sábado, 24 de febreiro de 2018

O Fuciño do Porco, un exemplo da toponimia do Vicedo

Foto: Teresa Pérez (La Voz de Galicia)



Cunha imaxe do Fuciño do Porco, fermoso lugar costeiro do Vicedo ubicado xa na ría de Viveiro comezou na tarde deste sábado no Vicedo unha interesante charla sobre Toponimia. A Toponimia non é ningún termo médico similar á anemia, senon a ciencia que estuda a orixe e significado dos nomes de lugar. 
Con esta pequena nota de humor comezou a charla que sobre a toponimia do Vicedo tivo lugar esta tarde na casa da cultura desa vila Xosé Luis González, colaborador da revista TERRAS DO ORTEGAL, que por certo, ofrecerá no número 5 da revista, que sairá dentro de poucos meses, unha nova mostra desta interesante temática.
A charla foi organizada pola asociación NORDÉS, que continúa o seu interesante traballo de posta en valor dos recursos da comarca atravesada pola serra Faladoira.
Xosé Luis González, natural das Negradas, é enxeñeiro de Telecomunicacións e traballa en Madrid -con viaxes frecuentes por motivos profisionais polo Centro e Leste de Europa- pese ao cal visita con moita frecuencia a sua terra natal, implicándose en iniciativas como a de Nordés. Interesado desde hai anos na toponimia, foi pouco a pouco formándose neste difícil -e ás veces traicioneiro- campo  da toponimia e da etimoloxía.
Ademáis de aclarar que en realidade o Fuciño do Porco -que está a rivalizar en popularidade co noso Banco de Loiba-  se chama en realidade Punta Socastro (isto é "debaixo" ou "ao pe do castro"), deu antes de entrar en detalle sobre o significado dos topónimos da zona, varios datos de interese:
Xosé González (esquerda) e José Antonio Quelle,
membro de Nordés, á dereita
  • Máis do 40% dos topónimos españoles están en Galicia; incluso antes, a proporción ainda era maior. Esta abundancia está ligada, como non, a que a meirande parte dos núcleos de poboación españoles están na nosa terra.
  • Máis do 70% dos apelidos en España proceden de nomes de lugar, que son, ademáis, os más antigos.
  • Os nomes dos ríos en Galicia teñen unha orixe anterior á romana, isto é, que se conservan con pequenos cambios os nomes que lle daban os nosos antergos. Isto significa que hai unha continuidade na xente que vivía aqui hai xa 4.000 anos.
  • A toponimia, máis alá dun coñecemento especializado no ámbito lingüístico serve para coñecer a historia da zona. Por exemplo, a existencia de varios nomes coas denominación de "viñas” ou "lagar” indican que nalgún momento na zona se cultivaba a vide e se producía viño. Iso é algo que sabemos por outras fontes escritas, que nos indican que aínda que hoxe non se cultive a uva, sí se cultivou ata mediados do século XIX, en que a peste do oidium, a partir de 1850 acabou coa produción vinícola nesta zona de Galicia, que nunca se recuperou.
  • Xa na charla en si foi debullando ante un numeroso público que case enchía o auditorio o significado de nomes da zona: Segade, Negradas, As Alpuxarras, A Ínsua, Maladas, Noche, Os Navallos, O Rego dos Bois (que non se refire a ningún animal), Riobarba, Suegos, A Telleira, Vilasuso... e dando conta ao final dos apelidos con orixe na zona nunha charla animada e con moitas preguntas dos asistentes.
Felicitamos unha vez máis ao colectivo Nordés e ao relator e remitimos ás persoas interesadas a consultar en internet varios blogs que o autor ten de acceso libre coa explicación do significado dos nomes de centos de lugares da comarca:








luns, 12 de febreiro de 2018

EXPOSICIÓN DE PINTURA DE DIEGO PÉREZ DOPICO E SERGEY SOZONOV NO CONCELLO

PÓDESE VISITAR DURANTE TODO O MES DE FEBREIRO
.
Sergei Sozonov e Diego Dopico



Acabo de visitar a exposición que Diego Pérez Dopico e Sergey Sozonov colgan no primeiro andar do concello de Ortigueira. Coñezo a obra de ambos por tela visto nalgunhas mostras colectivas nas que compartían paredes con outros artistas, e subindo as escaleiras, pensei que, os dous sós, enfrontados, por así dicilo, poderían producir un choque visual no que un deles, según o gusto do espectador, sairía mal parado.
Pensamento erróneo. Ao entrar na sala un sorpréndese de que, malia ser temáticas e técnicas completamente distintas, que chegan por un lado á abstracción e acércanse polo outro ao hiperrealismo, como despois comprobará o visitante, hai unha especie de harmonía cromática no ambiente que, ata que se visualizan os cadros de xeito individual, fai que o espectador non se decate tan axiña como sería de esperar, é dicir, instantaneamente, onde remata a obra de un e comeza a do outro. 
A chica do Pazo (Sozonov)
A chica do Pazo (Sozonoz)

Empezarei polo final. Porque alí, ao fondo da galería, están colgados catro nus de Sergey, que conforman a serie “La chica del Pazo”, que, sen dúbida, están entre os mellores que vin en moito tempo. Estou seguro de que a súa ubicación non ten outro obxectivo que o de dotar ao conxunto desa harmonía da que falaba antes, e non ten nada que ver co que o escritor Javier Marías chamaba acertadamente, na miña opinión, “as sete pragas do politicamente correcto importadas dos Estados Unidos”, ou co actual tsunami de puritanismo impulsado pola mesma xente que tenta volvernos ao século XIX ou anteriores, se cadra, e que, sorprendentemente, empeza a ter consecuencias, espero que puntuais e anecdóticas, no ámbito artístico.
Retrato de vello (Sozonoz)
Véxase o caso de Balthus no Museo Metropolitano de Nova York ou o máis recente da Galería de Arte de Manchester, no que o afectado foi J. W. Waterhouse e o seu “Hylas e as ninfas”, de 1896, tema este último do que Miguel Anxo Murado fíxose eco nun espléndido e irónico artigo publicado na Voz de Galicia. 

 Pero volvamos ao que nos ocupa. O nu, como é sabido, tivo sempre un lugar preeminente na aprendizaxe da pintura, porque o dominio da súa técnica implica ter coñecemento de todos e cada un dos elementos que se lle esixen a unha obra artística, como forma, proporción, liña, perspectiva, espazo, textura, luz, e, no seu caso, cor. 
Contaba o artista italiano Oliverio Berni que, cando empezaba, quixo que o pintor Mario Radice, que practicaba a abstracción xeométrica, lle ensinase a súa técnica. Este contestoulle que só o faría cando lle levase un “nudo di donna meravigliosamente dipinto” (enténdese, non?) que o convencera de que tiña base técnica abondo para empezar. Tardou nove anos en conseguilo.
Non sei canto tardou Sergey en conseguir esos seus nus marabillosamente pintados, pero estou seguro de que o mestre Radice, se aínda vivira, que non, estaría encantado de admitilo no seu estudio, pero penso que Sergey deixou atrás, atrévome a dicir que afortunadamente para a maioría dos afeccionados á pintura, a abstracción xeométrica coa que nos sorprendeu, agradablemente, hai que dicilo tamén, coa súa primeira exposición no Novo Club hai algún tempo.



Señor e señora Vázquez (Dopico)
Algunhas das pinturas que mostra Sergey nesta exposición xa llas vin noutras ocasions, 
pero un acércase a elas non pensando que “isto xa o vin” e pasa, senón que aproveita para recrearse outra vez na súa execución, no seu cor, na súa luz....; na atmosfera que envolve ás figuras. Un non se cansa de ver, por exemplo, a súa lectora ou os seus retratos de vellos. Nestes últimos, malia súa aparencia hiperrealista, con cada unha das engurras dos curtidos rostros perfectamente refrexada no lenzo, un descubre unha pincelada solta e decidida que denota unha mestría que só os máis dotados conseguen no pouco tempo que, ao parecer, leva Sergey pintando. 
Sireno (Dopico)

Diego Pérez Dopico, que ás veces firma como J. Peak, non sei se atendendo á temática do cadro ou a unha cuestión cronolóxica, é unha sorpresa cada vez que expón. A variedade de técnicas que abarca é grande. Ven da pintura dixital, sistema no que o software do ordenador sustitúe aos tradicionais pinceis, espátulas, óleos ou acuarelas para crear unha obra, que, logo de rematada, se imprime. Ten utilizado fotografías propias, que, mediante un complexo procesado, transforma en algo totalmente alleo ao realismo inherente á fotografía. Outras veces pinta directamente na pantalla coas ferramentas que a informática lle ofrece, con resultados abstractos, expresionistas ou tan figurativos como nese momento lle cadre ao artista. 


Cadro (Dopico)
Algún día decidiu que un pintor “de verdade” tiña que mancharse e ulir a pintura e o augarrás, e pasouse ao óleo. Non sei se a transición se lle fixo difícil, pero polo que agora podemos ver, non tivo moitos problemas e manexa pinceis e espátulas cunha soltura envexable. Nalgunhas das obras que expón, a textura é un elemento moi destacado, quizais nun intento de apartarse, sequera momentaneamente, da pulida superficie que proporciona a obra dixital impresa. Porque unha das virtudes de Diego é a súa constante busca, transitando polos máis variados camiños para conseguir plasmar de xeito que o satisfaga a obra que lle xurde na cabeza. 
Cadro (Dopico) 
Tampouco descarta ningunha temática, e atrévese co retrato e a figura, coa paisaxe ou a denuncia social, coa abstracción... Algún dos seus cadros son máis complexos do que a primeira vista pode parecer, e conteñen elementos que contan historias difíciles de descubrir se un non ten a sorte de que o propio artista llas explique. Pero así foi sempre a Arte e só os iniciados poden acceder á lectura total do significado dalgunhas obras. 

Agora está nunha nova fase de experimentación, e realiza os seus cadros máis recentes con pulverizadores de pintura, sprays para mellor entendernos, creando, nunha curiosa reviravolta artística, composicións abstractas xeométricas de singular beleza. 
Cadro (Dopico)

Así de sorprendentes son os camiños da Arte, que os dous artistas parecen recorrer en sentidos opostos. Agora expoñen xuntos nunha mostra absolutamente recomendable, na que conviven dous modos ben distintos de ver e facer a pintura, pero que, seguro, nalgún punto se entrecruzaron.


Texto: Álvaro F. Polo
Fotos: O. D. Cachán

luns, 5 de febreiro de 2018

Centenario da Sociedade “El Progreso” de Mera de Riba


Foto: David Rguez. Morado
Carlos BreixoCronista Oficial do noso Concello, disertou o pasado venres, día 2 de febreiro, arredor desta sociedade por mor do seu centenario (1917-2017).

Na mesma sede da sociedade (no seu comezo estivo na casa de Pedro Gómez, mais ós poucos pasou ó edificio no que hoxe aínda fica), en Mera de Riba, Breixo, como nos ten acostumados, e para ir facendo boca, refiriuse a tempos pasados onde xa se falaba dun mosteiro de "Mera de sursum", isto é "Mera de arriba" coma unha das primeiras referencias á parroquia onde se fundou a sociedade “El Progreso”, nome, por certo, que era moi común nas sociedades da época, como tamén acontecera cunha sociedade do Ermo ou outra en Sismundi.
Foto: David Rguez. Morado
Desta sociedade, contounos Breixo, podían formar parte tamén os veciños do Ermo, Santiago de Mera e Abarqueira. Quen traballou arreo para fundala foi o labrego Antonio González Rios, sendo unha das principais funcións mercar apeiros de labranza dos que podían facer uso os veciños que o pediran, aparellos que doutro xeito sería moi difícil de conseguir para eles, e por suposto pelexar polos dereitos dos labregos.

Breixo acompañou o seu faladoiro cunhas imaxes nas que poidemos comprobar diferentes documentos da época e que estaban asociados ó desenvolvemento do día a día da Sociedade, así coma os nomes dos primeiros compoñentes, dos cales, moitos dos presentes non dubidaron en recoñecer coma devanceiros dalgunhas familias da actualidade.



Foto: David Rguez. Morado
Unha historia xeral da Parroquia, na que houbo unha ferrería e na que a Ponte Noval viña sendo un dos puntos importantes e senlleiros do camiño real até a construcción da nova estrada, así como o que o Ferrocarril da Costa representou para ela, foron as derradeiras palabras desta xuntanza, grazas á cal fomos quen de rechear un pouco máis as fochancas do percorrido pola nosa historia.

Texto: Manel Bouzamayor

(Publicado no dixital La Prensa Ortegana, de 6 febreiro 2018)







venres, 2 de febreiro de 2018

Presentación do libro sobre a o Centenario de La Voz de Ortigueira

Foto: Xosé Mª Torres




O pasado día 27 de xaneiro tivo lugar no Teatro de Beneficencia ortegano o acto de presentación do libro que recolle as actas do Curso que sobre prensa local e o semanario La Voz de Ortigueira organizou a Universidade de Santiago.
O curso tivera lugar en 2016 con motivo do Centenario de La Voz de Ortigueira e desenvolvérase en Lugo, Viveiro e Ortigueira (neste caso nos locais da desaparecida fundación Ortegalia).


Na mesa presidencial estaban presentes: Ernesto S. Pombo, xornalista de La Voz de Galicia, Maria del Carmen Fojo, directora do semanario, Valentín Glez. Formoso, alcalde das Pontes e presidente da deputación da Coruña,  Maribel González, ex-concelleira de Cultura, e Juan P. Muras, alcalde.
Foto: Xosé Mª Torres
A intervención de Maribel González centrouse no libro, que contén 16 relatorios presentados no curso, máis algunha adición externa ao mesmo. Pola sua parte o alcalde, valorou a riqueza de ter un semanario que desde hai 102 anos ven recollendo a memoria da vida local e comarcal.
Sen dúbida o obxetivo da convocatoria era a presentación do libro, pero del falaremos noutra ocasión; porque a partir de Ernesto S. Pombo as intervencións  centráronse máis ben no futuro da prensa local e no futuro do legado hemerográfico da imprenta Fojo. Pombo fixo por un lado un canto á prensa local, sinalando que medios internacionais moi importantes, estaban na actualidade facendo edición para barrios de cidades coma Nova York; pero tamén fixo unha cruda descrición das dificultades desta prensa, do escaso apoio das institucións que -máis alá das palabras de alento...que o vento se leva- se ven excluídos da axuda que representa a publicidade institucional. Unha supervivencia xustificada unicamente, neste tempo en que tantos xornais teñen desaparecido e tantos xornalistas perdido o seu traballo, no romanticismo dos seus editores, entre os que citou tamén aos que publican El Heraldo de Vivero e La comarca del Eo, de Ribadeo.

E aproveitando a presenza do presidente da deputación, "cantou claro" -permítaseme a expresión-, clamando pola conservación do legado da imprenta Fojo, tanto o hemerográfico como o da maquinaria do século XIX que aínda se conserva. Pombo, coa ironía á que nos ten acostumado nos seus artigos, calificouse de monaguillo da cerimonia, pero facendo tamén honra á claridade habitual dos seus argumentos, pediu sen rodeos ao concello e á deputación que promovan a preservación do legado da imprenta Fojo.

Mari Carmen Fojo, actual directora (e ata hai pouco editora) de La Voz de Ortigueira, coa voz quebrada pola emoción, deu as grazas a todos os presentes na mesa, aos participantes no curso, tanto relatores como alunos, ao público presente e a varias persoas que a teñen axudado a levar adiante un proxecto empresarial e editorial para o que non estaba preparada cando en 1995 faleceu o seu pai, David Fojo. Excusou a asistencia de Manuel López Foxo e de Lois Celeiro, e deu grazas a varias persoas, e entre elas, de maneira especial á avogada ortigueiresa Teté Suárez, presente na sala. Falou, como non, das dificultades de seguir editando un medio de comunicación en papel neste tempo da era de internet e da inmediatez das redes sociais.

Na intervención final, moi agardada, Valentín Glez Formoso, presidente da deputación da Coruña, recolleu o envite, e comprometeuse publicamente a tratar de que no ano e medio que queda agora mesmo de mandato na deputación se poida levar a cabo a posta en marcha dun museo ou centro que acolla a memoria da prensa local ortegana. E fixo un apunte que tal vez dea maior credibilidade ás súas palabras: invitou ao xornalista Ernesto S. Pombo, de quen se declarou seguidor, a que redactase o proxecto de creación dese centro.
Pola nosa parte, desde Terras do Ortegal facemos votos para que ese proxecto se faga realidade. O tempo dirá!.