venres, 6 de decembro de 2019

PAISAXES E PAISANAXES. EXPOSICIÓN DE ANTONIO RÚA SAAVEDRA, CURA DE SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO






O día un de decembro, nos claustros do concello de Ortigueira, tivo lugar a inauguración da exposición de pintura: «Paisaxes e paisanaxes», de don Antonio Rúa Saavedra, párroco de Santo André de Teixido. Home carismático e polifacético, ameno conferenciante, que ademais de atender os seus labores pastorais, cultiva a terra e toca a gaita.
Rúa naceu en Santo Tomé de Lourenzá, o 19 de xaneiro de 1968, estudou o bacharelato en Mondoñedo e continuou a carreira en Santiago, no Instituto Teolóxico Compostelán, facendo tamén a licenciatura en Historia do Arte e ampliando estudos en Madrid, nunha academia de Restauración do Patrimonio Histórico. Dende moi neno pinta e debuxa. O seu mestre foi Puchades, con quen aprendeu as variadas técnicas que domina.
Cartel da exposición de pintura
(autor: Diego P. Dopico)
A exposición, que poderemos ver durante todo o mes de Nadal, é un agasallo para os ollos e unha regalía para a alma, onde nos amosa unha serie de cadros con estilo propio e complicidade manifesta co realismo máxico que bebe na escrita de don Álvaro Cunqueiro, por ser ambos egrexios persoeiros das Terras de Miranda e os seus aledaños.
Tal como comentou Rúa, na súa magnífica intervención cargada de humor o día da inauguración, onde foi desgranando o contido da obra como se narrara a súa propia vida, a súa historia particular —véxase o cadro «Chocolate» que aparece no cartel, onde a súa ama falecida hai dous anos, lle leva a merenda ao despacho— a sociedade que lle tocou vivir, a infancia de rezos e misas, a familia, o entorno social, os oficios que se perden —declarouse zoqueiro—, as vivencias dunha Galicia que co paso do tempo moitos xa non lembrarán, pero da que o artista quere deixar constancia co seu bo facer, pintando e debuxando cunha mestría que asombra ao público que visita a exposición nun marco incomparable como é o primeiro andar do Concello ortegano, por onde se paseaban os frades dominicos cantando as súas letanías.
Obras cheas de emocións e vivencias, con mestura de cores fríos e cálidos en tonalidades apagadas debido a unha primeira base escura que lle aplica aos lenzos e que dan orixe a súa peculiar forma de expresase cos pinceis, unha característica específica dos seus cadros.
Destacan os impresionantes debuxos a plumilla e carboncillo, liñas nítidas e precisas que merecen ser vistas unha e outra vez para descubrir a vida das figuras, a tradición, as festas de antano, o aspecto cotián dunha época: un ventano en movemento polo que ollar a paisaxe e aos paisanos.
Belén Bello, a Concelleira de Cultura presentou ao pintor, agradecida por dar a coñecer a obra dun veciño do Ortegal, cedendo a palabra a don Xabier, cura de Ortigueira, e amigo do artista, quen convidou aos presentes a ver outra parte da obra colgada nunha confitería de Mondoñedo.

---------- 
Texto: Obdulia Dopico
Fotos: Obdulia Dopico e Antonio Rúa

Ningún comentario:

Publicar un comentario