Foto: Simón Castro |
O CAMPÓN DE RODELA
“Estímoche ben este
laboriño feito”
Cada libro
que remato é una festa para o espírito. Cando acabei de ler “Moradía de voces
familiares” de Emilio Castro Fustes, o subconsciente traizooume e pregunteille
á Marela: Quere vostede bailar unha peza comigo? Porque a vaca sempre estaba
atenta ao que pasaba a redor dela e, aínda que na miña casa de Landrove nunca
tivemos vaca, servidora en vacacións tamén ía ao lindeiro con Lita, a leiteira
da casa, que me contaba unhas historias preciosas e xa daquela coñecín unha
vaca tola, de nome Brixitte Bardot, bautizada así pola fermosa actriz
de moda. Era a vaca da tía Pepa, da que escapabamos tódolos pícaros, pois
turraba que daba xenio.
Con Emilio
teño en común moitas cousas que fun descubrindo ao tempo que ía lendo o libro,
sobre todo as vivencias dun tempo pasado, aínda presente na memoria. Estudei na Normal, en Lugo e na música era un
desastre con Cecilia, nunca fun capaz de solfear: Los corzos por el monte corren que vuelan…
Lembroume a
lectura a Residencia ‘Eijo Garay’, onde fixen o ‘Servizo Social’ coas señoritas
de Falanxe no ano 69, cando o home pisou a lúa por primeira vez e que nos
deixou ver don Federico Bouza pola tele ás tantas da noite. Aquel ano acabei
Maxisterio.
Mais hoxe cómpre
falar dun libro que como indica no seu limiar, é a historia viva dun neno de
Devesos, que di botar en falta non ter falado máis co seu pai, ao que perdeu
moi novo. Todos coñecemos ao seu avó cando limos o libro de Narciso, onde queda
amplamente retratado o tío Santos, e lendo “O campón de Rodela” sabemos moitas
máis cousas dunha familia que viviu os avatares da guerra civil e ca suor da
súa fronte sacou adiante tres fillos, entre eles a recordada Paz que saudabamos
cada verán e coa que teño compartido algunha cea. Cantaba moi ben e era moi
alegre. Mágoa non tivera tempo de ler este libro. Gustaríalle, como me gustou a
min viaxar cos relatos divertidos dun rapaz de aldea polos lugares dunha
parroquia que entra pola porta grande do orbe literario ortigueirés.
Foto: Wikipedia |
Significativas
son as fotos que nos dan a coñecer as caras das persoas que aparecen nos textos
e a sinxela portada que recorda ao ‘Principito’ agromando ao mundo.
Parabéns Emilio,
pola gran aportación que fas deixando impreso o vivir dun tempo que añoramos,
porque daquela todo era ilusión por saber, éramos felices con nada, o rural era
un paraíso bulicioso, cheo de vida, de nenos e nenas que soubemos dar un paso
adiante grazas aos nosos pais e con moito orgullo podemos proclamar ben alto: Pagou a pena… Nunca vos esqueceremos.
Ficha:
Emilio Castro Fustes. O campón de Rodela. Moradía de voces familiares. Edita: autor. Santiago de Compostela, 2017.
Luli Dopico
Reseña publicada no semanario La Voz de Ortigueira
Ningún comentario:
Publicar un comentario