sábado, 26 de outubro de 2019

Cálida acollida en Cedeira ao Nº 6 (2019) da revista Terras do Ortegal

.
Foto: Enrique Vázquez


O venres 25 de outubro finalizaba en Cedeira a rolda de presentacións do Nº 6 da revista Terras do Ortegal, efectuadas anteriormente no Barqueiro (Mañón), Cariño e Ortigueira. Último lugar, que sen embargo, respondendo á sentencia clásica, se transformou tal vez na presentación máis animada.
Non era para menos, pois o número deste ano de Terras do Ortegal, revista de estudos locais, tiña o dossier específico adicado a Cedeira.
Foto: Enrique Vázquez
Ás 8.15 da tarde, no Palacete tiña lugar o comenzo da presentación, coordinada por Ermitas García, concelleira de Cultura de Cedeira. En sucesivas alocucións foron participando (e por esta orde) o musicólogo Xosé Antón Suárez Aneiros, o presidente de Terras do Ortegal, Xosé Mª Torres, a escritora Luli Dopico o directivo de Mares de Cedeira, Jose de Vigo, o profesor e x-alcalde de Cedeira José Luis Vergara, o arqueólogo Emilio Ramil e o párroco de Teixido, Antonio Rúa
Todo iso cun local que se fixo pequeno para acoller ao público que concurriu ao acto, no que se encontraba o alcalde, Pablo Moreda, o Cronista Oficial de Cedeira, Rafael Usero e o autor da fotoagrafía da cuberta deste número da revista, o fotógrafo Xosé Cheda, unha fermosa vista desde o miradoiro de Santo Antonio de Corveiro.
Foto Victoria Dïaz
Tralas amables palabras da concelleira, o musicólogo Antón Suárez presentou con paixón e profundidade unhas calas sobre a importancia de Roxelio de Leonardo Bouza, o importante músico cedeirés. 
Foto Victoria Dïaz
Pola súa parte Xosé Mª Torres, que disculpou a ausencia do historiador cedeirés Xosé Manuel Suárez, que colabora cunha acertada síntese sobre a Historia Contemporánea de Cedeira, agradeceu ao concello a acollida, e tamén aos autores dos artigos, e de forma especial aos lectores, responsables de que a iniciativa da revista se manteña vizosamente tras seis entregas desde 2014, cunha pléiade de mais de 80 artigos e outros tantos autores. A continuación Luli Dopico ofreceu unhas notas da interesante entrevista que realizou a Rafael Usero, 1ue presenta datos poucos coñecidos da sua vida.
Foto Victoria Dïaz
Jose de Vigo, cunha animosa intervención, marca da casa, substituiu a Carme Lorenzo -que non puidoestar presente no acto- autora dun artigo sobre as relación museo Mares de Cedeira-Escola, lembrando varias exposicións relacionadas con naufraxios que marcaron o pasado da vila cedeiuresa: o do Goizeko Izarra (Estrela da mañá) en 1928, a do San Andrés ou Manchester en 1936 e o do Villa de Cedeira en 1946. José Luis vergara presentou tamén con paixón unhas notas sobre un pasado incómodo: o campo de concentración que as autoridades franquista instalaron na vila nos anos 1936-1937, e por onde pasaron -morrendo algúns- centro de prisioneiros republicanos, sobre todo de Asturias.
Foto Victoria Dïaz
Emilio Ramil, responsable da intervención arqueolóxica no castro de Punta Sarridal deu a coñecer en primicia unha proxección coa reconstrucción en 3D da sauna castrexa atopada alí, un instrumento cun interese didáctico notable.
Por último Antonio Rúa, recentemente “ascendido” a párroco de San Andrés de Teixido fixo un achegamento aos valores arquitectónicos e artísticos do Santuario de San Andrés. Lembrou a necesidade de visitar tamén a igrexa de Régoa, matriz da de San Andrés e seguramente modelo da mesma, a pesar de que hoxe polos cambios efectuados na fábrica do santuario -non todos exitosos- sexa apenas recoñecible esa impronta.
Foto: Enrique Vázquez
Destacou o valor artístico da porta Norte da capela -o resto da arquitectura ten pouco valor-, e fixo un canto á importancia do santuario, que calificou sen ambaxes como o máis importante de Galicia, e moi anterior por suposto, pois as súas raíces se afunden en ritos precristianos, que o de Santiago de Compostela. Nunha intervención trufada de anécdotas -celebradas con alborozo polo público- e con puntualizacións moi opotunas e precisas de Usero, Cronista de Cedeira,, finalizou clamando pola restauración do busto relicario de San Andrés, unha xoia, pero moi deteriorado polo paso do tempo, procedente dun obradoiro napolitano do século XVII.
------- 

Fotos: Victoria Díaz e Enrique Vázquez
Texto: Xosé María Torres
.



Ningún comentario:

Publicar un comentario