martes, 29 de xaneiro de 2019

Presentación do libro "Loiba na memoria"


A Vía Láctea desde Loiba. (Foto: Álvaro F. Polo)












Coincidindo polo Nadal presentouse en Loiba un libro escrito por Lela Castelo Santaballa, que fai o número catro da colección Ortegal, libros publicados pola editorial lucense Axac. 
A autora naceu en Loiba no ano 1951, estudou Maxisterio e Filoloxía Galego-portuguesa en Santiago e desempeñou o seu labor docente en varias vilas galegas, maioritariamente no IES das Pontes, onde tamén rexentou unha tenda de artesanía.  
Con este libro —Loiba na memoria— quere facer unha homenaxe á xente da súa terra, aos lugares onde pasou a súa infancia e adolescencia, onde aprendeu a gozar da natureza que agora verte nos «Meus inacabados poemas», onde canta a bravura do mar do Picón, á liberdade e á tranquilidade que agora respira no seu tempo de lecer de xubilada, dun baile eterno na danza das ondas, dun mar de millo e das evocacións das hedras que abrazan as pedras das casas vellas e do vento toleirón que esculpe fiestras nas rochas… 
Imaxe da autora do libro
O fermoso libro consta de 117 páxinas, con fotografías e ilustracións da propia autora e de Ana García del Burgo. O prólogo, escrito por Alberto Vera, un mestre artesán e amigo que habita en Penavide (Devesos), evoca ese mundo tradicional que se vai perdendo, o da artesanía, que moitas veces compartiu coa autora, e desa arquitectura popular e restauración de casas vellas na aldea.

No limiar —xa da propia autora Lela di que o libro naceu para transmitir o que viviu de nena e o que lle contaron os veciños, para que non esquezamos nunca a historia de mestres e persoas anónimas que loitaron por facer de Loiba —unha das parroquias máis poboadas do concello de Ortigueira naqueles tempos— un mundo mellor. 
Damos conta do índice, onde se debulla o libro que da comezo cunha breve historia de Loiba, xeografía, comunicacións, ensino, lendas, mitos e crenzas, economía, oficios, feiras, traballos de mulleres, festas, vida social e cultural, pesca da barbada, topónimos e un achegamento ao mundo do celuloide, que se iniciou no ano 1996 cunha película do grupo La Cuadrilla, «Matías, juez de línea» e que seguiu con «Hotel Danubio» e a tan premiada «Crebinski» e a súa vaca Muchka, do director ortigueirés Enrique Otero, entre outras. 
Igrexa de Loiba. (Foto: Galicia Ártabra Digital)
Benvido sexa pois este interesantísimo libro que forma parte da nosa historia como país e tomamos nota para que sirva de exemplo a tódalas parroquias do Concello, animando a quen proceda, a deixar por escrito a vida dun tempo que se vai perdendo…  
Parabéns, Lela! polas sensacións que nos deixas dos tempos idos e por falarnos dun mundo que esmorece. 


---------------
Publicado no semanario La Voz de Ortigueira, 11.01.19
Texto: Luli Dopico
Foto: Álvaro Fdez. Polo: A Vía Láctea desde a costa de Loiba
   

venres, 25 de xaneiro de 2019

Roteiro "Lendas da Faladora" no Monte Caxado, organizado por Terras do Ortegal, que reforza a súa Directiva.

Cristo da Faladora (Foto: Ana Durán Penabad



Dando comezo ao ano 2019, a Directiva de Terras do Ortegal celebrou o pasado 21 de xaneiro unha reunión. Na mesma tratáronse, entre outros estes asuntos:


1. Próximo roteiro "LENDAS DA FALADORA" polo monte Caxado, en colaboración coa empresa Roteiros
2. Reforzo da Directiva de TERRAS coa incorporación de Toñi Girón.

Roteiro "LENDAS DA FALADORA"
Aceptando a proposta de Dolores Rubido, da empresa ortigueresa Roteiros, a nosa asociación anuncia a celebración dun roteiro polo antigo Camiño dos Arrieiros (que ía das Pontes a Bares), en concreto pola súa parte central, no alto do Monte cxado, e que terá as seguintes características:
- Data: 23 de febreiro, sábado
- Recorrido: 5 km, accesible a calquer persoa, saíndo do alto da Serra da Faladora, e volvendo ao mesmo sitio
- Duración prevista: de 12.00 h a 13.30
- Guía: Dolores Rubido
- Temas a tratar: Xeografía, camiños milenarios, xeoloxía, megalitismo e lendas,
O roteiro finalizará cunha comida en Casa Urbano, nas Grañas do Sor (de 14.00 a 16.00 h)
Inscrición (inclúe comida) no teléfono: 678 910 082
-  Socios/as --> 15 euros
- Non socios/as --> 18 euros

Reforzo da Directiva de TERRAS
Á vista do alto número de actividades que ven desenvolvendo a asociación, considerou oportuno ampliar a Xunta Directiva; dacordo co artigo 12.5 dos Estatutos, invitouse a Toñi Girón, socia de número, a integrarse na mesma, o que aceptou; esta integración será sometida a ratificación na próxima Asemblea Xeral.

Toñi Girón é docente no IES de Ortigueira, e persoa ligada ao mundo cultural desde hai tempo, con habilidades no campo editorial e probadas capacidades organizativas. Como primeira tarefa está afrontando co resto da Directiva a posta en marcha dunha programación das actividades de Terras do Ortegal para 2019, ano no que a asociación cumpre 5 anos de existencia, e que será especialmente intensa.

Desde modo a Directiva queda conformada da seguinte maneira:
Presidente: Xosé Mª Torres Bouza
Vicepresidente e Tesoureiro: José Manuel Bouzamayor Riola
Secretario: Francisco Calvin Fondevila
Vogal1º: Vanesa Trevin Pita
Vogal 2º: Rafael Rodríguez Teijeiro
Vogal 3º: Francisco Javier Martínez Prieto
Vogal 4ª: Toñi Girón Martínez






mércores, 16 de xaneiro de 2019

Exposición de pintura en Cedeira: Estilos II


Diego P. Dopico, María Xosé Rodrígez (concelleira
de Cultura de Cedeira) e Vicente Rodríguez
.



Tres de xaneiro, anoitecía en Cedeira, ía un frío glacial que animaba a xuntarse para respirar a calor humana que desprendían as persoas que agardaban impacientes a apertura da exposición de dous artistas ortigueireses, Vicente Rodríguez e Diego Pérez Dopico, que tiña lugar no Palacete municipal, un fermoso edificio do século XIX rehabilitado polo concello de Cedeira.

Cando a trompeta de Cristopher, cal heraldo anunciador do evento, interpretou as queridas notas do noso Himno Galego e os presentes estalaron en aplausos, entramos expectantes no Palacete para admirar o traballo dos dous amigos pintores que no seu día fundaron Galioart para dar a coñecer o traballo de moita xente involucrada no mundo artístico.
Nunha primeira ollada aos cadros de Vicente percibimos a minuciosidade do seu pincel, a figura engaiolante da nena sempre presente, as paisaxes realistas coas cores apropiadas, en definitiva, unha obra con personalidade propia e selo inconfundible do pintor de Cuíña.
A obra de Diego, que na actualidade firma os seus cadros co pseudónimo de J. Peak, é máis dispersa en matices, abrangue paisaxes coñecidas que non só pinta coa man, senón que emprega toda unha estratexia da paleta na súa cabeza para chegar ao celme do espectador, as alegorías enchen os lenzos e destilan a inquedanza dun mozo con espírito creador.
Os pintores agradeceron o recoñecemento e boa acollida por parte do concello de Cedeira e da concellería de Cultura, polas facilidades amosadas e bo trato recibido. Agradeceron tamén a presenza dos amigos e veciños que quixeron compartir con eles una noite máxica.
Os artistas co pintor Sergey Sozonov
e o fotógrafo José Manuel Giz
A exposición poderá verse no Palacete de Cedeira durante o mes de xaneiro. Merece a pena pasar por alí e disfrutar dos cadros ollando os vieiros que utilizan os artistas para achegarnos a un mundo diferente: Ás veces idílico, ás veces perturbador... Dous estilos. Parabéns!.

-------------------

Texto: Luli Dopico
Fotos: Álvaro F. Polo