martes, 29 de xaneiro de 2019

Presentación do libro "Loiba na memoria"


A Vía Láctea desde Loiba. (Foto: Álvaro F. Polo)












Coincidindo polo Nadal presentouse en Loiba un libro escrito por Lela Castelo Santaballa, que fai o número catro da colección Ortegal, libros publicados pola editorial lucense Axac. 
A autora naceu en Loiba no ano 1951, estudou Maxisterio e Filoloxía Galego-portuguesa en Santiago e desempeñou o seu labor docente en varias vilas galegas, maioritariamente no IES das Pontes, onde tamén rexentou unha tenda de artesanía.  
Con este libro —Loiba na memoria— quere facer unha homenaxe á xente da súa terra, aos lugares onde pasou a súa infancia e adolescencia, onde aprendeu a gozar da natureza que agora verte nos «Meus inacabados poemas», onde canta a bravura do mar do Picón, á liberdade e á tranquilidade que agora respira no seu tempo de lecer de xubilada, dun baile eterno na danza das ondas, dun mar de millo e das evocacións das hedras que abrazan as pedras das casas vellas e do vento toleirón que esculpe fiestras nas rochas… 
Imaxe da autora do libro
O fermoso libro consta de 117 páxinas, con fotografías e ilustracións da propia autora e de Ana García del Burgo. O prólogo, escrito por Alberto Vera, un mestre artesán e amigo que habita en Penavide (Devesos), evoca ese mundo tradicional que se vai perdendo, o da artesanía, que moitas veces compartiu coa autora, e desa arquitectura popular e restauración de casas vellas na aldea.

No limiar —xa da propia autora Lela di que o libro naceu para transmitir o que viviu de nena e o que lle contaron os veciños, para que non esquezamos nunca a historia de mestres e persoas anónimas que loitaron por facer de Loiba —unha das parroquias máis poboadas do concello de Ortigueira naqueles tempos— un mundo mellor. 
Damos conta do índice, onde se debulla o libro que da comezo cunha breve historia de Loiba, xeografía, comunicacións, ensino, lendas, mitos e crenzas, economía, oficios, feiras, traballos de mulleres, festas, vida social e cultural, pesca da barbada, topónimos e un achegamento ao mundo do celuloide, que se iniciou no ano 1996 cunha película do grupo La Cuadrilla, «Matías, juez de línea» e que seguiu con «Hotel Danubio» e a tan premiada «Crebinski» e a súa vaca Muchka, do director ortigueirés Enrique Otero, entre outras. 
Igrexa de Loiba. (Foto: Galicia Ártabra Digital)
Benvido sexa pois este interesantísimo libro que forma parte da nosa historia como país e tomamos nota para que sirva de exemplo a tódalas parroquias do Concello, animando a quen proceda, a deixar por escrito a vida dun tempo que se vai perdendo…  
Parabéns, Lela! polas sensacións que nos deixas dos tempos idos e por falarnos dun mundo que esmorece. 


---------------
Publicado no semanario La Voz de Ortigueira, 11.01.19
Texto: Luli Dopico
Foto: Álvaro Fdez. Polo: A Vía Láctea desde a costa de Loiba
   

Ningún comentario:

Publicar un comentario