redactados hai tempo, e semellan con estilo máis depurado.
Fala dos seus pais, María e José Manuel; este último ven descrito nun capítulo, “José Manuel de Rivas”, no fermoso libro de Manuel López Foxo Os vellos. A memoria da vida e unha cultura que se perde, reeditado en 2023. Fala tamén dos seus irmaos, dos seus fillos... e tamén dos seus animais domésticos, a algúns dos cais dedica un relato. E tamén do seu sobriño Luis Dopico Geada, traxicamente falecido en marzo de 2023, e ao que dedicou ese mesmo ano o libro Escucharé tu voz diciendo que ya es primavera. En palabras de López Foxo é «un estremecedor relato... cunha beleza admirábel», e calificábao, ata ese momento, como o mellor da obra literaria de Luli, algo ao que debemos facer caso dada a notable capacidade como crítico literario do escritor de San Claudio.
A parte autobiográfica vai dando conta das casas nas que Luli viviu, e ademais de describilas con detalle, da conta das vivencias propias en cada un deses fogares. Faino con humildade e franqueza, e tamén con agarimo, necesario para superar as penalidades e traumas que relata, que comezan xa ao dar conta da primeira casa, “Puente de Landrove”. Aquí revela que o seu pai casou dúas veces (ela mesma é filla da súa segunda muller), e que un dos seus irmaos, fillo do primeiro matrimonio de seu pai, tivo á súa vez varios fillos, e sobre dous deles apunta: «a aquellos dos niños que marcharon de muy pequeños para Madrid nunca más volví a verlos».
Felicitemos a Luli, e coidemos dela, unha das figuras literarias máis valiosas que temos hoxe no Ortegal. Parabéns!
(Nota: unha versión desta entrada foi publicada no semanario La Voz de Ortigueira o pasado 2 de outubro de 2026)
----------------------
Texto: Xose Maria Torres




Ningún comentario:
Publicar un comentario