xoves, 26 de marzo de 2015

O acto de entrega do título de Cronista Oficial de Ortigueira será o 4 de abril



Foto Xosé Cheda




O Teatro de Beneficencia ortegano acollerá o próximo 4 de abril o acto público de entrega do título de Cronista Oficial de Ortigueira ao investigador e historiador Xosé Carlos Breixo Rodríguez.


A proposta de novo Cronista Oficial foi aprobada por unanimidade da corporación en pleno o pasado 11 de marzo, a proposta do Alcalde, Rafael Girón.
Carlos Breixo, natural e veciño da parroquia de San Claudio, sucede así a ilustres ortigueireses como Federico Maciñeira, Julio Dávila ou Laureano Álvarez.
A laudatio do novo Cronista Oficial será efectuada polo profesor Vicente Peña Saavedra, tamén natural de San Claudio.
Agardamos que o acto conte coa solemnidade e asistencia que merece, e que o Concello manifeste un compromiso claro de dotar a esta figura, honorífica, gratuita e vitalicia, de recursos para poder levar a cabo o seu traballo de modo digno e eficaz.






martes, 17 de marzo de 2015

Tertulia con Hixinio Puentes




O pasado sábado 7 de marzo, iniciamos o noso ciclo de tertulias coa participación de Hixinio Puentes Novo, recentemente proposto para ser Cronista Oficial do Concello de Mañón, se ben a proposta está en estudio. 

A traxectoria investigadora de Hixinio, vense centrando sobre todo na historia dos naufraxios ocorridos na Comarca do Ortegal, que se concentra en tres obras básicas: Os Naufraxios da Galicia Norte, en dous volumes, editados por Edicións Lea, en Santiago de Compostela, no ano 2003 e no 2005 respectivamente, e A Galerna de 1961, sobre un intenso temporal que asolou  con forza a localidade de Cariño.

 Foron obxecto de exposición nesta tertulia, algúns dos naufraxios ocorridos entre finais do século XIX ata os anos 90 do século XX. Despois dunha contextualización sobre as características da ría, e os elementos climáticos que a afectan,  Hixinio foi comentando algúns dos naufraxios máis salientables, para rematar con unha ronda de preguntas. 

 O acto foi presentado por Manel Bouzamaior, e comezou coa contextualización do tema por parte de Francisco Calvín, ambos membros da directiva da Revista Terras do Ortegal.

Queremos dar as grazas a todos cantos participastes desta tertulia, e a todos os asistentes á mesma. Agardamos o mesmo éxito para as seguintes. 

xoves, 5 de marzo de 2015

Ciclo de tertulias de TERRAS DO ORTEGAL










A asociación Terras do Ortegal, que edita a revista de igual nome, quere aumentar as súa presenza ao longo do ano, para que a edición da revista non sexa a única actividade.

Daquela, a nova directiva elixida na asemblea xeral celebrada o pasado 10 de outubro de 2014 decidiu emprender varias iniciativas que se irán anunciando progresivamente.

A primeira delas, ademáis de relanzar esta propia páxina web, é a programación dun ciclo de tertulias de temática cultural e social, a cargo de persoas de interese. A primeira persoa invitada é Hixinio Puentes Novo, mestre, escritor e investigador de Mañón, que falará das súas investigacións sobre asuntos históricos da Comarca.
O acto terá lugar este sábado, 7 de marzo, ás 8 da tarde nos locais da Sociedade Nuevo Club, de Ortigueira, á que agradecemos a colaboración para a celebración do evento. A entrada é libre.

Nado no Porto do Barqueiro en 1952, Hixinio Puentes é mestre e investigador da historia do seu concello. Autor de diversos estudos relacionados co mundo do mar como Os naufraxios da Galicia do Norte. Provincia marítima de Ferrol, vol. I (2003) e volume II (2004) e La Galerna de 1961 (2005).
Como narrador publicou varias novelas, que recibiron diferentes premios: O bandido Casanova (2000), Aguillóns de Ortegal (2005),  Monbars o Exterminador (2008),  A do 21(2010) e Winnipeg (Xerais, 2013). En 1999 acadou o accésit do Premio  de Xornalismo David Fojo en La Voz de Ortigueira.
O seu curriculum detallado pode verse aquí