venres, 20 de marzo de 2026

Terras do Ortegal, elixida para formar parte do Comité de Seguimento Turístico do Xeoparque Cabo Ortegal

 Interfaz de usuario gráfica, Texto

El contenido generado por IA puede ser incorrecto.






O pasado martes, 17 de marzo, tivo lugar na sala de xuntanzas do concello de Cariño a eleción dos representantes das Entidades Amigas do Xeoparque no Comité de Seguimento da Sostibilidade Turística e Desenvolvemento Local do Xeoparque Cabo Ortegal.

Este Comité está formado por:

-       Representantes da Xunta de Galicia e Deputación da Coruña

-       Técnicos dos concellos,

-       Técnicos do xeoparque

-       Experto do Comité científico

-       representantes de empresas da zona

-       Representantes das Entidades Amigas

E analizará o impacto do turismo no territorio, tratando de promover un impacto positivo e un turismo responsable

As Entidades Amigas

Terras do Ortegal está recoñecida desde 2024 como entidade Amiga do Xeoparque.Cabe lembrar que a figura de Entidade Amiga é unha creación da asociación xestora do Xeoparque (AXXCO) para relacionarse coas asociacións e colectivos sociais da zona; trátase dunha figura de valor relativo ou escaso, pois as asociacións recoñecidas como tais non poden participar na toma de decisións do Xeoparque, que está limitado exclusivamente aos 7 concellos que o conforman: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Unha limitación que habería que preguntarse se resposta ás directrices da Unesco, que establecen que os xeoparques deben conformarse de abaixo a arriba, dando participación real das comunidades e colectivos sociais no proceso de toma de decisions, que no noso caso é inexistente.

Terras do Ortegal apoiou desde que xurdiu a iniciativa de Xeoparque desde que se difundiu, e ven prestando atención mediante artigos publicados na revista e organizando algún evento, como unha mesa redonda en Ortigueira. Ademáis seguimos considerando ao Xeoparque como unha oportunidade extratéxica das comarcas de Ferrolterra e Ortegal. Debido a iso seguimos concurrendo ás actividades a que nos invitan.

Interfaz de usuario gráfica, Aplicación

El contenido generado por IA puede ser incorrecto.

 

 

Eleción de representantes

Durante a sesión do pasado 17 de marzo Paula Ardas, da consultora Hidria Ciencia Ambiente y Desarrollo S.L., seleccionada pola Deputación da Coruña para xestionar diversas tarefas e recursos obtidos de fondos europeos Next Generation no territorio do xeoparque, expuxo a composición do Comité e presentou os indicadores que este órgano deberá estudar para ver o impacto das actividades turísticas na zona.

En representación de Terras do Ortegal asistiron dous membros da Directiva: Germán Alonso e Xosé María Torres. Nunha reunión cunha escasísima presenza das entidades amigas (o que reflicte o escaso interese que desperta esta figura, o que debería facer reflexionar ao Xeoparque,) foron elixidas 2 persoas para os dous postos ofertados:

-       Manuel Couce (AVCR Val de Moeche)

-       Germán Alonso (Terras do Ortegal)

De Germán Alonso, profesor de Ecoloxía na Unversidade Complutense de Madrid, e asentado en Ortigueira desde hai varios anos, cabe dicir que ten experiencia directa no proceso de creación do Xeoparque da Costa Vasca, que viviu moi de cerca, polo que era a persoa máis acaída de Terras do Ortegal para participar neste Comité de Seguimento.


mércores, 11 de marzo de 2026

Falece Bernard Le Gonidec, un dos franceses pioneiros do turismo europeo en Espasante

 Hombre mayor sonriendo

El contenido generado por IA puede ser incorrecto.

 Falece Bernard Le Gonidec, un dos franceses pioneiros do turismo europeo en Espasante

O pasado 16 de febreiro falecía en Rennes, na Bretaña francesa, Bernard Le Gonidec, un dos pioneiros do turismo europeo no porto de Espasante.

Nacera en 1932 —tiña por tanto 93 anos— na pequena poboación de Pléhédel, cerca de Paimpol, un notable porto pesqueiro da costa norte bretoa. Na educación Secundaria tivera como profesora de Lingua Española á esposa dun oficial exiliado da Mariña republicana española, o que o levou a estudar Filoloxía Hispánica na universidade de Rennes, se ben concluíu os estudos en París, na Sorbona.

Pasou por diversos avatares vitais, que incluíron o servizo militar durante dous anos en Alxeria, en plena guerra pola independencia, se ben non servíu como combatente, senón como mestre nunha escola primaria, tempo que aproveitou para coñecer o campo alxeriano e escribir páxinas conmovedoras sobre os nenos e a pobreza da xente... Despois iniciouse na docencia profesional como profesor de secundaria en Saint-Brieuc. Tras iso, consegue en 1970 o posto de profesor Titular na universidade de Rennes II, na que promovería a relación académica con Galicia e onde desempeñaría importantes cargos.

Chegada a Galicia e a Espasante

A súa primixenia chegada ao noso país foi nunha expedición de dúas goletas da Mariña francesa, barcos-escola para formación de oficiais, ao porto da Coruña, e así o recollía a prensa da época (La Voz de Galicia, 31-07-1959): «A bordo de la goleta francesa L’Etoile se celebró una reunión ofrecida a la prensa y radio de La Coruña... Hicieron los honores el capitán M. Ives Gelard... y el periodista francés, M. Bernard Le Gonidec, que realiza un reportaje de este viaje de navegación..

Pouco despois, a principios dos 60 chegaría a Espasante —un recorrido que desde Bretaña esixía 3 días de viaxe no seu potente Renault Dauphine por aquelas estradas deficientes e de trazado sinuoso da España franquista— coa súa esposa, a súa filla Isabelle, de apenas 2 anos, ademais de Marcel, o irmao pequeno de Bernard, para practicar español.

Xa no porto ortegalés tratou de conectar con mariñeiros e comerciantes, pois Bernard, a pesar de ser un home de cultura amplia, non era distante, e buscaba a relación persoal, o que fixo que se integrara como un espasantino más. Home deportista, practicaba a pesca submarina, mentres que o seu irmao Hubert se dedicaba máis á fotografía documental (as mallas, as redes de pesca, as festas e romarías...), interesados ambos en coñecer os costumes —a etnografía, en definitiva— da paisanaxe rural galega.

Parte desas experiencias foron relatadas en 2021 no artigo “Espasante, unha longa convivencia. Desde 1960 á actualidade”, publicado na revista Terras do OrtegalAí relata como a colonia francesa (parentes, amigos...) chegaría a sumar varias decenas de persoas, máis de 50, chegadas ao longo dos anos para coñecer o Espasante mítico que Bernard pregoaba, e ao que tamén chegara, algo antes, a colonia alemá encabezada pola familia de Klaus-Peter NoeverClaudio, que deixaría profunda pegada, así como o seu fillo Florian, ambos de grata lembranza.

Namorado de Espasante, e desa Galicia de comúns raíces célticas coa súa Bretaña natal, nunha viaxe de estudos a Uruguai, como hispanista que era, Bernard chegou a presumir ante uns galegos de Viveiro alí emigrados, que él tamén era galego pola súa nai, que casara cun francés... un episodio de simpática inventiva.

Próximo libro

Bernard gustaba de escoitar nas pausadas tardes do estío os relatos dos mariñeiros nas augas bravas do Gran Sol, pero tamén dos emigrantes en Ultramar. De un deles, Servando, gravou nos anos 70 do pasado século XX, en varias cintas de casetes, as súas peripecias por Estados Unidos (California, Arizona, Nevada...), Cuba e o México da Revolución, na época de Pancho Villa, até chegar a España, e do seu recorrido pola zona republicana... aventuras que nestes meses pasados, xa transcritas a papel, estaban —e están— en proceso de edición e próximas a publicarse en Ortigueira.

Botaremos de menos a Bernard e ao seu espírito xovial e aberto. Pero seguiremos tendo cerca a Isabelle e demais fillos de Bernard, e a Anne e demais fillos de Hubert (irmao de Bernard falecido en 2023, con 96 anos), e ao irmao pequeno Marcel e os seus fillos, pois contan con casa en Espasante. Para todos eles, o noso agarimo.

Adeus, Bernard! Ad aeternam vale!

Xosé Mª Torres


-------------------------- 



Esta entrada foi publicada previamente 0 20-03-2026 no semanario La Voz de Ortigueira, se ben aquí ten lgúns datos adicionais.