domingo, 27 de decembro de 2020

Intervención de Carmen Loureiro no acto de presentación da novela Covid-19,



Hoxe, venres, 18 de decembro deste ano raro, raro, raro... teño o pracer e o privilexio de presentar un libro singular, saído do maxín e a estreita colaboración dun grupo de persoas entusiastas que botaron a andar o Club de Lectura de Ortigueira.

Inda que coñezo á maioría, gustaríame poñervos cara a todos e todas. Por iso vos pediría que nos fixedes algún sinal a medida que vaia nomeando aos 12+1:

Manel, Victoria, Luli, Carmen Durán, Carmen García, Marta, Elías, Rosa, Ángel, Vicente, David, Maricruz, e Fina.

Os meus parabéns por ser capaces de enfiar textos de persoas tan distintas sen que a penas se noten as costuras. 



O proceso explicástelo vos moi ben:

Intervención por orde alfabética, entre 10 e 20 liñas cada un. Marta, a petición do grupo, fixo as preciosas ilustracións, e cada un de nós foi argallando como puido ou como soubo, esta historia baseada no realismo máxico da nosa terra galega en comuñón coa querida terra cubana, os nosos emigrantes, os nosos costumes, as nosas xentes e o cariño ao pobo de Ortigueira. Aprendemos moitas cousas, viaxamos a través da Internet e da imaxinación para documentarnos, creceunos o pelo, soñamos…

Só dicir que o pasamos xenial escribindo, que o grupo de lectura está consolidado con esta iniciativa tan singular, tárdanos volver a estar xuntos para falar e debater os propios textos que tamén nos gustaría ver algún día publicados.


Unha das características mais salientables que eu aprecio na publicación é a mestura de datos reais e ficción. Algo que teño sinalado xa en outras publicacións e moi particularmente nas de Luli, que sempre trata de informarnos ao tempo que nos engancha con tramas do seu particular maxín. Non sei que tanto pulo lle deu ela a esta urdimbre ou a esta trama...o que si sei e que a lanzadeira tivo que ir e vir moito polo tear, porque hai unidade dentro das diferencias e iso implica ademais cortar, coser e mesmo bordar con mans de filigrana e precisión reloxeira.


Os personaxes:

Para familiarizarse con eles é preciso ir e volver á árbore xenealóxica que aparece ao comezo do libro e que me fixo lembrar á de Aureliano Buendía en “Cen anos de Soidade”.

De Cosme quedei coa imaxe del mirándose no espello e observando “as engurras onde se podían ler as dores e os sorrisos cos que se fora moldeando como home” 

Aí evoquei un dos meus contos preferidos de Ángeles Mastretta



  • A TÍA OFELIA
    "Hai xente coa que a vida se asaña, xente que non ten unha mala racha senón unha continua sucesión de tormentas. Case sempre esa xente se volve lacrimosa. Cando alguén a topa, ponse a contar as súas desgrazas, ata que outra das súas desgrazas acaba sendo que ninguén quere topala.

    Isto nunca lle pasou á tía Ofelia, porque aínda que avida a cercou varias veces coa súa arbitrariedade e os seus infortunios, ela endexamais abafou a ninguén coa historia dos seus pesares. Din que foron moitos, pero nin sabe cantos, e menos as causas, porque ela se encargou de borralos cada mañá da lembranza allea.

    Era unha muller de brazos fortes e expresión falangueira, tiña unha risa clara e contaxiosa que soubo soltar sempre no momento axeitado. En cambio, ninguén a viu chorar xamais.

    As veces, doíanlle o ar e a terra que pisaba, o sol do amencer, a conca dos ollos. Doíanlle como unha vertixe o pasado, e como a peor ameaza, o futuro. Espertaba a media noite coa seguridade de que se partiría en dúas, de que a dor a comería de golpe. Pero apenas había luz para todos, ela levantábase, poñía o sorriso, acomodaba o brillo nas pestanas, e saía a encontrar aos demais como se os pesares a fixeran flotar.

    Ninguén se atreveu a compadecela nunca. Era tan extravagante a súa fortaleza, que a xente comezou a buscala para pedirlle axuda. Cal era o seu segredo? Quen amparaba as súas aflicións? De onde sacaba o talento que a mantiña erguida fronte ás peores desgrazas?

    Un día contoulle o seu secreto a unha muller nova que tiña unha pena que parecía no ter remedio:

    Hai moitas maneiras de dividir ás persoas —díxolle—. Eu divídoas entre as que se engurran para arriba e as que se engurran para abaixo, e quero pertencer ás primeiras. Quero que a miña cara de vella no sexa triste, quero ter as engurras da risa e levalas comigo ao outro mundo. Quen sabe o que haberá que enfrontar alá"

Cosme tamén nos meteu de cheo nos problemas do Covid: síntomas, secuelas e mesmo a confusión mental que se volve máis grave cando se suma a un DCL (Deterioro Cognitivo Leve)

De aí a presa e a necesidade de Cosme de completar as lagoas da súa historia facendo unha viaxe, disfrazada de agasallo de aniversario para a súa neta, coa fin de completar a súa historia para poder morrer vivo”.

E como “a cabesiña non para”, como din na Arousa, estes problemas da memoria de Cosme, leváronme aos derradeiros anos de Meluca, a nai do meu compañeiro. Cando o deterioro cognitivo se fixo grave, díxome un día:- Ti eres Carmiña, verdade?... pero eu: Quen son eu?

Cosme non quería morrer sen saber quen era... 

Logo topamos co seu grande amigo, Adolfo, vítima dun pasado tráxico e secreto (a morte de seus pais e dun terceiro que non aparecía relacionado con eles na historia oficial:era familia de avoengo e, a verdade non ía arranxar a traxedia”)

De aí fun dar a aquela frase lapidaria dun coñecido avogado da Vila que lle dixo a unha compañeira do locutorio da Telefónica: vostede pode dicir o que queira, señorita, neste pobo vale moito máis a miña mentira que a súa verdade”

Logo veñen Yumara e Yoandris

Yumara, a neta superdotada de Cosme, de pel canela e ollos azuis, descendente dunha saga ancestral de indias taínas; e Yoandris, o mozo virtual que se fai real... “uns amores toliños e uns toliños amores” que diría Rosalía.

  • O contexto onde ocorre a historia

Porque é un libro que fala de nós e fala con nós... de cada lugar, de cada feito veñen penduradas as nosas lembranzas, como cando intentamos coller cereixas nun cesto e con cada parella veñen enganchadas moitas máis.

En Ortigueira

 

No alto, o Campo da Torre, sen campo e sen torre… Tan só as aspas do muíño; vida ao albur do alento da Ría, que as fai xirar…  

Daba gusto ver as augas transparentes. Mirou cara a tempos pasados, cando tanta xente vivía da riqueza do areal, ameixas, berberechos, ostras… Camións achegándose á subasta que marchaban cargados.   

Lembrou tamén cando saía pescar  salmonetes e robalizas, e recollía as nasas cheas de camaróns…   


O peirao ateigado de cativos, nenos e mozos que pasaban o verán tirándose dende os boniteiros, aínda que estaba prohibido, e Arximiro, o xefe de Costas,  rifaba con todos”.   

Estounos vendo aí, na memoria máis cálida: meu queridísimo pai chamándonos mazarocas por levar a chalana por onde podía embarrancar; Elías, levándonos a poñer as nasas pola noite e, acto seguido, no medio da ría, os baños con Sira e María José, baixo a luz da lúa, despois da faena mariñeira...

E tantas alusións á cultura local:

O Festival do Mundo Celta e o seu símbolo: o dragón Centeás

A construción dos primeiros palcos-palafito.

Os costumes das Festas con todo luxo de detalles.

E no Nadal : O belén de Camilo Díaz Baliño, a tradición dos cartuchos de 1886...


E, no medio e medio, sempre un nexo de unión entre os dous mundos que aparecen neste libro (Ortigueira e Cuba): a Caridade do Cobre (Cachita)


Y de mi Cuba, que?

Tan lonxe, mais tan preta dos galegos, así era Cuba”.

Cuba acollera ao seu pai coa dozura lene dunha habanera e agasallárao cun intenso lazo de sangue, mestura de raigames ben distintas e asemade moi iguais”.

Quedei abraiada con toda a información que fostes quen de recoller e deixar caer no texto, como se tal cousa, sen darvos ningún “pisto” e de como esa información me empurraba a seguir investigando.

Por exemplo: 

A procura dos tabacos Artemisa levoume á fábrica de tabaco na provincia de Artemisa (Pinar del Río)... e a través dela puiden chegar á verdadeira historia de Antonio Villamil Santalla, un dos homes máis ricos de Cuba. Fillo dos emigrantes Antonio Villamil, de Vilameá (A Pontenova), e Concepción Santalla, de Ortigueira.

No ranking de propietarios de Cuba ocupaba o oitavo lugar na produción de cigarros, cun capital próximo ao millón de dólares. O seu emporio foi o resultado da confluencia de dúas familias; os Villamil e os Santalla_ que, como os Reis Católicos, levaron a cabo una política de alianzas matrimoniais que lles reportou grandes éxitos e notables beneficios.

A saga fixo bo o dito de Alberto Moravia de que o amor é un xogo e o casamento un negocio. E foi preponderante en Cuba ata que- como os Buendía de García Márquez- un vento furacanado a arrasou e os seus membros, tras cen años de soidade, non tiveron unha segunda oportunidade sobre a terra… O furacán sucedeu en 1959, chamábase Fidel, e os seus efectos aínda colean...”

 

Outros exemplos:

O demorado paseo pola Habana.

A viaxe a Baracoa nun Túpolev.

A experiencia de sobrevoar a Serra Maestra...

  • A trama: Un mapa que encerra un segredo

A importancia do diario de Crisanto:

«Nunca farei o que o meu pai, buscarei fortuna e regresarei a Ortigueira, ninguén logrará atraparme... A dona da fábrica de puros é unha boa muller. Axiña conxeniamos, ofreceume o posto de contable no que traballei a gusto. Vivín unha vida interesante, mergulleime no coñecemento da sociedade cubana, alternando nos lugares máis exclusivos e formando parte da vida cultural. Coñecín ao escritor Lino Novás Calvo, das Grañas, gocei da súa amizade e participamos nas tertulias que organizaban na Asociación Naturais de Ortigueira, preocupábanos o abismo que se abría entre as clases sociais, as de luxo e as da miseria, as de colonos e colonizados, as dos negros e brancos, libres e escravos…»

E porque o tema da cor da pel e a escravitude sobrevoan todo o libro, pensei en facer un inciso para dar a coñecer unha persoa da que raras veces se fala, Urbano Feijóo Sotomayor,

empresario e político ourensán que enriquecido co comercio do azucre fundou a Compañía Patriótica Mercantil coa que trasladou (a mediados do século XIX) a Cuba a máis de mil setecentos galegos en condicións de semi-escravitude, con intención de branquear a poboación da illa e substituír o traballo escravo, ameazado pola prohibición da trata, o auxe do abolicionismo e a súa baixa rendibilidade”

A familia cubana acolleume con cariño, é fácil querer e deixarse querer, mais non quero caer nos brazos de ningunha muller, quero regresar pronto a España, cando acabe a maldita guerra volverei rico e comezarei unha nova vida, casarei cunha galega”

(Esa ben podería ser a historia Meluca e Amable)

A paisaxe cubanaA frondosa flora diminuía, mais non desaparecía. A cortiza, as elegantes palmas reais, os mantequeros, os piñeiros Mayarís, as ceibas e a variedade de plantas florais autóctonas que exultantes exhibían as súas formas e cores...

A mariposa:

«É moi curiosa a historia da razón pola que foi elixida como flor nacional. Unha invitación chegou a Cuba no 1936 dende o Xardín da Paz, da Cidade da Plata, en Arxentina, solicitaba que o país enviara a súa Flor Simbólica Nacional.

Aínda non se tiña determinado cal sería a especie agraciada. Lembrouse entón que as damas do século XIX gustaban de adornar os seus cabelos e perfumarse portando a flor “mariposa” decor branca símbolo de pureza e dos ideais patrióticos que souberon defender aquelas que eran mambisas...» (patriotas a favor da independencia).

As taínas e o seu culto aos cemís; os poderes sobrenaturais extraídos do consumo de herbas para entrar en trance e a súa sincrética relixiosidade, onde se mesturan as crenzas precolombinas coa santería de procedencia africana e a relixión católica herdada de España.

O mito de Artemisa: Deusa grega dos animais salvaxes, o terreo virxe, os nacementos, a virxindade e as doncelas... A miúdo foi representada como cazadora levando arco e frechas. O cervo e o ciprés estábanlle consagrados.

De aí a fantasía:

«O arco da vella entre Islamaranti e Ladrido; A maxia da aparición do cervo de ollos azuis. A visión de Yumara da cabalo del sucando as augas da ría...o bicho da Barra tras eles...»

E polo medio, un feito real, o episodio dacicloxénese do 2009. Ortigueira, zona 0 do ciclón Klaus (unha bomba meteorolóxica que se fraguara en Cuba, mesmo como o tren de borrascas destas semanas)

Os elementos determinantes para a resolución do acertixo:

Un baúl de ébano baixo o teixo e unha urna de alabastro no Panteón de Naturais de Ortigueira.

E xa de volta en Ortigueira, chega o momento de cumprir as promesas: poñer unha candea á Caridade do Cobre e ir ata San Andrés.

Aí é onde se fai referencia a unha rapaza que casou en San Andrés cun rapaz de Mera... dando cumprimento ao seu soño de aparecer nun libro, mesmo que sexa no máis discreto anonimato...

Rematar a romaxe tomando unha tortilla na casa de Andreíta, tampouco é, para min, tema menor.


O final

Hei de recoñecer que teño unha certa dificultade cos finais excesivamente redondos e felices, pero ese é un problema meu, non voso...

O dos laboratorios Roche, poñendo un centro de investigación no polígono industrial de Ortigueira, desborda mesmo o meu realismo máxico inasequible ao desalento. Menos mal que a voda a situastes no 28 de decembro: a maxia tamén ten os seus límites e as súas ironías.

E para ir rematando quero cerrar con estas palabras de Julio Cortázar:«Cando abro un libro, é como abrir un paquete de chocolate, ao entrar no cine; é dicir, é unha sensación de esperanza, de felicidade anticipada, de que todo vai a ser precioso».

Abrir este libro foi fermoso, pechalo hoxe aquí con vós, un regalo da vida que desexamos sexa longa e fértil en soños e realidades.

Aché para todos e todas


---------

Texto: Carmen Loureiro
Fotos: Facebook de Carmen loureiro
Ilustracións: Marta Lamigueiro




martes, 22 de decembro de 2020

Presentación da novela COVID-19, do Club de Lectura de Ortigueira








O pasado venres, 18 de decembro, tivo lugar no Teatro de Beneficencia ortigueirés a presentación dunha novela… en realidade foi tamén a presentación pública do Club de Lectura de Ortigueira, unha organización que botou a andar a principios de 2020. Estes clubs son entidades –en xeral informais- que promoven a lectura e son lugares de encontro de afeizoados a esta práctica multisecular que para algúns é un pracer, para outros unha obriga e para moitos unha distracción na vida diaria. 

David Rguez. Morado presentando o acto
O Club de Ortigueira (por que non do Ortegal?) tivo como un dos promotores, e hoxe cabeza visible, a David Rodríguez Morado, un ortigueirés nacido en Suíza, de sólida formación humanística –con estudos nas universidades de Xenebra e París- e que hoxe é un profesional dos idiomas, pero sobre todo amante da Cultura. A actividade do Club plásmase en reunións nas que se comenta, explica e debate sobre un libro e o seu autor, previamente seleccionados, que na reunión auroral foi Las montañas de la niebla, de Antonio Rivera Losada. Reunións que se viron abruptamente suspendidas trás a celebración da primeira, en marzo, pola chegada da pandemia de coronavirus, a covid-19. Curiosamente, aínda que as reunións se suspenderon, non sucedeu o mesmo coa interacción dos compoñentes do Club, que aceptaron o reto -saído segundo parece da concellería de Cultura de Ortigueira- de escribir algo sobre a pandemia. Ese algo callou, como revelou David na presentación do acto, na redacción dun texto común entre todos os membros do Club, que tras uns compases iniciais, tomou forma de novela, un desafío que non presumimos doado.


Carmen Loureiro
foi oi a persoa encargada de describir e analizar o relato, a novela, de nome curioso, pouco literario, exactamente o nome da enfermidade que asola nestes momentos a toda a humanidade, tal vez, un exercicio de exorcismo e de enfrontar o problema
 de cara. Carmen, mestra e profesora de Filosofía, debullou con amenidade, pero sobre todo con agarimo, o relato, tinguido de realismo máxico, revelando as influencias que ela constataba no texto dalgunha autora consagrada –como é Obdulia Dopico- que formaba parte do grupo de persoas que escribiron a novela.
Polo demáis, se ben no acto non se utilizou esta palabra, hai que sinalar que a xuizo deste cronista, a novela é un experimento (no bo sentido) literario, pois xorde da colaboración de 13 persoas; na Literatura –e xa non digamos noutras artes- non son estrañas as obras elaboradas por dúas persoas; pero máis alá desa cifra son realmente infrecuentes, co que esta obra bate records neste ámbito da autoría.
Dicía que Carmen, profesora de Filosofía (aínda que parecía de Literatura, pola riqueza do estudo, pola análise das personaxes, polo entusiasmo e pracer que dixo lle ocasionaba a lectura!) fixo a intervención máis longa, que foi escoitada con atención pola trintena de persoas que, cumprindo estritamente o protocolo preventivo anti-covid-19, disfrutaban dun dos poucos actos culturais que se puideron celebrar en Ortigueira nos últimos nove meses, suspendidos case todos, como desde Terras do Ortegal puidemos constatar, pola enfermidade que da nome ao libro.

Un nome, COVID-19, que centrou os primeiros instantes da intervención de Victoria Díaz Castañeira, a autora seleccionada para representar ao conxunto dos 13 autores (8 mulleres e 5 homes); Victoria, mestra e profesora en varios institutos da bisbarra, sinalou que o nome non lle terminaba de  gustar, que non lle parecía apropiado, algo que non sorprende a quen coñecemos a Victoria, unha persoa de lúcida inspiración, de poética conversa, que se deixa levar polo encanto das imaxes noutra das facetas culturais que cultiva con maestría: a fotografía artística. Procurando fuxir desa inconcreción, subiu ao estrado do teatro cun texto escrito, que leu de forma concisa, para centrarse na experiencia literaria da creación desta obra.

Finalmente, o músico Cristopher Martínez Sandomingo, a cuarta das persoas que interviron no acto, interpretou  -música e literatura son sempre boas compañeiras, como as musas Euterpe e Calíope (ou Polimnia?)- dúas pezas que deron calor ao sempre frio teatro. Cristopher, outro rapaz ortigueirés nacido en Suíza, está finalizando o grao profesional de trompeta, piano e percusión no conservatorio Xan Viaño de Ferrol. E foi el o responsable de pechar o acto, executando ao piano, con singular fermosura, o Himno Galego cos asistentes postos en pé.

Os nosos parabéns ao Club de Lectura de Ortigueira, así como ás persoas que escribiron a novela COVID-19. Que ese esforzo pola Cultura siga e aumente.
Ah, e que os lectores disfruten!; para eles foi feita esta obra!

----------- 

Texto: Xosé Mª Torres
Fotos: Xosé Mª Torres



venres, 11 de setembro de 2020

Suaves fantasías. O novo libro do ortigueirés Mario Páez



Suaves fantasías

O novo libro do ortigueirés Mario Páez Álvarez adianta no seu título unha chamada de atención. ¿Haberá lugar, no mundo bulideiro e atarefado no que vivimos, para suaves fantasías? Por suposto; de feito, hoxendía a máxima fantasía sería acadar a propia suavidade; nestes tempos de liñas rectas, o fantástico reside nun lugar curvo, suave e quente onde, sinxelamente, mirármonos a nós mesmos. Xa que logo, e velaí a mensaxe, todas as fantasías son suaves.

Os relatos de Mario remiten a tal lugar fantástico, vencellado inevitablemente á infancia. Os nenos aparecen nos contos ás veces como protagonistas, ás veces como destinatarios duns relatos lixeiros que gustarán aos lectores infantís. Pero as máis das veces aparecen como donos da mirada do narrador; estes relatos son os máis suxerentes. 

A inxel mirada do neno está no protagonista que diante dun chan axedrezado avanza en saltos de cabalo, ¡ai de quen nunca tal fixera!, na tentación de recoller propinas abandonadas das mesas valeiras, na nostalxia de Tito Gobbi, do tabaco Capstan, das partidas de pinacle, na lembranza dun libro chamado, ¡nada menos!, «Solón Publícola Temístocles Camilo», na mirada de quen fala dos seus maiores --Pompilio, Cosme, o Fraco, o Ferradura-- con acenos míticos, ou nos pesadelos de quen imaxina unha invasión de barquiños de papel.

Esta mirada chega a ser a raque, a espiña dorsal duns contos que, dende esta perspectiva, se converten propiamente en estampas; os relatos non nos falan de cousas que pasan, senón máis ben do rapaz que contempla as cousas que pasan, moitas veces en longas frases discursivas, outras tantas en liñas de diálogo que xogan con trampantollos e relatos dentro do relato. Mario escribe contos tristes con final feliz e contos felices con final triste; non é sinxelo. 

Afirma Mario que os contos foron escritos a vuelapluma. E será certo, porque se len a vuelaojo; en ocasións, este voo de pruma deixa traslucir, coido que á mantenta, certo desgairo e abandono; describindo relampos de nostalxias, parecerá o propio que a escrita veña urdida en fío de pespunto, en bocetos espontáneos e urxentes, sen moita cociña nin manoseo. 

Comprei o libro de Mario na coruñesa rúa do Padre Feijóo, nunha libraría que trata o material con tanto primor que se negan a magoar os exemplares con pegatiñas, selos ou carimbos da libraría; nin sequera garabatean o prezo no seu interior, por respecto ao libro. Despois de ler estas suaves fantasías, penso que se algún libro é merecente desta donda delicadeza, é sen dúbida o libro de Mario.  

Carlos López-Keller Álvarez

----------------------------

Ficha técnica: 

Páxinas: 146. Formato: 150 × 230 mm. Prezo 17 €

ISBN 978-84-17784-18-8. ISBN dixital 978-84-17784-19-5. Depósito legal: M-3402-2019

Máis información:

- Editorial Adarve: https://editorial-adarve.com/mario-paez-suaves-fantasias/

- Entrevista a Mario Páez: https://editorialadarveblog.blogspot.com/2019/06/entrevista-mario-paez-autor-del-libro.html

https://revistagaleradas.com/libro/suaves-fantasias/




venres, 31 de xullo de 2020

Federico Maciñeira, Socio Protector do Seminario de Estudios Galegos


Fotografía do Almanaque Gallego
de Castro López
(Bos Aires, 1898)






O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi unha sociedad científica, fondamente enraizada na cultura galega impulsada por un grupo de intelectuais nos anos 20 do pasado século XX. Estes investigadores trataron, con escasos medios, de modernizar a Ciencia no noso país.
Posta en marcha en 1923, os seus Estatutos indicaban (Xabier Iglesias, 2015) que:

para ser socio do SEG precisábase ser proposto por un socio e admitido na xuntanza seguinte á que se fora proposto. Unha vez elixido tería que presentar un traballo orixinal e inédito sobre algún tema galego e, a partir dos catro meses seguintes un traballo anual obrigatorio”
Os Estatutos establecían tres tipos de socios:
  • Asesores, que serán propostos pola Sección Directora, con residencia en Compostela e dirixirán todos os traballos.
  • Numerarios, propostos por un socio e admitidos na xuntanza seguinte e que teñan feito o seu traballo de ingreso.
  • Correspondentes: serán os Numerarios que non teñan presentado o seu traballo de ingreso e os colaboradores do SEG que non poidan asistir ás Xuntanzas.
É sabido que Federico Maciñeira e Pardo de Lama foi designado socio Numerario en 1927, e que leu ese mesmo ano o seu discurso de ingreso, que versou sobre “Notable grupo de círculos líthicos y túmulos dolménicos de la cuenca superior del Eume”. Este traballo, de 38 páxinas, foi publicado en 1929 como separata exenta do segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.

Maciñeira, socio protector
Listaxe de socios protectores, co nome
de Federico Maciñeira na páxina da dereita
Entre 1926-1930, etapa de consolidación do SEG, a principal novidade en canto aos socios é a aparición da figura de Socios Protectores, aqueles que contribuirán ao mantemento do SEG con achegas económicas.

Páxina inicial da Listaxe
de socios protectores do SEG
Pois ben, podemos anunciar hoxe que Federico Maciñeira e Pardo de Lama foi tamén unha persoa comprometida co sostemento económico do Seminario, polo que accedeu á figura de Socio Protector. Así consta na documentación que puidemos consultar grazas á amabilidade de Xosé Luís Pastoriza, profesor da facultade de Filosofía da USC e padroeiro da fundación Isla Couto.

Como todo o mundo sabe, o Seminario de Estudos galegos foi intervido despois da sublevación franquista, e a súa documentación e biblioteca  requisada.


-------------------

Texto: Xosé María Torres
Fonte dos documentos: Arquivo da Fundación Isla Couto














luns, 27 de xullo de 2020

NARCISO LUACES, UN HOME CHEO DE VIDA

Debuxo de Luís, fillo de Herminia e Narciso,
que conforma a portada do libro editado
en 2018 por Terras do Ortegal



Un 20 de xullo, ás 17:30, poderíamos pensar nunha tarde ateigada de luz e vida, mais desta vez estaba a nos agardar unha xornada vespertina onde unha nebulosidade invernal aseñorouse da fermosa paisaxe de Devesos, coma se unha raiola de luz tivera vergoña dunha intromisión extemporánea, ou un nada de medo a ferir a despedida dunha vida que sempre estivo chea, porque Narciso Luaces Pardo morreu vivo, a súa curiosidade infantil acompañouno até o derradeiro día con nós; o seu interese por coñecer, e dar coñecer todo aquilo que tivera algunha relación coa nosa historia, a máis achegada a nós e, xa que logo, a máis grande, foi o motor que sempre o mantivo vivo e expectante ó tempo que conseguiu que os seus miolos tiveran a capacidade dun rapaz que xamais deixou de ser. Os andeis da súa memoria ficaban en perfecto estado de revista, e botaba man dela cunha envexable eficacia.
En Meixido en agosto de 2018, diante do Museo,
no acto de presentación do libro «Homenaxe
a Narciso Luaces Pardo. O libro dos amigos
».
De esq a dereita: Xosé Mª Torres, Vanesa Trevín,
Xosé María López, Narciso Luaces e Emilio Castro.

Lembro unha das derradeiras andainas con Narciso, todas elas frutíferas, ás claras, polos dominios de Freires na que teimou en ensinarme a casa (o que quedaba dela) que servira de sede ó vello concello de Freires, época da nosa historia pola cal eu tiña certa curiosidade; lembro tamén a súa advertencia de que xa non estaba en condicións de se mover axeitadamente por certos lugares pois as súas pernas dis que non lle respondían; e lembro, ó fin, coma eu ía tras el, coma me custaba seguirlle o paso e coma, vareando co que tiña a man, conseguiu que as vellas pedras daquela casa agromaran receosas para, unha vez apoiado nelas, escoitar dos seus beizos outra marabillosa historia do lugar: a necesidade que tiña de sacar á luz a vida dos nosos antigos era maior que os impedimentos físicos do seu corpo que loitaban, en baleiro, co rapaz que o noso amigo levaba agochado no seu interior.

Ensinando o museo aos nenos,
unha das súas paixóns
Narciso comprendeu que a mellor maneira de lle dar vida ás súas inquedanzas polo noso pasado, o mellor xeito de facelo máis achegado, até tocalo, e o modo máis idóneo de podelo compartir, incluso de poder abrirlle ós ollos a aqueles que non deran en pensar niso, era erguendo un museo etnográfico. Así foi, tan só co seu traballo e a axuda inestimable da súa dona Herminia Covelo naceu o Museo Etnográfico de Meixido. Os que alí nos achegamos, sempre adozados pola compaña de Narciso, e un recendo de forno do fogar que Herminia tiña sempre axeitado, eramos quen de nos mergullar nos tempos idos, os nosos devanceiros saíanos a saudar en tódolos recunchos, e todos sabiamos que, entre aquelas paredes, Narciso conseguira gardar as nosas raíces, aquelas que temos que ollar, porque delas aprendemos tamén a forxar o noso futuro. 

As ansias de Narciso, grande autodidacta, por compartir o que el puidera xuntar en obxectos, contos e lendas levouno tamén a facer incursións no mundo da narrativa. «O Carreiro. Memorias do tío Santos» é un libro no que deixou escrito todo o que puido escoitar do Tío Santos, amigo do seu pai, mais imaxino ó curioso rapaz Narciso preguntándolle todo o que se lle ocorrera e poñendo a orella para non perder fío dunha historia que sabía digna de gardar. E, coma non, «Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos», onde Narciso da renda solta á súa afección e converte cada páxina nun museo da nosa vida ateigado de explicacións dun home que o viviu ou que lle contaron, que para el viña sendo o esmo pois os contos vivíaos coma se estivera mergullado neles.


Foi, coma dicíamos ó comezo, unha tarde ateigada de tristura sen límites, mais preto de nós, un pouco ó norte de onde estabamos a nos despedir do noso amigo, unha estrela alumeaba para nos sinalar un punto de gozo: o fogar onde Narciso ergueu o seu gran pequeno museo, onde agocha grandes capítulos das nosas vidas, onde podemos atopar a razón de ser o que somos e coma chegamos até aquí, ou sexa, o noso alicerce, do que precisamos para seguir en pé; esa luz ten que seguir alumeando para que Narciso non morra dúas veces, iso é o peor que lle pode acontecer a un home e, dende logo, todos temos por certo que Narciso, amigo de todos, por todos e para todos, sen excepción algunha, sen fisura algunha, non sería merecedor desa aldraxe: se o Museo Etnográfico de Meixido desaparece acontecería un segundo, e máis definitivo, xa que logo máis doloroso adeus ó noso amigo.

E unha mágoa que fiquemos nas mans das Administracións Públicas, sempre inhumanas e cheas de números sectarios, mais a esperanza, xa sabemos, é o último que se perde, e pode que esa estrela tamén consiga alumear algunha mente xestora.

-----------------

Texto: Manel Bouzamayor
Fotografías: Álvaro F. Polo e libro «Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O libro dos amigos»

sábado, 25 de xullo de 2020

Recorrido polo Camiño dos Arrieiros en Mañón. A actuación de SEITURA-22, exemplo a seguir

Vista de grupo na Garita de Maeda





A principios de ano dábamos conta da iniciativa que está levando a cabo SEITURA-22 (entidade que xestiona o programa europeo Leader nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal) para poñer en valor e recuperar o uso do Camiño do Arrieiros, que transcorre entre As Pontes e o Porto de Bares.
Desde aquela, e pese ás restriccións brigadas pola pandemia de COVID-19, a inciativa segue en marcha coa participación de diferentes entidades, entre elas a asociación Terras do Ortegal.
O pasado martes, 21 de xullo, fíxose o terceiro recorrido de identificación e marcaxe con GPS da ruta entre a Cruz do Monteirón, en Mogor, nas aforas do Barqueiro, e o Porto de Bares. En semanas anteriores fíxose un seguimento e identificación do Camiño entre a vila das Pontes, o alto da serra Faladora, no Caxado, pasando polas parroquias do Freixo, As Grañas, Mañón, Couzadoiro e Loiba, feita en 2 recorridos e días diferentes. Participamos 14 persoas
Muiño rehabilitado polo pintor
Secundino Rivera, e hoxe habitado
polos seus familiares
que fixemos o recorrido, pero non a pé, senón en vehículos 4 x 4, necesarios para acceder a determinadas zonas agrestes e cunha orografía complicada.

Recorrido efectuado
Vista de conxunto da igrexa
de Santa María de Mogor, no Barqueiro vello
Tras pasar polo muiño recontruído polo pintor do Barqueiro Secundino Rivera (1932-2003), habitado hoxe pola súa filla (véxase Puente, Hixinio: "Secundino Rivera, o pintor do Barqueiro", Terras do Ortegal nº 2, ano 2015), seguimos pola praza do Mesón, onde está hoxe a casa consistorial de Mañón, a igrexa de Santa María de Mogor, e outros lugares de interese, como o edificio da Obra Pía de Mogor durante séculos escola de primaria (véxase Puente, Hixinio: "Francisco López Estrada, fundador da Obra Pía de Mogor", Terras do Ortegal nº 5, ano 2018), e hoxe centro social, ou o rehabilitado muíño dos Turrós.
Parte do equipo foi facendo a pe algún tramo, como o que pasa ao lado do colexio CEIP Francisco López Estrada, do Barqueiro. Despois seguimos polo monte Cañoles, onde está a mina de cuarzo Sonia -xestionada pola empresa Cuarzos Industriales, S.A- unha imponente e dificultosa subida aínda para os potentes todoterreos que nos levaban.
Tras cruzar polo Chao das Caldeiras, conseguimos, non ser esforzo e a traveso dun cortalumes recentemente desbrozado, chegar ao alto onde está a Garita de Maeda, en excelente estado de conservación grazas aos esforzos do concello de Mañón. Alí o equipo fixo unha parada e unha das fotos do grupo.
No Barqueiro, unha paradiña
para mirar un cruceiro
Baixamos despois á Vila de Bares, para facer unha breve visita aos restos da Base Americana da punta da Estaca, recentemente adquirida ao ministerio de Defensa polo concello de Mañón, e pendente de rehabilitar. Non hai aínda un proxecto, pero a idea que se contempla é o de facer un albergue con destino, entre outros, aos numerosos especialistas e afeccionados dedicados á observación das aves (de feito xa hai un observatorio alí ao lado).

Muiño dos Turrós, no Barqueiro,
e ben rehabilitado
Chegada ao Porto de Bares
Finalmente, pasando cerca da antigua estación semafórica -hoxe hotel Semáforo- seguimos ata o mesmo Porto de Bares, chegando ao Coído por unha baixada espectacular -e pouco recomendada para espíritos medoñentos- pasando cerca das rocas da Muller Mariña. Alí procedemos a finalizar o recorrido de identificación e a tomar un refrixerio. 
Alí tivemos a sorte de atoparnos ao historiador do Barqueiro, Hixinio Puente, cronista oficioso de Mañón (para cando Cronista Oficial de verdade?), e que se acercara a Bares nunha constante patrullaxe polo territorio que estuda e ama. Este investigador, co que mantivemos unha animada conversa, ilustrounos con algúns detalles históricos de varios puntos do recorrido. Hixinio, colaborador habitual da revista Terras do Ortegal, xa presentara no número 4 (2017) da revista, dedicada a Mañón un artigo titulado “Ataques ao Porto de Bares”, e no número 7 (2020) que está a punto de saír presenta outro titulado “Garitas ou fachos na ribeira mar de Galicia”.
Outra vista da Garita de Maeda
Hai que agradecer a participación e implicación do concello de Mañón neste último recorrido, coa presenza de Alfredo, tennete de Alcalde, a quen acompañaba Mario, que puxeron a disposición do equipo 2 vehículos 4 x 4, indispensables para poder seguir o Camiño. Similar aplauso hai que facer a Cultureume, presente con outro 4 x 4 ecoa asistencia de 3 participantes que ían tomando nota do percorrido.
Chegando á Vila de Bares
polo sendeiro tradicional

Resume da iniciativa
Vista do observatorio de aves e dos muíños
de auga 
da punta da Estaca
Esta actuación foi emprendida por hai 2 anos por SEITURA22, que contratou á empresa de consultoría cultural CULTUREUME para facer un estudo básico, busca de documentos e constitución dunha base de datos fotográfica e documental sobre o patrimonio material e inmaterial deste Camiño ancestral. Finalizada a mesma, e a título persoal, os membros de CULTUREUME seguen colaborando nesta iniciativa de forma altruísta.
No Chao da Caldeira, preparándonos
para subir polo cortalumes
cara á Garita de Maeda
Ademáis destas entidades, forman parte do proxecto como colaboradoras as entidades seguintes: Asociación de Veciños e Veciñas de Couzadoiro, Comunidade de Montes das Grañas, Comunidade de Montes de Loiba, Nordés, Terras do Ortegal, e os concellos de Mañón, Ortigueira e As Pontes, así como outras empresas e persoas a título particular.
Desde Terras do Ortegal queremos felicitar a SEITURA22 e a Anxo Zas, xerente da entidade, por esta iniciativa feita de modo participativo, coa presenza da base social da bisbarra, modelo que nos gustaría fose seguido por outras iniciativas que se están xestando na zona como o proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal, restrinxido na actualidade só a administracións públicas.

Obxectivo
Na base americana, parte do grupo
mirando o mar da Estaca
O traballo desenvolto ten como obxectivo presentar a candidatura do Camiño dos Arrieiros, entre As Pontes e Bares (Mañón) para o programa de Caminos Naturales do ministerio de Agricultura, programa con dotación económica para realizar as obras de acondicionamento, sinalización e difusión da ruta.
Está prevista enviar este mesmo ano a proposta básica, que se tería de completar posteriormente.
Agardamos que este proxecto liderado por SEITURA-22, que parece contar co apoio tácito da deputación provincial da Coruña, chegue a bo porto. Así sexa!


----------------
Texto: Xosé Mª Torres
Fotos: Xosé Mª López, Ana del Valle e Xosé Mª Torres