mércores, 27 de decembro de 2017

Reseña de "O campón de Rodela"

.
Foto: Simón Castro
O CAMPÓN DE RODELA

“Estímoche ben este laboriño feito”

Cada libro que remato é una festa para o espírito. Cando acabei de ler “Moradía de voces familiares” de Emilio Castro Fustes, o subconsciente traizooume e pregunteille á Marela: Quere vostede bailar unha peza comigo? Porque a vaca sempre estaba atenta ao que pasaba a redor dela e, aínda que na miña casa de Landrove nunca tivemos vaca, servidora en vacacións tamén ía ao lindeiro con Lita, a leiteira da casa, que me contaba unhas historias preciosas e xa daquela coñecín unha vaca tola, de nome Brixitte Bardot, bautizada así pola fermosa actriz de moda. Era a vaca da tía Pepa, da que escapabamos tódolos pícaros, pois turraba que daba xenio.
Con Emilio teño en común moitas cousas que fun descubrindo ao tempo que ía lendo o libro, sobre todo as vivencias dun tempo pasado, aínda presente na memoria.  Estudei na Normal, en Lugo e na música era un desastre con Cecilia, nunca fun capaz de solfear: Los corzos por el monte corren que vuelan…
Lembroume a lectura a Residencia ‘Eijo Garay’, onde fixen o ‘Servizo Social’ coas señoritas de Falanxe no ano 69, cando o home pisou a lúa por primeira vez e que nos deixou ver don Federico Bouza pola tele ás tantas da noite. Aquel ano acabei Maxisterio.

Mais hoxe cómpre falar dun libro que como indica no seu limiar, é a historia viva dun neno de Devesos, que di botar en falta non ter falado máis co seu pai, ao que perdeu moi novo. Todos coñecemos ao seu avó cando limos o libro de Narciso, onde queda amplamente retratado o tío Santos, e lendo “O campón de Rodela” sabemos moitas máis cousas dunha familia que viviu os avatares da guerra civil e ca suor da súa fronte sacou adiante tres fillos, entre eles a recordada Paz que saudabamos cada verán e coa que teño compartido algunha cea. Cantaba moi ben e era moi alegre. Mágoa non tivera tempo de ler este libro. Gustaríalle, como me gustou a min viaxar cos relatos divertidos dun rapaz de aldea polos lugares dunha parroquia que entra pola porta grande do orbe literario ortigueirés.
Foto: Wikipedia

Significativas son as fotos que nos dan a coñecer as caras das persoas que aparecen nos textos e a sinxela portada que recorda ao ‘Principito’ agromando ao mundo.
Parabéns Emilio, pola gran aportación que fas deixando impreso o vivir dun tempo que añoramos, porque daquela todo era ilusión por saber, éramos felices con nada, o rural era un paraíso bulicioso, cheo de vida, de nenos e nenas que soubemos dar un paso adiante grazas aos nosos pais e con moito orgullo podemos proclamar ben alto: Pagou a pena… Nunca vos esqueceremos.

Ficha:
Emilio Castro Fustes. O campón de Rodela. Moradía de voces familiares. Edita: autor. Santiago de Compostela, 2017.

                                                                                    Luli Dopico


 Reseña publicada no semanario La Voz de Ortigueira

venres, 22 de decembro de 2017

As garitas de vixianza no Ortegal e a Mariña

.










O pasado 9 de decembro tivo lugar no Museo Provincial do Mar de San Cibrao (Cervo)  unha charla do profesor e investigador José María Leal Bóveda que levou por título «Os postos de vixiancia na Galicia cantábrica, século XVIII». 

No acto, o investigador e colaborador da revista Terras do Ortegal expuso como era a situación defensiva da nosa costa no século XVIII, avanzando algún datos e documentos inéditos que serán detallados no artigo que será publicado no número 5 (2018) da nosa revista.
A continuación facemos un resumo da sua intervención, que agardamos poida repetir en vindeiros meses na nosa comarca:


Durante a época dos Austrias, Galicia veuse involucrada na política imperial hispánica, unha coroa con aspiracións á hexemonía europea, o que explica que os ataques ás súas costas estiveran protagonizados fundamentalmente por corsarios. 
No século XVIII, pola contra, a posición española encóntrase moito máis debilitada e o seu papel pasa pola súa condición de aliada de Francia. Como consecuencia diso, os ataques de corsarios illados tenderon a ser substituidos por operacións navais a gran escala, .
Tamén o sentido do corso habería de cambiar dunha etapa austríaca a unha borbónica xa que na primeira, séculos XVI-XVII, delas esta actividade concibiuse como parte dunha estratexia militar desenvolvida por militares ou asociados mentres que na segunda, século XVIII tratouse máis como unha actividade mercantil.
Durante o XVI-XVII o eixe político-comercial europeo, tamén español, xira do Mediterráneo ó Atlántico e con iso tamén o fai o papel estratéxico de Galicia na monarquía dos Absburgo, así, pasa de ser o extremo peninsular esquecido a territorio fronteirizo. As súas novas funcións na vangarda hispana fixérona acredora de importantes esforzos para dotala dunha infraestrutura militar e dunha organización defensiva acorde ás novas necesidades da coroa.
Esta última circunstancia permite entender o porqué a estratexia defensiva houbo de ser modificada e xunto ó tradicional recurso ás fortificacións e ás armadas déronse pasos decisivos para a conversión de Ferrol na gran base naval do norte peninsular. Igualmente, haberíanse de rexistrar algúns outros cambios de interés, como o establecemento da Matrícula de Mar, que transformaba substancialmente os procedementos de levas de mariñeiros, ou o gran desenvolvemento do corso español
CORNIDE (1764)  da os seguintes fachos, atalaias ou garitas de vixilancia para o Cantábrico galego:


Garita da Vela (Espasante)
 Desde Ribadeo a San Cibrao

  • Dende Ribadeo a San Cibrao: 1 castelo defensivo en Ribadeo, o de San Damián, na entrada do porto, con 7 ou 8 canóns de ferro, montados cara ó mar e varias troneiras para a fusileiría. A guarnición é de 20 homes e un oficial que envían dende a Coruña por un período de 4 meses. Pode albergar a 150 homes aloxados en casas particulares, coa obriga dos propietarios de manter a guarnición. 
  • Máis adiante, a 1/4 de legua temos unha torre de mediana elevación chamada Torre Nueva que serve de atalaia ou facho para congregarse nos rebatos os de terra como para servir de guía ós navegantes. Está descuberta, semidestruída, en moi mal estado. 
  • A 1 legua de distancia temos o porto de Rinlo coa segunda atalaia ou facho para xuntar ás xentes de guerra en caso de presenza de inimigos pero non hai torre, so unha miserable chouza onde se pon o “hachero”. 
  • A 2 leguas seguindo a costa cara ó NO. Cara o porto de Foz aparece outra chouza de nome Preguntoiro e segue a costa ata a barra de Fox por onde desemboca o río Masma. Neste posto, na desembocadura do río Centín hai outra garita ou chouza que serve de atalaia onde se fai garda para a  defensa do porto e da terra. 
  • En Nois, a media legua de distancia, hai outra garita de vixilancia. Dende Cangas ata o porto de Burela, 3/4 de legua, sobre este porto aparece outra atalaia ou facho para os rebatos. 
  • A 1 legua continuando pola costa chégase ó porto de San Cibrao con 2 canóns á dereita e esquerda da entrada do porto sobre as rochas explanadas. 
En total hai 1 castelo, 1 torre e 6 garitas con 10 canóns.
Garita de Bares (Punta Maeda)


Dende San Cibrao ata Ortegal: 
  • 1 atalaia en San Cibrao. 
  • 1 atalaia en San Clemente de Morás, a 2 leguas da anterior. 
  • 1 atalaia en San Julián de Faro (Celeiro), a 3 leguas da precedente. 
  • 1 atalaia en Santa María de Suevos, a 1/2 legua de Viveiro. 
  • 1 atalaia en San Esteban do Val (Vicedo), a 2 leguas de Viveiro e un punto dos máis altos. 
  • 1 atalaia en Bares (Punta Maeda), a 2 leguas de Viveiro e 1/2 da anterior. 
  • 1 atalaia en Espasante, a 3 leguas de Viveiro e 3/3 da anterior.  
  • 1 atalaia en Santa Marta (Punta do Limo, no Cabo Ortegal), a 4 leguas de Viveiro. 
  • 1 atalaia na Capelada (Garita da Herbeira), a 5 leguas de Viveiro e punto dos máis altos da zona en cuestión.
Fachos ou atalaias ou garitas: son edificios simples, de madeira, situados en puntos altos da costa para prever con afumadas os riscos que poden chegar do mar. “Deben concurrir de los lugares comarcanos que están señalados cada día dos o tres hombres armados que se mantienen de guardia por espacio de 24 horas, y es obligación de los mismos lugares que sean fieles y de entera satisfacción”.


Los trozos son unas compañías en que se alistan los naturales desde la edad de 18 años hasta los 50 con obligación de tomar las armas en los rebatos e invasiones bajo las órdenes de dos o tres jefes hombres distinguidos del país y dos o tres cabos, hombres llanos pero más robustos y expertos que los demás. Están armados, unos a su costa con escopetas y municiones propias y otros con fusiles de S. M. que les administran en la capital de provincia. Tienen obligación de presentarse armados siempre que se le avise por alguno de sus jefes si da tiempo la urgencia y si no acudir a las llamadas que se hacen en las atalias para libertar con más prontitud el país de cualquiera insulto. Sobre los jefes de cada trozo suele mandar algún oficial que ha servido en el ejército que los alista, pasa las revistas, los arma y distribuye según las necesidades”. Cada un contaba cuns 100 homes, e tanto en Viveiro como en Ribadeo estaban mandados polo sarxento maior.

martes, 19 de decembro de 2017

Homenaxe a Narciso Luaces na Devesana

.




O pasado sábado 16 de decembro tivo lugar, na edificio da antigua escola da Devesana, unha homenaxe a Narciso Luaces Pardo, promotor do Museo Etnográfico de Meixido.
O acto contou cunha nutrida asistencia de veciños e amigos do homenaxeado que enchían a planta superior do edificio inaugurado en 1912.


Foi presentado por Romina Reborido, presidente da SIR Devesana, que explicou os motivos da homenaxe, entre eles a participación do pai de Narciso entre os fundadores de Devesana, os traballos publicados por Narciso sobre a escola na revista Terras do Ortegal e por suposto a organización do Museo Etnográfico de Meixido en Freires, parroquia contigua a Devesos. 

A continuación interveu Emilio Castro Fustes, mestre e exdirector do Museo Pedagóxico de Galicia, pero sobre todo devesano e amigo de Narciso; cómpre lembrar que Emilio é neto do Tío Santos, retratado na obra “O Carreiro, memorias do tío Santos”, coa que Narciso comezou a súa andaina literaria. Emilio fixo un canto, moi sentido pero rigoroso, da figura de Narciso, a quen non dubidou en calificar de intelectual, louvando a sua formación autodidacta, a súa sinxeleza humana, e citando tamén –de forma moi oportuna- a Herminia Covelo, muller de Narciso, hoxe falecida, que foi a primeira directora do Museo.

A seguinte en participar foi Vanesa Trevín, concelleira de Cultura e Patrimonio, que interveu na súa condición de arqueóloga, e que tras superar con destreza algúns problemas técnicos, fixo unha presentación máis académica, sobre a Etnografía de Galicia, desde os seus comezos con Vicente Risco ou Xaquín Lourenzo ata chegar ao museos actuais, como o de Meixido e o seu promotor. Con todo, Vanesa, entrou no terreo persoal, revelando a influencia que tivo Narciso como exemplo para que ela elixise a carreira de Historia; cabe lembrar que Vanesa naceu en Freires, na mesma parroquia do homenaxeado, aínda que tamén  ten vinculación con Devesos por parte materna. Deixou no ar varias reflexións, entre elas a proposta dunha asociación de amigos do museo de Meixido que deberá debatirse e considerarse como primeiro paso para asegurar a continuidade do Mueso
Finalmente, Romina deu paso ao propio Narciso, que fixo una intervención breve, na que quixo precisar que se ben A Devesana foi fundada como escola laica, a maioría dos seus promotores non eran -nin moito menos- ateos, e que acudían a misa regularmente, desmentindo así unha das acusacións coa que se quería destruir un proxecto de innovación docente como foi a Devesana, e perseguir aos seus promotores na época negra da Guerra Civil.
O acto finalizou coa entrega por parte  de dous directivos da Devesana duns  agasallos a Narciso: primeiro unha placa de recordo por parte de Yolanda Sanjurjo, mentras que Emilio Soto lle entregou un agasallo moi significativo: unha pluma estilográfica, para que seguira escribindo e amosando o seu maxisterio.

As intervención foron seguidas con atención polo público, entre o que se atopaba, ademáis Luis, fillo de Narciso, numerosos veciños de Devesos e parroquias cercanas e en xeral de toda zona; entre eles, a Juan P. Muras, alcalde de Ortigueira –veciño de Devesos- e outros membros da corporación, como o exalcalde Rafael Girón e Juan Cao; tamén o Cronista Oficial de Ortigueira, Carlos Breixo, o director do Museo Etnográfico Monte Caxado, Xosé María López Ferro, ou a escritora Luli Dopico; tamén Carlos Caramés,  luthier e director da Coral Polifónica Ortegana, a exconcelleira de Cultura Mari Cruz Sabio, Enma Sandá, exdirectora da fundación Ortegalia e colaboradora de Narciso no catálogo do Museo de Meixido que está a piques de entrar en imprenta, ou Manel Bouzamayor, vicepresidente da asociación Terras do Ortegal.
A continuación, e baixo o son do grupo de gaitas que amenizaron o acto, procedeuse ao descubrimento dunha placa conmemorativa cos nomes dos promotores da SIR A Devesana.


Cuns pinchos ofrecidos pola entidade organizadora finalizou o acto nunha fría tarde de outono, que foi superada co cálido ambiente que había no interior do fermoso edificio da Devesana.