Foto: Xosé Mª Torres |
O pasado día 27 de xaneiro tivo lugar no Teatro de Beneficencia ortegano o acto de presentación do libro que recolle as actas do Curso que sobre prensa local e o semanario La Voz de Ortigueira organizou a Universidade de Santiago.
O curso tivera lugar en 2016 con motivo do Centenario de La Voz de Ortigueira e desenvolvérase en Lugo, Viveiro e Ortigueira (neste caso nos locais da desaparecida fundación Ortegalia).
Na mesa presidencial estaban presentes: Ernesto S. Pombo, xornalista de La Voz de Galicia, Maria del Carmen Fojo, directora do semanario, Valentín Glez. Formoso, alcalde das Pontes e presidente da deputación da Coruña, Maribel González, ex-concelleira de Cultura, e Juan P. Muras, alcalde.
Foto: Xosé Mª Torres |
Sen dúbida o obxetivo da convocatoria era a presentación do libro, pero del falaremos noutra ocasión; porque a partir de Ernesto S. Pombo as intervencións centráronse máis ben no futuro da prensa local e no futuro do legado hemerográfico da imprenta Fojo. Pombo fixo por un lado un canto á prensa local, sinalando que medios internacionais moi importantes, estaban na actualidade facendo edición para barrios de cidades coma Nova York; pero tamén fixo unha cruda descrición das dificultades desta prensa, do escaso apoio das institucións que -máis alá das palabras de alento...que o vento se leva- se ven excluídos da axuda que representa a publicidade institucional. Unha supervivencia xustificada unicamente, neste tempo en que tantos xornais teñen desaparecido e tantos xornalistas perdido o seu traballo, no romanticismo dos seus editores, entre os que citou tamén aos que publican El Heraldo de Vivero e La comarca del Eo, de Ribadeo.
E aproveitando a presenza do presidente da deputación, "cantou claro" -permítaseme a expresión-, clamando pola conservación do legado da imprenta Fojo, tanto o hemerográfico como o da maquinaria do século XIX que aínda se conserva. Pombo, coa ironía á que nos ten acostumado nos seus artigos, calificouse de monaguillo da cerimonia, pero facendo tamén honra á claridade habitual dos seus argumentos, pediu sen rodeos ao concello e á deputación que promovan a preservación do legado da imprenta Fojo.
Mari Carmen Fojo, actual directora (e ata hai pouco editora) de La Voz de Ortigueira, coa voz quebrada pola emoción, deu as grazas a todos os presentes na mesa, aos participantes no curso, tanto relatores como alunos, ao público presente e a varias persoas que a teñen axudado a levar adiante un proxecto empresarial e editorial para o que non estaba preparada cando en 1995 faleceu o seu pai, David Fojo. Excusou a asistencia de Manuel López Foxo e de Lois Celeiro, e deu grazas a varias persoas, e entre elas, de maneira especial á avogada ortigueiresa Teté Suárez, presente na sala. Falou, como non, das dificultades de seguir editando un medio de comunicación en papel neste tempo da era de internet e da inmediatez das redes sociais.
Na intervención final, moi agardada, Valentín Glez Formoso, presidente da deputación da Coruña, recolleu o envite, e comprometeuse publicamente a tratar de que no ano e medio que queda agora mesmo de mandato na deputación se poida levar a cabo a posta en marcha dun museo ou centro que acolla a memoria da prensa local ortegana. E fixo un apunte que tal vez dea maior credibilidade ás súas palabras: invitou ao xornalista Ernesto S. Pombo, de quen se declarou seguidor, a que redactase o proxecto de creación dese centro.
Pola nosa parte, desde Terras do Ortegal facemos votos para que ese proxecto se faga realidade. O tempo dirá!.
Ningún comentario:
Publicar un comentario