O conselleiro de Cultura e Valentín Calvín, membro do PP de Ortigueira (Foto: Antón Álvarez) |
O pasado venres 8 de marzo, en horario de tarde, o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez celebraba unha reunión na actual sede do PP en Ortigueira, na rua da Alameda, aberta a diferentes colectivos culturais, empresarios turísticos e persoas, etc.
A ela asistiu Terras do Ortegal trala invitación de Valentín Calvín, próximo candidato do PP á alcaldía de Ortigueira, e con quen xa celebráramos unha reunión -a petición súa- o 19 de febreiro pasado para facerlle chegar diversas propostas relacionadas co ámbito cultural. En ambas reunións Terras estivo representada polo seu presidente, Xosé María Torres.
O encontro co conselleiro contou coa presenza do historiador Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e Francisco Calvín, concelleiro en Mañón e directivo asimesmo de Terras do Ortegal.
A xornada do Conselleiro comezou pola mañá, en que visitou determinados lugares dos concellos de Mañón e Ortigueira; no noso fixo unha visita ao Banco de Loiba, que pronto cumprirá 10 anos da sua instalación nos fermosos acantilados de Loiba. Xa a media tarde tivo lugar a reunión aberta, que comezou con certo retraso por outros contactos que tiña concertado o Conselleiro a escasos metros do lugar de reunión.
No evento, o Sr. Rodríguez, nun ámbito distendido e cordial, fixo unha exposición das materias relacionadas co seu departamento (lembremos: Cultura e Turismo), comezando polo Festival do Mundo Celta, do que dixo que tiña que profesionalizarse para recuperara a asistencia e importancia económica que tiña antes. En materia cultural considerou de interese a proposta de incluir o Camiño a Santiago pola costa (Mariña e Ortegal) que a nosa asociación leva algún temo promovendo a partir dos estudios e divulgación que o noso Cronista, Carlos Breixo, ten feito xa desde hai anos, e que o levou xa varias veces á consellería de Cultura para achegar documentación histórica.
No coloquio posterior á sua alocución, xurdiron -entre outros- varios asuntos:
- O Belén da parroquia de Santa Marta, obra de Camilo Dïaz baliño, que o propio conselleiro de Cultura afirmou descoñecer (!?), e para o que -nunha rápida resposta- propuxo unha Ruta de beléns con outros salientables como o belén mecánico de Begonte.
- O proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. O conselleiro dixo que esa iniciativa estaba no ámbito de traballo da consellería de Medio Ambiente, e considerouna de interese; ao fío disto, citou o proxecto de Xeoparque do Caurel (iniciativa que dixo estaba moi avanzada) se ben non dixo nada da autoexclusión do concello das Somozas e da oposición do propio PP ortigueirés a este proxecto que lidera e patrocina economicamente a deputación da Coruña, aínda que recoñeceu que a declaración non implicaria restriccións urbanísticas nin forestais.
- As comunicacións, co fallido corredor San Sadurniño-Ortigueira-Viveiro-Xove, necesario para facilitar o turismo, e que leva case unha década parado.
Antiguo Escolar de San Claudio (foto Libro Vivo) |
- O proxecto do Museo Escolar Comarcal do Ortegal (MECOR), promovido pola asociación Libro Vivo de San Claudio, dous de cuxos directivos entregaron ao Conselleiro un dossier informativo sobre este proxecto, ubicado no antiguo escolar de San Claudio, un edificio rehabilitado e pagado pola propia asociación e veciños desa parroquia.
- A queixa pola indolencia do persoal do seu departamento aos empresarios turísticos á hora de impulsar novos establecementos hoteleiros.
En resume, unha reunión aberta, cordial, na que o Sr. Rodríguez fixo máis ben reflexións en voz alta, nun acto enmarcado nun ámbito partidista, con críticas a outros partidos, pero que non debe ser óbice para asistir e escoitar a persoas relevantes, se ben nos gustaría ter escoitado algunha proposta concreta, algo seguramente reservado para a campaña electoral.
Addenda: engadir, que o conselleiro revelou, seguramente nese mesmo ámbito electoral ou partidista, que nos 4 anos de mandato municipal, os representantes do concello de Ortigueira non se entrevistaron con él.
-------------------------
Texto: Xosé Mª Torres
Fotografía: Antón Álvarez
Ningún comentario:
Publicar un comentario