domingo, 24 de marzo de 2019

Faladoiro en Loiba sobre o Camiño dos Arrieiros e as necrópoles que o deliñan


Bernardo Penabade (esquerda) e Pepe Riola
ao comenzo do acto


O 17 de marzo, a Comunidade de Montes de Loiba tivo a ben organizar un exquisito faladoiro no local social da parroquia. Exquisito polo tema e polos conferenciantes elixidos para desenvolvelo, e exquisito polo chocolate co que agasallaron ós asistentes ó final da xuntanza.
O camiño dos arrieiros e as necrópoles que o deliñan” foi o tema escollido para pasar unha agradable tarde de domingo entre amigos.
Tomou a palabra Pepe Riola facendo un pequeno prólogo da súa intervención, no que, encirrado por Bernardo Penabade, nos contou como e onde nacera o seu interese pola historia e a arqueoloxía. Todo comezou cun libro que, á temperán idade de 11 anos, tiña o seu mestre en San Adrián, José Rico, “A Comarca do Ortegal no II Milenio antes de Cristo” de Ramón Bascoy. O impacto foi tal no neno que o mestre non dubidou en ofrecerllo coma agasallo, e dende aquela foi o seu compañeiro á hora de calmar, mellor dito, esporear novas inquedanzas. O contacto directo coas terras onde naceu e se criou, terras da Capelada cheas de restos arqueolóxicos, e arrimado a xentes coma Andrés Crespo, Emilio Ramil... fixo o resto para que non dubidara en mergullarse en lecturas de libros e artigos asinados por Ramón Villares, Maciñeira, Bascoy, e mesmo Manuel Murguía
Cartaz anunciador do faladoiro
organizado pola Comunidade
de Montes de Loiba
Este autodidacta, coa súa benfeitora retranca, teimou na importancia de deixar os restos arqueolóxicos en mans “dos que saben” pola facilidade coa que se pode danar o que non se coñece para, de seguido, facer unha superficial e práctica descrición dos antigos monumentos funerarios, dos máis coñecidos preto de nós: mámoas, menhires, dolmens, castros, etc. Aproveitou para falar polo miúdo dalgún deles coma é o caso do menhir do Campo da Armada, na Capelada, o cal serviu coma marco divisorio dos límites orixinais das parroquias de Régoa (Cedeira) e San Adrián (Ortigueira). Tamén tivo tempo para nos sinalar o percorrido do Camiño Vello, ou Grande, e hoxe coñecido coma dos Arrieiros, entre As Pontes e o Porto de Bares.

Intervención de Bernardo Penabade
De seguido tomou a palabra o profesor Penabade quen organizou a súa intervención arredor de tres puntos concretos: 
O primeiro versou sobor do percorrido real do Camiño. Se ben sabemos que un extremo é Estaca de Bares (para Bascoy, o comezo, e para Maciñeira, o final), o outro extremo pode ser As Pontes, aínda que hainos que levan o Camiño até Parga (Guitiriz) e incluso até Portugal seguindo o cordal existente. Mais o importante para nós, sen dúbida, son eses 40 ou 50 km que separan As Pontes de Bares.
O segundo punto escollido para falar foi o “tempo do camiño”, ou o que ven sendo o mesmo, de cando é?
Sabemos que está datado nos escritos medievais, mais non debería haber dúbidas do seu uso no neolítico aproveitando o porto natural que de sempre houbo en Bares, tampouco os romanos se instalaron alí por casualidade. O que tamén é certo é o seu uso até 1875, data na que se abriu ó tráfico o ferrocarril Coruña-Palencia, logo desa data tamén fixeron uso do camiño os segadores que ían a Castela ou os quintos para se achegar até Parga.
Vista xeral do público que enchía o auditorio
do Centro Social de Loiba 
O terceiro, definitivo e importante, dos puntos nos que programou o seu faladoiro tiña que ser, coma non, a recuperación ou o coidado deste camiño. Hai argumentos dabondo para recuperalo, aínda que, pola contra, tamén temos os problemas xerados por ter que poñer de acordo a tres concellos (Mañón, Ortigueira e As Pontes) ó que hai que engadir a Deputación e a Xunta. Mais o que se faga, ten que se facer con sentidiño, no caso contrario é mellor deixalo coma está e coma sempre o lembramos. Abondan exemplos de malas actuacións tendo ás administracións coma protagonistas. É unha riqueza patrimonial que fica mellor nun estado de hibernación que facendo unha intervención desastrosa e sen volta atrás. O primeiro paso, sen dúbida, podería pasar por unha simple roza e unha sinxela sinalización para poder camiñalo e coñecelo mellor. Hai tempo para pensar e que hai que facer, sen obras ó chou.
Coma remate, Bernardo aproveitou o faladoiro para deixar caer á Asociación anfitriona tres temas nos que debería incidir e pescudar: O cemiterio de Loiba, arranxar as débedas que a bisbarra ten con Antón Castelo Santaballa, e botar man de Tucho Calvo coma o mellor axudante para recuperar a historia da parroquia.

-----------------

Texto: Manel Bouzamayor
Fotos: David Rodríguez Morado




martes, 12 de marzo de 2019

Os nomes das rúas de Ortigueira. Unha perspectiva feminista



O 8 de marzo vaise asentando na conciencia popular como un día de reivindicación, de protesta incluso -lembremos que se convocou unha folga- pero tamén de reflexión e debate. Neste segundo ámbito, o da reflexión e da análise é no que pretendemos enmarcar esta entrada sobre os nomes das rúas e prazas do casco urbano da capitalidade do concello de Ortigueira: a vila de Ortigueira.
A Vila é unha localidade pequena, a súa  poboación non sobrepasa as 1.800 persoas, e a súa extensión tampouco é moi grande, inferior a 1 km2; temos así un tecido urbano formado por 36 rúas ou paseos e 4 prazas, totalizando 40 elementos viarios.


Pleno non oficial de mulleres celebrado o 8 de
marzo, no que se acordou propoñer o nome
dalgunha muller para as rúas de Ortigueira
Atendendo aos nomes oficiais, das 36 rúas, 1 delas ten nome de orixe relixiosa (rúa da Magdalena, en realidade unha extensión do nome da Capela), 14 son topónimos, 5 teñen nomes referidos ao que podemos chamar -non se nos ocorre outra forma- como "conceptos" (v.g.: Constitución, Amargura...), e finalmente 16 levan o nome de persoas ou entidades.
Analizando estas últimas, e quitando as dedicadas a entidades (que son 2: Escola de Gaitas e FEVE), as 14 restantes están adicadas a homes, a varóns, exclusivamente. Ningunha muller, s.e.u.o., mereceu ser lembrada nunha rúa de Ortigueira.
Dos homes podemos sinalar algún dato:
- 3 alcaldes (Barro Soto, Pía Martínez e Manuel Sandomingo),
- 2 cregos (José Buide, e Jesús Márquez Cortiñas)
- 2 diputados e Cortes (Fernández Latorre e Daniel Carballo)
- 1 benefactor (Eusebio Dávila),
- 1 farmacéutico e artista (Pedro Castiñeiras Teijeiro).
- 1 indiano (Antonio Couzo García)
1 terratenente (Luciano Pita Sánchez-Boado)
- 1 membro da Casa Real (rúa do "Príncipe", referido a Alfonso XII)
- 1 conquistador e alcalde de Bogotá (Francisco de Santiago, do século XVI)
- 1 político da época franquista (Eugenio López López)
Inauguración da rúa D. José Buide.
Decembro 2011 (foto: La Voz de Galicia)


En canto ás prazas, Ortigueira ten poucas con nome oficial:
- Praciña dos Anxos (antes "plazuela de los Ángeles", un nome relixioso)
- Praza de Ovidio Fontela (o lavadeiro de Curuxeira), na honra deste mestre.
- Praza de Isabel II
- Praza das Tres Farolas, que creo que non é un nome oficial.

A raíña Isabel II e o seu home,
Francisco de Asis Borbón
Como vemos aquí, sí que hai unha muller, Isabel II, pero sen maior relación con Ortigueira que o de ser a raíña (por certo, con moi mala fama...) e que con motivo da sua voda, 3 ortigueireses se libraron da morte (0 cal non é pouco!) e 5 máis do desterro a África, pola amnistía que se concedeu en outubro de 1846. Véxase "Santa Marta na revolta de 1846. Peripecias da cuadrilla de Poyán", de Carlos López-Keller Álvarez, publicado na revista Terras do Ortegal Nº 1 (014).
Por dar algún dato cuantitativo adicional, dicir que dos 40 nomes de prazas e rúas, só 1 ten o nome dunha muller, isto é 0 2,5%. Se a porcentaxe se calcula só das rúas, a porcentaxe é máis rotunda: 0%
Poderíamos continuar co estudo cos nomes das institucións, centros públicos e similares que teñen un nome adicado. Serían os seguintes:
- Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre
- Centro de Saúde Bernardo Escudero
- CEIP José María Lage
- Casas Baratas Jesús Crespo Bello
Modelo de placa dunha posible rúa
adicada a Elena Quiroga
- Residencia (Asilo) Dolores Díaz de Dávila
- Fundación Ortegalia
Como vemos, aquí hai outro nome de muller, proposto pola familia que pagou a construcción do asilo, no primeiro terzo do séc. XX.
Para finalizar, e tendo en conta que a rúa Eugenio López, que comeza na oficina de Correos, supoño que cambiará o seu nome a curto ou medio prazo, suxiro -a título estritamente particular- un nome ilustre: Elena Quiroga, escritora, que coa novela Viento del Norte gañou o Premio Nadal 1950. A escritora viveu algúns meses aquí e esa novela transcorre na nosa comarca. Quede dito por se alguén quere tomar nota. Pero bueno, para consultar o nome dunha posible rúa temos ao Cronista Oficial do Concello, D. Carlos Breixo, seguramente con mellor criterio.
--------
Nota final: Aínda que non é materia desta entrada, non está de máis lembrar que Eugenio López López foi gobernador civil e xefe provincial do Movimento de Cuenca, ademáis doutros cargos, durante a época franquista, esa longa noite de pedra, polo que é extrano a súa persistencia no rueiro de Ortigueira.

--------

Agradecementos: a Ana Dopico (CIM) e Francisco Rivera (Cultura), empregados do concello de Ortigueira, polos datos subministrados.

Texto: Xosé María Torres




luns, 11 de marzo de 2019

Encontro co Conselleiro de Cultura e Turismo en Ortigueira

.
O conselleiro de Cultura e Valentín Calvín,
membro do PP de Ortigueira
(Foto: Antón Álvarez)


O pasado venres 8 de marzo, en horario de tarde, o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez celebraba unha reunión na actual sede do PP en Ortigueira, na rua da Alameda, aberta a diferentes colectivos culturais, empresarios turísticos e persoas, etc.
A ela asistiu Terras do Ortegal trala invitación de Valentín Calvín, próximo candidato do PP á alcaldía de Ortigueira, e con quen xa celebráramos unha reunión -a petición súa- o 19 de febreiro pasado para facerlle chegar diversas propostas relacionadas co ámbito cultural. En ambas reunións Terras estivo representada polo seu presidente, Xosé María Torres.
O encontro co conselleiro contou coa presenza do historiador Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e Francisco Calvín, concelleiro en Mañón e directivo asimesmo de Terras do Ortegal.

A xornada do Conselleiro comezou pola mañá, en que visitou determinados lugares dos concellos de Mañón e Ortigueira; no noso fixo unha visita ao Banco de Loiba, que pronto cumprirá 10 anos da sua instalación nos fermosos acantilados de Loiba. Xa a media tarde tivo lugar a reunión aberta, que comezou con certo retraso por outros contactos que tiña concertado o Conselleiro a escasos metros do lugar de reunión.

No evento, o Sr. Rodríguez, nun ámbito distendido e cordial, fixo unha exposición das materias relacionadas co seu departamento (lembremos: Cultura e Turismo), comezando polo Festival do Mundo Celta, do que dixo que tiña que profesionalizarse para recuperara a asistencia e importancia económica que tiña antes. En materia cultural considerou de interese a proposta de incluir o Camiño a Santiago pola costa (Mariña e Ortegal) que a nosa asociación leva algún temo promovendo a partir dos estudios e divulgación  que o noso Cronista, Carlos Breixo, ten feito xa desde hai anos, e que o levou xa varias veces á consellería de Cultura para achegar documentación histórica.
No coloquio posterior á sua alocución, xurdiron -entre outros- varios asuntos:

- O Belén da parroquia de Santa Marta, obra de Camilo Dïaz baliño, que o propio conselleiro de Cultura afirmou descoñecer (!?), e para o que -nunha rápida resposta- propuxo unha Ruta de beléns con outros salientables como o belén mecánico de Begonte.
- O proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. O conselleiro dixo que esa iniciativa estaba no ámbito de traballo da consellería de Medio Ambiente, e considerouna de interese; ao fío disto, citou o proxecto de Xeoparque do Caurel (iniciativa que dixo estaba moi avanzada) se ben non dixo nada da autoexclusión do concello das Somozas e da oposición do propio PP ortigueirés a este proxecto que lidera e patrocina economicamente a deputación da Coruña, aínda que recoñeceu que a declaración non implicaria restriccións urbanísticas nin forestais.
- As comunicacións, co fallido corredor San Sadurniño-Ortigueira-Viveiro-Xove, necesario para facilitar o turismo, e que leva case unha década parado.
Antiguo Escolar de San Claudio (foto Libro Vivo)

- O proxecto do Museo Escolar Comarcal do Ortegal (MECOR), promovido pola asociación Libro Vivo de San Claudio, dous de cuxos directivos entregaron ao Conselleiro un dossier informativo sobre este proxecto, ubicado no antiguo escolar de San Claudio, un edificio rehabilitado e pagado pola propia asociación e veciños desa parroquia.
 - A queixa pola indolencia do persoal do seu departamento aos empresarios turísticos á hora de impulsar novos establecementos hoteleiros.

En resume, unha reunión aberta, cordial, na que o Sr. Rodríguez fixo máis ben reflexións en voz alta, nun acto enmarcado nun ámbito partidista, con críticas a outros partidos, pero que non debe ser óbice para asistir e escoitar a persoas relevantes, se ben nos gustaría ter escoitado algunha proposta concreta, algo seguramente reservado para a campaña electoral.

Addenda: engadir, que o conselleiro revelou, seguramente nese mesmo ámbito electoral ou partidista, que nos 4 anos de mandato municipal, os representantes do concello de Ortigueira non se entrevistaron con él.

-------------------------

Texto: Xosé Mª Torres
Fotografía: Antón Álvarez