sábado, 26 de outubro de 2019

Cálida acollida en Cedeira ao Nº 6 (2019) da revista Terras do Ortegal

.
Foto: Enrique Vázquez


O venres 25 de outubro finalizaba en Cedeira a rolda de presentacións do Nº 6 da revista Terras do Ortegal, efectuadas anteriormente no Barqueiro (Mañón), Cariño e Ortigueira. Último lugar, que sen embargo, respondendo á sentencia clásica, se transformou tal vez na presentación máis animada.
Non era para menos, pois o número deste ano de Terras do Ortegal, revista de estudos locais, tiña o dossier específico adicado a Cedeira.
Foto: Enrique Vázquez
Ás 8.15 da tarde, no Palacete tiña lugar o comenzo da presentación, coordinada por Ermitas García, concelleira de Cultura de Cedeira. En sucesivas alocucións foron participando (e por esta orde) o musicólogo Xosé Antón Suárez Aneiros, o presidente de Terras do Ortegal, Xosé Mª Torres, a escritora Luli Dopico o directivo de Mares de Cedeira, Jose de Vigo, o profesor e x-alcalde de Cedeira José Luis Vergara, o arqueólogo Emilio Ramil e o párroco de Teixido, Antonio Rúa
Todo iso cun local que se fixo pequeno para acoller ao público que concurriu ao acto, no que se encontraba o alcalde, Pablo Moreda, o Cronista Oficial de Cedeira, Rafael Usero e o autor da fotoagrafía da cuberta deste número da revista, o fotógrafo Xosé Cheda, unha fermosa vista desde o miradoiro de Santo Antonio de Corveiro.
Foto Victoria Dïaz
Tralas amables palabras da concelleira, o musicólogo Antón Suárez presentou con paixón e profundidade unhas calas sobre a importancia de Roxelio de Leonardo Bouza, o importante músico cedeirés. 
Foto Victoria Dïaz
Pola súa parte Xosé Mª Torres, que disculpou a ausencia do historiador cedeirés Xosé Manuel Suárez, que colabora cunha acertada síntese sobre a Historia Contemporánea de Cedeira, agradeceu ao concello a acollida, e tamén aos autores dos artigos, e de forma especial aos lectores, responsables de que a iniciativa da revista se manteña vizosamente tras seis entregas desde 2014, cunha pléiade de mais de 80 artigos e outros tantos autores. A continuación Luli Dopico ofreceu unhas notas da interesante entrevista que realizou a Rafael Usero, 1ue presenta datos poucos coñecidos da sua vida.
Foto Victoria Dïaz
Jose de Vigo, cunha animosa intervención, marca da casa, substituiu a Carme Lorenzo -que non puidoestar presente no acto- autora dun artigo sobre as relación museo Mares de Cedeira-Escola, lembrando varias exposicións relacionadas con naufraxios que marcaron o pasado da vila cedeiuresa: o do Goizeko Izarra (Estrela da mañá) en 1928, a do San Andrés ou Manchester en 1936 e o do Villa de Cedeira en 1946. José Luis vergara presentou tamén con paixón unhas notas sobre un pasado incómodo: o campo de concentración que as autoridades franquista instalaron na vila nos anos 1936-1937, e por onde pasaron -morrendo algúns- centro de prisioneiros republicanos, sobre todo de Asturias.
Foto Victoria Dïaz
Emilio Ramil, responsable da intervención arqueolóxica no castro de Punta Sarridal deu a coñecer en primicia unha proxección coa reconstrucción en 3D da sauna castrexa atopada alí, un instrumento cun interese didáctico notable.
Por último Antonio Rúa, recentemente “ascendido” a párroco de San Andrés de Teixido fixo un achegamento aos valores arquitectónicos e artísticos do Santuario de San Andrés. Lembrou a necesidade de visitar tamén a igrexa de Régoa, matriz da de San Andrés e seguramente modelo da mesma, a pesar de que hoxe polos cambios efectuados na fábrica do santuario -non todos exitosos- sexa apenas recoñecible esa impronta.
Foto: Enrique Vázquez
Destacou o valor artístico da porta Norte da capela -o resto da arquitectura ten pouco valor-, e fixo un canto á importancia do santuario, que calificou sen ambaxes como o máis importante de Galicia, e moi anterior por suposto, pois as súas raíces se afunden en ritos precristianos, que o de Santiago de Compostela. Nunha intervención trufada de anécdotas -celebradas con alborozo polo público- e con puntualizacións moi opotunas e precisas de Usero, Cronista de Cedeira,, finalizou clamando pola restauración do busto relicario de San Andrés, unha xoia, pero moi deteriorado polo paso do tempo, procedente dun obradoiro napolitano do século XVII.
------- 

Fotos: Victoria Díaz e Enrique Vázquez
Texto: Xosé María Torres
.



martes, 22 de outubro de 2019

«Viaxe ao Alén», o novo libro de Obdulia Dopico

.







O outono chega á nosa comarca cunha nova obra de creación da nosa amiga Luli Dopico: «Viaxe ao Alén».

Este sábado 26 de outubro, ás 8 da tarde, terá lugar a presentación no Teatro de Beneficencia de Ortigueira, nun acto que contará coa presenza da autora e da profesora Carmen Loureiro, que se encarga do prólogo da obra. Pero antes das palabras e do coloquio coa nosa escritora, poderemos disfrutar dunha proxección audiovisual con imaxes de Álvaro Fernández Polo, autor asimesmo das fermosas fotografías a cor que ilustran cada capítulo do libro.

Luli amósanos nesta nova novela outra aventura da sarxento Tona Andújar, sarxento da Guarda Civil, a personaxe creada por ela e que xa nos deu varias entregas: A pena das calandras, editada pola autora e O segredo da runa, editado por Terras do Ortegal en 2018.

Cal é o argumento do libro? Mäis alá do título, suxerente e misterioso, non hai moitos datos nas guardas ou na contraportada do libro, pero á espera de lelo con calma, podemos aventurar que teña algo que ver co Santuario de Santo André de Teixido, do que temos vista algunha imaxe, co característico enfoscado branco das paredes exteriores, nunha ollada rápida ás súas páxinas.

Hai que agradecer que os concellos da comarca (Cariño, Cedeira, Cerdido, mañón e Ortigueira), así como proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal e a plataforma Turismo do Ortegal, apoiaron a saída desta obra.
O deseño e maquetación, así como a montaxe e selelcción da música do audiovisual, corre a cargo de Toñi Girónque presta a súa experiencia nesta difícil arte de forma altruista á nosa escritora e a tantas outras iniciativas da zona.
Desde Terras do Ortegal aplaudimos con agarimo esta nova mostra de creatividade da nosa amiga Luli Dopico, a escritora máis destacada da nosa comarca na actualidade.

--------------





mércores, 2 de outubro de 2019

Presentación do Nº 6 (2019) de Terras Ortegal en Cariño






Coa colaboración do Concello de Cariño, Terras do Ortegal presentará o próximo día 11 de outubro, venres, ás 8 da tarde, o número 6 da revista, xa presentada en semanas pasadas nos concellos de Ortigueira e Mañón.
Contará coa participación das seguintes persoas:

- Jonathan Miranda, concelleiro de Cultura
- Manel Bouzamayor, vicepresidente de Terras do Ortegal
- Xosé-Lois Armada, investigador INCIPIT do CSIC
- Emilio Ramil, arqueólogo
- Antonio Rúa, vigairo parroquial de San Andrés de Teixido

O número deste ano conta con 13 artigos, algúns deles incluidos nun dossier temático, habitual na revista, que está adicado ao concello de Cedeira. Colaboran  varios autores cariñeses, como Xosé-Lois Armada e Emilio Ramil, e outros investigadores e colaboradores do ortegal ou fora dela.



O sumario completo deste número da revista é o seguinte:

Novos ilustradores da comarca
ORTIGUEIRA: Miguel Torres, Carlo Zara
CEDEIRA: Mauro Ces, Martín Fernández e Ángela Rosa Rodrígues
Xosé María Leal Bóveda
Notas para o estudo da pesca no Cantábrico galego nos séculos XVIII-XIX. Gremios, artes, cataláns. O viño e o pan do mar. Os Galcerán e os Catá
María Quintiana
O rexurdir do Festival de Ortigueira en 1995
    Anxo M. Rosende Fernández
Notas para o estudo do asociacionismo ortegano no primeiro terzo do século XX (I): As sociedades de recreo.
    Henrique Tello
A posta en marcha do instituto de Ortigueira en 1978. XL aniversario

DOSSIER Concello de Cedeira

    Obdulia Dopico
Entrevista a D. Rafael Usero, Cronista Oficial de Cedeira
    Xosé Manuel Suárez
Apuntamentos para unha historia contemporánea de Cedeira
    Xosé Antonio Suárez Aneiros
Don Roxelio de Leonardo Bouza, músico cedeirés
    Carmen Lorenzo
Museo, mar e escola. Dous proxectos de investigación.
    José Luis Vergara
O campo de concentración de prisioneiros de Cedeira (1937)
    Emilio Ramil
Sauna castrexa do Campo do Castro en Cedeira 
    Xosé-Lois Armada, Jacobo Abati e Ignacio Montero
Un novo machado da Idade do Bronce atopado na Serra da Capelada
    Antonio Rúa
San Andrés de Teixido. Notas en torno a súa fábrica

Redacción TERRAS
Revista de libros

Redacción TERRAS
Páxina autores