xoves, 2 de maio de 2019

Que lle debe Ortigueira a Isabel II?

Isabel II, raiña de España



Como se dicía nunha anterior entrada sobre as rúas e prazas de Ortigueira, en Ortigueira só hai un espazo público adicado a unha muller: a praza de Isabel II. Sendo xustos, hai outra rúa que leva nome de muller, a rúa da Magdalena, pero en realidade o nome é unha extensión do nome da capela -e antigo hospital- da Magdalena que existe nas aforas do nucleo urbano de Ortigueira na barrio do mesmo nome. Por dicilo doutra maneira, non foi un nome elexido expresamente para a rúa ou praza, como sí o foi o que queremos sinalar hoxe. En todo caso, pode haber persoas que non estén de acordo con esta análise. O meu respecto a elas.

Imaxe actual da praza de Isabel II
A praza de Isabel II está ubicada nun lugar principal da vila, enfrente da igrexa parroquial e da casa consistorial; na mesma hai, ademáis dunha centearia palmeira, un antiguo templete (non o orixinal, de finais do XIX, senón o remodelado a principios do séc. XX) onde se celebraba o mercado semanal dos xoves ata os anos 70 do pasado siglo XX. A praza, da que saen as rúas que conforman o casco antigo de Ortigueira, foi ampliada en 2003, como lembra unha placa, co derribo dunha casa na súa parte inferior.

Cando e como foi elexido o nome de Isabel II para a praza?
Non lle constan a este afeizoado á Historia eses datos, pero suponse que sería elexido a mediados do século XIX, nalgún momento entre 1833, en que foi elexida raíña de España (con case tres anos de idade), e 1868, en que fuxiu de España a Francia. Por certo que o concello de Ortigueira conta cun retrato -de grande formato- ao óleo desta raíña de xoven, copia dun orixinal dun artista famoso. Esta copia está castigada nunha parede interior, case oculta no primeiro andar do concello, na saída do ascensor. Tal vez o retrato e o nome da praza estén relacionados. Quién sabe..., que din os mexicanos!
Placa 

Honrar ao monarca dun país co nome dunha rúa ou praza é algo habitual, pero ademáis, neste caso a Isabel II débenlle a vida varios ortigueireses, nun suceso pouco coñecido, pero que foi divulgado no número 1 (2015) da revista Terras do Ortegal polo ortegano Carlos López-Keller Álvarez nun excelente artigo titulado “Santa Marta na revolta de 1846. Peripecias da cuadrilla de Poyán”, que animamos a ler polo seu interese.
López-Keller relata un suceso acaecido en abril de 1846, a consecuencia do levantamento do coronel Solís en Lugo. De Ortigueira saíron un grupo de mozos armados en dirección a Ferrol, que estaba asediada polas tropas de Solís, se ben a cidade capital do departamento da Mariña resistiría, co que os mozos ortigueireses marcharon a Santiago, onde a raiz de como ían os acontecementos decidiron regresar a Ortigueira. Na partida estaba alistado Ramón Díaz, avó materno de Julio Dávila Díaz (1871-1971), o insigne xeógrafo e historiador ortigueirés, que daría conta desta aventura do seu avó no artigo "Aventura revolucionaria", incluido na edición de 1902 do Almanaque Gallegode Castro López, publicado en Bos Aires.
Peripecias e condea a morte
Resumindo o acontecido pola partida revolucionaria, dicir que ao fracasar a asonada militar (que daría orixe aos chamados Mártires de Carral, a protohistoria do galeguismo contemporáneo), 8 membros da cuadrilla ortigueiresa foron capturados en Monfero cando intentaban cruzar o río Eume para regresar á nosa vila. Tres deles, Ramón Díaz, Fernando Pita e Jacobo Álvarez foron condeados a morte, e penados cun desterro a África os restantes cinco: Ricardo Cao, Ramón Almoina (profesor de Cirurxía), Francisco Pita, José Villamil e Vicente Cuevas. Presos na cadea da Coruña desde o 2 de maio, “a sentenza quedou pendente de ser cumprida”, como detalla López-Keller no artigo.


D. Julio Dávila Díaz
Pero quixo a deusa Fortuna que o 10 de outubro dese ano, 1846, Isabel de Borbón e Borbón-Dos Sicilias, xa Isabel II de España, casara co seu curmán Francisco de Asís María de Borbón. Con tal fausto e rexio motivo, foi anunciada unha amnistía xeral, que beneficiou aos oito presos na Coruña e aos outros catro elementos da partida fuxidos: Manuel Fernández Poyán, xefe da cuadrilla, que conseguira escapar a Portugal (era avogado e chegaría a deputado en Cortes), Vicente Nieto, Valentín Camba (cuñado de Ramón Almoina, e que sería piloto de barcos) e Vicente Ribadeneira.
Conforme a esta amnistía, 3 ortigueireses puideron librarse da morte, 5 máis abandonarían a cadea, e todos eles, xunto cos outros 4 que andaban escapados, puideron regresar á nosa vila e proseguir as súas vidas. Todos “das mellores familias de Ortigueira” -da burguesía local, diríamos hoxe- como detallaría un deles, Ramón Díaz Castro, o avó de Julio Dávila, nun manuscrito titulado “Los doce amigos” no que relataría esta aventura, que grazas a Isabel II, terminaría cun final feliz. Así nolo recorda a pluma de López-Keller neste excelente relato “Santa Marta na revolta de 1846. Peripecias da cuadrilla de Poyán” aparecido no número 1 de Terras do Ortegal.

----------------

Texto: Xosé María Torres

Ningún comentario:

Publicar un comentario