mércores, 20 de marzo de 2024

"Martín Sarmiento, o primeiro naturalista", un fermoso libro do cedeirés Rafael López Loureiro

 


Este é o segundo libro (en realidade o terceiro...) que o autor publica en pouco máis dun ano. Rafael é colaborador de Terras do Ortegal e tamén socio, o que fai que nos adentremos nesta nova obra súa con agarimo e certa indulxencia. O texto, sen dúbida, ten un estilo moi persoal, característico das obras de Rafael: unha linguaxe barroca, con atención ao galego da zona do Ortegal, e unha expresión coloquial, irónica moitas veces (véxase o título dun dos capítulos: “Quer que lle quer”), que invita ao lector a adentrarse nas súas páxinas.

O padre Martín Sarmiento (1695-1772), frade benedictimo é obxecto de estudo por parte do autor desde hai moito tempo; tras ler moitas das súas obras (inéditas ata hai pouco tempo) e participar en congresos e xornadas sobre a súa figura, decidiu a finais de 2022 propor a súa data de nacemento, o 9 de marzo, como Día do Naturalismo Galego. Fúndase esta proposta, difundidada a traveso do valioso blog de natureza Ao noroeste do Noroeste, do que Rafael e mantedor e impulsor,  nos méritos de Sarmiento como estudoso e divulgador da flora e fauna galega, iniciativa á que se adheriu Terras do Ortegal ao pouco de coñecela. En certa maneira este libro trata de difundir esta proposta, focalizando nun exemplo: o labor divulgativo do amorodo ('fresa', “fresón” ou 'frutilla' en español) feito polo frade pontevedrés.


Tal vez houbese sido oportuno incluir unha breve biografía do pai Sarmiento nas prímeiras páxinas, pois si ben é certo que ao longo do libro se relatan episodios biográficos, como a viaxe a Galicia de 1754-1755, esa inclusión axudaría a fixar na memoria do lector os trazos vitais desta figura da historia de Galicia, defensor do idioma galego e do seu ensino nas escolas. Pero López Loureiro non é moi amigo desta orde cartesiana, o que non implica falta de rigor nin moito menos, nin declarar que

    «Este texto, inescusablemente literario, pretende achegarse... a un anecdotario biográfico da personalidade poliédrica do xenial sabio benedictino pontevedrés, Mestre Martín Sarmiento...

frade ao que, tal vez por familiaridade, López Loureiro nomea sen os habituais tratamentos de frade, frei, padre ou pai...


Rafael López Loureiro,
mestre, investigador
e activista cultural infatigable


Se ben é unha obra breve —137 páxinas, que a editorial ferrolá Embora tratou con exquisito agarimo— a lista de obras consultadas polo autor é inmensa, con case 10 páxinas de referencias, o que reflicte un intenso traballo intelectual, que o autor revela que tivo lugar entre setembro de 2020 e decembro de 2021, «anos infaustos» (pola pandemia de covid-19, entendemos). A destacar o intelixente uso por parte do autor dos recursos cibernéticos, hoxe ao alcance de calquera, e en especial da Biblioteca Digital Hispánica.


De poñerlle algunha chata á obra, máis alá das inevitábeis erratas —escasas— citaríamos a ausencia dun glosario que recollese algunhas voces (ploidía, dioica, eterio, aquenio, corrixidor...), pero sobre todo un uso copioso das notas a pé de páxina, moitas delas ademáis extensas, e en ocasións referidas a cuestións tanxenciais (como o debate sobre o nome dos indíxenas de Chile (araucanos vs. mapuches), sobre a voz cedeiresa pinchocarneiro, ou sobre a historia da tauromaquia, asunto no que o autor fai unha revelación persoal sorprendente), asuntos triviais que rompen o ritmo da narración, pero que en definitiva non fan máis que amosar a preocupación erudita e renacentista do noso ben querido investigador de Cedeira.


A obra pode mercarse nas librarías, e tamén na propia web de edicións embora, á que felicitamos por esta novidade editorial.