venres, 31 de xullo de 2020

Federico Maciñeira, Socio Protector do Seminario de Estudios Galegos


Fotografía do Almanaque Gallego
de Castro López
(Bos Aires, 1898)






O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi unha sociedad científica, fondamente enraizada na cultura galega impulsada por un grupo de intelectuais nos anos 20 do pasado século XX. Estes investigadores trataron, con escasos medios, de modernizar a Ciencia no noso país.
Posta en marcha en 1923, os seus Estatutos indicaban (Xabier Iglesias, 2015) que:

para ser socio do SEG precisábase ser proposto por un socio e admitido na xuntanza seguinte á que se fora proposto. Unha vez elixido tería que presentar un traballo orixinal e inédito sobre algún tema galego e, a partir dos catro meses seguintes un traballo anual obrigatorio”
Os Estatutos establecían tres tipos de socios:
  • Asesores, que serán propostos pola Sección Directora, con residencia en Compostela e dirixirán todos os traballos.
  • Numerarios, propostos por un socio e admitidos na xuntanza seguinte e que teñan feito o seu traballo de ingreso.
  • Correspondentes: serán os Numerarios que non teñan presentado o seu traballo de ingreso e os colaboradores do SEG que non poidan asistir ás Xuntanzas.
É sabido que Federico Maciñeira e Pardo de Lama foi designado socio Numerario en 1927, e que leu ese mesmo ano o seu discurso de ingreso, que versou sobre “Notable grupo de círculos líthicos y túmulos dolménicos de la cuenca superior del Eume”. Este traballo, de 38 páxinas, foi publicado en 1929 como separata exenta do segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.

Maciñeira, socio protector
Listaxe de socios protectores, co nome
de Federico Maciñeira na páxina da dereita
Entre 1926-1930, etapa de consolidación do SEG, a principal novidade en canto aos socios é a aparición da figura de Socios Protectores, aqueles que contribuirán ao mantemento do SEG con achegas económicas.

Páxina inicial da Listaxe
de socios protectores do SEG
Pois ben, podemos anunciar hoxe que Federico Maciñeira e Pardo de Lama foi tamén unha persoa comprometida co sostemento económico do Seminario, polo que accedeu á figura de Socio Protector. Así consta na documentación que puidemos consultar grazas á amabilidade de Xosé Luís Pastoriza, profesor da facultade de Filosofía da USC e padroeiro da fundación Isla Couto.

Como todo o mundo sabe, o Seminario de Estudos galegos foi intervido despois da sublevación franquista, e a súa documentación e biblioteca  requisada.


-------------------

Texto: Xosé María Torres
Fonte dos documentos: Arquivo da Fundación Isla Couto














luns, 27 de xullo de 2020

NARCISO LUACES, UN HOME CHEO DE VIDA

Debuxo de Luís, fillo de Herminia e Narciso,
que conforma a portada do libro editado
en 2018 por Terras do Ortegal



Un 20 de xullo, ás 17:30, poderíamos pensar nunha tarde ateigada de luz e vida, mais desta vez estaba a nos agardar unha xornada vespertina onde unha nebulosidade invernal aseñorouse da fermosa paisaxe de Devesos, coma se unha raiola de luz tivera vergoña dunha intromisión extemporánea, ou un nada de medo a ferir a despedida dunha vida que sempre estivo chea, porque Narciso Luaces Pardo morreu vivo, a súa curiosidade infantil acompañouno até o derradeiro día con nós; o seu interese por coñecer, e dar coñecer todo aquilo que tivera algunha relación coa nosa historia, a máis achegada a nós e, xa que logo, a máis grande, foi o motor que sempre o mantivo vivo e expectante ó tempo que conseguiu que os seus miolos tiveran a capacidade dun rapaz que xamais deixou de ser. Os andeis da súa memoria ficaban en perfecto estado de revista, e botaba man dela cunha envexable eficacia.
En Meixido en agosto de 2018, diante do Museo,
no acto de presentación do libro «Homenaxe
a Narciso Luaces Pardo. O libro dos amigos
».
De esq a dereita: Xosé Mª Torres, Vanesa Trevín,
Xosé María López, Narciso Luaces e Emilio Castro.

Lembro unha das derradeiras andainas con Narciso, todas elas frutíferas, ás claras, polos dominios de Freires na que teimou en ensinarme a casa (o que quedaba dela) que servira de sede ó vello concello de Freires, época da nosa historia pola cal eu tiña certa curiosidade; lembro tamén a súa advertencia de que xa non estaba en condicións de se mover axeitadamente por certos lugares pois as súas pernas dis que non lle respondían; e lembro, ó fin, coma eu ía tras el, coma me custaba seguirlle o paso e coma, vareando co que tiña a man, conseguiu que as vellas pedras daquela casa agromaran receosas para, unha vez apoiado nelas, escoitar dos seus beizos outra marabillosa historia do lugar: a necesidade que tiña de sacar á luz a vida dos nosos antigos era maior que os impedimentos físicos do seu corpo que loitaban, en baleiro, co rapaz que o noso amigo levaba agochado no seu interior.

Ensinando o museo aos nenos,
unha das súas paixóns
Narciso comprendeu que a mellor maneira de lle dar vida ás súas inquedanzas polo noso pasado, o mellor xeito de facelo máis achegado, até tocalo, e o modo máis idóneo de podelo compartir, incluso de poder abrirlle ós ollos a aqueles que non deran en pensar niso, era erguendo un museo etnográfico. Así foi, tan só co seu traballo e a axuda inestimable da súa dona Herminia Covelo naceu o Museo Etnográfico de Meixido. Os que alí nos achegamos, sempre adozados pola compaña de Narciso, e un recendo de forno do fogar que Herminia tiña sempre axeitado, eramos quen de nos mergullar nos tempos idos, os nosos devanceiros saíanos a saudar en tódolos recunchos, e todos sabiamos que, entre aquelas paredes, Narciso conseguira gardar as nosas raíces, aquelas que temos que ollar, porque delas aprendemos tamén a forxar o noso futuro. 

As ansias de Narciso, grande autodidacta, por compartir o que el puidera xuntar en obxectos, contos e lendas levouno tamén a facer incursións no mundo da narrativa. «O Carreiro. Memorias do tío Santos» é un libro no que deixou escrito todo o que puido escoitar do Tío Santos, amigo do seu pai, mais imaxino ó curioso rapaz Narciso preguntándolle todo o que se lle ocorrera e poñendo a orella para non perder fío dunha historia que sabía digna de gardar. E, coma non, «Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos», onde Narciso da renda solta á súa afección e converte cada páxina nun museo da nosa vida ateigado de explicacións dun home que o viviu ou que lle contaron, que para el viña sendo o esmo pois os contos vivíaos coma se estivera mergullado neles.


Foi, coma dicíamos ó comezo, unha tarde ateigada de tristura sen límites, mais preto de nós, un pouco ó norte de onde estabamos a nos despedir do noso amigo, unha estrela alumeaba para nos sinalar un punto de gozo: o fogar onde Narciso ergueu o seu gran pequeno museo, onde agocha grandes capítulos das nosas vidas, onde podemos atopar a razón de ser o que somos e coma chegamos até aquí, ou sexa, o noso alicerce, do que precisamos para seguir en pé; esa luz ten que seguir alumeando para que Narciso non morra dúas veces, iso é o peor que lle pode acontecer a un home e, dende logo, todos temos por certo que Narciso, amigo de todos, por todos e para todos, sen excepción algunha, sen fisura algunha, non sería merecedor desa aldraxe: se o Museo Etnográfico de Meixido desaparece acontecería un segundo, e máis definitivo, xa que logo máis doloroso adeus ó noso amigo.

E unha mágoa que fiquemos nas mans das Administracións Públicas, sempre inhumanas e cheas de números sectarios, mais a esperanza, xa sabemos, é o último que se perde, e pode que esa estrela tamén consiga alumear algunha mente xestora.

-----------------

Texto: Manel Bouzamayor
Fotografías: Álvaro F. Polo e libro «Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O libro dos amigos»

sábado, 25 de xullo de 2020

Recorrido polo Camiño dos Arrieiros en Mañón. A actuación de SEITURA-22, exemplo a seguir

Vista de grupo na Garita de Maeda





A principios de ano dábamos conta da iniciativa que está levando a cabo SEITURA-22 (entidade que xestiona o programa europeo Leader nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal) para poñer en valor e recuperar o uso do Camiño do Arrieiros, que transcorre entre As Pontes e o Porto de Bares.
Desde aquela, e pese ás restriccións brigadas pola pandemia de COVID-19, a inciativa segue en marcha coa participación de diferentes entidades, entre elas a asociación Terras do Ortegal.
O pasado martes, 21 de xullo, fíxose o terceiro recorrido de identificación e marcaxe con GPS da ruta entre a Cruz do Monteirón, en Mogor, nas aforas do Barqueiro, e o Porto de Bares. En semanas anteriores fíxose un seguimento e identificación do Camiño entre a vila das Pontes, o alto da serra Faladora, no Caxado, pasando polas parroquias do Freixo, As Grañas, Mañón, Couzadoiro e Loiba, feita en 2 recorridos e días diferentes. Participamos 14 persoas
Muiño rehabilitado polo pintor
Secundino Rivera, e hoxe habitado
polos seus familiares
que fixemos o recorrido, pero non a pé, senón en vehículos 4 x 4, necesarios para acceder a determinadas zonas agrestes e cunha orografía complicada.

Recorrido efectuado
Vista de conxunto da igrexa
de Santa María de Mogor, no Barqueiro vello
Tras pasar polo muiño recontruído polo pintor do Barqueiro Secundino Rivera (1932-2003), habitado hoxe pola súa filla (véxase Puente, Hixinio: "Secundino Rivera, o pintor do Barqueiro", Terras do Ortegal nº 2, ano 2015), seguimos pola praza do Mesón, onde está hoxe a casa consistorial de Mañón, a igrexa de Santa María de Mogor, e outros lugares de interese, como o edificio da Obra Pía de Mogor durante séculos escola de primaria (véxase Puente, Hixinio: "Francisco López Estrada, fundador da Obra Pía de Mogor", Terras do Ortegal nº 5, ano 2018), e hoxe centro social, ou o rehabilitado muíño dos Turrós.
Parte do equipo foi facendo a pe algún tramo, como o que pasa ao lado do colexio CEIP Francisco López Estrada, do Barqueiro. Despois seguimos polo monte Cañoles, onde está a mina de cuarzo Sonia -xestionada pola empresa Cuarzos Industriales, S.A- unha imponente e dificultosa subida aínda para os potentes todoterreos que nos levaban.
Tras cruzar polo Chao das Caldeiras, conseguimos, non ser esforzo e a traveso dun cortalumes recentemente desbrozado, chegar ao alto onde está a Garita de Maeda, en excelente estado de conservación grazas aos esforzos do concello de Mañón. Alí o equipo fixo unha parada e unha das fotos do grupo.
No Barqueiro, unha paradiña
para mirar un cruceiro
Baixamos despois á Vila de Bares, para facer unha breve visita aos restos da Base Americana da punta da Estaca, recentemente adquirida ao ministerio de Defensa polo concello de Mañón, e pendente de rehabilitar. Non hai aínda un proxecto, pero a idea que se contempla é o de facer un albergue con destino, entre outros, aos numerosos especialistas e afeccionados dedicados á observación das aves (de feito xa hai un observatorio alí ao lado).

Muiño dos Turrós, no Barqueiro,
e ben rehabilitado
Chegada ao Porto de Bares
Finalmente, pasando cerca da antigua estación semafórica -hoxe hotel Semáforo- seguimos ata o mesmo Porto de Bares, chegando ao Coído por unha baixada espectacular -e pouco recomendada para espíritos medoñentos- pasando cerca das rocas da Muller Mariña. Alí procedemos a finalizar o recorrido de identificación e a tomar un refrixerio. 
Alí tivemos a sorte de atoparnos ao historiador do Barqueiro, Hixinio Puente, cronista oficioso de Mañón (para cando Cronista Oficial de verdade?), e que se acercara a Bares nunha constante patrullaxe polo territorio que estuda e ama. Este investigador, co que mantivemos unha animada conversa, ilustrounos con algúns detalles históricos de varios puntos do recorrido. Hixinio, colaborador habitual da revista Terras do Ortegal, xa presentara no número 4 (2017) da revista, dedicada a Mañón un artigo titulado “Ataques ao Porto de Bares”, e no número 7 (2020) que está a punto de saír presenta outro titulado “Garitas ou fachos na ribeira mar de Galicia”.
Outra vista da Garita de Maeda
Hai que agradecer a participación e implicación do concello de Mañón neste último recorrido, coa presenza de Alfredo, tennete de Alcalde, a quen acompañaba Mario, que puxeron a disposición do equipo 2 vehículos 4 x 4, indispensables para poder seguir o Camiño. Similar aplauso hai que facer a Cultureume, presente con outro 4 x 4 ecoa asistencia de 3 participantes que ían tomando nota do percorrido.
Chegando á Vila de Bares
polo sendeiro tradicional

Resume da iniciativa
Vista do observatorio de aves e dos muíños
de auga 
da punta da Estaca
Esta actuación foi emprendida por hai 2 anos por SEITURA22, que contratou á empresa de consultoría cultural CULTUREUME para facer un estudo básico, busca de documentos e constitución dunha base de datos fotográfica e documental sobre o patrimonio material e inmaterial deste Camiño ancestral. Finalizada a mesma, e a título persoal, os membros de CULTUREUME seguen colaborando nesta iniciativa de forma altruísta.
No Chao da Caldeira, preparándonos
para subir polo cortalumes
cara á Garita de Maeda
Ademáis destas entidades, forman parte do proxecto como colaboradoras as entidades seguintes: Asociación de Veciños e Veciñas de Couzadoiro, Comunidade de Montes das Grañas, Comunidade de Montes de Loiba, Nordés, Terras do Ortegal, e os concellos de Mañón, Ortigueira e As Pontes, así como outras empresas e persoas a título particular.
Desde Terras do Ortegal queremos felicitar a SEITURA22 e a Anxo Zas, xerente da entidade, por esta iniciativa feita de modo participativo, coa presenza da base social da bisbarra, modelo que nos gustaría fose seguido por outras iniciativas que se están xestando na zona como o proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal, restrinxido na actualidade só a administracións públicas.

Obxectivo
Na base americana, parte do grupo
mirando o mar da Estaca
O traballo desenvolto ten como obxectivo presentar a candidatura do Camiño dos Arrieiros, entre As Pontes e Bares (Mañón) para o programa de Caminos Naturales do ministerio de Agricultura, programa con dotación económica para realizar as obras de acondicionamento, sinalización e difusión da ruta.
Está prevista enviar este mesmo ano a proposta básica, que se tería de completar posteriormente.
Agardamos que este proxecto liderado por SEITURA-22, que parece contar co apoio tácito da deputación provincial da Coruña, chegue a bo porto. Así sexa!


----------------
Texto: Xosé Mª Torres
Fotos: Xosé Mª López, Ana del Valle e Xosé Mª Torres

domingo, 12 de xullo de 2020

Vinte e cinco anos despois, David Fojo na memoria






Destacaba a vocación polo xornalismo por riba das súas outras actividades. Estaba orgulloso do seu xornal e do que significaba para unha gran comarca afastada dos grandes centros, comentábame hai uns días Ramón Barro Bello, prestixioso e distinguido xornalista, fillo desta nobre terra.

«David Fojo, exmilitar, director e propietario de La Voz de Ortigueira, encarnaba un xornalismo sagaz, de fino olfato, rico en matices. Desde o seu observatorio controlaba todos os movementos dos muñidores da política e, aínda que non disimulaba as súas conviccións no terreo ideolóxico, non deixaba por iso de aplicar o seu ollo crítico, actitude propia de calquera profesional que se prece. Desde logo, non comulgaba con rodas de muíño, o que lle permitía manter activa a súa capacidade de obxectivar o acontecer cotián e, por encima de todo, tutelaba sempre o bo nome da súa amada e señorial vila».
Este texto entre comiñas obra na Historia do Club de Prensa editada no ano 2014.
David Fojo foi admirado e homenaxeado en vida, mesmo por aqueles que non coincidían cos seus postulados políticos, diferenzas que os seus adversarios adoitaban salvar porque intuían ou sabían que o director da Berza non facía exercicio de militancia cega e con relativa frecuencia adoitaba chamar ao pan, pan e ao viño, viño. 


Sen saír do contexto xornalístico no que viviu e morreu, hei de engadir que foi un entusiasta socio do Club de Prensa de Ferrol. En todo momento foi activo participante en diversas iniciativas promovidas pola entidade. Quen tivemos o privilexio de gozar da súa amizade gardamos del un entrañable recordo como home culto, gran conversador e dunha salientable talla humana.

Da relevancia do recordado Fojo Salgueiro daban fe os xornais galegos con motivo do seu pasamento ocorrido o 2 de maio de 1995. El Ideal Gallego destacaba o suceso a catro columnas, cunha foto na que aparecía o falecido entre as máquinas da súa imprenta. Nos titulares sinalaba que estaba considerado como un mecenas da cultura na súa localidade e que era un coñecido e respectado home de negocios, exmilitar

«que abandonou a súa profesión para dedicarse á La Voz de Ortigueira, unha modesta publicación semanal de 4.000 exemplares, lida por todos os veciños e emigrantes orteganos en distintos países».
El Correo Gallego daba a lutuosa nova a tres columnas cunha foto tamaño carné. Salientaba en titulares que insignes escritores galegos colaboraban no semanario que dirixía. Achegaba algúns datos curriculares como que cursara primeiro e segundo de Dereito en Santiago e estudos na Academia Militar de Infantería. Nun artigo de opinión, o xornalista ferrolán Miguel Lamigueiro afirmaba que «Santa Marta se quedou sen voz».
La Voz de Galicia titulaba a morte de Fojo Salgueiro a dúas columnas: «Conmoción en Ortigueira pola morte do veterano xornalista David Fojo Salgueiro». No texto lembraba que o falecido chamaba ao seu xornal o irmán parvo porque non resultaba un negocio rendible pero seguíao editando porque esta actividade lle apaixonaba. Ao seu ver era un recanto da historia da comunicación galega.
Hoxe, 25 anos despois do seu óbito, a figura de David Fojo Salgueiro segue na nosa memoria e La Voz de Ortigueira («Istes periodiquiños, case recunchos ou currunchos, teñen o embeleso da modestia, da historia», dixit Álvaro Paradela) continúa a súa andaina grazas ao empeño herdado da súa filla Mari Carmen Fojo.

Germán Castro
xornalista, primeiro director de Diario de Ferrol
e presidente de honra do Club de Prensa de Ferrol.




(texto remitido polo autor, e publicado previamente no semanario La Voz de Ortigueira)


.