SUSO BARCIA PRESENTA O ANTIGO SAN ANDRÉS DE TEIXIDO
Curiosa
maqueta de nove metros cuadrados realizada en madeira
Santo André sendo
discípulo de San Xoán Bautista, figura entre os primeiros Apóstolos
que elixir Xesús; predicou o evanxeo na actual Ucraína, morreu
crucificado en Patrás e é moi venerado nas igrexas de Oriente. A
súa reliquia foi traída a Teixido sobre o ano 1600 polos Cabaleiros da Orde de Malta. A esta orde pertenceu o Santuario
desde o século XII ata o XIX.
San Andrés de Teixido é
un dos lugares máis visitados de Galicia; situado na serra da
Capelada, no municipio de Cedeira, recibe milleiros de peregrinos e
tamén de familiares que acompañan as almas dos defuntos que en vida
se ofreceron ao Santo e non puideron cumprir a promesa «A San
Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo».
Nós tamén peregrinamos
ata Cedeira unha tarde de inverno para admirar a maqueta que Suso
Barcia fixo recreando a máxica aldea que reproduce fielmente en nove
metros cadrados. O primeiro que me chama a atención e o Santuario,
non me cadra co que coñezo actualmente, pois non presenta esas
pedras aturronadas
como eu lles chamo. O autor despexa a dúbida e dime que para facer
o traballo fiouse das fotos antigas, cando o edificio era de pedra,
pois o novo deseño é obra do crego don Xulio Ladra.
—Canto tempo lle levou
facer a maqueta?
—Pois un ano
aproximadamente. Dende agosto está exposta ao público nun
escaparate da Praza Roxa. Aínda non está rematada totalmente, falta
poñerlle grupos de persoas, uns baixando a costa, outros camiño da
Fonte do Santo, algúns no adro da igrexa…
—Botoulle moito tempo a
esta actividade?
—Case tódolos días
facía algo, uns máis e outros menos. Como vedes aprécianse moitas
casas, todas.
—Pero non vexo os
tenderetes de venda…
—Non, porque non me
gustan.
Aí discrepamos —dígolle
eu, pois a min encántanme os tenderetes e os seus cores.
—Que material usou?
—Todo é madeira,
logo doulle a caracterización que corresponde: pedra, lousa… etc.
—Que ferramentas
utiliza?
—Meu pai era un
ebanista excepcional, del aprendín moito. Conservo todas as súas
ferramentas e traballo con elas. Traballo na casa.
—Fixo máis cousas?
—Moitísimas. Teño
elaborado as sete igrexas parroquiais, que están expostas. A igrexa
de San Cosme de Piñeiro, que foi levantada por unha muller que o
fillo morrera afogado e quixo facela dende onde non se avistase o
mar, cunha casa reitoral enorme. A do río Condomiñas e a ponte
antiga de pedra. As tres capelas, Reboredo, Biduído e Socorro. O
muíño da acea que moía de marea baixa cando lle abrían as
comportas, hoxe en ruínas. A fonte de Marieta, que era preciosa e
foi tirada para crear unha parada de taxis. Parte do casco vello, o
mercado sobre columnas, o Concello, a Casa Rectoral… preciosas
xoias arquitectónicas da Vila de Cedeira, hoxe desaparecidas. Unha
pena! Tamén hai maquetas de barcos expostas no Museo do Mar, un
lugar digno de visitar.
—Onde podemos ver todo
iso?
—A maioría das
cousas están gardadas en caixas, na casa, pois non hai un lugar onde
poidan figurar expostas e agora, se me acompañades, damos un paseo
por Cedeira e podedes ver algunhas obras en escaparates de tendas que
pecharon.
Paseamos tranquilos polas
rúas mariñeiras, cruzamos a ponte, Suso vai rememorando as sete
fontes que tivo a fermosa vila, amósanos os lugares da súa nenez,
vive con nostalxia cada lembranza, cóntame que primeiro fai moitas
fotografías dos sitios, antes de poñerse mans á obra.
Antes de despedirnos
dígolle que a súa obra merece estar exposta —non agochada en
caixas—nun lugar visible para que as vindeiras xeracións garden
memoria dos afortunados que fomos nalgún tempo por vivir en paraxes
dunha beleza marabillosa.
Autora: Luli
Dopico
Reportaxe fotográfica:
Álvaro Fdez. Polo
Publicado no semanario La Voz de Ortigueira, 26.01.18
Ningún comentario:
Publicar un comentario