martes, 12 de marzo de 2019

Os nomes das rúas de Ortigueira. Unha perspectiva feminista



O 8 de marzo vaise asentando na conciencia popular como un día de reivindicación, de protesta incluso -lembremos que se convocou unha folga- pero tamén de reflexión e debate. Neste segundo ámbito, o da reflexión e da análise é no que pretendemos enmarcar esta entrada sobre os nomes das rúas e prazas do casco urbano da capitalidade do concello de Ortigueira: a vila de Ortigueira.
A Vila é unha localidade pequena, a súa  poboación non sobrepasa as 1.800 persoas, e a súa extensión tampouco é moi grande, inferior a 1 km2; temos así un tecido urbano formado por 36 rúas ou paseos e 4 prazas, totalizando 40 elementos viarios.


Pleno non oficial de mulleres celebrado o 8 de
marzo, no que se acordou propoñer o nome
dalgunha muller para as rúas de Ortigueira
Atendendo aos nomes oficiais, das 36 rúas, 1 delas ten nome de orixe relixiosa (rúa da Magdalena, en realidade unha extensión do nome da Capela), 14 son topónimos, 5 teñen nomes referidos ao que podemos chamar -non se nos ocorre outra forma- como "conceptos" (v.g.: Constitución, Amargura...), e finalmente 16 levan o nome de persoas ou entidades.
Analizando estas últimas, e quitando as dedicadas a entidades (que son 2: Escola de Gaitas e FEVE), as 14 restantes están adicadas a homes, a varóns, exclusivamente. Ningunha muller, s.e.u.o., mereceu ser lembrada nunha rúa de Ortigueira.
Dos homes podemos sinalar algún dato:
- 3 alcaldes (Barro Soto, Pía Martínez e Manuel Sandomingo),
- 2 cregos (José Buide, e Jesús Márquez Cortiñas)
- 2 diputados e Cortes (Fernández Latorre e Daniel Carballo)
- 1 benefactor (Eusebio Dávila),
- 1 farmacéutico e artista (Pedro Castiñeiras Teijeiro).
- 1 indiano (Antonio Couzo García)
1 terratenente (Luciano Pita Sánchez-Boado)
- 1 membro da Casa Real (rúa do "Príncipe", referido a Alfonso XII)
- 1 conquistador e alcalde de Bogotá (Francisco de Santiago, do século XVI)
- 1 político da época franquista (Eugenio López López)
Inauguración da rúa D. José Buide.
Decembro 2011 (foto: La Voz de Galicia)


En canto ás prazas, Ortigueira ten poucas con nome oficial:
- Praciña dos Anxos (antes "plazuela de los Ángeles", un nome relixioso)
- Praza de Ovidio Fontela (o lavadeiro de Curuxeira), na honra deste mestre.
- Praza de Isabel II
- Praza das Tres Farolas, que creo que non é un nome oficial.

A raíña Isabel II e o seu home,
Francisco de Asis Borbón
Como vemos aquí, sí que hai unha muller, Isabel II, pero sen maior relación con Ortigueira que o de ser a raíña (por certo, con moi mala fama...) e que con motivo da sua voda, 3 ortigueireses se libraron da morte (0 cal non é pouco!) e 5 máis do desterro a África, pola amnistía que se concedeu en outubro de 1846. Véxase "Santa Marta na revolta de 1846. Peripecias da cuadrilla de Poyán", de Carlos López-Keller Álvarez, publicado na revista Terras do Ortegal Nº 1 (014).
Por dar algún dato cuantitativo adicional, dicir que dos 40 nomes de prazas e rúas, só 1 ten o nome dunha muller, isto é 0 2,5%. Se a porcentaxe se calcula só das rúas, a porcentaxe é máis rotunda: 0%
Poderíamos continuar co estudo cos nomes das institucións, centros públicos e similares que teñen un nome adicado. Serían os seguintes:
- Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre
- Centro de Saúde Bernardo Escudero
- CEIP José María Lage
- Casas Baratas Jesús Crespo Bello
Modelo de placa dunha posible rúa
adicada a Elena Quiroga
- Residencia (Asilo) Dolores Díaz de Dávila
- Fundación Ortegalia
Como vemos, aquí hai outro nome de muller, proposto pola familia que pagou a construcción do asilo, no primeiro terzo do séc. XX.
Para finalizar, e tendo en conta que a rúa Eugenio López, que comeza na oficina de Correos, supoño que cambiará o seu nome a curto ou medio prazo, suxiro -a título estritamente particular- un nome ilustre: Elena Quiroga, escritora, que coa novela Viento del Norte gañou o Premio Nadal 1950. A escritora viveu algúns meses aquí e esa novela transcorre na nosa comarca. Quede dito por se alguén quere tomar nota. Pero bueno, para consultar o nome dunha posible rúa temos ao Cronista Oficial do Concello, D. Carlos Breixo, seguramente con mellor criterio.
--------
Nota final: Aínda que non é materia desta entrada, non está de máis lembrar que Eugenio López López foi gobernador civil e xefe provincial do Movimento de Cuenca, ademáis doutros cargos, durante a época franquista, esa longa noite de pedra, polo que é extrano a súa persistencia no rueiro de Ortigueira.

--------

Agradecementos: a Ana Dopico (CIM) e Francisco Rivera (Cultura), empregados do concello de Ortigueira, polos datos subministrados.

Texto: Xosé María Torres




2 comentarios:

  1. A rua da MAGDALENA, non ten placa iso que é unha das mais vellas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, realmente en Ortigueira ao das placas das rúas é un desastre desde hai anos!

      Eliminar